Lingüística forense
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
A Lingüística forense é unha disciplina dentro da Lingüística aplicada que se encarga de analizar as relacións que mantén a lingua cos ámbitos criminal, xudicial e legal. Na práctica, abrangue múltiples facetas que fan que a limitación do seu obxecto de estudo sexa ás veces difusa, xa que baixo a etiqueta de Lingüística forense podemos entender o proceso de identificación de falantes, a análise de textos criminais, o recoñecemento de plaxio, a compresión de documentos legais, o estudo do discurso xudicial e mesmo a interpretación e tradución xurídica.
Unha definición máis restritiva e adoito empregada comprende exclusivamente a peritaxe lingüística, é dicir, a utilización de textos como proba xudicial.
Aclaración terminolóxica
[editar | editar a fonte]A revista científica The International Journal of Speech, Language and the Law e a International Association of Forensic Linguists coinciden en adoptar a definición máis ampla de Lingüística forense. No ámbito anglosaxón é frecuente distinguir tres ámbitos de estudo cos seus respectivos nomes: a linguaxe xurídica e legal (Language of the Law), a linguaxe do procedemento xudicial (Language of the Legal Process) e a linguaxe evidencial ou probatoria (Language as Evidence).
Orixe
[editar | editar a fonte]O norteamericano Philbrick é o primeiro en empregar o termo forensic english no seu libro Language and the Law: the Semantics of Forensic English (1949). Mais é vinte anos máis tarde cando Jan Svartvik inaugura definitivamente esta disciplina en Europa a través do estudo dun caso real. A partir de catro confesións atribuídas a Timothy Evans que o incriminaban no asasinato da súa muller e fillos, Svartvik puido percibir diferenzas no estilo gramatical, descartar a autoría de Evans e declaralo inocente.
Nas décadas que seguen, en EEUU e Canadá solicítase en ocasións illadas a participación de lingüistas nos xuízos. Con todo, a falta de metodoloxía é patente e os resultados, escasos. Nos anos oitenta, o desenvolvemento da Lingüística Computacional abre as portas a novos métodos máis fiables de peritaxe lingüística.
É a partir dos anos noventa que ten comezo a intervención habitual dos lingüistas forenses nos procesos xudiciais, coincidindo co aumento da demanda de servizos e de publicacións, coa profesionalización e coa vontade de chegar a un consenso internacional. En 1991 créase no St. John’s College de York a International Association of Forensic Phonetics (IAFP), hoxe International Association of Forensic Phonetics and Acoustics (IAFPA), e un ano máis tarde, a International Association of Forensic Linguists (IAFL) na Universidade de Birmingham. Débese destacar tamén a aparición en 1994 da revista Forensic Linguistics, que continúa aínda hoxe o seu labor baixo o nome The International Journal of Speech, Language and the Law.
Ámbitos de investigación
[editar | editar a fonte]Esta disciplina comprende por unha banda todos os aspectos relacionados coa análise da linguaxe xurídica e xudicial e, pola outra, o uso forense da proba pericial lingüística. M. Teresa Turell (2005) sinala máis concretamente as seguintes áreas de aplicación :
- emprego de información lingüística oral e escrita para identificar falantes e escritores dunha determinada variedade lingüística, estilo ou rexistro
- análise da imitación da firma e da produción de textos con fins criminais
- establecemento da autoría de textos orais e escritos e análise do plaxio
- comprensión lectora de documentos legais
- discurso legal e xudicial
- interpretación e tradución legal, xudicial e de apoio en contextos multilingües
Seguindo a distribución anglosaxoa, podemos agrupar estes contidos nos tres grandes ámbitos de investigación que seguen:
A linguaxe xurídica e legal (The language of the Law)
[editar | editar a fonte]Comprende o estudo do discurso legal, xurídico e xudicial. Ademais de analizar as características desta linguaxe, a súa historia e os seus xéneros, ten como obxectivo rebaixar o grao de densidade e ambigüidade de calquera documento xudicial: sentenzas, leis, testamentos... Eliminar as dificultades de comprensión é vital para que ningún membro da sociedade se vexa desprotexido ante textos deste tipo.
