Saltar ao contido

Maragota

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Labrus bergylta»)
Maragota, pinto
Labrus bergylta

Maragota (arriba) e pinto (debaixo)
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Suborde: Percoidei
Superfamilia: Percoidea
Familia: Labridae
Xénero: Labrus
Especie: L. bergylta
Nome binomial
Labrus bergylta
Ascanius, 1767
Sinonimia
Véxase o texto

A maragota,[2] Labrus bergylta, é un peixe osteíctio mariño da orde dos perciformes, suborde dos percoideos, superfamilia dos perocideos e familia dos lábridos,[3][4] unha das 4 especies integradas no xénero Labrus, segundo o WoRMS e a FishBase, ou as 17, segundo o ITIS.[5]

Esta especie presenta dúas variedades con distintas coloracións, parda verdosa na maragota e vermella alaranxada con pintas brancas na coñecida popularmente nalgúns portos de Galicia e nos mercados como pinto.[6]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1767 polo zoólogo noruegués Peter Ascanius, no seu traballo Icones rerum naturalium, ou figures enluminées d'histoire naturelle du Nord, editado en Copenhagen.[3][4]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome válido actualmente, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[3][4]

  • Crenilabrus multidentatus Thompson, 1837
  • Labrus balanus Fleming, 1828
  • Labrus ballan Bonnaterre, 1788
  • Labrus ballan Walbaum, 1792
  • Labrus ballanus Shaw, 1803
  • Labrus berggylta Ascanius, 1767 (ortografía incorrecta)
  • Labrus comber Bonnaterre, 1788
  • Labrus comber Walbaum, 1792
  • Labrus donovani Valenciennes, 1839
  • Labrus maculatus Bloch, 1792
  • Labrus neustriae Lacepède, 1801
  • Labrus nubilus Valenciennes, 1843
  • Labrus reticulatus Lowe, 1839
  • Labrus variabilis Thompson, 1837

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Labrus bergylta vive en augas costeiras, en fondos de 1 a 20 m, sobre rochas e algas,[7] podendo chegar ás veces até os 50,[8] ou os 60 cm.[7] Os individuos novos a miúdo atópanse na zona intermareal.[9]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Pódese encontrar no Atlántico oriental, onde é moi común, desde Noruega até Marrocos,[8] incluíndo Madeira, Azores e Canarias, e no Mediterráneo occidental, con informes dubidosos no Mediterráneo, Adriático e o mar de Mármara, onde adoita confundirse con Labrus merula.[9]

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

As principais características morfolóxicas de Labrus bergylta son as seguintes:[7][10][11][12]

Maragota
  • Corpo ovalado, cuberto de escamas relativamente grandes e duras, xeralmente con menos de 50 (de 42 a 48) na liña lateral. É o lábrido de maior tamaño, podendo acadar os 60 cm de lonxitude e os 3 kg de masa corporal (no caso dos pintos), aínda que os espécimes pescados miden normalmente entre os 30 e os 50 cm.
  • A coloración é moi variábel (recórdese o dito sobre a maragota e o pinto no encabezamento deste artigo).
  • Cabeza de bo tamaño, con boca pequena con labios grandes, protuberantes. Ambos os maxilares están armados de grandes dentes cónicos separados os uns dos outros.
  • A porción branda da aleta dorsal (con até 10 raios) é máis alta cá espiñenta (constituída por uns 21 raios) e ten fórmula de lóbulo de contorno arredondado.
  • A porción branda da aleta anal (cuns 10 raios) é máis alta cá espiñenta (con tres raios), e tamén presenta esa lobulación.
  • A aleta caudal ten a marxe posterior pouco arredondada, case recta.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Os datos da súa bioloxía son:[7][10][11][13][14][15][16][17]

Nas costas atlánticas medias estes peixes atópanse escondidos baixo algas ou en buratos. Non son demasiado bravos e si curiosos, o que os fai vulnerábeis aos pescadores submarinos. Son extremadamente sedentarios (non se desprazan máis de 1 000 m ao día), e son moi fieis ao seu territorio, que non abandonan en todo o ano.

Detalle da cabeza dun pinto

Aliméntanse principalmente de pequemos crustáceos e moluscos (mexillóns en especial) que trituran cos seus dentes. Os ourizos tamén forman parte importante da súa dieta, así como as algas e as miñocas. Os grosos labios e os afiados dentes cónicos frontais son unha adaptación para extraeren mariscos das rochas, e compleméntanse con potentes dentes farínxeos situados máis atrás, na garganta, que poden romper as cunchas para accederen á carne do interior.

