Juan Couto Sanjurjo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 31 de xaneiro de 1917 Ardemil, España |
Morte | 12 de outubro de 1999 (82 anos) Buscás, España |
Outros nomes | Simeón |
Actividade | |
Ocupación | maquis |
Membro de | |
Carreira militar | |
Conflito | guerra civil española |
Juan Couto Sanjurjo, Simeón, nado en Ardemil (Ordes) o 31 de xaneiro de 1917 e finado en Buscás o 12 de outubro de 1999, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Actuou como enlace e ao ser descuberto pola Garda Civil, botouse ao monte en xaneiro de 1946, incorporándose ao destacamento Manuel del Río Botana dirixido por Manuel Ponte. Participou no asalto a un tren cargado de armamento na liña A Coruña-Santiago de Compostela. Foi reclamado polo Xulgado Militar da Coruña en setembro de 1946.[1] Perdeu o ollo dereito ao recibir unha perdigoada nunha refrega con veciños de Oíns (Arzúa) o 6 de decembro de 1946. Logrou escapar, con Emilio Pérez Vilariño, no enfrontamento de Fontao onde foron asasinados Manuel Ponte Pedreira, Manuel Díaz e Manuel Rodríguez Suárez o 15 de maio de 1947. Tamén escapou da caída da V Agrupación.
Cando capturaron a Benigno Andrade García en marzo de 1952, estaba enfermo oculto noutro lugar, o que lle permitiu escapar da detención. Foi detido en Visantoña (Mesía) o 22 de xuño de 1952 despois de que os seus dous compañeiros, Manuel Ramiro Souto e José Galán Núñez morresen resistindo á Garda Civil que rodeaba a casa onde estaban agochados.[2] Xulgado en consello de guerra o 6 de xullo de 1953 acusado de participar no asasinato do cura de Viós (Abegondo), foi condenado á pena de morte, que foi conmutada por cadea perpetua. Pasou polas cadeas da Coruña, onde coincidiu con Foucellas, Dueso en Santoña (5 anos), Alcalá de Henares (3 anos), Carabanchel e Guadalajara. Foi posto en liberdade en 1963, e instalouse na Coruña. Finou en Buscás o 12 de outubro de 1999.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martínez, Lupe (2007). Coa man armada. "Ejercito Guerrillero de Galicia" -IV Agrupación- 1946 - 1948. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-8341-166-7.
- Martínez, Lupe (2023). Guerrilleir@s antifranquistas da provincia da Coruña. Vigo: Galaxia. pp. 170–174. ISBN 978-84-1176-172-7.
- Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. p. 52. ISBN 84-8485-231-8.