Laika
Laika Лайка | |
---|---|
Representación de Laika nun selo romanés. | |
Outros nomes | Kudriavka |
Especie | Canis lupus familiaris |
Raza | Mestizo de husky e terrier |
Sexo | Femia |
Nacemento | c. 1954 Moscova, Unión Soviética |
Falecemento | 3 de novembro de 1957[1] Sputnik 2, en órbita |
Orixe | Unión Soviética |
Dono | Programa espacial soviético |
Anos activo | 1957 |
Coñecido por | Primeiro animal en orbitar a terra |
Laika (ruso: Лайка c. 1954 – 3 de novembro de 1957) foi unha cadela que participou no Programa Sputnik soviético, converténdose nun dos primeiros animais en saír ao espazo e o primeiro en orbitar a Terra. Laika foi atopada nas rúas de Moscova sen dono e foi seleccionada para ser a ocupante do Sputnik 2, lanzado ao espazo o 3 de novembro de 1957.[2] Antes da súa misión non se tiñan datos do impacto dos voos espaciais nos seres vivos e a tecnoloxía para saír de órbita non se desenvolvera aínda, polo que os científicos non esperaban que Laika sobrevivise á misión. Porén, consideraban esta misión como un paso previo necesario ás misións tripuladas por seres humanos. O experimento tiña o obxectivo de probar que un pasaxeiro vivo podía sobrevivir o lanzamento e soportar a ingravidez, abrindo as portas aos voos tripulados por persoas e fornecendo os primeiros datos de como os organismos vivos reaccionan en ambientes externos á Terra.[3]
Laika faleceu ás poucas horas a causa dunha hipertermia causada por un fallo na separación dun dos módulos, que á súa vez provocou que o control de temperatura non funcionase ben. Os informes oficiais inicialmente indicaron que se lle practicara a eutanasia por medio de envelenamento na súa comida antes de que quedase sen osíxeno, e posteriormente deuse a versión de que falecera ao quedar sen osíxeno o sexto día. A verdadeira data e causa da súa morte non se fixeron públicas ata o 2002.
O 11 de abril de 2008 inaugurouse un monumento na honra de Laika, construído preto do complexo militar en Moscova onde se preparara o seu voo espacial, que representa a cadela de pé sobre un foguete espacial. Tamén aparece no Monumento aos Conquistadores do Espazo de Moscova.[4]
Sputnik 2
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Sputnik 2.
Tralo éxito da misión Sputnik 1 en outubro de 1957, o líder soviético Nikita Khrushchev desexaba un novo lanzamento espacial para o 7 de novembro de 1957, coincidindo co 40º aniversario da Revolución Rusa de 1917. A construción dun satélite máis sofisticado xa dera comezo, pero non se prevía que estivese listo antes de decembro dese ano. Este satélite sería posteriormente o denominado Sputnik 3.[5]
Acadar a data de novembro requiriu a construción dunha nova nave espacial. Khrushchev quería que os enxeñeiros proporcionasen unha misión que fose impactante de cara á opinión pública para demostrar o poderío soviético, polo que se decidiu que o obxectivo sería realizar un voo orbital que incluiría un can a bordo da nave. Os enxeñeiros soviéticos xa realizaran probas previas para isto dende 1951, facendo un total de 12 probas de voos sub-orbitais con cans a bordo de foguetes balísticos co obxectivo inicial de enviar un nun voo orbital no 1958. Para satisfacer a demanda de Khrushchev adiantaron os plans para o lanzamento previsto en novembro dese ano.[2]
Segundo fontes rusas, a decisión oficial do lanzamento do Sputnik 2 fíxose o 10 ou 12 de outubro, deixando só catro semanas para o deseño e construción da nave.[6] O Sputnik 2 foi polo tanto apresurado, e moitos dos seus compoñentes construíronse a partir de bosquexos. A maiores da misión principal de enviar un ser vivo ao espazo, incluíuse instrumentación para a medición de radiación solar e emisións de raios cósmicos.[5]
A nave equipouse cun sistema de soporte vital consistente nun xerador químico de osíxeno e aparellos de prevención de envelenamento por osíxeno e absorción de dióxido de carbono. Os enxeñeiros tamén engadiron un ventilador deseñado para activarse cando a temperatura da cabina excedese os 15 °C (59 °F). A provisión de comida, en forma xelatinosa, era para un voo de sete días, e a cadela iría unida a unha bolsa para a recolección de excrementos. Os movementos de Laika estaban restrinxidos e so podería estar de pé, sentada ou deitada, sen poder darse a volta sobre si mesma. O seu pulso estaría controlado por medio dun electrocardiograma, mentres que outros aparellos levarían conta do ritmo da súa respiración, presión arterial e os seus movementos dentro da cabina.[1][7]
Adestramento
[editar | editar a fonte]Laika era unha cadela sen dono que atoparon deambulando polas rúas de Moscova. Os científicos soviéticos escollían a este tipo de cans considerando que estaban afeitos a condicións extremas de frío e fame.[2] Laika era unha cadela femia mestiza, duns tres anos de idade e cuns 5 kg (11 lb) de peso.[8] O persoal soviético deulle varios nomes, entre eles Kudriavka, e a prensa estadounidense deulle o alcume de Muttnik facendo mofa do Programa Sputnik,[9][10] mais finalmente sería recoñecida internacionalmente co nome de Laika.