Reprodúcense na primavera, de marzo a abril. No momento da desova os machos dominan un pequeno territorio a onde acudirán as femias, e constrúen un niño con algas, onde as femias poñen de 500 a 3 000 óvulos, que son custodiados, e fecundados polos machos. Os machos defenden o niño até que os óvulos eclosionan en larvas peláxicas ao cabo de unha ou dúas semanas. Os individuos xuvenís presentan unha coloración críptica, que coincide co seu hábitat, e que varía do verde claro ao verde escuro, e algúns se describiron como de cor verde esmeralda brillante. Son hermafroditas e, ao naceren, son todos femias. Alcanzan a madurez sexual aos dous anos de vida, e o cambio de sexo prodúcese entre os 4 e os 14 anos, cando algúns transfórmanse en machos. Os peixes máis grandes desta especie son case sempre machos.

Interese pesqueiro e comercial

[editar | editar a fonte]

En Galicia, o pinto e a maragota teñen fama de seren peixes espiñentos e, polo tanto, pouco apreciados; porén a maragota substitúe con frecuencia ao abadexo e ao bacallau fresco. Péscase en litorais rochosos e pouco profundos, xeralmente en augas limpas, capturándose ao trasmallo,[15] con liña, con cana polos pescadores deportivos, sendo tamén unha peza moi cobizada polos practicantes da pesca submarina.[18]

Porén, esta especie é popular como peixe para a alimentación humana nas illas Orcadas e en Galway,[19] aínda que non é moi considerado en gran parte do Reino Unido e Irlanda.[14]

Nos últimos anos converteuse nun popular obxectivo de captura para os pescadores deportivos que usan aparellos de pesca lixeiros.[14][20]

Tamén se usa para eliminar os parasitos do salmón de granxa en Noruega,[21] técnica que tamén se está a desenvolver en Escocia.[22][23]

Así mesmo, a especie tamén se pode encontrar nos comercios de peixes de acuario.[13]

En Galicia

[editar | editar a fonte]

A primeira cita da presenza desta especie en augas galegas débese a José Cornide Saavedra, na súa obra Ensayo de una historia de los peces y de otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo[24], publicada en 1788, onde aparece citada como Labrus pavo e L. guaza.[25]

A maragota e o pinto son uns dos principais obxectivos da frota artesanal e dos pescadores deportivos de practicantes da pesca submarina galegos e cuxas capturas anuais conxuntas alcanzan as 300 toneladas.[6]

No ano 2013 publicouse un estudo realizado por membros do grupo de Ecoloxía Pesqueira do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo, que, durante tres anos e baixo a coordinación do investigador Fran Saborido analizaron a bioloxía, a ecoloxía e o comportamento de máis de 1 500 individuos de pinto, maragota e abadexo, nos seus movementos polo Parque Nacional das Illas Atlánticas e, en concreto, no canal das illas Cíes dentro do proxecto Artevigo, con financiamento da Xunta de Galicia e a participación do Instituto Mediterráneo de Estudios Avanzados (Imedea). O proxecto, que deu lugar tamén lugar á tese de doutoramento do investigador David Villegas, permitiu contrastar que contra a estendida crenza de que pinto e maragota son o mesmo coa cor como única diferenza, pertencen á mesma especie (Labrus bergylta) aínda que son diferentes. Ambos son hermafroditas —nacen femias e contra os 10 anos cambian de sexo—, pero teñen diferenzas biolóxicas significativas, entre elas o tamaño ao que se produce o cambio de sexo —36 cm para a maragota e 47,2 cm para o pinto— e o seu patrón de crecemento, xa que o pinto alcanza maior tamaño.[6]

Nomes galegos

[editar | editar a fonte]

O nome máis corrente é maragota compartido co portugués, e que esporadicamente pode aplicarse a outros lábridos, aínda que en xeral con determinante diferenciador. Outros son: bicuda (dito máis da pequena), botúa, ferrola, martela (a pequena), pinto e vello (cfr. francés vieille). Bodión ou budión son tamén sinónimos nalgúns portos, pero que se aplica de xeito máis xeral a outro lábrido, o Labrus merula.[26]

A designación maragota en castelán é probablemente un préstamo galego ou portugués. O étimo non está claro.[27]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) non hai ameazas importantes coñecidas para esta especie o que, unido a que está moi estendida no Atlántico nordeste, fai que o seu status se cualifique como LC (pouco preocupante).[1]

