Petróglifos de Mogor
Aparencia
(Redirección desde «Labirinto de Mogor»)
Os Petróglifos de Mogor, entre os que destaca o Labirinto de Mogor, son unha estación rupestre situada no lugar do Monte, na parroquia de Mogor, no concello de Marín, provincia de Pontevedra.
Descrición
[editar | editar a fonte]Componse de tres conxuntos de gravados rupestres visibles, aínda que existiron na zona sete pedras con gravados, entre eles algúns dos escasos labirintos atopados de momento en Galiza.
Os tres conxuntos de gravados rupestres de Mogor son os seguintes:
- A Pedra do Labirinto é un penedo de forma alongada, de 5 m x 1,5 m, no que se ven uns sucos anchos e profundos arredor dunha coviña e cuns apéndices na parte superior. No resto da superficie da rocha hai máis combinacións circulares con coviña no centro e círculos sinxelos, máis superficiais que o anterior. O motivo do labirinto é atípico no conxunto da arte rupestre galega, coñecéndose só cinco exemplos, todos eles na provincia de Pontevedra.
- A Pedra dos Campiños é outro penedo chan no que os gravados son máis coidados e os sucos menos profundos. Este labirinto carece da coviña central e dos apéndices. O labirinto está moi borroso e desgastado, polo que só pode percibirse baixo determinadas condicións de luz. A rocha está fendida, o que afectou levemente ao suco superior do labirinto.
- Na Laxe dos Mouros vense claramente vinte e tres combinacións circulares ligadas por liñas curvas, multitude de coviñas, dúas combinacións pseudo-labirínticas, catro círculos sinxelos e un cérvido (aínda que este último case imperceptíbel). Antigamente esta laxe era coñecida polo nome de "Pedra da moura encantada".
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de petróglifos de Mogor
-
Detalle da Laxe dos Mouros
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Petróglifos de Mogor |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carballo Arceo, Xulio (xullo de 2006). Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Nigra Trea. ISBN 84-95364-40-9.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web do Concello de Marín, con máis información.
- Páxina web sobre Marín cun apartado dedicado os petróglifos de Mogor.