Torre Eiffel
Torre Eiffel La Tour Eiffel | |
---|---|
A Torre Eiffel desde o Campo de Marte. | |
Presentación | |
Nome local | Tour Eiffel |
Localización | París Francia |
Dirección | VII Distrito de París Campo de Marte |
Coordenadas | 48°51′29.95″N 2°17′40.18″L / 48.8583194, -2.2944944 |
Estrutura | Ferro |
Tipo | Torre de ferro forxado |
Propietario | Cidade de París |
Arrendatario | Société d'exploitation de la tour Eiffel (SETE) |
Uso(s) | Torre de observación e radiodifusión |
Declaración | Monumento histórico de Francia (1964) |
Construción | |
Inicio | 28 de xaneiro de 1887 |
Remate | 31 de marzo de 1889 (2 anos, 2 meses e 5 días) |
Visitantes | 6.893.000 (2007) |
Dimensións | |
Altura | 312 metros[1] |
Altura máxima | 324 metros[1] |
Altura da última planta | 276[1] |
Número de plantas | 3 |
Número de ascensores | 4 |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Stephen Sauvestre |
Enxeñeiro civil | Maurice Koechlin Émile Nouguier |
Contratista | Compagnie des Etablissements Eiffel |
Promotor | Gustave Eiffel & Cie |
https://www.toureiffel.paris/es |
A torre Eiffel[2] (La Tour Eiffel en francés) é un monumento situado en París, a capital de Francia, que mide hoxe 324 metros de alto, incluída a antena de televisión no seu cumio[3]. Foi deseñada por Gustave Eiffel para a Exposición Universal que se celebrou na cidade no ano 1889, celebrando o centenario da Revolución francesa. A torre foi inaugurada o 31 de marzo de 1889, e foi aberta ao público o 6 de maio. Situada nun extremo do Campo de Marte, é o monumento, cuxa entrada é de pago, máis visitado do mundo, con 6.893.000 visitantes no ano 2007[4]. Cunha altura de 300 metros, prolongada máis tarde cunha antena ata 324 metros, a torre Eiffel foi a estrutura máis elevada do mundo durante 41 anos.
Foi construída en dous anos, dous meses e cinco días, e no seu momento xerou certa controversia entre os artistas da época, que a vían como un monstro de ferro.[5] Inicialmente utilizada para probas do exército con antenas de comunicación,[6] hoxe serve, ademais de atractivo turístico como emisora de programas radiofónicos e televisivos.
A torre Eiffel está catalogada como monumento histórico de Francia desde o 24 de xuño de 1964,[7] e foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO desde 1991, en compañía doutros monumentos parisienses.
Descricións xerais
[editar | editar a fonte]Inicialmente tema de controversia dalgúns, a torre Eiffel serviu como presentación á Exposición Universal de París de 1889, a cal acolleu a máis de 236 millóns de visitantes desde a súa inauguración[8]. O seu tamaño excepcional e a súa silueta inmediatamente recoñecible fixeron da torre un emblema de París.
Concibida na imaxinación de Maurice Koechlin e Émile Nouguier, xefe da oficina de estudos e xefe da oficina de métodos, respectivamente, da compañía Eiffel & Cie, foi pensada para ser o «cravo (centro de atención) da exposición de 1889 que se celebraría en París», que ademais celebraría o bicentenario da Revolución francesa. O primeiro plano da torre foi realizado en xuño de 1884 e mellorado por Stephen Sauvestre, o arquitecto principal dos proxectos da empresa, quen lle achegou máis estética.
O 1 de maio de 1886, o Ministro de Comercio e Industria, Édouard Lockroy, entusiasta partidario do proxecto, asinou un decreto que declaraba aberto «un concurso para a Exposición Universal de 1889». Gustave Eiffel gañou este concurso económico e un convenio do 8 de xaneiro de 1887 fixou as modalidades de explotación do edificio.
Construída entre 1887 e 1889, por 250 obreiros, inaugurouse oficialmente o 31 de marzo de 1889 durante unha festa organizada para esta ocasión por Gustave Eiffel. A torre Eiffel non coñecerá verdadeiramente un éxito masivo e constante ata os anos sesenta, co desenvolvemento do turismo internacional. Agora acolle a máis de seis millóns de visitantes cada ano.
Os seus 300 metros de altura permitíronlle levar o título de «a estrutura máis alta do mundo» ata a construción en 1930 do Chrysler Building, de Nova York. Construída sobre o Campo de Marte cerca do río Sena, no 7º distrito de París, actualmente é administrada pola Sociedade para a administración da torre Eiffel (Société d'exploitation de la Tour Eiffel, SETE). O lugar, que emprega a 500 persoas (250 empregados directos do SETE e 250 dos distintos concesionarios instalados sobre o monumento), está aberto todos os días do ano.[8]
Datos técnicos
[editar | editar a fonte]Dimensións principais da torre Eiffel:
- Cimentos
- Altura da base (sobre o nivel do mar): 33,50 metros
- Lonxitude da diverxencia interior entre os 2 piares: 74,24 metros
- Lonxitude da diverxencia exterior entre os 2 piares: 124,9 metros
- 1.ª planta
- Altura da primeira planta sobre a base: 57,63 metros
- Altura da primeira planta sobre o nivel do mar: 91,13 metros
- Lado exterior (ao nivel da planta): 70,69 metros
- Superficie (ao nivel da planta): 4.200 m²
- 2.ª planta
- Altura da segunda planta sobre a base: 115,73 m
- Altura da segunda planta sobre o nivel do mar: 149,23 m
- Lado exterior (ao nivel da planta): 40,96 m
- Superficie (ao nivel da planta): 1.650 m²
- 3.ª planta
- Altura da terceira planta sobre a base: 276,13 m
- Altura da terceira planta sobre o nivel do mar: 309,63 m
- Lado exterior (ao nivel da planta): 18,65 m
- Superficie (ao nivel da planta): 350 m²
- Alturas totais
- Altura total con antena no ano 2000: 324 m
- Altura total con antena no ano 1994: 318,7 m
- Altura total con antena no ano 1991: 317,96 m
- Altura total con antena no ano 1989: 312,27 m
- Altura total sen bandeira no ano 1889: 300 m
Descrición da torre por niveis
[editar | editar a fonte]A información seguinte describe os principais datos técnicos de cada piso.
