Lavandeira branca
As lavandeiras son costureiras, —Popular[1]
|
A lavandeira grande,[2][3] ou lavandeira propiamente dita,[4] Motacilla alba, é unha especie de ave da orde dos paseriformes e familia dos motacílidos, unha das 13 integrantes do xénero Motacilla.[5]
É un paxaro que se encontra en case todos os hábitats, pero principalmente xunto ao ser humano, ao que anuncia a chegada do tempo frío.[6][7]
Na súa ampla área de distribución (Eurasia e norte, leste e oeste de África) distínguense 10 subespecies.[5]
Características
[editar | editar a fonte]A lavandeira grande é unha ave pequena e elegante, de 16,5 a 19 cm de lonxitude, cunha longa cola, estreita e negra, sempre en movemento de arriba a abaixo. Ten a cabeza cos laterais brancos e o píleo negro, igual que a caluga e o papo, e presena bandas alares e as marxes das plumas terciarias brancas. En inverno, o queixo e a garganta son brancos, tinxidos de amarelo nalgúns individuos, e cunha franxa pectoral negra.[8]
Lavandeira branca Motacilla alba | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Motacilla alba alba | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[9] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Motacilla alba Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||||
Área de distribución de Motacilla alba
Amarelo: verán, verde: todo o ano, azul: inverno | |||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||
|
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Esta especie vive en moitas partes de Europa e Asia.
Nidificante común en diversos hábitats, a miúdo en terreos cultivados abertos, cerca de casas e auga, por exemplo en granxas a beiras de lagos e lagoas, así como en pobos e cidades.
É residente parcial no oeste e o sur de Europa, e estrial no norte. Algúns individuos residen permanentemente neses lugares, e outros migran cara ao norte, leste e oeste de África.[8]
É unha ave insectívora de campo aberto. No chan, anda con movementos espasmódicos da cabeza, e precipítase sobre a presa, deténdose subitamente, axitando a cola con excitación.[8]
Prefire áreas despexadas para aniñar, onde poder ver e seguir as súas presas.
Nas zonas urbanas adáptase a buscar o sustento no pavimento ou nos xardíns. Aniña en gretas de paredes rochosas moi similares ás naturais ou en estruturas feitas polo home (paredes de pedra, entre hedras, baixo tellas etc.), especialmente busca zonas de vexetación baixa ou espidas, tales como céspedes, campos de golf, tellados, bordos de estradas, onde é fácil vela correndo velozmente ou capturando as súas presas.[8]
Poboación
[editar | editar a fonte]En Europa estímase que a poboación reprodutora é de 16,9 a 27,6 millóns de parellas, o que equivale a 33,9 a 55,2 millóns de individuos maduros. A poboaión europea constitúe aproximadamente o 25 % da poboación global, polo que unha estimación moi preliminar do tamaño da poboación mundial é de 135 a 221 millóns de individuos maduros, aínda que é necesaria unha validación adicional desta estimación. En Europa, a poboación mantívose estábel entre 1980 e 2013.[9]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1758 por Linneo na súa obra Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata. Holmiae: Laurentii Salvii, na páxina 185.[5]
Subespecies
[editar | editar a fonte]Recoñécnse na actualidads as dez subespecies seguintes:[5]
- Motacilla alba alba Linnaeus, 1758
- Motacilla alba alboides Hodgson, 1836
- Motacilla alba baicalensis Swinhoe, 1871
- Motacilla alba dukhuensis (Sykes, 1832)
- Motacilla alba leucopsis (Gould, 1838)
- Motacilla alba lugens Gloger, 1829
- Motacilla alba ocularis Swinhoe, 1860
- Motacilla alba personata Gould, 1861
- Motacilla alba subpersonata Meade-Waldo, 1901
- Motacilla alba yarrellii Gould, 1837
Diferenzas entre subespecies
[editar | editar a fonte]En Europa occidental hai dúas subespecies: Motacilla alba alba e Motacilla alba yarrellii. As dúas poden verse en Galicia e son comúns.
