Lei de Dollo
A lei de Dollo ou lei de Dollo da irreversibilidade evolutiva ou principio de Dollo é unha hipótese proposta en 1893[1] polo paleontólogo belga nado en Francia Louis Dollo, que di que a evolución non é reversible. A formulación desta hipótese tal como a fixo inicialmente Dollo era: "Un organismo non pode retornar, nin sequera parcialmente, a un estado previo polo que xa pasou na súa liña de antepasados."[2] Esta enunciación é a miúdo malinterpretada como unha hipótese menos esixente referida á posibilidade de recuperar estruturas ou órganos perdidos, que é improbable que reaparezan na "mesma forma" (definida con pouca precisión).[3][4] Segundo Richard Dawkins, esta lei é "realmente só unha afirmación sobre a improbabilidade estatística de seguir exactamente a mesma traxectoria evolutiva dúas veces (ou calquera traxectoria determinada), en calquera dirección."[5] Stephen Gould suxeriu que a irreversibilidade hipoteca certas vías evolutivas unha vez que emerxen as formas principais: "[Por exemplo], unha vez que se adopta o plan corporal ordinario dun réptil, centos de opcións quedan para sempre pechadas, e as posibilidades futuras deben desenvolverse dentro dos límites do deseño herdado."[6]
Un exemplo
[editar | editar a fonte]Nun estudo de 2009 sobre a evolución da estrutura das proteínas propúxose un novo mecanismo para a lei de Dollo. No estudo examinouse un receptor hormonal que evolucionara desde dunha proteína ancestral que podía ligarse a dúas hormonas pero que cambiou a unha nova proteína que era específica para unha soa hormona. Este cambio fora causado por dúas substitucións de aminoácidos, que impiden que se produza a unión da segunda hormona. Porén, ocorreron seguidamente outros cambios, que eran selectivamente neutros, xa que non afectaban á unión a hormonas. Cando os autores trataron de reverter a proteína ao seu estado ancestral facendo mutar os dous "residuos de unión", encontraron que os outros cambios producidos desestabilizaran o estado ancestral da proteína. Concluíron que para que evolucionase esta proteína revertendo ao estado anterior e recuperando a súa capacidade de unirse ás dúas hormonas, terían que producirse varias mutacións neutras independentes simplemente por azar e sen presión de selección. Como isto é extremadamente improbable, pode explicar por que a evolución tende a ir nunha soa dirección.[7]
Excepcións propostas á lei de Dollo
[editar | editar a fonte]Aínda que non está claro cal é o limiar exacto para a violación da lei de Dollo, hai varios estudos de casos cuxos resultados discuten a validez dalgunhas interpretacións. Por exemplo, moitos taxons de gasterópodos reduciron as súas cunchas, e algúns perderon o enrolamento en espiral.[8] Segundo a interpretación de S. J. Gould da lei de Dollo, non sería posible recuperar a cuncha enrolada en espiral despois de que se perdera o enrolamento. Non obstante, uns poucos xéneros da familia de caracois Calyptraeidae puideron ter cambiado o seu ritmo de desenvolvemento (heterocronía) e recuperado unha cuncha enrolada a partir dunha cuncha non espiralada de tipo patela.[8][9] Outras "excepcións" propostas inclúen as ás dos insectos pau,[10] os estadios larvarios de píntegas,[11][12] perda de dedas en lagartos,[13][14] de clavículas en dinosauros terópodos non aviarios,[15] do pescozo, a rexión pectoral, e de musculatura das extremidades superiores en primates, incluíndo na liñaxe que deu lugar aos humanos.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dollo, L (1893). Les lois de l'évolution. Arquivado 03 de maio de 2015 en Wayback Machine. Bull. Soc. Belge Geol. Pal. Hydr, VII:164-166.
- ↑ Dollo, quoted in "Evolution: Ammonites Indicate Reversal," in Nature, March 21, 1970
- ↑ Goldberg, Emma E; Boris Igić (2008). "On phylogenetic tests of irreversible evolution". Evolution 62 (11): 2727–2741. PMID 18764918. doi:10.1111/j.1558-5646.2008.00505.x.
- ↑ Collin, Rachel; Maria Pia Miglietta (2008). "Reversing opinions on Dollo's Law". Trends in Ecology & Evolution 23 (11): 602–609. PMID 18814933. doi:10.1016/j.tree.2008.06.013.
- ↑ Dawkins, Richard (1996) [1986]. The Blind Watchmaker. New York: W. W. Norton & Company, Inc. ISBN 0-393-31570-3.
- ↑ Gould, Stephen J. [1993] (2007) "Eight little piggies," Vintage Books. ISBN 978-0-09-950744-4
- ↑ Bridgham, Jamie T.; Eric A. Ortlund; Joseph W. Thornton (2009). "An epistatic ratchet constrains the direction of glucocorticoid receptor evolution". Nature 461 (7263): 515–519. ISSN 0028-0836. PMID 19779450. doi:10.1038/nature08249.
- ↑ 8,0 8,1 Collin, R.; Cipriani, R. (2003). "Dollo's law and the re-evolution of shell coiling". Proceedings of the Royal Society B 270 (1533): 2551–2555. PMC 1691546. PMID 14728776. doi:10.1098/rspb.2003.2517.
- ↑ Pagel, M. (2004). "Limpets break Dollo's Law". Trends in Ecology & Evolution 19: 278. doi:10.1016/j.tree.2004.03.020.
- ↑ Whiting, MF.,S. Bradler & T. Maxwell (2003). Loss and recovery of wings in stick insects. Nature 421 264-267.
- ↑ Chippindale, P. T. and J. J. Wiens. (2005). Re-evolution of the larval stage in the Plethodontid salamander genus Desmognathus. Herpetological Review 36(2) 113.
- ↑ Marshall, C. R., et al. (1994). Dollo's law and the death and resurrection of genes. Arquivado 25 de xullo de 2014 en Wayback Machine. Proc Natl Acad Sci USA 91 12283.
- ↑ Galis, F., et al. (2010). Dollo's law and the irreversibility of digit loss in Bachia. Evolution 64(8) 2466.
- ↑ Davies, E. Frogs re-evolved lost lower teeth. BBC News. January 31, 2011. Retrieved February 9, 2011.
- ↑ Paul, Gregory S (2002). Dinosaurs of the Air: the evolution and loss of flight in dinosaurs and birds. CJHU Press. p. 10. ISBN 0-8018-6763-0.
- ↑ Diogo, R.; Wood, B. (2012). "Violation of Dollo's Law: Evidence of Muscle Reversions in Primate Phylogeny and Their Implications for the Understanding of the Ontogeny, Evolution, and Anatomical Variations of Modern Humans". Evolution 66 (10): 3267. doi:10.1111/j.1558-5646.2012.01621.x.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- The Loom: Recoil From Dollo's Law
- Dollo's Law and the Death and Resurrection of Genes Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine.