Jean-Victor Poncelet
Jean-Victor Poncelet, nado en Metz o 1 de xullo de 1788 e finado en París o 22 de decembro de 1867, foi un matemático e enxeñeiro francés, autor de notables achegas que supuxeron a recuperación da xeometría proxectiva como unha disciplina matemática importante.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Jean-Victor Poncelet naceu en Metz no ano 1788. Estudou na Escola Politécnica e na Academia Militar da súa cidade natal. Foi oficial do exército de Napoleón e participou na campaña contra Rusia; entre 1813 e 1814 estivo retido na prisión de Saratoff, despois de ser dado por morto durante a retirada de Moscova. Os seus descubrimentos matemáticos máis importantes, que haberían de renovar a xeometría proyectiva, foron xestados precisamente durante os anos de cativerio.
Ao volver a Francia, aproveitando os poucos intres libres que lle deixaban as súas funcións como enxeñeiro militar, dedicouse a pór por escrito e dar a coñecer os seus descubrimentos. En 1831 foi elixido membro da Academia de Ciencias, para ocupar a cadeira que o falecemento de Laplace deixara vacante, aínda que por razóns políticas tardou en aceptar o ofrecemento.
Contribucións
[editar | editar a fonte]Débeselle fundamentalmente o importante principio de dualidade ou de Poncelet segundo o que:
Todo enunciado de xeometría proxectiva plana permanece válido se se substitúen os puntos por rectas, as rectas por puntos, a concorrencia de rectas polo aliñamento de puntos etc. e viceversa.
En 1822 publicou o seu libro sobre xeometría proxectiva, de forma que unha serie de problemas dificilmente resolubles pola antiga xeometría das formas, eran agora facilmente resoltos aplicando os novos métodos. A xeometría proxectiva fúndase por completo sobre o que chamaba un axioma de continuidade completamente simple: se se toma un arco de círculo cortado en dous puntos por unha recta, se se despraza a recta, hai un momento en que xa non toca o arco do círculo máis que nun punto e un momento no que se sae do círculo, xa non o toca en ningún punto. O axioma de continuidade de Poncelet habilita a posibilidade de tratar o caso da tanxente como un caso extremo, é dicir, que non é que un dos puntos desapareza, senón que os dous puntos sempre existen, pero virtuais. Cando a recta sae totalmente do círculo, non é que os dous puntos desaparezan, sempre están alí, pero ambos son virtuais. É precisamente este axioma da continuidade o que permite organizar todo un sistema de proxeccións, denominado sistema proxectivo.
Algunhas publicacións
[editar | editar a fonte]- Traité des propriétés projectives des figures. París (1822), 2 ed en 2 vols. 1862, 1865
- Mémoire sur les roues hydrauliques verticais etc. Metz 1826
- Cours de mécanique appliquée aux machines. Metz 1826
- Théorie des effets mécaniques de la Turbine Fourneyron. Metz 1838
- Introduction à la mécanique industrielle. Metz 1840
Honras
[editar | editar a fonte]- É un dos 72 científicos que ten o seu nome inscrito na Torre Eiffel.
Eponimia
[editar | editar a fonte]- O Poncelet é unidade obsoleta de potencia
- O premio Poncelet, desde 1868
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bell, Eric Amorne. Men of mathematics, Touchstone books
- Didion, M. (1870). Notice sur la vie et les ouvrages du général J. V. Poncelet. L'Académie nationale de Metz. in Mémoires de l’Académie nationale de Metz 1870 (50e année / 1868-1869; 2e série) pp. 101–159.
- Bertrand, J. (1879). Mémoires de l'Académie des Sciences 41.
- Taton, René (1970). "Jean-Victor Poncelet". Dictionary of Scientific Biography. New York: Gale Cengage. ISBN 978-0-684-16970-5.