Descoñécese a súa orixe exacta, pero en xeral acéptase que Laika era unha mestiza de razas husky e terrier,[2] e a NASA refírese a ela coma "parte samoiedo, parte terrier."[11] Unha revista rusa describiu o seu comportamento coma apracíbel, engadindo que non se pelexaba con outros cans,[8] e Vladimir Iazdovskii, quen lideraba o programa de probas con cans, escribiu nunha posterior publicación que “Laika era tranquila e encantadora”.[12]
Tanto a Unión Soviética coma os Estados Unidos xa fixeran lanzamentos anteriormente con animais en voos sub-orbitais.[13] Os soviéticos seleccionaron e adestraron tres cans para o voo do Sputnik 2: Albina, Mushka e Laika,[14] que adestraron os científicos Vladimir Iazdovskii e Oleg Gazenko.[15]
Para que os cans se adaptasen ao reducido tamaño da cabina do Sputnik 2, foron metidos en gaiolas progresivamente máis pequenas durante un período de 20 días. Este proceso causoulles aos cans problemas para ouriñar, defecar e unha deterioración xeral na súa condición física. Os tres cans foron sometidos a máquinas centrifugadoras que simulaban a aceleración do lanzamento dun foguete, e a máquinas que simulaban os ruídos da nave. Estas probas provocaban un aumento do seu pulso ao dobre do normal e un incremento da súa presión sanguínea de 30–65 Torr. Tamén se adestraron para comer un xel especial de alta nutritividade, que sería a súa comida unha vez no espazo.[1]
Antes do lanzamento do Sputnik 2, Iazdovskii levou a Laika á súa casa para que xogase cos seus fillos. Nun libro posterior escribiu sobre isto: "Quería facer algo bonito por ela, quedáballe moi pouco tempo de vida."[16]
Misión
[editar | editar a fonte]Preparativos previos
[editar | editar a fonte]Vladimir Iazdovskii tomou a decisión definitiva da selección dos cans e a asignación dos seus roles. Laika sería a "cadela de voo", nunha misión sen retorno cara ao espazo.[17] Albina, que xa voara en dúas ocasións a grande altitude en foguetes de proba, sería a substituta de Laika. O terceiro can, Mushka, quedou coma "suxeito de control" en terra, realizando con el probas da instrumentación e o equipo de soporte vital.[1][13]
Por mor do reducido tamaño da pista de aterraxe de destino en Tiuratam, os cans e os enxeñeiros tiveron que voar primeiro nun avión modelo Tu-104 ata Tashkent, onde tomaron outro avión distinto, un Il-14, que os levou ata Tiuratam. Ao chegar continuou o adestramento dos cans, que foron metidos na cápsula para que se familiarizasen co sistema de alimentación.[17]
Segundo un documento da NASA, Laika foi introducida na cápsula do satélite o 31 de outubro de 1957, tres días antes do comezo da misión,[1] onde permaneceu vixiada por dous asistentes da misión que mantiveron a cápsula conectada a un quentador por mor das baixas temperaturas do sitio. O 3 de novembro, xusto antes do lanzamento en Baikonur, os asistentes aplicáronlle unha solución de etanol e peiteárona, ao tempo que lle pintaron con iodo as zonas onde levaría os sensores de control das súas funcións corporais.[18]
Evgenii Shabarov, un dos técnicos que prepararon a cápsula antes do lanzamento final, afirmou que "tras colocar a Laika no contedor e antes de pechar a comporta, démoslle un bico e desexámoslle unha boa viaxe, sabendo que non sobreviviría ao voo."[17]
Lanzamento
