Saltar ao contido

José Joaquim Nunes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJosé Joaquim Nunes
Biografía
Nacemento4 de decembro de 1859 Editar o valor en Wikidata
Portimão, Portugal Editar o valor en Wikidata
Morte20 de xullo de 1932 Editar o valor en Wikidata (72 anos)
Lisboa, Portugal Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónprofesor universitario, escritor Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de Lisboa Editar o valor en Wikidata
Membro de

José Joaquim Nunes nado en Portimão o 4 de decembro de 1859 e finado en Lisboa o 20 de xullo de 1932, foi un sacerdote e profesor universitario portugués, destacado polos seus traballos de lexicografía dialectal e histórica, pertencendo á xeración pioneira da lingüística portuguesa. Foi socio da Academia das Ciências de Lisboa[1].

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

José Joaquim Nunes foi fillo de Joaquim Nunes do Carmo e Maria Francisca Francesa. Realizou os seus estudos básicos na súa vila natal, e despois ingresou no Seminario de Faro, onde tras concluír o curso teolóxico foi ordenado sacerdote en 1882[2].

Foi destinado ás freguesías de Estoi, Martinlongo, Castro Marim e Alferce, onde exerceu entre 1886 e 1888. Nesa época iniciouse na actividade literaria, e en 1888 publicou a obra Contos ao Lar co pseudónimo de Júlio Ventura. Os relatos están inspirados en lendas do Algarve, especialmente do concello de Monchique, como a coñecida Louca dos Pisões.

Tamén neste período iniciou a súa participación na prensa, con colaboracións na publicación local O Patriota, dirixida por António Lobo de Almada Negreiros, o pai de Almada Negreiros. Mantivo esta colaboración durante moitos anos, sendo posteriormente correspondente do xornal en Lagos[1]. Colaborou tamén na revista algarvia Alma nova: revista ilustrada, aparecida en Faro en 1914.[3] Máis interesado na docencia ca na labor pastoral, pediu o seu traslado como profesor do Seminario de São José, en Faro, mais non lle foi concedido.

En 1889 foi nomeado capelán do Rexemento de Infantaría n.º 15 de Lagos. Alí mantivo unha intensa actividade social e cultural, e creou unha escola particular para estudos secundarios e o xornal O Lacobrigense (1891), que dirixiu e editou. No periódico publicou varios traballos relacionados coa cultura do Algarve relativos á etnografía. Despois foi destinado a Santarém, onde seguiu como docente e como estudoso da filoloxía. Máis tarde pasou a ser capelán do Rexemento de Infantaría n.º 17 de Beja, cidade na que tamén foi profesor no instituto e no seminario.

En 1902 publicou xunto ao profesor José António Gascon na Revista Lusitana os resultados da recolla etnográfica que realizara no Algarve, baixo o título de Dialectos Algarvios, posiblemente iniciado cando residiu no concello de Monchique. Na mesma revista publicara en 1900 a obra Subsídios para o Romanceiro Algarvio.

Coa chegada da República Portuguesa a capelanía castrense foi extinguida e pasou ao ensino oficial. Abandonou o sacerdocio e casou polo civil con Matilde Cardoso de Araújo Nunes. Despois seguiu como profesor nos institutos de Beja, Santarém, o Liceu Camões de Lisboa e finalmente no Colégio Militar. Foi nomeado polo Goberno da República vogal secretario da comisión da Reforma Ortográfica de 1911, e en 1913 foi elixido socio correspondente da Academia das Ciencias de Lisboa, institución da que pasou en 1926 á categoría de socio efectivo.

En 1914, xa coa carreira rematada e cunha labrada reputación académica como investigador da lingüística, foi nomeado profesor extraordinario de Filoloxía Clásica da Facultade de Letras de Lisboa. En 1917, como recoñecemento ao seu saber e ás numerosas contribucións bibliográficas, foi nomeado Doutor en Letras e ascendido a profesor catedrático. En 1928 pasou a ser director da Facultade, e en 1929 retirouse da actividade académica ao xubilarse.

Na súa vida profesional destacou polos seus coñecementos de latín e grego clásico e como especialista no estudo da Antigüidade Clásica, amais de por ter un perfil discreto e unha gran capacidade pedagóxica. Na Facultade de Letras foi colega e colaborador de Leite de Vasconcelos e de José Maria Rodrigues, e compañeiro de Adolfo Coelho, Carolina Michaëlis de Vasconcelos e David Lopes.

Xa viúvo, retornou á Igrexa católica romana, e recluíuse certo tempo no convento franciscano de Varatojo. Finou na súa casa de Lisboa por mor dunha pneumonía.

Publicou varios traballos de lexicografía dialectal e lexicografía histórica e estudos de etimoloxía e de onomástica, contribuíndo ao encadramento xeral na descrición dos fenómenos da fonética histórica da lingua portuguesa. Tamén se dedicou ao estudo e a edición de textos medievais, maiormente obras de carácter haxiográfico, especialmente das vidas de santos portugueses, moitas delas inéditas. Na vertente didáctica, elaborou e publicou compendios gramaticais e antoloxías (entón designadas crestomatías) destinadas a seren utilizadas polos estudantes de secundaria.

Presentou diversos traballos de índole científica como socio correspondente, e despois efectivo, da Academia de Ciencias de Lisboa, á cal cedeu o seu legado literario. Foi tamén membro de varias asociacións académicas e científicas, e participou en congresos e reunións internacionais. Era un notable políglota, falando e escribindo correctamente en varias linguas.

A vasta obra literaria que deixou, en boa parte actual, ten sido obxecto de artigos, libros e teses académicas. Algúns dos seus inéditos, especialmente obras de literatura, encóntranse depositados na Academia de Ciencias de Lisboa. É lembrado na toponimia da cidade de Portimão, onde unha rúa ostenta o seu nome.

A maior parte da súa obra foi publicada na Revista Lusitana e no Boletim da Academia das Ciências de Lisboa. Amais, é autor de diversas monografías:

  • Contos ao Lar (1888)
  • Crónica da Ordem dos Frades Menores (1209-1285) (2 volumes, 1918)
  • Evolução da língua portuguesa, exemplificada em duas lições principalmente da mesma versão da Regra de S. Bento (1926)
  • Cantigas d'amigo dos trovadores galego-portugueses (3 volumes, 1926-1928)
  • Cantigas d'amor dos trovadores galego-portugueses (1932)
  • Chrestomatia archaica (1906)
  • Compêndio de gramática histórica portuguesa (1919)
  • Florilégio da literatura portuguesa arcaica (1932)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]