A base:
[editar | editar a fonte]Posición | Dimensións | Construción | Deseñadores | Materiais |
Pés da torre | Largo: 25 m Altura: 4 m |
1887 | Maurice Koechlin Émile Nouguier Stephen Sauvestre |
Formigón Grava Aceiro |
A torre aséntase nun cadrado de 125 metros de lado, segundo os mesmos termos do concurso de 1886. Está situada a 33,5 metros sobre o nivel do mar.
Os cimentos: os dous piares situados ao lado da Escola militar de Francia repousan sobre unha capa de formigón de 2 metros. Esta á súa vez repousa nunha cama de grava, facendo un oco de 7 metros de profundidade. Os dous piares da parte do Sena sitúanse ata por baixo do nivel do río.
Os obreiros traballaron en pozos de cimentación metálicos nos cales se inxectaba aire comprimido (mediante o denominado método Triger). 16 bloques de cimentación sosteñen cada un dos bordos dos catro piares e algúns enormes espigos de suxeición de 78 dm de lonxitude fixan o casco en fundición de aceiro no cal repousa cada piar.
Os piares: actualmente, as casetas para a compra de boletos ocupan os piares norte e oeste; os ascensores son accesibles desde os piares leste e oeste. As escaleiras (abertas ao público ata o segundo andar, e que comprenden 1.665 chanzos ata o cume) son accesibles desde o piar leste. E finalmente, o piar meridional comprende un ascensor privado, reservado para o persoal e para os clientes do restaurante gastronómico Jules-Verne, situado no segundo andar.
Os arcos: tendidos entre cada un dos catro piares, os arcos elévanse a 39 metros sobre o chan e teñen un diámetro de 74 metros. Aínda que nos bosquexos iniciais de Stephen Sauvestre aparecían moi decorados, sono moito máis hoxe en día, pero teñen sobre todo unha función arquitectónica: endurecer a estrutura da base.
A primeira planta
[editar | editar a fonte]Posición | Dimensións | Superficie | Construción | Materiais | |
57,63 m desde o chan | Largo: 70,69 m |
4.200 m² | 1887 | ferro pudelado |
Situada a 57 metros sobre o chan, cunha superficie de 4.200 metros cadrados, pode soportar a presenza simultánea de aproximadamente 2.500 persoas.
Unha galería circular colocada no primeiro andar permite unha vista de 360° sobre París. Esta galería ten colocados varios mapas de orientación e prismáticos que permiten observar os monumentos parisienses. Apuntando cara ao exterior están inscritos en letras de ouro os nomes de setenta e dúas personalidades do mundo científico dos séculos XVIII e XIX.
Este primeiro andar alberga o restaurante 58 Tour Eiffel que se estende por máis de dous niveis. Ofrece, dun lado, unha vista panorámica sobre París, e do outro, unha vista cara ao interior da torre.
Tamén se poden ver algunhas reliquias relacionadas coa historia da torre Eiffel, incluíndo unha sección da escaleira de caracol que, no inicio da construción do monumento, subía ata o cume. Esta escaleira foi desmantelada en 1986, durante un importante labor de renovación da torre. Foi entón cortada en 22 seccións das cales 21 foron vendidas en poxa, e adquiridas na súa maior parte por coleccionistas estadounidenses.
Para rematar, un observatorio dos movementos do cume permite describir as oscilacións da torre baixo o efecto do vento e a dilatación térmica. Gustave Eiffel esixira que puidese soportar un rango de 70 cm de oscilación, que nunca foi o caso, aínda que de feito, durante unha onda de calor en 1976, a amplitude de oscilación foi de 18 cm, ademais de 13 cm durante unha tormenta en decembro de 1999 (cuxos ventos foron de 240 km/h). Pierre Affaticati e Simon Pierrat souberon remediar este problema de amplitude en 1982 incorporando materiais compostos á armazón. Unha das particularidades da torre é que "foxe do sol". En efecto, a calor (e xa que logo a dilatación do aceiro) ao ser máis importante do lado asollado, o cume tende a moverse lixeiramente na dirección oposta.
O segundo nivel
[editar | editar a fonte]Posición | Dimensións | Superficie | Construción | Materiais | |
115,73 m desde o solo | Largo: 40,96 m |
1 650 m² | 1888 | ferro pudelado |
Situado a 115 metros por encima do chan, posúe unha superficie de 1.650 metros cadrados aproximadamente. Pode soportar a presenza simultánea de ao redor de 1.600 persoas.