Do mesmo modo, encárgase de velar por unha boa tradución dos documentos legais e das dificultades de interpretación en contexto multilingüe.
A linguaxe do procedemento xudicial (Language of the Legal Process)
[editar | editar a fonte]Analiza o funcionamento da lingua tanto en interrogatorios (entrevistas e técnicas de interrogatorio) como na sala do tribunal, en boca de avogados, xuíces e acusados. Amosa deste xeito como as persoas máis vulnerables ou con pouco manexo deste tipo de retórica (nenos, discapacitados, estranxeiros, etc.) poden verse desfavorecidas.
As diferenzas na construción do discurso xudicial europeo (Civil Law) e na construción do discurso de tradición anglosaxoa (Common Law) conducen igualmente á necesidade de velar por unha boa tradución e interpretación xudicial.
A linguaxe evidencial ou probatoria (Language as Evidence)
[editar | editar a fonte]Céntrase no estudo e na comparación de textos orais e escritos a fin de obter certa información que poida ser empregada como proba nun xuízo: detección do autor, interpretación de frases, elaboración de perfís lingüísticos, transcrición e autenticación de gravacións ou detección de casos de plaxio. Este último pode ser de tipo literario, académico, musical, translingüe (entre traducións) ou de marcas e patentes.
É importante precisar que calquera texto é susceptible de ser empregado na peritaxe: chamadas de emerxencia, ameazas, cartas de suicidio, redes sociais, conversas de Whatsapp...
Metodoloxía
[editar | editar a fonte]A metodoloxía da Lingüística forense é tan variada coma os seus ámbitos de estudo e inclúe desde a análise semántica e sintáctica das oracións ata o emprego da tecnoloxía máis innovadora para a detección de voz ou de plaxio.
Linguaxe xurídica e legal (The language of the Law)
[editar | editar a fonte]Este ámbito parte da análise do significado das palabras de textos orais e escritos para avogar por unha linguaxe clara e accesible que evite abusos como as oracións longas, as palabras polisémicas ou as expresións estereotipadas, retóricas ou arcaicas.
Preténdese evitar casos coma o de Derek Bentley, condenado á forca por unha mala interpretación da frase “Let him have it!”, que en inglés se traduce como “dállo/a” ou como “mátao”. Cando foi descuberto pola policía, Bentley díxolle ó seu amigo que entregase a arma pero este malinterpretouno e disparou o axente. Tamén se dan casos de ambigüidade en sintagmas comúns como “mulleres e homes anciáns” no que “anciáns” pode referirse só a “homes” ou a ambos. Estúdase igualmente a publicidade enganosa ou a manipulación na sala de vistas a través de preguntas trampa como “deixou de pegarlle á súa esposa?”, que implica a presuposición de que o suxeito lle pegaba.
En definitiva, unha boa tradución ou interpretación xurídica debe ir máis aló do contido semántico das palabras e dar conta de como están dispostas, como se expresa o contido e en que sentido, sen cambiar a variedade lingüística nin engadir o estilo propio.
Linguaxe do procedemento xudicial (Language of the Legal Process)
[editar | editar a fonte]Para analizar a veracidade dunha declaración ou dun interrogatorio, os lingüistas fíxanse na cantidade de detalles sensoriais que incorpora e nas denominadas pegadas do pensamento ou thoughtprints, que delatan o subconsciente do suxeito. Por exemplo, Shuy (Turell, 2005) observou que a decepción se transmite mediante pausas prolongadas e que unha recorrencia do tema nunha conversación é sinal de que este non se resolveu satisfactoriamente, ou ben de que é considerado de gran relevancia para o falante. Para proporcionar ao xurado un esquema dos puntos clave dunha conversación gravada e así axilizar o seu traballo, elabóranse cadros de análise temática.
