José Luis Mira
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de agosto de 1954 (70 anos) Nantón, España |
Catedrático | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | pedagogo |
José Luis Mira Lema, nado en Nantón, Cabana de Bergantiños,[1] o 15 de agosto de 1954, é un profesor, inspector e técnico en administración educativa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Licenciado en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1972 -1977), foi profesor de Física e Química no corpo de profesores de Formación Profesional, con destino no Centro de Formación Profesional de Monte Alto, na Coruña (hoxe CIFP Ánxel Casal). Tras o proceso de fusión dos corpos de profesores de Bacharelato e de Formación Profesional, é Catedrático de Física e química de Educación Secundaria.
Foi coordinador de Formación Profesional e da Reforma de Ensinanzas Medias en Galicia (1985-1988). Pertence ao corpo de Inspectores de Educación.
En xuño de 1996 foi nomeado director xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e, despois, director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional na mesma consellería, até xuño de 2000, cando se incorporou ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España, como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, cargo que desempeñou até 2004.
Participou na planificación e implantación da oferta de ensinanzas de Bacharelatos e Ciclos Formativos de FP en Galicia, a coñecida como "Rede de Centros", impulsou a implantación dos ciclos formativos da Formación Profesional. Participou, en tre outros, no deseño e na implantación do Plan de Orientación Educativa e Profesional en Galicia, do Plan de Formación do Profesorado, dun Plan de Atención á Diversidade, do Plan de Formación de Persoas Adultas, no Plan de Formación ao Longo da Vida, na promoción e no desenvolvemento de programas europeos e no deseño do Plan de Potenciación de Idiomas.
No Ministerio de Educación participou no deseño e a coordinación do debate sobre o Memorándum da Aprendizaxe Permanente en España, e na elaboración do Informe Nacional, resultado do debate, que se presentou diante da Comisión Europea, e na elaboración da Lei orgánica das Cualificacións e da Formación Profesional (Lei orgánica 5/2002, de 19 de xuño), e dos reais decretos de desenvolvemento desta.
Participou activamente no proceso de Bruxas de mellora da transparencia e o recoñecemento das cualificacións a través dunha maior cooperación en materia de Formación Profesional, así como no proceso de Copenhague de reforzo da cooperación en materia de ensino e formación profesional en Europa; na elaboración do Programa de Traballo dos Futuros Obxectivos dos Sistemas Educativos Europeos, promovido pola Unión Europea.
Coordinou en España os grupos de traballo creados para o desenvolvemento do Programa de Traballo dos Futuros Obxectivos dos Sistemas Educativos Europeos, e promoveu e coordinou a participación de España nos programas europeos Sócrates e Leonardo da Vinci. Tamén participou en accións de cooperación de España con varios países iberoamericanos en materia de alfabetización, educación especial e formación técnico-profesional. Coordinou o Informe da OCDE sobre a Educación de Adultos en España.
Coa volta do Partido Popular de Galicia ao goberno da Xunta, o novo conselleiro de Educación Xesús Vázquez Abad propúxoo novamente como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,[1] cargo do que tomou posesión o 26 de abril de 2009 e que desempeñou ata o 15 de xuño de 2012, cando foi substituído por Manuel Corredoira López[2][3]. A partir desa data, e logo de retomar por un breve período o seu posto na Inspección Educativa na cidade da Coruña, pasou a exercer o cargo de Conselleiro de Educación e Ciencia na Embaixada de España en Bélxica, ata abril de 2017, cando foi nomeado Conselleiro de Emprego na Embaixada de España en Buenos Aires.[4][5]
Nos cambios políticos que sucederon ao inicio do curso da COVID-19 foi nomeado inicialmente secretario xeral de Educación e Formación Profesional en setembro de 2020,[6] e logo director xeral de Formación Profesional, ata maio de 2022, cando Mira Lema presentou a súa dimisión no cargo, xunto con todo o seu equipo, e regresou ao seu posto no Servizo de Inspección Educativa da Coruña.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Redacción (24 de abril de 2009). "El cabanés José Luis Mira es el primer alto cargo de la zona de la nueva Xunta". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 11 de setembro de 2020.
- ↑ "José Luis Mira cesa como director xeral de Educación y será sustituido por Manuel Corredoira". Europa Press. 14 de xuño de 2012.
- ↑ Portal da Transparencia Arquivado 22 de outubro de 2020 en Wayback Machine.. Ficha de Manuel Corredoira López, que sucedeu a Mira Lema na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
- ↑ Datos de Mira Lema no directorio da web da Embaixada de España en Bélxica Arquivado 07 de abril de 2017 en Wayback Machine..
- ↑ Redacción (29 de abril de 2017). "José Luis Mira y Luis de la Vallina, consejeros de Empleo y Seguridad Social en Buenos Aires y Berna". cronicasdelaemigracion.com (en castelán). Consultado o 11 de setembro de 2020.
- ↑ Redacción (10 de setembro de 2020). "Román Rodríguez descabeza a cúpula da Consellaría de Educación". nosdiario.gal. Consultado o 11 de setembro de 2020.
- ↑ Carreira, S. (2022). "Dimite el responsable de la FP gallega". En La voz de Galicia. 6 de outubro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Currículo de J. L. Mira Lema. Arquivado 09 de marzo de 2016 en Wayback Machine. El Correo Gallego.
- "Un biólogo y un químico, nuevos directores generales de Educación",a rtigo en El País, 5 de xuño de 2000 (en castelán).
- Sociedad Española de Pedagogía Arquivado 06 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. Entrevista con J. L. Mira Lema. Xullo de 2001
- Inauguración da Xornada As ensinanzas superiores de música e artes escénicas, na web do CCG, 10 de febreiro de 2011. Inclúe fotografía.