June Carter Cash
Valerie June Carter Cash, nada en Maces Spring (Virxinia) o 23 de xuño de 1929[1] e finada en Nashville o 15 de maio de 2003,[2] foi unha cantante compositora, actriz, cómica e filántropa estadounidense. Tocaba a guitarra, o banxo e a autoarpa. Carter Cash gañou cinco premios Grammy e foi incluída no Salón da Fama da Música Cristiá en 2009.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]June Carter Cash naceu como Valerie June Carter en Maces Spring, Virxinia, filla de Maybelle Carter (de solteira Addington) e Ezra Carter. Os seus pais eran intérpretes de música country e comezou a actuar con Carter Family desde os dez anos en 1939. En marzo de 1943, xunto coa súa nai e as súas irmás Helen e Anita formaron o grupo Mother Maybelle and the Carter Sisters. A pesar de non posuír o talento vocal das súas irmás desenvolveu un don especial para a comedia.[4]
En 1950 integrouse no grupo Opry, formado por diversos artistas que facían xiras. Alí a familia fíxose amiga de Hank Williams, Elvis Presley e Johnny Cash, con quen comezou a establecer unha complicada relación. Coa súa complexión delgada, June con frecuencia optaba polas actuacións cómicas do grupo, ao lado de estrelas como Faron Young e Webb Pierce.
Casou tres veces, primeiro co cantante de honky tonk Carl Smith o 9 de xullo de 1952, de quen se divorciou en 1956. Tiveron unha filla, Rebecca Carlene Smith.[5] O 11 de novembro de 1957 casou co camioneiro Edwin «Rip» Nix, con quen tivo outra filla, Rozanna (Rosie Nix Adams). Divorciáronse en 1966. Ambas as dúas fillas son cantantes.
Naqueles momentos June e a súa familia actuaban frecuentemente con Johnny Cash. En 1968 Cash pediulle matrimonio publicamente durante un concerto e casaron o 1 de marzo en Franklin, Kentucky.[6] A parella tivo un fillo dous anos máis tarde, John Carter Cash, tamén cantante e compositor. A relación entre June e Johnny foise vendo afectada pola caída de Cash na drogadicción e o alcoholismo, dos que logrou recuperarse grazas á axuda de June e da súa familia.
En 1997 participou como actriz no filme The Apostle, de Robert Duvall.
June faleceu o 15 de maio de 2003 en Nashville (Tennessee), polas complicacións que seguiron a unha operación a corazón aberto.[2] O seu marido faleceu tan só catro meses máis tarde e a súa filla Rosie un mes despois que Johnny Cash. Os tres foron enterrados xuntos nos Hendersonville Memory Gardens preto do seu fogar en Hendersonville, Tennessee.[7]
O seu último álbum, Wildwood Flower, lanzouse postumamente en 2003 e gañou dous premios Grammy.[8] Contén extractos da filmación das sesións de gravación que tiñan lugar na propiedade familiar dos Carter en Hiltons, Virxinia.
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums en solitario
[editar | editar a fonte]- Appalachian Pride (1975)
- It's All in the Family (1999)
- Wildwood Flower (2003)
- Louisiana Hayride (2003)
- Keep on the Sunny Side: June Carter Cash - Her Life in Music (2005)
- Church in the Wildwood: A Treasury of Appalachian Gospel (2005)
- Ring of Fire: The Best of June Carter Cash (2005)
- Early June (2006)
Álbums con Johnny Cash
[editar | editar a fonte]- Carryin' On with Johnny Cash and June Carter (1967)
- Johnny Cash and His Woman (1973)
- Johnny & June (1978)
- Return to the Promised Land (2000)
- 16 Biggest Hits: Johnny Cash & June Carter Cash (2006)
- June Carter and Johnny Cash: Duets (2006)
Legado
[editar | editar a fonte]En 2003, Country Music Television incluíu a Carter na súa lista das "40 mellores mulleres da música country".[9]
June Carter foi interpretada por Reese Witherspoon en Walk the Line, unha película biográfica de 2005 de Johnny Cash (interpretado por Joaquin Phoenix). A película centrouse en gran medida no desenvolvemento da súa relación ao longo de 13 anos, desde o seu primeiro encontro até a aceptación da súa proposta de matrimonio. Witherspoon interpretou todas as voces para o papel, cantando moitas das famosas cancións de June, incluíndo "Juke Box Blues" e "Jackson" con Phoenix. Witherspoon gañou un Óscar, un Globo de Ouro, un BAFTA e un premio do Sindicato de Actores á mellor actriz no papel.[10]
A música e actriz Jewel interpretou a June Carter Cash no telefilme Ring of Fire, que se estreou en maio de 2013. A película está baseada nas memorias de John Carter Cash, Anchored in Love: An Intimate Portrait of June Carter Cash.[11]
June foi interpretada por Erin Beute na película para televisión de 2019 Patsy & Loretta.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Root dig - June Carter Cash in the 1930 US Census". marzo de 2007. Arquivado dende o orixinal o 21/09/2013. Consultado o 21/01/2022.
- ↑ 2,0 2,1 Ratliff, Ben (16 de maio de 2003). "June Carter Cash, a Fixture In Country Music, Dies at 73". The New York Times (en inglés) (Nova York). ISSN 0362-4331. Consultado o 22 de novembro de 2020.
- ↑ "Awards". Christian Music Hall of Fame and Museum. 2009. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2012. Consultado o 15 de abril de 2013.
- ↑ Bufwack, Mary (1998). Kingsbury, Paul, ed. The Encyclopedia of Country Music - Carter Sisters. New York: Oxford University Press. p. 85.
- ↑ "Marriage - Johnny Cash and June Carter Cash" (profile). About. Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2008. Consultado o 21 de xaneiro de 2022.
- ↑ Downey, Ryan J. Country Star June Smith First Wife Carl Smith 73. MTV.com. 2003-05-15. Arquivado 09 de decembro de 2010 en Wayback Machine.
- ↑ "Cash Buried Near Nashville". Fox News (en inglés). 2003-09-15. Consultado o 2018-01-24.
- ↑ "Artists - June Carter Cash" (biography). CMT.
- ↑ Staff 28/8/2002, CMT com. "Anunciaron as 40 mellores mulleres". CMT News. Consultado o 2020-10-04.
- ↑ "Premios por Walk the Line". IMDb.
- ↑ "Jewel Will Play June Carter. Cash in TV Movie" (en inglés). 6 de maio de 2012. Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2012. Consultado o 28 de maio de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: June Carter Cash |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carter Cash, June (1979). Among my klediments (en inglés). Grand Rapids, MI: Zondervan Pub. House. ISBN 0-310-38170-3. OCLC 4774556.
- Dawidoff, Nicholas (1998). In the country of country (en inglés) (First Vintage Books edition ed.). Nova York. ISBN 0-375-70082-X. OCLC 39356848.
- Zwonitzer, Mark; Hirshberg, Charles (2002). Will you miss me when I'm gone?: the Carter Family and their legacy in American music (en inglés). Nova York: Simon & Schuster. ISBN 978-0-684-85763-3. OCLC 49225763.
- "A Brief History of My Family and an Autobiographical Sketch of My Musical Life", Carl P. McConnell, 24 de xaneiro de 1976
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial
- MoreThings June Carter e Johnny Cash
- Yahoo! Music
- A.P. Carter Museum
- Entrevista de June Carter con Johnny Carson