Intolerancia á lactosa
Intolerancia á lactosa | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
OMIM | 223100 150220 |
DiseasesDB | 7238 |
MedlinePlus | 000276 |
eMedicine | ped/1270 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A intolerancia á lactosa é unha afección das microvilosidades intestinais debida a que o organismo produce pouca ou ningunha cantidade do enzima lactase, que determina unha imposibilidade de metabolización da lactosa (o chamado azucre do leite).
Desta forma, cando a ausencia de lactase impide ao organismo asimilar a lactosa, prodúcese un cadro clínico que se manifiesta por dor abdominal, diarrea e acumulación de gases no tubo dixestivo.
Tipos e causas
[editar | editar a fonte]Intolerancia permanente
[editar | editar a fonte]A intolerancia á lactosa permanente está determinada pola xenética da persoa. Por tanto, é hereditaria e permanente. É frecuente na vida adulta. A persistencia da lactase é unha adaptación evolutivamente recente debida a unha mutación que afecta á regulación da súa maduración, e a súa prevalencia varía entre as distintas etnias.
- Deficiencia conxénita de lactase
É unha característica xenética que impide a produción enzimática da lactase. Está presente no nacemento e o diagnóstico faise na infancia temperá. Esta clase de intolerancia vén determinada xeneticamente e encóntrase moi ligada á raza ou etnia da que se proceda. Por iso hai unha predisposición xenética a padecer unha deficiencia na lactase que impide unha correcta absorción da lactosa, e se transmite de xeración en xeración.
Intolerancia secundaria ou adquirida (reversíbel ou temporal)
[editar | editar a fonte]Trátase dunha deficiencia relativa (transitoria) de lactase no intestino debida a patoloxías ou situacións (como malnutrición ou toma de medicamentos) que resultan nunha supresión das súas reservas enzimáticas no tracto dixestivo.[1][2][3]
- Infección gastrointestinal.
Trátase dun episodio agudo de gastroenterite infecciosa que comporta un dano na mucosa e microvilosidades do intestino.[4]
- Medicamentos.
Hai certa gama de fármacos que poden dar como resultado un dano mucoso no tracto gastrointestinal. Algúns destes son: aspirina, antiinflamatorios non esteroideos, antibióticos etc.
- Enfermidade crónica do intestino delgado.
Algúns exemplos son: malnutrición, enterite actínica, gastropatía diabética, enterite rexional, síndrome carcinoide, fibrose quística etc. Algunhas persoas celíacas poden tamén presentar este cadro, polo que se desaconsella o consumo de lácteos ao que padezan esta enfermidade.
Bioloxía da lactosa
[editar | editar a fonte]O enzima lactase, tamén chamado Beta-D-galactosidase, sintetízase no organismo se polo menos un dos dous xenes que a codifican está presente. Só cando a expresión de ambos os xenes está afectada redúcese a síntese do enzima, o cal, á súa vez, reduce a dixestión da lactosa.
A persistencia da lactase permite que se realice a dixestión da lactosa, e provén do alelo dominante. Polo tanto a intolerancia fisiolóxica á lactosa é unha mutación autosómica recesiva.
Porén, en culturas como a xaponesa, onde o consumo de produtos lácteos foise incrementando, mostran unha baixa prevalencia de intolerancia á lactosa a pesar da predisposición xenética.[5]
A condición normal nos mamíferos é que os juvenís (das especies) experimenten unha redución na produción de lactase ao final do período de desteta (un período específico para cada especie). En sociedades que non consomen produtos lácteos, a produción de lactase usualmente cae nun 90 % aproximadamente durante os primeiros catro anos de vida, aínda que a caída exacta ao longo do tempo varía amplamente. Porén, certas poboacións humanas teñen unha mutación no cromosoma do que resulta nun bypass da diminución común na produción de lactase, facendo posíbel que membros destas poboacións continúen consumindo leite fresco e produtos lácteos ao longo das súas vidas.
Unha intolerancia patolóxica á lactosa pode ser causada pola enfermidade celíaca, a cal dana as vilosidades que producen a lactase no intestino delgado. Esta intolerancia é temporal reversíbel; desaparece cando o doente consome nunha dieta libre de glute durante o tempo necesario para que se recuperen ditas vilosidades.