Considérase que é o andar que posúe a mellor vista, debido a que a altitude é óptima con relación aos edificios que se atopan abaixo (no terceiro andar, son menos visibles) e á perspectiva xeral (obviamente máis limitada no primeiro andar). Cando o clima o permite, calcúlase que é posible ver ata a 55 km ao sur, 60 ao norte, 65 ao leste e 70 ao oeste. En todo o piso instaláronse fiestras de cristal para permitir unha vista moi ampla desde arriba. Tamén están instaladas enreixados metálicos de protección para evitar calquera intento de salto ao baleiro, xa sexa un suicidio ou un logro deportivo.
O restaurante Le Jules-Verne é un renomeado restaurante gastronómico cunha capacidade de 95 comensais, cualificado cunha estrela pola famosa Guía Michelin e cunha cualificación de 16/20 segundo os críticos gastronómicos Gault-Millau. Sen cambios desde 1983, ano de apertura do restaurante, o decorado, moi sombrío, fúndese con discreción nas estruturas metálicas da torre, ademais de contar cunha gran ventá que permite ter unha bonita vista sobre París. O seu xefe, Alain Reix é axudado permanentemente por unha trintena de cociñeiros e servidores (o persoal conta con 90 persoas en total), diariamente. Un ascensor «privado» (serve tamén ao persoal de mantemento da torre), situado no piar meridional conduce directamente a unha plataforma de 500 m², exactamente a 123 metros de altura. Nalgunhas ocasións, debido a longa distancia que a clientela do restaurante percorre, os cubertos son reservados con anterioridade.
O terceiro nivel
[editar | editar a fonte]Posición | Dimensións | Superficie | Construción | Altura incluída a antena de televisión: | |
276,13 m desde o solo | Largo: 18,65 m |
350 m² | 1889 | 325 m desde o solo |
Situado a 275 metros sobre o chan, cunha superficie de 350 m², pode soportar a presenza simultánea de ao redor de 400 persoas.
O acceso faise obrigatoriamente por un ascensor (a escaleira está prohibida ao público a partir do segundo andar) e chégase a un espazo pechado cheo de mapas de orientación. Ao subir algunhas escaleiras, o visitante chega a unha plataforma exterior, ás veces denominada (erroneamente) «cuarto andar».
Neste andar podemos percibir unha reconstitución do tipo «Museo Grévin» que mostra a Gustave Eiffel recibindo a Thomas Edison, o que reforza a idea segundo a cal Gustave Eiffel utilizaría o lugar como oficina. Aínda que a realidade histórica é diferente: na realidade, o lugar fora ocupado primeiro polo laboratorio meteorolóxico, antes de que fose utilizado por Gustave Ferrié nos anos 1910 para os seus experimentos de telegrafía sen fío (TSF). Sobre a torre foi instalada unha antena de teledifusión en 1957, a cal logo sería completada en 1959 para cubrir preto de 10 millóns de fogares mediante a difusión de televisión analóxica terrestre. O 17 de xaneiro de 2005, o dispositivo foi completado, cando a emisora francesa de televisión dixital elevou a 116 o número de antenas de teledifusión e radiodifusión. O engadido desta 116.ª antena fixo crecer a altura da torre de 324 a 325 metros.
Características
[editar | editar a fonte]O material empregado foi ferro forxado erixido con 18.038 pezas entrecruzadas fixadas por 2.500.000 remaches. O peso total no momento da construción estaba arredor das 7.300 toneladas, pero estímase que tras as reformas posteriores debe de andar próximo ás 10.000 toneladas. Ten unha altura de 324 metros incluídas as antenas, que diferentes canles de televisión francesas instalaron no cumio da torre.
Nela traballaron 50 enxeñeiros e 132 obreiros. Conta con 1.665 chanzos, para os visitantes deportivos, e ascensores transparentes que soben até a segunda planta, onde se atopan gran cantidade de boutiques de lembranzas.
- 1889: altura coa bandeira, 312,27 m
- 1991: altura coa antena, 317,96 m
- 1994: altura coa antena, 318,70 m
- 2000: altura coa antena, 324 m
A altura da torre dilátase, por tempo quente e retráctase por baixas temperaturas de 6 a 7 cm. A oscilación, no cume, con grandes ventos, non excede nunca os 12 cm.
En 1912, o home paxaro coñecido nomado Reichelt, lanzouse desde o terceiro andar equipado de ás artificiais para probar o seu invento voador, un Icaro. O impacto do seu corpo deixaría no chan unha pegada de máis 35 centímetros de profundidade. O monumento conta até hoxe co seu pasivo de 370 suicidios.
Para manter a estrutura, cada 7 anos é pintada con 50 toneladas de pintura. Ás veces, cámbiase a cor da pintura. Na actualidade ten unha tonalidade bronce. No primeiro andar, hai consolas que permiten votar na elección da futura cor da estrutura.
Historia
[editar | editar a fonte]Enfoque cronolóxico
[editar | editar a fonte]Contexto
[editar | editar a fonte]Concibida en 1884, edificada entre 1887 e 1889 e inaugurada para a exposición universal de 1889 en París, a torre Eiffel simboliza hoxe en día a un país enteiro, Francia. Con todo, non sempre foi así. A torre Eiffel fixo parte do escaparate económico do país.
