Saltar ao contido

Kallocaína

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Kallocaína
Título orixinalKallocain
Autor/aKarin Boye
OrixeSuecia
LinguaSueco
Xénero(s)Novela, ciencia ficción, distopía
Editorial Albert Bonniers Förlag
Galicia Editorial Hugin e Munin
Data de pub. 1940
Galicia 2015
Páxinas188
ISBN 978-0299038946
Galicia 978-84-943230-4-1
TraduciónMarta Dahlgren
editar datos en Wikidata ]

Kallocaína[1] é unha novela distópica en lingua sueca escrita pola autora escandinava Karin Boye e publicada en 1940 por Albert Bonniers Förlag co título orixinal de Kallocain. Describe un mundo futuro de terror cotián a través dos ollos do químico Leo Kall, científico que traballa nun Estado Mundial totalitario. Foi traducida ao galego por Marta Dahlgren,[2] e publicada por Editorial Hugin e Munin en 2015.[1][3]

A obra resultou gañadora do XV premio Plácido Castro, fallado en xuño de 2016.[4]

Leo Kall vive coa súa muller Linda Kall nunha cidade adicada á industria química. Leo é un científico leal ao sistema político, e desenvolve unha droga da verdade á que dá nome, a kallocaína. A droga causa o efecto de facer que as persoas revelen calquera información, mesmo pensamentos dos cales non son conscientes.

No desenvolvemento da droga Leo é levado a comisarías para contrastar o seu uso en acusados por traizón. Descobre así que existe unha rede de persoas contrarias ao réxime, individualistas e civilistas e partidarias da cultura existente antes da imposición do Estado Mundial.

Ao cabo, cando Leo decide evadirse e saír á superficie para liberar a súa curiosidade, é capturado por militares do Estado Universal, en guerra contra o Estado Mundial ao que pertencía.

Narración

[editar | editar a fonte]

O relato está escrito en primeira persoa polo propio Leo Kall desde o seu cativerio, como memorias. Un dos aspectos importantes na novela son as relacións e conexións entre os distintos personaxes, como o matrimonio con Linda e os sentimentos de celos, así como as suspicacias nunha sociedade con forte servilismo e incerteza legal.

O tratamento do tema da droga da verdade ligado á subordinación de cada cidadán ao Estado aparece tamén na obra Un feliz mundo novo de Aldous Huxley (1932), outra obra na que a farmacoloxía é usada para a submisión das persoas. Porén, mentres que na novela de Huxley a droga é usada para eliminar a necesidade da inconformidade xeral, en Kallocaína a droga é usada para detectar actos individuais e propósitos de rebelión.

Aparecen tratados os temas da individualidade nun estado totalitario, o sentido da vida e o poder do amor.

A obra desenvólvese principalmente no laboratorio de Leo Kall, así como no seu domicilio.

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

Kallocain foi traducida a máis de dez linguas. En 1981 Hans Abramson dirixiu unha adaptación a miniserie para televisión.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • John Hickman. "When Science Fiction Writers Used Fictional Drugs: Rise and Fall of the Twentieth-Century Drug Dystopia". Utopian Studies Vol. 20, No. 1, pp. 141–170. (2009)