A intolerancia ten a súa orixe nun xene, o cal rexeita a lactosa en idade adulta e se identifica especialmente en poboacións nas que o consumo de produtos lácteos non existía (como as da América precolombiana, ou as do Ártico). Caso contrario é Europa onde o consumo de produtos lácteos ten unha longa tradición.
Cómpre sinalar que certas persoas que comunican problemas co consumo de lactosa non padecen realmente de intolerancia á mesma. Nun estudo de 323 sicilianos adultos, Carroccio et al. (1998) encontraron que soamente o 4 % sufría de intolerancia á lactosa, mentres que o 32,2 % padecía de mala dixestión da lactosa, pero non intolerancia. Porén, Burgio et all. (1984), encontraran, no seu estudo, que 72 de cada 100 sicilianos, e 56 de 108 italianos do norte (51 %) si sufrían de intolerancia á lactosa.
Signos e síntomas
[editar | editar a fonte]A sintomatoloxía deste padecemento adoita xurdir tras a inxesta de produtos lácteos ou alimentos que os conteñan na súa composición. Dependendo do nivel de deficiencia de lactase e da cantidade de alimento inxerido, a magnitude e o número de síntomas poden variar dunha persoa a outra ou, incluso, en diferentes situacións.
Algúns dos síntomas son:
- Cólicos abdominais
- Distensión abdominal
- Malabsorción
- Flatulencias (gases)
- Perda de peso
- Desnutrición
- Crecemento lento (en nenos)
- Diarrea
- Feces flotantes e con cheiro fétido
- Estrinximento e defecación con ardor
- Erupcións cutáneas
Diagnóstico
[editar | editar a fonte]Existen varias formas de poder diagnosticar unha intolerancia á lactosa.[6]
Test de tolerancia á lactosa
[editar | editar a fonte]Baséase na medición da resposta glicémica a unha sobrecarga de lactosa (50 g) cada trinta minutos até as dúas horas seguintes a dita inxesta, normalmente divididas en catro tomas (0, 30, 60 e 120 min). Nunha situación normal, a glicemia aumenta en 30 mg/dl do nivel basal de glicosa en sangue ás dúas horas, polo que unha ausencia deste incremento glicémico suxire unha deficiencia do enzima lactase. É unha forma de confirmación bastante inespecífica debido a que certas patoloxías poden invalidar o resultado deste test (diabetes mellitus, síndrome de malabsorción, síndromes funcionais de baleirado gástrico), e por iso debe ser interpretado con prudencia.
Espérase variabilidade substancial na resposta clínica (náuseas, retorzóns, distensión, diarrea e flatulencia), na medida en que a extensión e a severidade da intolerancia á lactosa varía entre individuos.
Cando se considera a necesidade de confirmación, é importante distinguir a intolerancia á lactosa da alerxia ao leite, a cal é unha resposta inmune anormal (usualmente) ás proteínas do leite. Xa que a intolerancia á lactosa é o estado frecuente, non se require normalmente un diagnóstico médico. Porén, se a confirmación é necesaria, están dispoñíbeis tres probas:
- Test de hidróxeno expirado
Nos individuos que padecen unha deficiencia de lactase, a lactosa que o organismo é incapaz de absorber pasa en forma libre cara ao colon (ao non haber absorción, o glícido segue o percrorrido entérico normal). Durante o seu tránsito polo intestino, as bacterias alí presentes degradan a lactosa produciendo gran cantidade de hidróxeno libre. Este gas, unha vez no intestino groso, é absorbido polo torrente circulatorio para ser eliminado a través das vías respiratorias (sistema respiratorio). Deste modo, cando un suxeito que ten intolerancia á lactosa inxiere 50 g deste azucre, a súa excreción de hidróxeno por medio do aire expirado aumenta considerabelmente tras dita sobrecarga e durante varias horas despois. Este test é un método rápido e bastante fiábel para detectar a malabsorción de lactosa.
- Acidez das deposicións
Pode usarse para diagnosticar a intolerancia á lactosa en nenos pequenos, para os que outros tipos de métodos son arriscados ou pouco prácticos.[7]
- Biopsia do intestino delgado
Unha biopsia intestinal pode confirmar a intolerancia á lactosa despois descubrir unha elevación de hidróxeno na proba de expiración de hidróxeno.[8] Este procedemento consiste na extracción dunha mostra do tecido do intestino delgado para examinar, mediante o microscopio, posibles alteracións que poidan afectar a unha mala metabolización da lactosa.