Desde 1875, a recentemente nacida Terceira República, que se caracterizou pola inestabilidade política, apenas se podía soster. No goberno, os partidos políticos sucédense a un ritmo constante. Segundo León Gambetta, está a miúdo formado por ministros "oportunistas", pero cuxa obra lexisladora puxo as pedras dos principios aínda vixentes no presente: escola obrigatoria, laicidade, liberdade de prensa etc.
Pero a sociedade da época pon aínda máis atención nos progresos técnicos e no progreso social. É esta fe nos beneficios da ciencia o que deu orixe ás exposicións universais. Pero desde a primeira exposición (Grande Exhibición dos Traballos da Industria de todas as Nacións (Great Exhibition of the Works of Industry of All Nations), Londres, 1851), os gobernantes perciben rapidamente que detrás da posta tecnolóxica se perfila unha vitrina política, e sería un erro non aproveitar a oportunidade. Demostrando a súa destreza industrial, o país anfitrión mostra o seu progreso e superioridade sobre outras potencias europeas, que reinaban entón no mundo.
Baixo esta visión, Francia acolle repetidas veces a Exposición Universal, nos anos 1855, 1867 e 1878. Jules Ferry, presidente do Consello de 1883 a 1885, decide revivir a idea de celebrar unha exposición universal en Francia. O 8 de novembro de 1884, asinou un decreto que establece oficialmente a celebración dunha Exposición Universal en París do 5 de maio ao 31 de outubro de 1889. O ano escollido non foi ao chou, senón que simboliza o centenario da Revolución francesa. París é unha vez máis o «centro do mundo». Aínda que do lado do Novo Mundo as cousas evolucionan rapidamente e é alén do Atlántico, no seo da nova potencia económica dos Estados Unidos de América, onde verdadeiramente nacerá a idea dunha torre de 300 metros. En efecto, no momento da Exposición universal de Filadelfia en 1876, os enxeñeiros americanos Clark e Reeves, imaxinan un proxecto dun poste cilíndrico de 9 metros de diámetro sostido por obenques metálicos, ancorado nunha base circular de 45 metros de diámetro, cunha altura total de 300 metros. Por falta de créditos, o seu proxecto xamais verá a luz, aínda que sería publicado en Francia na revista Nature.
Na mesma situación, o enxeñeiro francés Sébillot saca, nos Estados Unidos, a idea dunha «torre-sol» de ferro que alumaría París. Para iso, únese co arquitecto Jules Bourdais, quen traballaba no proxecto do Palacio do Trocadero para a Exposición Universal de 1878. Xuntos, concibirán un proxecto de "torre-faro" de granito, de 300 metros de altura que coñecerá varias versións, o cal competirá co proxecto de torre de Gustave Eiffel, e finalmente, xamais será construído.
A elaboración do proxecto
[editar | editar a fonte]En xuño de 1884, dous enxeñeiros da empresa Eiffel, Maurice Koechlin e Émile Nouguier, estudan o proxecto dunha torre metálica de 300 metros. Esperan poder facer dela o centro de atención da Exposición de 1889.
O 6 de xuño exactamente, Maurice Koechlin presenta o primeiro esbozo do edificio. O debuxo representa unha torre de 300 metros de altura, onde as catro caras curvas están unidas por plataformas cada 50 metros ata chegar ao cume. Gustave Eiffel di non estar interesado no proxecto, con todo, concédelles aos deseñadores a autorización para proseguir co estudo. Stephen Sauvestre, arquitecto xefe da empresa Eiffel é chamado para colaborar no proxecto e volve debuxar completamente o edificio para darlle outra envergadura: engade un pesado pé de cachotería e une a torre ata o primeiro andar mediante arcos, reduce o número de plataformas de cinco a dúas, fai do deseño da torre algo parecido a un faro, entre outros cambios.
Esta nova versión do proxecto, embelecida con verniz decorativo, é presentada de novo a Gustave Eiffel, que nesta ocasión, móstrase entusiasta co proxecto; ata tal punto que deposita, o 18 de setembro de 1884, no seu nome e os de Koechlin e Nouguier, unha patente para «unha nova disposición que permita a construción de pilas e torres de metal cunha altura superior a 300 metros». Pouco tempo despois compra os dereitos de Koechlin e Nouguier, para obter os dereitos exclusivos sobre a futura torre que, de momento, leva o seu nome.
O xenio de Gustavo Eiffel non reside na concepción do monumento, senón na enerxía que gastou para dar a coñecer o seu proxecto aos gobernantes, aos responsables e ao público en xeral, para poder construír a torre; e, cando o logrou, no investimento para facelo, que diante os ollos de todos, seguía sendo un simple desafío arquitectónico e técnico ou un obxecto puramente estético (ou antiestético segundo outros). Tamén financiou cos seus propios fondos algúns experimentos científicos levados a cabo sobre ou desde a torre Eiffel, os cales permitiron perpetuala.
Primeiro, tratará de convencer a Édouard Lockroy, o Ministro de Industria e Comercio nese momento, para que lance un concurso que teña por obxecto «explorar a posibilidade de elevar no Campo de Marte unha torre de ferro cunha base de 125 m² e unha altura de 300 metros». As modalidades deste concurso, efectuado en maio de 1886, parécense tanto ao proxecto defendido por Gustave Eiffel que case se podería crer que foi escrito pola súa propia man. Evidentemente, Eiffel non o fixo, pero é evidente que o seu proxecto ten grandes posibilidades de ser elixido para figurar na Exposición universal que se realizará tres anos máis tarde. Aínda ten que demostrar que non é un obxecto só ornamental, senón que pode cumprir outras funcións. Ao poñer ante de todo o interese científico na torre, obtén indubidablemente algúns puntos ao seu favor.
