Lei orgánica de calidade da educación
Sistema educativo español |
---|
Réxime xeral |
Réxime especial |
A Lei Orgánica de Calidade da Educación (LOCE) foi unha lei educativa española oficialmente denominada Lei Orgánica 10/2002 de Calidade da Educación e foi promulgada o 23 de decembro de 2002 polo segundo goberno de José María Aznar (PP), sendo ministra de educación Pilar del Castillo. A lei non chegou a aplicarse. Tras a chegada á presidencia do goberno de José Luís Rodríguez Zapatero (PSOE), paralizouse o calendario de aplicación da LOCE por medio dun Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros o 28 de maio de 2004[1]. Finalmente, a lei foi derrogada o 24 de maio de 2006 pola Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación.
Principais contidos da lei
[editar | editar a fonte]A lei estabelecía diferentes itinerarios na Educación Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato, cambios de contidos na educación infantil, unha proba de reválida ao final do bacharelato e a materia de relixión avaliábel e computábel.[2]
Principais puntos abordados
[editar | editar a fonte]A lei introduciu na lexislación algúns conceptos explícitos como os principios de calidade, os dereitos e deberes de pais, mais e alumnado, as bolsas e axudas ao estudo, os premios e recoñecementos, e os programas de cooperación interterritorial. Referíase ao alumnado con necesidades educativas específicas considerando alumnado estranxeiro, alumnado superdotado intelectualmente e alumnado con necesidades educativas especiais.
Estrutura do sistema educativo
[editar | editar a fonte]- A estrutura do sistema educativo variou e pasou a considerar tres etapas: a Educación Preescolar, as Ensinanzas Escolares e o Ensino Universitario.
- Recuperou a denominación de Educación Preescolar que tiña como finalidade a atención educativa e asistencial á primeira infancia e abranguía até os tres anos, retrocedendo á concepción anterior á LOXSE ao repor unha consideración asistencial desta etapa.
- As ensinanzas escolares incluían a Educación Infantil (de 3 a 6 anos), a Educación Primaria (de 6 a 12 anos), a Educación Secundaria (a Educación Secundaria Obrigatoria de 12 a 16 anos, o Bacharelato de 2 anos, a Formación Profesional de grao medio e de grao superior, ambas de 2 anos), así como as ensinanzas escolares de réxime especial (ensinanzas artísticas, ensinanzas de idiomas e ensinanzas deportivas). Mantiña a educación obrigatoria de 6 a 16 anos.
Currículo educativo
[editar | editar a fonte]- Prevía unha certa flexibilidade curricular nos cursos terceiro e cuarto de secundaria obrigatoria ao organizalos en itinerarios formativos con idéntico valor académico. Dous itinerarios en terceiro curso (tecnolóxico e científico-humanístico) e tres en cuarto (tecnolóxico, científico e humanístico). A secundaria tamén incluía programas de iniciación profesional de dous anos.
- A área ou disciplina de Sociedade, Cultura e Relixión era de oferta obrigatoria para os centros e avaliábel e computábel (para se computar, precisaba ser calificábel, non só avaliábel). Comprendía dúas opcións: unha confesional acorde á elección dos pais e nais ou, de ser o caso, do alumnado, e outra non confesional.
- O sistema prevía unha avaliación xeral de diagnóstico ao finalizar a primaria e a secundaria a cargo do Instituto Nacional de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo sobre competencias básicas do currículo.
Profesorado
[editar | editar a fonte]- A selección e nomeamento da dirección dos centros públicos efectuábase mediante concurso de méritos entre profesores funcionarios de carreira dos corpos do nivel educativo e réxime a que pertencía o centro de conformidade cos principios de publicidade, mérito e capacidade.
- A nivel de profesorado, íanse crear os corpos de cátedras de ensino secundario, cátedras de escolas oficiais de idiomas e cátedras de artes plásticas e deseño.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ministerio de Educación y Ciencia (2004-05-29). "Real Decreto 1318/2004, de 28 de mayo, por el que se modifica el Real Decreto 827/2003, de 27 de junio, por el que se establece el calendario de aplicación de la nueva ordenación del sistema educativo, establecida por la Ley Orgánica 10/2002, de 23 de diciembre, de Calidad de la Educación". pp. 19924–19925. Consultado o 2022-08-12.
- ↑ "La séptima gran reforma educativa en la democracia". ABC. 9 de mayo de 2013.