- Diagnóstico xenético
Utilízase nos casos de intolerancia primaria (determinada pola xenética da persoa). A persistencia da actividade da lactase en adultos está asociada á presenza de dous polimorfismos: C/T 13910 Y G/A 22018, localizados no xene MCM6.[9]
Ditos polimorfismos pódense detectar mediante técnicas de bioloxía molecular no ADN extraído dunha mostra de sangue ou de saliva do paciente.
Existen incluso no mercado kits de diagnóstico xenético específicos para este fin. O procedemento consiste en extraer e amplificar o ADN da mostra, continuando cun protocolo de hibridación en tira, para obter como resultado final unha serie de bandas coloreadas. En función das distintas combinacións que se encontren, poderase determinar se un paciente é intolerante á lactosa ou non. Este tipo de test permite obter un diagnóstico definitivo de forma rápida e non invasiva para o paciente.
Manexo da intolerancia á lactosa
[editar | editar a fonte]Para persoas que viven en sociedades onde a dieta contén relativamente pouca cantidade de produtos lácteos, a intolerancia á lactosa non é unha condición que requira tratamento. Porén, aquelas que viven en sociedades onde a maioría tolera a lactosa, poden encontrar a intolerancia á lactosa moi problemática. Aínda que polo de agora non existe unha metodoloxía para restablecer a produción de lactase, algúns individuos comunicaron que a súa intolerancia pode variar ao longo do tempo.
A intolerancia á lactosa usualmente non é unha condición de todo ou nada: a redución na produción de lactase e, polo tanto, a cantidade de lactosa que pode ser tolerada, varía de persoa a persoa. Dado que a intolerancia á lactosa non supón unha ameaza adicional para a saúde das persoas, manexar esta condición consiste en minimizar a incidencia e severidade dos síntomas. Berdanier e Hargrove recoñeceron catro principios xerais: 1) evitar a lactosa na dieta; 2) substituír para manter o consumo de nutrientes; 3) regular o consumo de calcio; 4) usar un substituto do enzima.
- Evitar produtos que conteñan lactosa
Dado que a tolerancia individual á lactosa varía, de acordo co Instituto Nacional de Saúde dos Estados Unidos «o control dietario da intolerancia á lactosa depende de que as persoas aprendan a través do ensaio e erro canta lactosa pueden manexar».[10]
Ler a etiqueta é esencial xa que a terminoloxía comercial varía de acordo coa linguaxe e a rexión.[8]
A lactosa está presente en dous grandes categorías de alimentos: os produtos lácteos convencionais e, como aditivo, en moitos alimentos (produtos lácteos e non lácteos). Aínda así, se alguén é dos que lle gustan os lácteos e, en especial, os queixos, actualmente existen diversos produtos que non conteñen lactosa.
- A lactosa nos alimentos lácteos
A lactosa é unha molécula hidrosolúbel. Polo tanto a porcentaxe de graxa no proceso de callado ten un impacto sobre aqueles alimentos que poden ser tolerados. No proceso de formación da callada, a lactosa encóntrase na porción acuosa canda o soro e a caseína, pero non se encontra na porción lipídica. Os produtos lácteos "baixos en graxa" ou os "libres de graxa" xeralmente teñen unha porcentaxe lixeiramente alta de lactosa. Ademais, os produtos lácteos baixos en graxa tamén teñen con frecuencia varios derivados do leite tales como sólidos lácteos engadidos a estes para incrementar a dozura, o que produce un incremento no contido de lactosa.
- Leite: o leite humano ten a porcentaxe de lactosa máis elevada, ao redor do 9 %. O leite de vaca non procesado contén un 4,7 % de lactosa. Os leites non procesados doutros mamíferos conteñen porcentaxes similares de lactosa (leite de cabra: 4,1 %,[11] leite de búfala: 4,86 %,[12] leite de iac: 4,93 %,[Cómpre referencia] leite de ovella: 4,6 %[Cómpre referencia]).