Eiffel non coñece de antemán o resultado do concurso. A competencia tórnase dura. 107 proxectos son presentados, pero finalmente Gustave Eiffel gaña a competencia, o que lle permite construír a súa torre para a Exposición Universal de 1889, do mesmo xeito que Jules Bourdais, quen fará o seu co Palacio de Trocadero, quen no canto de usar ferro, preferiu o granito.
Enseguida suscítanse dous problemas: o sistema de ascensores que non satisfai ao tribunal de selección, o que obrigou Eiffel a cambiar de provedor, e a localización do monumento. Inicialmente, considérase colocar a torre xusto á beira do Sena ou á beira do Antigo Palacio do Trocadero (agora Palais de Chaillot), pero finalmente decídese colocalo xusto sobre o Campo de Marte, lugar da Exposición, e facer da torre unha especie de porta monumental.
A localización e o xeito de construír e operar estarán suxeitas a un acordo asinado o 8 de xaneiro de 1887 entre Édouard Lockroy, Ministro de Comercio, quen actúa en nome do Estado francés, Eugene Poubelle, prefecto do Sena, actuando en nome da cidade de París e Gustave Eiffel, actuando no seu propio nome e non no da súa empresa. Nesta acta oficial especifícase o custo estimado de construción, que será de 6,5 millóns de francos pagos nese momento, ademais de proporcionar ata 1,5 millóns de francos por gastos non previstos (artigo 7); o resto será pago por unha sociedade anónima creada por Gustave Eiffel e financiada por el mesmo e un consorcio de tres bancos, a cal terá como obxecto específico a explotación da torre. O texto tamén establece unha serie de disposicións, como:
- o prezo das entradas durante a Exposición Universal (artigo 7)
- que 300 entradas por mes (como máximo) serán gratis
- que en cada andar debe reservarse unha sala especial para realizar experimentos científicos ou militares
- que estará dispoñible gratuitamente para as persoas designadas polo Comisario Xeral (artigo 8)
Finalmente, o artigo 11 estipula que:
«Logo da exposición e no momento da entrega do parque Campo de Marte, a cidade converterase en propietaria da torre, con todos os beneficios e os custos relacionados. Pero o Sr. Eiffel, como premio complementario aos seus traballos, conservará os beneficios sobre o edificio ata a expiración dun prazo de vinte anos, prazo que contará a partir do 1 de xaneiro de 1890; rematado o prazo, estes beneficios devolveranse á Cidade de París. A entrega da torre farase logo destes vinte anos, entregarase en bo estado de uso e mantemento, aínda que se lle poderán esixir ao sr. Eiffel reparacións especiais».
A construción da torre
[editar | editar a fonte]Inicialmente, Gustave Eiffel (enxeñeiro e especialista en estruturas metálicas) previra doce meses de traballo, aínda que na realidade precisou o dobre de tempo. A fase de construción comezou o 28 de xaneiro de 1887 e terminou en marzo de 1889, antes da apertura oficial da Exposición universal.
A pé de obra, o número de traballadores nunca superou os 250. Isto debeuse a que gran parte do traballo se facía río arriba, nas fábricas das empresas Eiffel localizadas en Levallois-Perret. Dos 2.500.000 remaches que hai na torre, só 1.050.846 colocáronse no sitio da obra, un 42% do total. A inmensa maioría dos elementos son ensamblados nos talleres de Levallois-Perret, no chan, en anacos de cinco metros, con pernos provisionais; e só despois, in situ, son definitivamente substituídos por remaches postos con calor.
A construción das pezas e a súa ensamblaxe non foron froito do azar. 50 enxeñeiros realizaron durante dous anos 5.300 debuxos do ensamble conxunto ou dalgúns detalles, e cada unha das 18.038 pezas de ferro posuía o seu propio esquema descritivo. No lugar da obra, en primeira instancia, os traballadores realizaron os enormes zócolos de formigón que sosterán os catro piares do edificio. Isto axuda a diminuír a presión sobre o terreo de todas as pezas, que en conxunto fan unha presión de 4,5 kg/cm² o nivel dos cimentos.
A montaxe das partes metálicas propiamente ditas comeza o 1 de xullo de 1887. Os homes responsables da ensamblaxe deste «Mecano xigante» son denominados volantes e son dirixidos por Jean Companion. As pezas son subidas ata 30 metros de altura coa axuda de guindastres de pivotes fixados aos ascensores. Entre os 30 e 45 metros de altura, son construídas 12 andamiaxes de madeira. Unha vez superados os 45 metros de altura, foi preciso edificar novas andamiaxes, adaptando as vigas de 70 toneladas que foron utilizadas para o primeiro andar. Despois seguiu a unión destas enormes vigas cos catro bordos ao nivel do primeiro andar. Esta unión realizouse sen contratempos o 7 de decembro de 1887 e volveu innecesarias as andamiaxes temporais, substituídas primeiro pola primeira plataforma (a 57 metros de altura), e despois, a partir de agosto de 1888, pola segunda plataforma (a 115 metros).