Linguaxe evidencial (Language as Evidence)
[editar | editar a fonte]O labor do perito lingüista consiste en comparar o texto dubitado (de autoría descoñecida) co texto indubitado (de autoría coñecida) servíndose da unión dos enfoques cualitativo e cuantitativo. Por unha banda apóiase no material lingüístico perceptible: información dialectal, sociolingüística, semántica, pragmática, psicolingüística e, sobre todo, a relacionada coa idiosincrasia e o idiolecto. Pola outra, bota man de corpus, bases de datos de poboacións e programas informáticos específicos. Estes resultados son presentados en forma de porcentaxes de probabilidade, “escalas de opinión”, relacións de semellanza (Likehood Ratio)... nos que a estatística é un elemento clave para conseguir un alto grao de fiabilidade e que deste modo a información poida ser tratada doadamente por xuíces, avogados, psicólogos e médicos. Neste último enfoque, a Lingüística de Corpus e a Lingüística Computacional traballan xuntas.
Para unha determinación fiable da autoría precísase unha cantidade importante de textos do presunto autor e doutros sospeitosos. Para isto cómpre elaborar corpora de notas de suicidio, mensaxes de texto, declaracións policiais... Ultimamente, a investigación vai orientada cara a elaboración de corpus de correos electrónicos, mensaxes de texto ou Whatsapp, por posuír características diferentes ás dos textos escritos canónicos. No caso destes textos máis curtos emprégase moitas veces a análise estilométrica por Cusum (Cumulative Sum) baseada na estatística secuencial por medio de algoritmos.
No caso da acústica forense, apoiada na creación de perfís lingüísticos, as tecnoloxías da fala están moi desenvolvidas. A identificación do autor realízase a través de espectrogramas que reflicten e comparan aspectos como a frecuencia, o timbre e a entoación, entre outros. En España, o Departamento de Acústica e Imaxe do Servizo de Criminalística, en funcionamento desde 1992 e en cooperación coa Universidade Politécnica de Madrid, creou IdentiVox, un software específico para o recoñecemento de interlocutores. Porén, precisa actualmente[cando?] de grandes bases de datos para a obtención de resultados fiables.
Nos casos de plaxio, o importante é a análise do idiolecto, sobre todo en canto a tipos léxicos compartidos e hápax, que marcan con precisión a coincidencia. Para isto tómanse aspectos metodolóxicos da determinación de autoría e da estilística forense. Os resultados do cotexo textual exprésanse en porcentaxes a través de ferramentas informáticas coma o CopyCatch, programa de concordancia de textos. Con todo, é preciso a participación dun lingüista para que sexan tidos en conta elementos que non recoñece o ordenador, coma o emprego de figuras retóricas.
Evidentemente todas estas probas periciais nunca son concluíntes, senón que deben ser combinadas con outras probas lingüísticas (complementariedade intraevidencial) e con outras probas doutras ciencias forenses (complementariedade interevidencial).
Exemplos de aplicación no panorama actual
[editar | editar a fonte]No século XXI asistimos á consolidación da Lingüística forense. As publicacións de manuais e monográficos van en aumento, a celebración de congresos internacionais e a creación de laboratorios e centros especializados axudan ó seu asentamento. Aumenta igualmente a oferta de mestrados ou outros cursos de posgrao entre os que destacan o das universidades de Cardiff, de York e de Aston (Gran Bretaña). Para saber máis sobre como podes adestrar hai a guía Soy lingüista, lingüista forense: Licencia para analizar tus palabras (Queralt y Giménez, 2019).
Mundo anglosaxón
[editar | editar a fonte]En EEUU e Canadá, a lingüística forense leva achegando información ó sistema xudicial e policial desde os anos sesenta. Un dos casos máis mediatizados foi nos anos noventa o do chamado Manifesto Unabomber, no que o autor de dezaseis cartas bomba en EEUU foi identificado polo seu irmán grazas ó estilo de escritura.