- Manteiga: o proceso de preparación da manteiga separa os compoñentes acuosos do leite dos compoñentes graxos. Sendo a lactosa unha molécula hidrosolúbel, non estará presente na manteiga se non se lle agregan sólidos lácteos.
- Iogur: a xente pode tolerar mellor o iogur preparado da maneira tradicional que o leite, debido a que contén o enzima lactase producida polos cultivos das bacterias usadas para preparalo. Porén, moitas marcas comerciais conteñen sólidos lácteos, que incrementan o contido en lactosa.
- Queixos: os queixos curados preparados tradicionalmente (tal como o queixo suízo) e os queixos madurados suaves, poden crear menos reacción que a cantidade equivalente de leite debido ao proceso de fabricación. A fermentación e o alto contido en graxas contribúe a diminuír a cantidade de lactosa. O queixo suízo ou o cheddar feitos de forma tradicional poden conter un 10 % da lactosa presente no leite enteiro. Máís aínda, os métodos tradicionais de envellecemento do queixo (máis de dous anos) reducen o seu contido en lactosa a practicamente nada.[13]
Porén, algunhas marcas comerciais de queixo elabóranos xeralmente mediante procesos modernos que non teñen as mesmas propiedades redutoras de lactosa, e como non existe unha normativa sobre cando se pode considerar que un queso está "madurado", esta descrición non proporciona indicación ningunha acerca de se o proceso utilizado reduce significativamente a lactosa. - Soro, crema agria e xeado: ao igual que o iogur, se estes produtos foron preparados de maneira tradicional, xeralmente serán totalmente tolerábeis, pero a maioría das marcas modernas agregan sólidos lácteos.[14]
Como aínda non se alcanzou un consenso científico acerca do método de análise para coñecer a porcentaxe de lactosa, e considerando que o contido dos produtos lácteos varía grandemente de acordo coas prácticas de etiquetado, xeografía e procesos de manufactura, a cousa podería ser pouco fiábel. Os seguintes exemplos mostran niveis de lactosa en alimentos que comunmente desencadean síntomas.[10] Estes valores deben ser tratados só como guías.
Produto lácteo Contido de lactosa Iogur baixo en graxas, 240 mL 5 g Leite baixo en graxas, 240 mL 11 g Queixo suízo, 28 g 1 g Xeado, 120 mL 6 g Requeixo, 120 mL 2–3 g
Lactosa en produtos non lácteos
[editar | editar a fonte]A lactosa nun alimento non lácteo tamén está presente cando na etiqueta do produto aparecen os termos lactosoro, soro, sólidos de leche, ingredientes modificados de leite etc., xa que estes son ingredientes de moitos alimentos usados pola súa textura, sabor e cualidades adhesivas, e se poden encontrar en alimentos tales como carnes procesadas[15] (salchichas, filetes de carne preparados, patés), sazonador en po, margarinas,[16] rebandas de pan,[17][18] cereais para almorzo,[15] froitos secos, alimentos procesados, medicamentos, comidas preparadas, substitutos da comida (pos e barras), suplementos de proteínas (pos e barras).
Os produtos kosher marcados "pareve" están libres de leite. Porén, se está presente unha letra "L" (por lácteos), o alimento probabelmente conteña sólidos lácteos.[15] (aínda que tamén pode simplemente indicar que o produto foi producido nun equipo compartido con outros produtos que conteñen derivados do leite).
Produtos alternativos
[editar | editar a fonte]- Leite
A industria láctea creou produtos de calidade baixos en lactosa ou incluso libres da mesma para substituír o leite normal. O leite sen lactosa pode producirse facendo pasar o leite polo enzima lactase unido a un transportador inerte: unha vez que a molécula de lactosa se escinde desaparecen os síntomas asociados á mesma.
Existen no mercado produtos con cantidades reducidas de lactosa (tipicamente o 30 % do normal) e alternativamente con cerca do 0 %. Finlandia ten produtos HYLA (acrónimo de hydrolysed lactose) dispoñíbel desde hai moitos anos, aínda que o número de individuos con intolerancia á lactosa é relativamente pequeno nese país. Estes produtos de leite de vaca baixos en lactosa, que van desde os xeados até os queios, usan un método de separación cromatográfica patentado pola empresa Valio, para eliminar a lactosa. O proceso de ultrapasteurización, combinado co empaquetado aséptico, asegura unha longa vida nos andeis das tendas. Recentemente, a gama de produtos baixos en lactosa dispoñíbeis en Finlandia ampliouse con leite e outros produtos lácteos (tales como xeados, a manteiga e o leite agre) que non conteñen lactosa.[Cómpre referencia]
- Leites obtidos de plantas e os seus derivados
Son os únicos leites ao 100 % libres de lactosa: (leite de soia, leite de améndoas, leite de avea, leite de arroz, leite de cacahuete).