En setembro de 1888, mentres que a obra xa se atopa moi avanzada e o segundo andarconstruído, os traballadores declaráronse en folga. Discuten polos horarios de traballo (9 horas no inverno e 12 horas o verán), así como polo seu salario, o cal consideraban como reducido tomando en consideración os riscos asumidos. Gustave Eiffel argumentaba que o risco non era diferente se traballasen a 50 ou a 200 metros de altura; malia que os obreiros estaban mellor remunerados que o salario medio para os traballadores dese sector, concédelles un aumento de soldo, pero négase a indemnizalos sobre o factor «o risco varía segundo a altura» (o cal era demandado polos obreiros). Tres meses máis tarde, unha nova folga estalará, pero desta vez enfrontaraa e negará toda negociación.
En marzo de 1889, o monumento é terminado a tempo e ningún accidente mortal se rexistra entre os traballadores (no entanto, un obreiro morreu, pero era nun domingo, non estaba traballando e perdeu o equilibrio durante unha demostración á súa prometida). A obra custou 1,5 millóns de francos máis do previsto, e tomou o dobre de tempo en ser construída que o que inicialmente estaba previsto no contrato asinado en xaneiro de 1887.
O edificio terminado quedaba aberto a disposición do público ata a terceira plataforma. Os ascensores da compañía Backmann, que inicialmente foron previstos no proxecto presentado no concurso de maio de 1886, foron rexeitados polo xurado. Gustave Eiffel acudiu a tres novos provedores: Roux-Combaluzier et Lepape (agora Schindler) (planta baixa para o primeiro andar, cara leste e oeste), a sociedade americana Otis (planta baixa e segundo andar, cara norte e sur) e un coñecido de Eiffel, Léon Edoux (segundo andarata o cume).
-
18 de xullo de 1887, comezo do piar n°4.
-
7 de decembro de 1887, montaxe sobre os postes do armazón.
-
20 de marzo de 1888, montaxe das vigas horizontais sobre a andamiaxe central.
-
15 de maio de 1888, montaxe dos piares por encima do primeiro andar.
-
21 de agosto de 1888, montaxe da segunda plataforma.
-
26 de decembro de 1888, montaxe da parte superior.
-
Marzo de 1889, vista xeral da obra terminada.
Torre de ferro forxado
[editar | editar a fonte]O ferro forxado da torre Eiffel foi producido nos talleres de Dupont et Fould de Pompey en Lorena. Gustave Eiffel elixiuno, en particular debido ás súas propiedades mecánicas[9]. O ferro procedia desde as minas alxerienses de Zaccar e Rouina[10].
A torre Eiffel de 1889 a primeira guerra mundial
[editar | editar a fonte]O 6 de maio de 1889, a Exposición Universal abre as súas portas ao público, que pode subir á torre Eiffel a partir do 15 de maio. Mentres que fora desprestixiada durante a súa construción, particularmente en febreiro de 1887 por algúns dos artistas máis soados da época, a torre Eiffel adquire, durante a Exposición, un éxito popular inmediato, conseguindo o apoio dos visitantes. Desde a primeira semana, malia que os ascensores non funcionan aínda, 28.922 persoas soben a pé á parte superior do edificio. Finalmente, dos 32 millóns de entradas reservadas para a exposición, ao redor de 2 millóns de turistas visitan a torre. O monumento, que entón é o máis alto do mundo (e seríao ata 1930 coa edificación do Edificio Chrysler en Nova York), atrae tamén a algunhas personalidades coñecidas e a amigos de Gustave Eiffel, como o seu colega estadounidense Thomas Edison.
A torre Eiffel non é o único monumento que atrae ao xentío. A inmensa Galerie des machines (galería de máquinas, con 440 metros de longo por 110 metros de ancho) de Ferdinand Dutert e Victor Contamin ou o Dôme central (cúpula central) de Joseph Bouvard tamén atraen ao público. Pero a verdadeira novidade é o uso xeneralizado da electricidade, que permite xogos de luces asombrosos para a época.
Pero unha vez terminada a Exposición, a curiosidade decae axiña e con ela o número de visitantes. En 1899, só se rexistran 149.580 entradas. A fin de volver lanzar a explotación comercial da súa torre, Gustave Eiffel baixa o prezo dos boletos de entrada, pero iso non impacta nas vendas. Haberá que esperar á Exposición universal de 1900, outra vez efectuada en París, para que volva aumentar o número de curiosos. Nesta ocasión, máis dun millón de entradas son vendidas, o que está moi por encima das cifras dos dez anos anteriores, pero moi por baixo do que se permitirían para o mantemento da torre. En efecto, non só as entradas son dúas veces menos numerosas que en 1889, senón que a diminución de vendas é máis preocupante, tendo en conta que os visitantes da Exposición universal de 1900 eran máis numerosos que en 1889.
A caída do número de entradas continúa desde 1901, de modo que o futuro da torre non está asegurado despois do 31 de decembro de 1909, fin da concesión estipulada. Algúns ata sosteñen a idea de que pode ser destruída.
Experimentos científicos e radiodifusión
[editar | editar a fonte]Consciente deste perigo, Gustave Eiffel, que imaxinara desde o principio que a torre puidese servir dun punto de vista científico, multiplica os experimentos levados no monumento. O enxeñeiro, fóra do negocio desde 1893 en resposta á súa implicación no escándalo da Canle do Panamá, financia unha parte destes experimentos.