[editar | editar a fonte]A hora exacta do lanzamento varía segundo a fonte, indicándose que tivo lugar ás 05:30:42 ou ás 07:22 GMT+3.[17] No momento de aceleración máxima, a respiración de Laika aumentou a un ritmo entre tres e catro veces superior ao previo do lanzamento. Os sensores tamén indicaron un aumento no seu ritmo cardíaco dende as 103 pulsacións/minuto antes do lanzamento ata as 240 pulsacións/minuto nos primeiros momentos de aceleración.[1]
Tras poñerse en órbita, a cápsula do Sputnik 2 foi expulsada con éxito, agás unha das partes (o "bloque A") que non se separou segundo estaba no plan. Isto causou que o sistema de control de temperatura non funcionase correctamente, e unha parte do illamento térmico soltouse facendo que a temperatura da cabina aumentase ata os 40 °C (104 °F).[11] Tres horas despois de acadar a ingravidade, o pulso de Laika baixou de novo ata as 102 pulsacións/minuto,[19] e a telemetría indicou que semellaba nerviosa mais estaba a comer a súa comida.[11] Os sinais de vida de Laika recollidos pola instrumentación dende a nave espacial cesaron cando o voo levaba entre cinco e sete horas de duración.[1]
O plan dos científicos soviéticos era practicarlle a eutanasia a Laika, para o que engadiran un veleno á comida que levaba na nave. Durante moitos anos, os informes da Unión Soviética foron conflitivos na aclaración da súa morte, indicando como causas a asfixia, un fallo nas baterías do soporte vital e a propia eutanasia por envelenamento.[20] En 1999, varias fontes rusas indicaron que Laika falecera ao cuarto día por mor dun sobrequecemento da cabina.[6] En outubro de 2002, Dmitrii Malashenkov, un dos científicos responsables da misión do Sputnik 2, revelou que Laika falecera na cuarta fase do voo debido ao sobrequencemento. Segundo un informe que presentou no World Space Congress da IAF en Houston: "Resultou que era practicamente imposible crear un sistema de control de temperatura fiable con tantas limitacións de tempo."[7]
O 14 de abril de 1958, tras completar 2570 órbitas, o Sputnik 2 e os restos de Laika desintegráronse durante a reentrada á Terra.[21]
Legado
[editar | editar a fonte]Controversia
[editar | editar a fonte]A carreira espacial entre a Unión Soviética e os Estados Unidos eclipsou as connotacións éticas desta proba, que non foron tratadas a fondo ata un tempo despois da mesma. Os xornais da época centráronse nos aspectos políticos, deixando á marxe as cuestións da saúde e o non retorno de Laika.[22]
O deseño do Sputnik 2 non contemplaba a recuperación da nave ou de Laika,[6] polo que tras un tempo a misión suscitou un debate a nivel mundial sobre a crueldade contra os animais e as probas con animais en xeral para o avance da ciencia.[15] No Reino Unido varias asociacións a prol dos dereitos dos animais realizaron eventos de concienciación social e chamaron á protesta fronte as embaixadas da Unión Soviética.[23] En Nova York tamén houbo protestas fronte á sede das Nacións Unidas xa que algúns laboratorios estadounidenses ofreceran certa axuda aos científicos soviéticos para o experimento.[15][24]
Na propia Unión Soviética a controversia foi moito menor, sen que os medios ou a opinión pública cuestionasen publicamente durante anos a decisión de enviar un can ao espazo. En 1998 tralo colapso do réxime soviético, Oleg Gazenko, un dos científicos responsables da misión do Sputnik 2 expresou publicamente o seu arrepentimento por permitir a morte de Laika:[21][22]
As probas con animais son unha fonte de sufrimento para todos nós. Tratámolos coma bebés que non poden falar. Canto máis tempo pasa, máis lamento o que ocorreu. Non debemos facelo... Non aprendemos o suficiente desta misión para xustificar a morte do can.