- Substitución por lactase
Cando non se pode evitar a lactosa ou, en ocasións, cando unha persoa escolle consumir tales alimentos, entón deben usarse suplementos do enzima lactase.[19][20] Un enzima lactase similar á producida no intestino delgado dos humanos prodúcese industrialmente por fungos do xénero Aspergillus. O enzima β-galactosidase está dispoñíbel en moito países en forma de tabletas nunha ampla gama de doses, sen necesidade de prescrición médica. Este enzima funciona en ambientes moi ácidos, como ocorre no intestino humano debido á adición de zumes gástricos a partir do estómago. Desafortunadamente, un pH demasiado ácido pode desnaturalizala,[21] e polo tanto non debería tomarse co estómago baleiro.
A suplementación co enzima lactase supóne unha vantaxa xa que evita suprimir os produtos lácteos, e non se necesita achegar unha fonte alternativa para o consumo adecuado de calcio, especialmente en nenos.[22]
Tratamento
[editar | editar a fonte]O tratamento da intolerancia á lactosa consiste, basicamente, nun seguimento dietético coa finalidade de suprimir a lactosa da alimentación. Ademais, é moi importante evitar as deficiencias de calcio debidas á supresión das súas principais fontes alimentarias. Para suxeitos sans con intolerancia á lactosa secundaria, pode ser posíbel mellorar a acción das bacterias do colon para que hidrolicen a lactosa de forma máis eficiente grazas ao consumo de pequenas cantidades de produtos lácteos varias veces ao día ao longo dun par de semanas.[22]
Porén, reintroducir os lácteos desta maneira en persoas que sofren unha enfermidade crónica ou subxacente non é o máis recomendado, pois certas enfermidades actúan no tracto intestinal dunha manera que impide que o enzima lactasa se exprese. Por outro lado, distintos estudos mostraron que a produción de lactase non parece que sexa inducida polo consumo de produtos lácteos.
Alimentos que conteñen lactosa
[editar | editar a fonte]- Leite, xa sexa enteira ou desnatada, en po, líquida ou condensada.
- Sobremesas lácteas (flans, queixos, queixos frescos con sabor de froitas, mousses...).
- Queixos dependendo da variedade e grao de curación. A maioría dos queixos curados non adoitan producir intolerancia por conter moi pouca lactosa.
- Nata, líquida ou montada, crema pasteleira.
- Manteiga e alimentos que a conteñan.
- Doce de leite.
- Calquera outro alimento que conteña lactosa na súa preparación como:
- Bechamel ou calquera tipo de salsa que leve leite ou crema de leite ou manteiga.
- Pastelaría industrial na que se utilice leite, crema de leite ou manteiga como ingrediente (a maioría).
- Xeados de crema ou cremosos.
- Batidos de froitas, ou de chocolate.
- Chocolate con leite.
- Alimentos preparados que conteñan leite (ou lactosa), nata ou cremas.
- Puré en copos (deshidratado).
- Pan de molde.
Alimentos que se poden tomar sen problemas
[editar | editar a fonte]É moi importante consumir estes alimentos de forma variada e equilibrada e, de facer falta (segundo prescriba o facultativo) poderíanse achegar fontes alternativas do calcio que se suprime eliminando a inxestión dos alimentos "non permitidos".
- Todas as froitas.
- Froitos secos.
- Todas as verduras e hortalizas, frescas ou conxeladas, crúas ou cocidas.
- Legumes, cereais, tubérculos.
- Pan, con precaucións, xa que en ocasións leva aditivos lácteos.
- Carnes, peixes e ovos.
- Alimentos doces (marmeladas, xaropes, azucre, chocolate negro sen leite).
- Aceites.