En 1889, Eleuthère Mascart, o primeiro director da Oficina central Meteorolóxica de Francia creada en 1878 (actualmente Météo-France), fai instalar, coa autorización de Gustave Eiffel, unha pequena estación de observación no alto da torre.
En outubro de 1898, Eugène Ducretet establece a primeira conexión telefónica hertziana entre a torre Eiffel e o Panteón de París, distante catro quilómetros.
En 1903, o capitán Gustave Ferrié, militar de profesión, procura establecer unha rede telegráfica sen fío, pero non obtivo o financiamento do Exército, xa que naquela época privilexiábase aos sinais ópticos e as pombas mensaxeiras, por consideralas máis fiables. Malia a situación, Gustave Eiffel financia co seu diñeiro o proxecto do capitán aceptando que instale unha antena no cume da súa torre. O experimento é un éxito e, como agora sabemos, será a tecnoloxía do futuro.
En 1909 construíuse un pequeno túnel de vento aos pés da torre Eiffel, substituído a partir do 1912 por un túnel de vento moito máis grande.
A torre Eiffel é, polo tanto, un potencial científico que merece ser explotado; algo do que se dan conta as autoridades, que en 1910 deciden ampliar a concesión e explotación durante outros setenta anos.
A torre resultou máis útil no punto máis alto da rexión de París xa que a súa emisora de TSH resulta de grande importancia estratéxica durante a primeira guerra mundial. Grazas á torre Eiffel, varias mensaxes decisivas son captadas, entre as que se conta o «radiograma da vitoria», que frustrou o ataque alemán no Marne, ou as que enviou a hoxe famosa espía Mata Hari.
A rede TSH de uso estritamente militar instalada no emisor da torre Eiffel utilizarase para uso civil a partir da década de 1920. Desde 1921, algúns programas de radio emítense periodicamente desde a torre Eiffel; Radio Torre Eiffel, ben coñecida polos parisienses, inaugurouse oficialmente o 6 de febreiro de 1922. En 1925, a torre Eiffel serve como marco para o inicio da televisión en Francia. A técnica segue mellorando e as emisións seguen sendo experimentais entre 1935 e 1939. A televisión difúndese logo nos fogares, primeiro en branco e negro, logo en cor. En 1959, a instalación dun novo mastro de teledifusión fai chegar a altura da torre a 320,75 metros e transmite a 10 millóns de persoas. Finalmente, en 2005, instálase unha emisora de televisión dixital terrestre.
Cambios en 1937
[editar | editar a fonte]A sociedade de administración da torre cambia e a torre sofre un cambio importante con ocasión da Exposición especializada de 1937: as decoracións pasadas de moda do primeiro andar son eliminadas e instálase unha nova iluminación.
A torre despois da segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]En 1944, a torre logra sobrevivir a un incendio provocado polas autoridades alemás durante a ocupación alemá de Francia e é utilizada para comunicarse coas tropas, primeiro pola Wehrmacht, logo polos aliados durante a liberación de París.
A partir de 1960, o turismo internacional en masa comeza a crecer, o cal ten consecuencias directas sobre o número de visitantes á torre, que aumenta gradualmente ata alcanzar os 6 millóns de visitantes por ano (cifra alcanzada en 1998), o que esixe unha renovación da torre. As obras de reforma lévanse a cabo na década de 1980, en torno a tres eixes:
- o alixeiramento da estrutura do edificio.
- a reconstrución total dos ascensores e as escaleiras.
- a creación de medios de seguridade adaptados ao popular éxito da torre.
Deste xeito, a torre Eiffel será aliviada de 1.340 toneladas superfluas, repintarase e tratarase contra a corrosión, os ascensores da terceira plataforma serán substituídos, inaugurarase o restaurante gourmet Le Jules Verne e instalarase un dispositivo de iluminación composto por 352 proxectores de sodio.
Desde os anos 1970, a torre Eiffel obtivo máis popularidade e gañouse un lugar no espírito colectivo mundial, ademais de converterse nun dos símbolos máis coñecidos de Francia. O 26 de decembro de 1978, Thierry Sabine celebra o primeiro Rally Dakar de Trocadero, aos pés da torre Eiffel. Varios concertos masivos tamén se efectuarán alí: Jean-Michel Jarre en 1995 e Johnny Hallyday en 2000. Para rematar, un gran número de películas, particularmente estadounidenses, explotan o inconsciente colectivo para representar nun só plano París ou Francia cunha soa secuencia que mostra á torre Eiffel.
En 2002, supérase o límite de 200 millóns de billetes vendidos e en 2004 convértese no 5º monumento máis visitado de Francia. O 1 de xaneiro de 2006, ábrese un novo período de administración de 10 anos, o concesionario é a empresa de economía mixta SETE (Sociedade de Explotación da torre Eiffel), aínda que o 60% do capital é ostentado pola cidade de París.
Elección do operador da torre (1889 ao presente)
[editar | editar a fonte]Os textos que declaran aos operadores da torre Eiffel son os seguintes:
- Convención do 8 de xaneiro de 1887, asinada por Gustave Eiffel, Édouard Lockroy e Eugene Poubelle. Autorízase o uso da torre a Gustave Eiffel no seu propio nome, dende o día de apertura ao público da Exposición Universal de 1889 ata o 31 de decembro de 1909.
- Prolongación da autorización para a xestión e o explotación da torre Eiffel a Gustave Eiffel, por un período de 70 anos, con efectos a partir do 1 de xaneiro de 1910.
