Saltar ao contido

Libro de buen amor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Folio terceiro do manuscrito T (Toledo) do Libro de buen amor do s. XIV conservado na Biblioteca Nacional de España, Vitr. 6/1.

O Libro de buen amor é unha obra escrita por Juan Ruiz (arcipreste de Hita) a mediados do século XIV. É unha composición en verso extensa, pertencente ao mester de clerecía. Aínda que escrito cara a 1343, o título co que se coñece actualmente deullo Ramón Menéndez Pidal en 1898; anteriormente fora coñecido como Libro do arcipreste ou Libro dos cantares.

O libro consta de 1728 estrofas, entre as que predomina o tetrástrofo. Constitúe unha colección heteroxénea de diversos materiais, e o fío condutor constitúeo o relato da autobiografía amorosa ficticia do seu autor. Nela representa a través das súas amantes todas as camadas da sociedade medieval do Reino de Castela. Recóllense composicións líricas profanas (serranillas, moitas veces paródicas) ao lado doutras relixiosas, fábulas, apólogos, glosas do Ars Amandi de Ovidio, parodias da liturxia das horas canónicas ou cos cantares de xesta (como o "Combate de don Carnal con doña Cuaresma"), prantos (como o da morte de Trotaconventos, personaxe que constitúe un precedente da Celestina), sátiras (como as dirixidas contra as donas chichas ou o poder igualador do diñeiro), alegorías, moralidades, sermóns, cantigas de cegos e de escolares etc.

Do libro existen tres códices, dos que o de Salamanca (S, actualmente conservado na Biblioteca Real) está considerado o máis completo; os outros son o da Real Academia Española (G, ou de Gayoso) e o de Toledo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]