Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), é un dos catro centros pertencentes ó proxecto da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. Dedicado á arte rupestre ao ar libre, está situado no concello de Campo Lameiro e abrangue 22 hectáreas con numerosos petróglifos de gran valor arqueolóxico e histórico, sendo varios deles Ben de Interese Cultural.
Historia
[editar | editar a fonte]O proxecto de creación do PAAR foi iniciado no 2002, coa presentación dun concurso de anteproxectos por parte do goberno de Manuel Fraga[1]. A súa construción comezou no 2007, durante o goberno bipartito[2], e inaugurouno o 6 de xullo do 2011 o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo[3].
Características do parque
[editar | editar a fonte]Os gravados repártense entre os sitios de Paredes, Parada e Santo Isidro, Painceiros, As Fragas, A Lagoa / Fentáns e Caneda, sendo relativamente sinxelos de visitar. O parque comprende nove estacións rupestres cunha vintena de rochas gravadas nuns tres quilómetros de largura. En 1974 foron declarados Monumentos Histórico-Artísticos, e toda a área foi declarada Zona Arqueolóxica o 20 de xuño do 2002.[4]
O parque inclúe a reconstrución dun poboado da Idade de Bronce, un centro de interpretación con 5.000 m², que conta con salas de proxección, exposicións, biblioteca e fondos.
Os petróglifos
[editar | editar a fonte]Os petróglifos do lugar inclúen deseños xeométricos (cruces, círculos concéntricos, coviñas...) e naturalistas (cervos, cabalos, serpes...) propios da arte rupestre galega (que inclúe o Norte de Portugal) e que se integran dentro do grupo da vertente atlántica europea. No sitio pódense ollar algún dos petróglifos mellor conservados do Grupo Galaico de Arte Rupestre.
As súas principais estacións son:
- Laxe da Forneiriña, na que se pode ver a figura dun grande animal, xunto con diferentes representacións de cervos e círculos.
- Laxe dos Carballos é un conxunto cuxo interese se centra na figura dun gran cervo hastado, que ademais conta coa infrecuente particularidade de que ten marcados os ollos e a boca. As súas patas adiantadas poden dar a idea de que estea tombado, o cal, xunto con que ten un gran número de lanzas cravadas no lombo, serían sinal de castigo ou morte. Ademais ten unha marca arredor do pescozo: ou ben atáronlle unha corda, ou ben como marca de dominación na caza, ou ben como cambio de cor na pelaxe. Xunto a este aparecen, entre outros gravados, combinacións circulares, aliñacións de coviñas ou outros cervos máis pequenos (dous deles debaixo do grande, tamén hastados).
- Outeiro dos Cogoludos ten gravadas un bo número de figuras de suco moi visíbel, largo e fondo. Na banda dereira óllanse tres xinetes de a cabalo, dispostos verticalmente, mentres que na esquerda hai un gran panel con figuras de círculos concéntricos. Tamén aparecen un ídolo e varios cervos, entre outras manifestacións.
- Outeiro das Ventaniñas presenta os gravados máis sinxelos desta área e representan varias formacións circulares.
- Fonte da Pena Furada conta con varias pedras con gravados de cervos e círculos concéntricos. De especial importancia é o cervo hastado ao que se lle ten representado a boca e mailos ollos no mesmo plano.
- Outeiro da Pena Furada é o único conxunto deste ámbito que conta con figuras labirínticas e na súa proximidade hai outros gravados.
- Laxe dos Cabalos consta de varias pedras gravadas con figuras de cervos e combinacións circulares. Salienta a que dá orixe á zona e que está formada por dous cabalos con cadanseus xinetes, dando a impresión de que están a disputar unha carreira.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "O parque da arte rupestre: concebido por Fraga, inaugurado por Feijóo". Galicia Confidencial. 20 de marzo de 2009.
- ↑ "O Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro estará aberto en 2009". Vieiros. 20 de decembro de 2006.
- ↑ Ramón Escuredo (7 de xullo de 2011). "Galicia inaugura el parque arqueológico de referencia mundial". El Correo Gallego.
- ↑ O PAAR na web de Patrimonio Cultural Galego da Xunta de Galicia[Ligazón morta]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carballo Arceo, Xulio (xullo de 2006). Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Nigra Trea. ISBN 84-95364-40-9.