- Deliberación do Consello de París o 17 de febreiro de 1981 («referíndose á concesión da torre Eiffel»), concedida ao SNTE para un período de vinte e cinco anos, dende o 1 de xaneiro de 1981 ao 31 de decembro de 2005.
- Deliberación do Consello de París o 13 de decembro de 2005 (número de arquivo: 2005 DF 92).
- Atribución da delegación de servizos públicos para a xestión e a explotación da torre Eiffel, concedida á SETE por unha duración de dez anos, a partir do 1 de xaneiro de 2006.
Enfoque temático
[editar | editar a fonte]Os artistas protestan contra a torre
[editar | editar a fonte]Algúns artigos, a miúdo propagandistas, publícanse ao longo do ano 1886, aínda antes de que comezasen os traballos de construción.
Mentres que os alicerces do edificio só comezaron uns días antes, o 28 de xaneiro de 1887 exactamente, unha carta de protesta asinada por cincuenta artistas (escritores, pintores, compositores, arquitectos etc.) apareceu no xornal The Times o 14 de febreiro de 1887[8] baixo o título de «Protesta dos artistas contra a torre do Sr. Eiffel». Firmada por grandes figuras da época entre os que se atopaban Guy de Maupassant, Charles Gounod, Victorien Sardou, Charles Garnier, François Coppée, Sully Prudhomme, Leconte de Lisle, William Bouguereau (todos na imaxe da dereita, en orde de riba para baixo e da esquerda para a dereita), ademais de Alexandre Dumas (fillo), Ernest Meissonier, Joris-Karl Huysmans e Paul Verlaine, unen as súas forzas para denunciar «a inútil e monstruosa torre Eiffel» que, segundo eles, desfiguraba París debido á súa enorme altura.
Na carta podíanse encontrar cualificativos para a torre como:
- «esta lámpada de rúa verdadeiramente tráxica» (Léon Bloy)
- «este esqueleto de atalaia» (Paul Verlaine)
- «este mastro de ferro de aparellos duros, inconclusos, confusos, deformes» (François Coppée)
- «esta pirámide alta e fraca de escalas de ferro, esqueleto xigante falto de graza, cuxa base parece feita para levar un monumento formidable de Ciclopes, aborto dun ridículo e delgado perfil de cheminea de fábrica» (Guy de Maupassant)
- «un tubo de fábrica en construción, unha armazón que espera ser cuberta por pedras ou ladrillos, esta aramada infundibuliforme, este supositorio esnaquizado de buratos» (Joris-Karl Huysmans)
Non obstante, algúns autores modernos [quen?] consideran á torre como un poderoso símbolo en particular, e unha vangarda en xeral.
Pintura
[editar | editar a fonte]Algúns artistas como Georges Seurat e Paul-Louis Delance pintan a torre Eiffel incluso antes de que finalice a súa construción. En 1889, o pintor Roux representou A noite de vacacións na Exposición Universal 1889 e Jean Béraud a mostra ao fondo na súa obra Entrada á Exposición de 1889.
Despois, varios pintores inspiraranse dereitamente no edificio para realizar algunhas representacións que responderán a correntes artísticas diversas: Robert Delaunay, Henri Rousseau, Paul Signac, Pierre Bonnard, Maurice Utrillo, Marcel Gromaire, Édouard Vuillard, Albert Marquet, Raoul Dufy, Marc Chagall, ou aínda Henri Rivière.
Pero o pintor máis prolífico inspirado pola torre Eiffel foi Robert Delaunay, que fai da torre o obxecto central dunha trintena de lenzos, realizados entre 1910 e 1925.
-
Robert Delaunay (1885-1941) La tour Eiffel. 1911
-
Georges Seurat (1859-1891). La tour Eiffel. 1889
-
Paul-Louis Delance (1848-1924). La tour Eiffel vue de la Seine
-
Henri Rousseau (1844-1910). La tour Eiffel. 1898
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "All you need to know about the Eiffel Tower" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 24 de xaneiro do 2016.
- ↑ "Eiffel, Gustave". Diciopedia do século 21 2. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 751.
- ↑ www.tour-eiffel.fr (ed.). "Carte d'identité" (en francés)..
- ↑ Le Figaro, ed. (2008). "Nouveau record pour la Tour Eiffel" (en francés)..
- ↑ "1889: Conclusão da Torre Eiffel". Deutsche Welle (en portugués). 2007. Consultado o 17/12/2007.
- ↑ "Historia de la torre Eiffel". Arquivado dende o orixinal o 31 de marzo de 2014. Consultado o 09 de marzo de 2014.
- ↑ "Arquitecture:Monuments historiques". Consultado o 17/04/2014.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 sitio oficial da torre Eiffel (ed.). "Tout savoir sur la tour Eiffel" [Todo sobre a torre Eiffel] (PDF) (en francés). Consultado o 17/04/2014.
- ↑ Les traitements de surface à la tour Eiffel Arquivado 07 de febreiro de 2013 en Wayback Machine., site de l'Office technique de l'utilisation de l'acier (OTUA).
- ↑ T.P.E-Tour Eiffel Arquivado 02 de maio de 2014 en Wayback Machine. sur tpe-toureiffel.com, consultado o 10 de marzo de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Torre Eiffel |
- A torre Eiffel (en francés).
- Videos da torre Eiffel (en inglés).