A subespecie Motacilla alba alba é basicamente de cor gris pola parte superior e branca pola inferior, cara branca, copete e pescozo negros.
A subespecie Motacilla alba yarrellii cambia o gris polo negro (ou un gris case negro nas femias), mais é semellante na súa conduta. Ten a súa área de distribución básica nas illas Británicas, pero moitas invernan na Península Ibérica ou o norte de África. Denomínase lavandeira moura para diferenciala da subespecie nominal.[10]
Difrenciación das subespecies euopeas
[editar | editar a fonte]A diferenciación da lavandeira branca en dúas subespecies en Europa occidental foi debido ao parcial illamento da forma británica, aínda que a esta xa pode verse criando en áreas de Europa central. Hai un bo número doutras subespecies, que se diferencian na cor das ás, o dorso e a cabeza; algunhas como Motacilla alba personata con toda a cabeza negra e unha máscara branca na cara, e Motacilla alba subpersonata moi similar pero con dorso gris e papo branco.
En Galicia
[editar | editar a fonte]Motacilla alba habita en toda a Península Ibérica, pero é máis frecuente na área atlántica.[3]
En Galicia encóntranse, como quedou dito, dúas subespecies:[10]
- Motacilla alba alba
- Motacilla alba yarrellii
A subespecie Motacilla alba alba obsérvase na totalidade do territorio, criando desde o litoral até a montaña, polo menos até os 1 200 m de altitude. Como quedou dito, é propia de áreas abertas, véndose en camiños, beiras das estradas, cultivos recentemente sementados ou terras aradas, no interior das cidades etc.[3]
O niño sitúase entre arbustos, como o abruñeiro, ou en hedras, e tamén en buratos dos muros das casas, detrás de pedras, en nichos de camposantos etc., dende o chan até os 2,5 cm de altura. As parellas reprodutoras fórmanse a mediados de febreiro, e a posta, de 2 a 5 ovos, ocorre desde mediados de abril até xuño, non sendo rara unha segunda niñada no mesmo ano.[3]
Pódese ver capturando arañas, insectos diversos, vermes e eirugas e pequenos carcois. No campo aniiña nas proximidades do gando, aproveitando os insectos que alí se moven, os que parasitan aos animais domésticos e mesmo os que acoden ás bostas.[3] Incluso tense observado a captura dun peixiño nunha poza.[11]
As lavandeira brancas son sedentarias en Galicia, pero polo inverno a súa poboación vese incremantada pola chegasa de individuos procedentes doutros países. Por exemplo, un exemplar anelado en Inglaterra recuperose na provincia de Ourense despois dun intervalo de 138 días, o que significa un desprazamento de 1 110 km.[12]
A subespecie Motacilla alba yarrellii é invernante habitual en Galicia, onde se pode ver, dispersa, en numerosos lugares, desde outubro, ou máis drecuentemente, novembro até febreiro, ou, máis raramnte, até abril (un exemplar foi observado en Sabón, Arteixo un 24 de marzo). A partir de outubro establecen dormidoiros colectivos (en Santiago, en palmeiras pode haber un milleiro de lavandeiras). No medio rural proximo a Santiago contáronse 4 parellas nun treito de 1 km nunha estrada. Pagecy e Tronignon falan dun durmidoiro en Ourense con 750 aves en decembro de 1968. E Maestro e Fuentes mencionan outro na Coruña con 191 paxaros en abril de 1985.[13]
Velaí unha mostra dunha cita desta ave na literatura:[13]
Unha lavandeiriña
brinca na auga
e un grilo varre a porta
da súa casa...
