Juan de Lángara
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1736 A Coruña, España |
Morte | 18 de xaneiro de 1806 (69/70 anos) Madrid, España |
Actividade | |
Ocupación | explorador, matemático, oficial da armada |
Carreira militar | |
Lealdade | España |
Rama militar | Armada Española |
Rango militar | Capitán Xeneral da Real Armada Española |
Conflito | Guerra dos Sete Anos |
Familia | |
Pai | Juan de Lángara y Aritzmendi |
Descrito pola fonte | Enciclopedia militar Sytin |
Juan Cayetano de Lángara y Huarte (A Coruña 1736 - Madrid, 18 de xaneiro de 1806), fillo do mariñeiro Juan de Lángara y Aritzmendi, foi un mariñeiro, militar, matemático e cartógrafo galego que exerceu o cargo de Ministro de Mariña e de Director Xeral da Armada baixo o reinado de Carlos IV.
Vida
[editar | editar a fonte]Xuventude
[editar | editar a fonte]Comezou como gardamarina en Cádiz o 1 de maio de 1750 aos 14 anos de idade, sorprendendo aos seus superiores polas súas capacidades e dedicación foi proposto por Jorge Juan, por entón capitán da Compañía e director de estudos, para que ampliara os seus estudos de matemáticas en París.
Ao seu regreso, comezou a súa carreira na mariña navegando polas costas de España e África. Máis tarde, e ao mando do navío mercante El Buen Consejo e as fragatas de guerra Venus e Santa Rosalía, fixo tres viaxes ás Filipinas entre os anos 1766 e 1771. Nestas travesías pon en uso os adiantos na arte do pilotaxe. No ano 1773 ao mando da Venus, e de camiño a Manila, nunha noite de lúa ocorréuselle a posibilidade de determinar a lonxitude pola distancia dese astro a unha estrela.
En 1775 o Vicerrei do Perú Manuel Amat y Juniet enviouno a Tahití dende O Callao ao mando de El Águila, evacuando a misión española na illa e retornando ao Perú.
Servizos científicos
[editar | editar a fonte]Por aquel entón existía unha gran pugna científica entre as nacións europeas. No ano 1774 Lángara recibe a orde de efectuar prácticas e experimentos coa fragata Santa Rosalía. Esta expedición científica tiña como fin poñer en práctica no mar tódalas observacións, métodos e adiantos da física, a astronomía e a arte de navegar, ciencias que viñan de alcanzar un grado de perfeccionamento do que desconfiaban os mariñeiros, exclusivamente prácticos. Lángara navegou durante seis meses polo Atlántico corrixindo erros das cartas náuticas. Nesta expedición ían como auxiliares: José de Mazarredo, Juan Ruiz de Apodaca, Varela e Alvear.
Misión no Atlántico
[editar | editar a fonte]No ano 1776, ao mando do navío Poderoso, buque insignia de Francisco Javier Everardo-Tilly, Marqués de Casa-Tilly, participou na expedición contra as colonias portuguesas do Brasil e para conquistar a Colonia del Sacramento. Tomou parte na conquista da illa de Santa Catarina, ao sur do Brasil. Interveu no control e a vixilancia das fronteiras, detendo as incursións lusitanas e establecendo o bloqueo ata lograr a capitulación da praza. Tamén estivo presente na defensa da illa Martín García.
En 1779, declarada a guerra a Gran Bretaña, permaneceu polas inmediacións das illas Terceiras ao mando dunha división composta polos navíos Poderoso e Leandro e dúas fragatas. Pese a duros temporais que supuxeron o naufraxio do navío principal Poderoso, do cal so puido salvar á tripulación nas fragatas grazas ao atino das súas decisións, mantivo activa a división coa cal apresou a fragata corsaria británica Wincheon sobre a illa de Santa María. Foi ascendido a xefe de escuadra o 11 de decembro de 1779.
Batalla do Cabo de San Vicente
[editar | editar a fonte]O 14 de xaneiro de 1780, ao mando dunha escuadra composta por once navíos e dúas fragatas, sostivo un combate preto do Cabo de San Vicente contra forzas británicas ao mando do almirante Sir George Rodney, formadas por 21 navíos e 10 fragatas. Ante a desigualdade da contenda, Lángara tentou eludir o combate pero Rodney procurou forzalo a manobrar apoiado na superioridade tecnolóxica dos buques británicos. Juan de Lángara mantivo dende o buque Real Fénix un choque contra varios navíos inimigos á vez, caendo entre mortos e feridos máis da terceira parte da dotación do navío insignia. O mesmo xefe de escuadra foi ferido de gravidade. Os británicos designan esta contenda como a batalla do luar por terse combatido dende as 16:00 ata as 2:00 do día seguinte.
É curioso o acontecido co San Julián, que unha vez dominado polos británicos embarrancou na costa a causa do día tormentoso, e os captores tiveron que pedir axuda aos cativos españois, que non llela deron senón a condición de que os británicos se volvesen prisioneiros, dándose o caso de que o buque entrou en Cádiz levando cativos os seus mesmos vencedores.
A pesar da derrota sufrida foi tal o comportamento de Lángara que, a pesar do recente do seu anterior ascenso promovéuselle ao grado de tenente xeneral o 3 de febreiro de 1781.
Mando da escuadra
[editar | editar a fonte]En 1783 déuselle o mando da escuadra que tiña de unirse con outra francesa para a conquista de Xamaica, pero téndose firmado a paz con Gran Bretaña quedou sen realizarse a misión.
Dez anos despois decláraselle a guerra á República Francesa e dáselle a Lángara o mando da escuadra do Océano, formada por 18 navíos; tendo como buque insignia o Reina Luisa. Con ela operou no Mediterráneo e, en conxunto coa escuadra británica de Sir Samuel Hood, tomou o porto de Tolón co seu arsenal. Unha vez sendo imposíbel manter a conquista evacúa Tolón e participa na defensa de Rosas e captura a fragata Ifigenia.
Director da Armada
[editar | editar a fonte]En 1795, compaxinando co cargo comandante principal dos batallóns de mariña, foi nomeado Capitán Xeneral do departamento de Cádiz.
No ano 1796 foi designado Ministro de Mariña e dous anos máis tarde, sen cesar no cargo, ascendeu a Capitán Xeneral da Real Armada e foi nomeado Director Xeneral. Retirouse en 1799.
Condecoracións e distinción
[editar | editar a fonte]Lángara foi Cabaleiro da Orde de Calatrava e Cabaleiro da Orde de Carlos III. Co grao de Capitán Xeneral ocupou unha praza efectiva no Consello de Estado.
Matrimonio
[editar | editar a fonte]Casou en 1758 con María Lutgarda de Ulloa, Marquesa do Real Transporte e da Victoria, filla do tamén mariñeiro Antonio de Ulloa.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Juan de Lángara |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Court of King's Bench, Baron Sylvester Douglas Glenbervie. Reports of Cases Argued and Determined in the Court of King's Bench: 19th–21st 1778–1781 years of the reign of George III
- Gardiner, Robert. Fleet Battle and Blockade, The French Revolutionary Wars (2001) ISBN 1-84067-363-X
- Francisco José Díaz y Díaz y Luis Alberto Gómez Muñoz, Biografías de los Grandes Marinos al servicio de España (1999).
- A. Saarinen, The Moonlight Battle or Battle off Cabo Santa María – 16 January 1780 (2003, TBA).
- John D. Harbron Trafalgar and the Spanish Navy (1988).