Noutros países do Pacto de Varsovia as críticas ao programa espacial soviético foron escasas debido á censura política, mais houbo casos notables nalgúns círculos científicos en Polonia. O xornal científico Kto, Kiedy, Dlaczego, publicado en 1958, discutía nun artigo a misión do Sputnik 2, no que Krzysztof Boruń describiu que non recuperar e retornar a Laika viva de volta á Terra fora "lamentable" e "indubidablemente unha gran perda para a ciencia".[25]
As misións espaciais con cans posteriores á de Laika foron deseñadas para ser recuperadas. Porén, outros catro cans faleceron en misións posteriores da Unión Soviética. Bars e Lisichka morreron cando o foguete R-7 explotou ó pouco do seu lanzamento o 28 de xullo de 1960,[26] mentres que Pchyolka e Mushka faleceron cando o Korabl-Sputnik 3 foi destruído a propósito mediante unha carga explosiva para previr que outros países inspeccionasen a cápsula tras un desvío desta da traxectoria prevista de reentrada o 1 de decembro de 1960.[27]
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]En varios países creáronse selos de correo coa imaxe de Laika conmemorando a súa misión. Tamén existiron marcas de chocolates e cigarros nomeadas na súa memoria, e poden atoparse outros diversos obxectos relacionados con Laika en varias coleccións privadas.[15] Laika serviu de inspiración para diversos escritores, artistas de banda deseñada e animación e cineastas, así como para moitos grupos musicais que compuxeron cancións sobre ela ou directamente adoptaron o seu nome.[28]
O 9 de marzo de 2005, unha sección de terreo no planeta Marte foi chamada Laika de forma non oficial polos controladores da misión do Mars Exploration Rover. O lugar sitúase próximo ao cráter Vostok na rexión Meridiani Planum.[29]
Homenaxe
[editar | editar a fonte]En 1997 inaugurouse na Cidade das Estrelas unha placa en homenaxe aos cosmonautas falecidos en misións espaciais. Laika está representada nun lateral da placa, amosándose entre as pernas dun dos astronautas representados.[4][21]
O 11 de abril de 2008 inaugurouse un monumento na honra de Laika no centro de Moscova, situado nunha alameda preto do Instituto de Medicina Militar, onde tiveran lugar as probas en terra. A figura de bronce, de dous metros de altura, representa un dos segmentos dun foguete espacial, transformándose na parte superior nunha man humana sobre a que se sitúa a efixie de Laika.[3][30]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Sven Grahn. "Sputnik-2, more news from distant history" (en inglés). Consultado o 2 de decembro de 2004.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 LePage (1997). "Sputnik 2: The First Animal in Orbit" (en inglés). Consultado o 26 de setembro de 2006.
- ↑ 3,0 3,1 Vladimir Isachenkov (11 de abril de 2008). "Russia opens monument to space dog Laika". Associated Press (en inglés). Consultado o 4 de agosto de 2014.
- ↑ 4,0 4,1 "A New Monument for Laika, Russia's Heroic Space Dog". Telstar Logistics (en inglés). 11 de abril de 2008.
- ↑ 5,0 5,1 James J. Harford (1997). "Korolev's Triple Play: Sputniks 1, 2, and 3" (en inglés). NASA. Arquivado dende o orixinal o 06 de xuño de 2013. Consultado o 26 de setembro de 2006.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Anatoly Zak (3 de novembro de 1999). "The True Story of Laika the Dog" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2006. Consultado o 28 de setembro de 2006.
- ↑ 7,0 7,1 Malashenkov, D. C. (2002). "Abstract:Some Unknown Pages of the Living Organisms' First Orbital Flight". IAF abstracts (en inglés) (Astrophysics Data System): 288. Bibcode:2002iaf..confE.288M.
- ↑ 8,0 8,1 "Muscovites Told Space Dog Is Dead". New York Times (en inglés). 13 de novembro de 1957. p. 32006.