Outros nomes populares galegos
[editar | editar a fonte]Ademais de polo nome común lavandeira nalgús lugres a especie coñécese tamén polos nomes:[4] [14]
- alindadora,
- arbela,
- pastoriña e
- paxariña da neve
Ameazas
[editar | editar a fonte]Pénsase que o cambio climático afecta á migración desta especie.[15][16][17]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), tendo en conta que esta especie ten unha área de distribución moi grande e que, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel segundo o criterio de tamaño da área de distribución, e a extensión e calidade do seu hábitat e que a tendencia de poboación parece ser estábel e que, polo tanto, a especie non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio de tendencia de poboación, o status da especie é avaliada como LC (pouco preocupante).[9]
Imaxes
[editar | editar a fonte]-
Lavandeira en Bastavales, Brión
-
Coa plumaxe de inverno na praia do Santo, Marín.
-
Pousada nun valado (Polonia)
-
Ovos de Cuculus canorus (esquerda) e Motacilla alba (dereita)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha do carrizo. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 59. ISBN 84-7154-379-6.
- ↑ "Entrada lavandeira en Digalego". Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2018. Consultado o 23 de novembro de 2018.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 VV.AA. 1995, p. 486.
- ↑ 4,0 4,1 lavandeira, 2ª acep. no Dicionario da RAG.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Motacilla alba Linnaeus, 1758 no GBIF.
- ↑ La "pajarita de las nieves" nos anuncia la llegada del invierno pajaricos.es. Volumen 4, nº 4.
- ↑ José Miguel Viñas: El invierno siempre llega volando tiempo.com
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Svensson & Grant 2001, p. 250.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 BirdLife International (2019): Motacilla alba na Lista vermella da UICN. Versión 2021-3. Consultada o 10 de decembro de 2021.
- ↑ 10,0 10,1 Penas Patiño, et al. 2004.
- ↑ Bermejo, A. (1976): "Observaión de lavandera blanca pescando". Bubela. Boletín do GOG 3-4: 29.
- ↑ VV.AA. 1995, pp. 486-487.
- ↑ 13,0 13,1 VV.AA. 1995, p. 487.
- ↑ Dicionario de Dicionarios.
- ↑ Ahas, R. & Aasa, A. (2006): "The effects of climate change on the phenology of selected Estonian plant, bird and fish populations". International Journal of Biometeorology 51: 17-26.
- ↑ Sokolov, L. V. & Gordienko, N. S. (2008): "Has recent climate warming affected the dates of bird arrival to the Il'men Reserve in the Southern Urals?" Russian Journal of Ecology 39: 56-62.
- ↑ Kullberg, C. et al. (2015): "Change in spring arrival of migratory birds under an era of climate change, Swedish data from the last 140 years". Ambio 44 (1): 69-77.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Vexa a entrada do Galizionario acerca de lavandeira branca |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lavandeira branca |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Lavandeira branca |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bruun, Bertel e Arthur Singer (1971): Guía de las aves de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
- Penas Patiño, Xosé M., Carlos Pedreira López e Carlos Silvar (2004): Guía das aves de Galicia, 2ª edición. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-9612-869-5.
- Peterson, Rogen; Mountfort, Guy e Hollom, P. A. D. (1987): Guía de campo de las aves de España y de Europa. 4ª edición Barcelona: Omega S. A. ISBN 978-84-2820-812-3,
- Svensson, Lars e Grant, Peter J. (2001): Guía de aves. La guía de campo de aves de España y Europa más completa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2821-218-X.
- VV.AA. (1995): Atlas de vertebrados de Galicia. Tomo II. Aves. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / Sociedade Galega de Historia Natural. ISBN 84-8717-289-X.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Javier Blasco-Zumeta & Gerd-Michael Heinze: Ficha de Motacilla alba Arquivado 08 de novembro de 2016 en Wayback Machine. en Ibercaja Aula en Red (en inglés).
- "Pied Wagtail... The Gipsy Bird" Arquivado 21 de febreiro de 2007 en Wayback Machine. (en inglés).