Outro caso célebre ocorreu no 2002 cando o inglés Stuart Campbell escribiu desde o móbil da súa sobriña, unha vez desaparecida, unha derradeira mensaxe de texto. O que pretendía ser un intento de reforzar a súa coartada volveuse na súa contra cando os peritos compararon este con outros SMS da sobriña e viron que o estilo non se correspondía co da rapaza.
España
[editar | editar a fonte]M. Teresa Turell foi a pioneira da lingüística forense en España ata a súa morte, editora do primeiro libro en castelán sobre esta disciplina: Lingüística forense, linguaxe e dereito: conceptos, métodos e aplicacións (2005). Ela mesma foi a directora do máster da Universidade Pompeu Fabra (que xa non existe) e do ForensicLab. Actualmente, a lingüista forense líder en España e en países de fala hispana é Sheila Queralt, que é a fundadora e directora do Laboratorio SQ- Lingüistas Forenses. [Verificar credibilidade]
Trátase en efecto dunha área emerxente de investigación na que o ámbito máis desenvolvido é sen dúbida o da Acústica Forense, para o que se conta con laboratorios pertencentes á Garda Civil e á Policía Científica. Destaca a creación do BATVOX, que permite identificar locutores, e do Sistema de Identificación Biométrica Multimodal Aplicado ás Tecnoloxías da Información (SIBMATI), que permite a identificación a través de Internet. A pesar dos avances nesta disciplina, o sistema xurídico establecido tende a amosar preferencia polas dilixencias escritas fronte ás orais, polo que este tipo de intervencións non son frecuentes en España.
Turell, especializada en plaxio translingüe, participou no descubrimento do plaxio da tradución de Xulio César (Shakespeare) de Pujante (1987) por Vázquez Montalbán en 1993. O CopyCatch revelou un 85% de coincidencia no vocabulario. O seu laboratorio colaborou tamén no 2011, a xustiza italiana condenou a Óscar Sánchez a catorce anos de prisión en base a unhas gravacións que o incriminaban nun delito de narcotráfico. Unha vez estas foron analizadas por peritos (entre eles, membros do ForensicLab que actualmente forman parte do laboratorio SQ.), revelaron trazos dialectais que non se correspondían cos do acusado, o que demostrou que estaba a ser vítima dunha suplantación de identidade por un narcotraficante italiano. No libro Atrapados por la lengua, 50 casos resuelltos por la lingüística forense (Queralt, 2020) amosan máis casos nos que a lingüística forense foi clave.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Garayzábal Heinze, Elena et al. (coord.). 2014. Lingüística forense: la Lingüística en el ámbito Legal y Policial. Madrid: Euphonía Ediciones.
- Olanrewaju, Farinde Raifu. 2009. Forensic Linguistics: An Introduction to the Study of Language and the Law. Muenchen: Lincom Europa.
- Olsson, John. 2004. Forensic Linguistics: An Introduction to Language, Crime and the Law. London/New York: Continuum.
- Queralt, Sheila y Giménez, Roser. 2019. Soy lingüista, lingüista forense: Licencia para analizar tus palabras. Madrid: Pie de Página.
- Queralt, Sheila. 2020. Atrapados por la lengua. 50 casos resueltos por la lingüística forense. Barcelona: Larousse.
- Turell, M. Teresa (ed.). 2005. Lingüística forense, lengua y derecho: Conceptos, métodos y aplicaciones. Barcelona: Documenta universitaria.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Laboratorio SQ-Lingüistas Forenses
- Forensic Linguistics Institute.Arquivado 25 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.
- International Association of Forensic Linguistics.
- Entrevista de M. Teresa Turell en Radio Nacional no programa En días como hoy[Ligazón morta]
- Entrevista a Sheila Queralt en Atlántico.