- ↑ Tara Gray (1998). "A Brief History of Animals in Space" (en inglés). NASA. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2015. Consultado o 26 de setembro de 2006.
- ↑ "Space Dog Lives" (en inglés). The British Library. Consultado o 26 de setembro de 2006.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 "Sputnik 2" (en inglés). National Space Science Data Center. Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2015. Consultado o 3 de novembro de 2014.
- ↑ ""Laika’s Trust" Part Two" (en inglés). Operavision. Consultado o 23 de maio de 2013.
- ↑ 13,0 13,1 "Dogs in space" (en inglés). Space Today Online. 2004. Consultado o 28 de setembro de 2006.
- ↑ Dr David Whitehouse (28 de outubro de 2002). "First dog in space died within hours". BBC (en inglés). Consultado o 26 de setembro de 2006.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 "Animals as Cold Warriors:Missiles, Medicine and Man's Best Friend" (en inglés). National Library of Medicine. 19 de xuño de 2006. Consultado o 28 de setembro de 2006.
- ↑ Vladimir Isachenkov (11 de abril de 2008). "Space dog monument opens in Russia" (en inglés). Traducido da fonte orixinal. MSNBC. Consultado o 15 de abril de 2008.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 "Sputnik-2". Russianspaceweb.com (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2013.
- ↑ "Memorial to Laika" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2015. Consultado o 26 de setembro de 2006.
- ↑ John B. West (1 de outubro de 2001). "Historical aspects of the early Soviet/Russian manned space program". Journal of Applied Psychology (en inglés) 91 (4): 1501–1511. PMID 11568130. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2016. Consultado o 06 de maio de 2016.
- ↑ Beischer, DE; Fregly, AR (1962). "Animals and man in space. A chronology and annotated bibliography through the year 1960". US Naval School of Aviation Medicine (en inglés). AD0272581. Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2015. Consultado o 14 de xuño de 2011.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 "The Story of Laika". moscowanimals.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2006. Consultado o 26 de setembro de 2006.
- ↑ 22,0 22,1 "Message from the First Dog in Space Received 45 Years Too Late" (en inglés). Dogs in the News. 3 de novembro de 2002. Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2006. Consultado o 4 de outubro de 2006.
- ↑ "On this day". BBC (en inglés). 3 de novembro de 1957. Consultado o 26 de setembro de 2006.
- ↑ "Human Guinea Pigs and Sputnik 2". National Society for Medical Research. 1957. Consultado o 28 de setembro de 2006.
- ↑ Krzysztof Boruń (1958). "Astronautyka". Kto, Kiedy, Dlaczego (en polaco) (Państwowe Wydawnictwo "Iskry") 2 (1): 330–331.
- ↑ Siddiqi 2000, p. 252
- ↑ Siddiqi 2000, p. 259
- ↑ Dick, Steven J. (2008). Remembering the space age: Proceedings of the 50th Anniversary Conference. NASA. p. 238-239. ISBN 9780160867118. SP-2008-4703.
- ↑ C. M. Weitz, R. C. Anderson, J. F. Bell III, W. H. Farrand, K. E. Herkenhoff, J. R. Johnson, B. L. Jolliff, R. V. Morris, S. W. Squyres, R. J. Sullivan (2006). "Soil grain analyses at Meridiani Planum, Mars.". Journal of Geophysical Research: Planets (en inglés) 111 (E12). doi:10.1029/2005JE002541.
- ↑ "Laika". accuweather.com. Consultado o 23 de xaneiro de 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Laika |
A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dubbs, Chris (2003). Space Dogs: Pioneers of Space Travel (en inglés). Writer's Showcase Press. ISBN 0-595-26735-1.
- Siddiqi, Asif. A. (2000). Challenge to Apollo: The Soviet Union and the Space Race, 1945-1974 (PDF) (en inglés). NASA. SP-2000-4408.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Calderone, Julia. "Remembering Laika the Dog’s Trip to Space, 57 Years Later". Scientific American (en inglés).
- Latson, Jennifer (3 de novembro de 2014). "The Sad Story of Laika, the First Dog Launched Into Orbit". Time (en inglés).
- Mitchell, Don P. "Sputnik-2". Don P. Mitchell Homepage (en inglés).