Lingua sorbia
Sorbio serbšćina | ||
---|---|---|
Falado en: | Alemaña | |
Rexións: | Lusacia | |
Total de falantes: | 60.000 a 150.000 | |
Familia: | Indoeuropea Balto-eslava Eslava Eslava occidental Alto sorbio Sorbio | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | --
| |
ISO 639-2: | hsb | |
ISO 639-3: | hsb
| |
SIL: | WEN - Alto sorbio
| |
Mapa | ||
Status | ||
O sorbio[2] ou sorabo[3] (na propia lingua serbšćina) é unha lingua da familia indoeuropea que pertence ao grupo eslavo. Lingua dos antigos eslavos do río Elba estabelecidos no leste da Alemaña no século VI, fálase aínda hoxe na Lusacia/Łužica, provincia histórica situada nos actuais estados (Länder) da Saxonia e de Brandeburgo, por unhas 60.000 persoas (sorbios).
Historia
[editar | editar a fonte]Os textos máis antigos existentes en sorbio son do século XVI, mesmo habendo evidencias fragmentadas de séculos anteriores na forma de palabras, frases e sentenzas curtas en documentos latinos e alemáns. Un deses documentos é a Crónica do Bispo Thietmar de Merseburg, escrita en 1012-1018. O primeiro texto sorbio é o Xuramento de Bautzen Burghers (1532), unha forma pola cal os cidadáns de Bautzen/Budyšin xuraban lealdade ao rei e ás autoridades locais.
O primeiro libro en sorbio é un catecismo e himno en baixo sorbio de 1574; en alto sorbio o primeiro libro impreso é tamén outro catecismo traducido e publicado en 1595. Un manuscrito do Novo Testamento traducido do alemán para o sorbio por Mikławš Jakubica en 1548, está no dialecto que se falou a leste do río Neise (Nysa en polaco), na veciña Sorau (Żary en polonés).
Durante o século XVII aparecen tres gramáticas sorbias mais só unha foi impresa; tratábase da Principía linguae wendicae quam aliqui wandalican vocant de Jacobus Xaverius Ticinus, baseada no dialecto setentrional de Wittichenau/Kulow. Mais a principal esfera de actividade literaria da lingua antes do século XIX foron as igrexas, no que a tradución da Biblia tivo un papel determinante no seu desenvolvemento.
A impresión da Biblia en alto sorbio polos luteranos comeza coa aparición en 1670 da tradución impresa dos Evanxeos de Mateu e Marcos por Michał Frencel, ao que se seguiu a impresión de todo o Novo Testamento en 1706, un ano despois da morte de Frencel. Frencel escribiu no dialecto de Bautzen, un subdialecto falado ao sur desta cidade. En 1703 os Estados da Alta Lusacia estabeleceron un comité para traducir a Biblia usando unha variante literaria amplamente baseada na rexión de Bautzen/Budyšin. Esta tradución publicouse en 1728 e estabeleceu esta variante da lingua como a normativa para os luteranos. Sucesos de similar importancia foron as publicacións en baixo sorbio da tradución do Novo Testamento de Gottlieb Fabricius e da do Antigo Testamento feita por Friedrich Fryco, de 1796 en Cottbus/Chośebuz. Esas traducións estabeleceron o dialecto de Cottbus/Chośebuz como a base da lingua literaria en baixo sorbio.
A lingua normativa alto sorbio para os católicos durante o século XVII estaba baseada no dialecto de Wittichenau/Kulow. A especial influencia desta pequena cidade, situada a 7 km ao sur de Hoyerswerda/Wojerecy, débese probabelmente ao feito de que posuía unha escola de gramática da cal podían saír clérigos influentes. Nesa cidade naceu Jurij Hawštyn Swětlik (1650-1729), que entre 1688 e 1707 traduciu toda a Vulgata á lingua literaria baseada neste mesmo dialecto, mesmo nunca se publicando. Non obstante, como resultado deste traballo, publicouse o seu Vocabularium Latino-Serbicun (Bautzen, 1721), o primeiro dicionario sorbio. A mediados do século XVIII os católicos sorbios de Crostwitz/Chrósćicy pasaron a ter unha forte influencia nos círculos gobernantes da xerarquía católica e a lingua literaria para os católicos pódese estabelecer a partir de 1750 baseada no dialecto de Crostwitz/Chrósćicy.
A lingua sorbia non posúe límites precisos e definidos, nin naturais nin doutra categoría. No século X a poboación de lingua sorbia fixouse na rexión entre os ríos Saale (a oeste) e Bober e Queis (a leste); no norte se estendía desde onde hoxe están Berlín e Frankfurt; no sur estaba limitada por Erzgebirge e Lasitzer Gebirge. As linguas veciñas eran o polabo ao norte, o polaco a leste, o checo ao sur e o alemán a oeste. Polo tanto, o sorbio era falado nunha rexión que se estendía a leste desde o río Neise no que hoxe é territorio polonés e incluía, a oeste, as terras onde posteriormente apareceron as cidades de Halle, Leipzig (Lipsk), Zwickau e Chemnitz (Kamjenica).
No decorrer dos séculos posteriores o territorio de lingua sorbia contraeuse progresivamente ata chegar ao século XIX, onde se estabelece a zona que actualmente delimita a lingua sorbia, co seu límite setentrional a uns 80 km a sueste de Berlín. O límite meridional está a menos de 8 km da República Checa. A poboación rural, desde o principio do século XX foi predominantemente falante de sorbio, en canto as cidades principais da rexión (Bautzen/Budyšin, Hoyerswerda/Wojerecy, Cottbus/Chośebuz e Spremberg/Gródk) foron sempre de lingua alemá desde que se fundaron na Idade Media.