- Bebidas refrescantes, viño, cervexa
- Salsa de tomate (se é industrial, segundo a marca), zaragallada, mostaza, maionesa (se é industrial, segundo a marca), alioli.
- Caldos.
- Especias.
- Leites especiais sen lactosa.[23]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Mark Wiser (2007): "Intestinal Protozoa". Tulane University.
- ↑ Pennardt, Andre (2006): "Giardiasis".
- ↑ Swagerty, D. L.; Walling, A. D. & Klein, R. M. (2002): "Lactose intolerance". Am. Fam. Physician 65 (9): 1845–50.
- ↑ Manuel Gómez-Gómez, Cecilia Danglot-Banck & Leopoldo Vega-Franco (2007): "Intolerancia transitoria a lactosa: criterios y procedimientos de diagnóstico". Revista Mexicana de Pediatría 74 (1).
- ↑ Yoshida, Y.; Sasaki, G.; Goto, S.; Yanagiya, S. & Takashina, K. (1975): "Studies on the etiology of milk intolerance in Japanese adults". Gastroenterol. Jpn. 10 (1): 29–34.
- ↑ Olivier, C. E,; Lorena, S. L.S.; Pavan, C. R.; Santos, R. A. P. G.; Lima, R. P. S.; Pinto, D. G.; Silva, M. D. & Zollner, R. L. (2012):: "Is it just lactose intolerance?" Allergy and Asthma Proceedings 33 (5):432-436. PMID 23026186
- ↑ National Digestive Diseases Information Clearinghouse (March 2006). "Lactose Intolerance -- How is lactose intolerance diagnosed?". National Institute of Diabetes and Digestive and Kidney Diseases, National Institutes of Health.
- ↑ 8,0 8,1 Hargrove, James L.; Berdanier, Carolyn D. (1993). Nutrition and gene expression. Boca Raton: CRC Press. ISBN 0-8493-6961-4.
- ↑ Enattah, N. et al (2002): "Identification of a variant associated with adult-type pypolactasia" Nature Genetics 30 :233-237.
- ↑ 10,0 10,1 National Digestive Diseases Information Clearinghouse (March 2006). "Lactose Intolerance". National Institute of Diabetes and Digestive and Kidney Diseases, National Institutes of Health.
- ↑ Composition of Human, Cow, and Goat Milks - Goat Milk - GOATWORLD.COM
- ↑ Peeva (2001). "Composition of buffalo milk. Sources of specific effects on the separate components". Bulg. J. Agric. Sci. 7: 329–35.
- ↑ Kretchmer N (1971): "Lactose and lactase - a historical perspective". Gastroenterology 61 (6): 805–13.
- ↑ Dairy Science and Technology, Dept. of Food Science. "Ice Cream Formulations". University of Guelph.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 "General guidelines for milk allergy". Oregon Health & Science University.
- ↑ "Margarine Regulations".
- ↑ "Enriched White Bread in Canada". The Canadian Celiac Association.
- ↑ "Influence of Nonfat Dry Milk Solids on the Nutritive Value of Bread". Journal of Dairy Science 29 (12): 821–9.
- ↑ Montalto, M.; Curigliano, V.; Santoro, L. et al (2006); "Management and treatment of lactose malabsorption". World J. Gastroenterol. 12 (2): 187–91.
- ↑ He M.; Yang, Y.; Bian, L. & Cui, H. (1999): "Effect of exogenous lactase on the absorption of lactose and its intolerance symptoms". Wei Sheng Yan Jiu 28 (5): 309–11.
- ↑ O'Connell, S. & Walsh, G. (2006); "Physicochemical characteristics of commercial lactases relevant to their application in the alleviation of lactose intolerance". Appl. Biochem. Biotechnol. 134 (2): 179–91.
- ↑ 22,0 22,1 Heyman MB (2006): "Lactose intolerance in infants, children, and adolescents". Pediatrics 118 (3): 1279–86.
- ↑ Intolerancia a la lactosa en ABC Dietas.com (en castelán). Consultada o 6 de bril de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Infante, D. (2008): "Intolerancia a la lactosa: en quién y porqué" en An Pediatr (Barc). 69 (2): 103-5.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Intolerancia a la lactosa en MedlinePlus (en castelán) Consultada o 6 de abril de 2012.