  1. 1,0 1,1 Pollard, D. (2010): Labrus bergylta na Lista vermella da UICN. Versión 2020-2. Consultada o 1 de agosto de 2020.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para maragota.
  3. 3,0 3,1 3,2 Labrus bergylta Ascanius, 1767 no WoRMS.
  4. 4,0 4,1 4,2 Labrus bergylta Ascanius, 1767 no GBIF.
  5. Labrus, Linnaeus, 1758 no ITIS.
  6. 6,0 6,1 6,2 P.p. (23 de maio de 2013). "Pinto y maragota desvelan su vida". Faro de Vigo. Consultado o 1 de agosto de 2020. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Rodríguez Villanueva & Vázquez 1999, p. 180.
  8. 8,0 8,1 Bauchot & Pras 1982, p. 307.
  9. 9,0 9,1 Quignard, J.-P. & A. Pras (1986): "Labridae". pp. 919-942. In P. J. P. Whitehead, M.-L.: Bauchot, J.-C.; Hureau, J.: Nielsen & E. Tortonese, (ds.) Fishes of the north-eastern Atlantic and the Mediterranean. Vol 2. París: UNESCO.
  10. 10,0 10,1 Rodríguz Solórzano, Devesa & Soutullo 1983, p. 129.
  11. 11,0 11,1 Muus et al. 1998, p. 202.
  12. Estévez, Xosé Manuel, Maragota, s.v., in Gran Enciclopedia Gallega, t. XX.
  13. 13,0 13,1 Froese, Rainer & Pauly, Daniel, eds. (2006): "Labrus bergylta" in FishBase.
  14. 14,0 14,1 14,2 "Wrasse". BritishSeaFishing. 23 de novembro de 2013. Consultado o 3 de agosto de 2020. 
  15. 15,0 15,1 Guía do consumidor de peixe fresco, Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, sen data (pero editado en 1999), p. 101.
  16. Alwyne Wheeler (1997): The Pocket Guide to Salt Water Fishes of Britain and Europe. Parkgate Books. ISBN 978-1-8558-5364-5.
  17. O. E. D. Ager; H. Tyler-Walters & K. Hiscock, eds. (2008): "Ballan wrasse (Labrus bergylta)". Marine Life Information Network. Marine Biological Association of the United Kingdom.
  18. Rodríguz Solórzano, Devesa & Soutullo 1983, pp. 129-130.
  19. Alan Davidson (1979): North Atlantic Seafood. Morganton, North Carolina, USA: Chris Hartmann, Bookseller. ISBN 0-670-51524-8.
  20. David Erwin & Bernard Picton (1987): Guide to Inshore Marine Life. The Marine Conservation Society. ISBN 0-907151-34-5.
  21. "New approach to combating sea lice: Wrasse to the rescue". The Research Council of Norway. 23-04-2010 – vía ScienceDaily. 
  22. "Western Isles salmon farm in wrasse 'first'". BBC News - Scotland Business. 09-01-2012. 
  23. Henderson, David (19-11-2013). "'Cleaner fish' eat salmon parasites". BBC News - Scotland Business. 
  24. Cornide Saavedra, J. (1788): Ensayo de una historia de los peces y de otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo.
  25. Rodríguez Villanueva & Vázquez 1999, p. 181.
  26. Ríos Panisse, Mª del Carmen (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I, Invertebrados y peces. Verba. Anuario gallego de filología. Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84 -7191-008-X, páxs. 328-330).
  27. "Etim. Palabras de origen desconocido. Se trata de una palabra especialmente viva en el NO de la Península (como lo demuestran sus treinta y pico documentaciones) y en Portugal, donde no conozco exactamente la frecuencia con que aparece, pero sí las formas: margota, moragota y maragota. Ocasionalmente también aparece fuera de estas áreas: en Asturias, en Santander y en Andalucía (en San Fernando; v. para esta última doc., Alvar, "Ictionimia" 94). Es, por lo tanto, probable que se trate de un préstamo gallego-portugués fuera de esta área. Aunque no es sorprendente, Machado ignora la palabra. Lo inismo GdD. Corominas con razón, puesto que no es castellana" (Ríos Panisse, Op. cit., pp. 329-330).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Campbell, A. C.(1979): Guía de campo de la flora y fauna de las costas de España y se Europa. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0543-4, páx. 288.
  • Bauchot, M. K. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-0685-6.
  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. St. Louis: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Hoboken: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Paxton, J. R. & Eschmeyer, W. N., eds. (1988): Encyclopedia of Fishes. San Diego: Academic Press. ISBN 0-12-547665-5.
  • Rodríguz Solórzano, Manuel; Devesa Regueiro, Sergio e Soutullo Garrido, Lidia (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Galaxia, ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1994): Peixes do mar de Galicia (II). Peixes óseos: xeneralidades e orde perciformes. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-784-6.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]