A rexión habitada polos sorbios constituíu antigamente os margraviatos (provincias fronteirizas) da Alta Lusacia e Baixa Lusacia, sendo por iso o sorbio tamén coñecido como lusaciano. En alemán o termo máis común ata a segunda guerra mundial foi wendisch, mais sorbisch tamén se usou. Despois da guerra só a forma sorbisch se usou oficialmente e agora é dominante, en canto o termo wendisch rescatouse na Baixa Lusacia a partir de 1991. O termo propio equivalente tanto no alto canto no baixo sorbio é serbski.
Moito antes do século XIX a rexión falante de sorbio convertérase nunha illa rodeada de falantes de alemán e illada do checo e do polonés. Dese século en diante a poboación falante de sorbio foi ficando progresivamente diluída pola inmigración alemá, pola emigración sorbia, pola asimilación discreta promovida polo estado comunista alemán e a tendencia duns sorbios de preferir o alemán ao sorbio. Actualmente a rexión é de lingua predominantemente alemá, o que non quer dicir que o sorbio estea morrendo; hai un enclave formado por 40 localidades a noroeste de Bautzen/Budyšin que son principalmente católicos e que forman unha comunidade pechada falante de sorbio. Este é o núcleo dunha poboación espallada de sorbio por toda a Lusacia.
Datos
[editar | editar a fonte]Actualmente calcúlase o número oficial de falantes de sorbio en Alemaña en preto de 60.000 persoas, dos cales máis da metade son luteranos, a cuarta parte son católicos e os demais non posúen denominación confesional. Todos son bilingües en alemán.
A Constitución alemá garante e apoia os dereitos culturais dos sorbios. Existe un xornal e unhas revistas en alto sorbio (Serbske Nowiny, Rozhlad, Płomjo, Katolski Posoł, Pomhaj Bóh) e unha revista semanal en baixo sorbio e alemán (Nowy Casnik), que sobreviven grazas a subsidios estatais.
As Igrexa Católicas e Luteranas xogan un papel importante no mantemento da lingua sorbia. A misa é conducida en sorbio nas parroquias católicas e os servizos luteranos tamén se realizan en sorbio, aínda que con menos frecuencia.
Hai estimacións que elevan o total de falantes de sorbio ata as 150.000 persoas.
Dialectos
[editar | editar a fonte]Como xa se mencionou nos parágrafos anteriores, existen dúas formas dialectais: o alto sorbio e o baixo sorbio, cada unha delas coa súa forma normativa literaria.
Gramática
[editar | editar a fonte]Hai tres xéneros e tres números; o dual presérvase nos substantivos, adxectivos, pronomes e verbos. A orde da oración é suxeito, verbo e predicado.
Táboa comparativa de linguas
[editar | editar a fonte]Galego | Alto sorbio | Baixo sorbio | Polabo | Polaco | Checo | Esloveno | Ruso | Serbio | Croata | Ucraíno |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Home | čłowjek | cłowjek | clawak, clôwak | człowiek | člověk | člôvek | человек (čelovék) | човек (čovek) | čovjek | людина (ljudyna) |
Noite | wječor | wjacor | vicer | wieczór | večer | večér | вечер (véčer) | вече (veče) | večer | вечір (večir) |
Irmán | bratr | bratš | brot | brat | bratr | bràt | брат (brat) | брат (brat) | brat | брат (brat) |
Día | dźeń | źeń | dôn | dzień | den | dán | день (djeń) | дaн (dan) | dan | день (deń) |
Man | ruka | ruka | ręka | ręka | ruka | rôka | рука (ruká) | рука (ruka) | ruka | рука (ruka) |
Outono | nazyma | nazyma | prenja zaima, jisin | jesień | podzim | jesén | осень (óseń) | jeсен (jesen) | jesen | осінь (osiń) |
Neve | sněh | sněg | sneg | śnieg | sníh | snég | снег (sneg) | снег (sneg) | snijeg | сніг (snih) |
Verán | lěćo | lěśe | let | lato | léto | polétje | лето (léto) | лето (leto) | ljeto | літо (lito) |
Irmá | sotra | sotša | sestra | siostra | sestra | sêstra | сестра (sestrá) | сестра (sestra) | sestra | сестра (sestra) |
Peixe | ryba | ryba | ryba | ryba | ryba | ríba | рыба (rýba) | риба (riba) | riba | риба (ryba) |
Lume | woheń | wogeń | widin | ogień | oheň | ôgənj | огонь (ogóń) | вaтрa (vatra) | vatra | вогонь (vohoń) |
Auga | woda | wóda | wôda | woda | voda | vôda | вода (vodá) | вода (voda) | voda | вода (voda) |
Vento | wětr | wjatš | wjôter | wiatr | vítr | vétər | ветер (véter) | ветaр (vetar) | vjetar | вітер (viter) |
Inverno | zyma | zyma | zaima | zima | zima | zíma | зима (zimá) | зима (zima) | zima | зима (zyma) |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022.
- ↑ González González, Manuel. "Sorbio". Tergal. Consultado o 02/01/2025.
- ↑ Definición de sorabo -ba no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.