Lino Ventura
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (it) Angiolino Giuseppe Pasquale Ventura 14 de xullo de 1919 Parma (Italia) |
Morte | 22 de outubro de 1987 (68 anos) Saint-Cloud (Francia) |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Lugar de sepultura | Cimetière du Val-Saint-Germain (en) |
Residencia | Saint-Cloud (–1987) París (1930–) Montreuil (1927–1930) Parma (1919–1927) |
Altura | 1,76 m |
Actividade | |
Ocupación | actor de cinema, loitador profesional, loitador afeccionado, actor |
Período de actividade | 1953 - 1987 |
Deporte | loita Luta greco-romana (pt) |
Familia | |
Fillos | Clelia Ventura |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
|
Angiolino Giuseppe Pasquale Ventura,[1] nado en Parma o 14 de xullo de 1919 e finado en Saint-Cloud (Altos do Sena) o 22 de outubro de 1987, foi un actor italiano que creceu e traballou en Francia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ventura era fillo de Giovanni Ventura e Luisa Borrini.[2] En 1927 deixou Italia coa súa nai para unirse ao seu pai, que fora traballar como representante de comercio a París varios anos antes. Porén, cando chegaron a Montreuil o 7 de xuño de 1927, a nai e o fillo non atoparon a Giovanni. O pai desaparecera. Posteriormente, Lino Ventura evocou poucas veces e de mala gana o pai ausente.
Por fidelidade ás súas orixes nunca adquiriu a nacionalidade francesa, algo que lle suxeriron moitas veces. Falaba francés sen acento e pola contra expresábase en italiano con certo acento francés. Deixou a escola moi novo e comezou a traballar desde os oito anos. Posteriormente exerceu diferentes oficios: mozo de hotel, mecánico, representante de comercio e empregado de oficina.[3] Non obstante, o máis importante para el foi o deporte e converteuse en loitador profesional. Nesta época coñeceu a Odette Lecomte nunha axencia de viaxes.[4]
Como conservaba a súa nacionalidade orixinal, alistouse no exército italiano ao comezo da segunda guerra mundial. Desertou cando o réxime fascista colapsou (xullo de 1943) para unirse a Odette en París, coa que casara o 8 de xaneiro de 1942.[2] Ameazado con ser delatado, tivo que agacharse para non ser arrestado polos alemáns,[5] nunha casa que servía como pendello en Baracé (regresou alí despois da guerra e mercou a casa).[6]
Despois da guerra, comezou unha carreira na loita libre, máis rendible que a loita grecorromana,[5] e participou en pelexas na Salle Wagram e no Cirque d'Hiver onde loitou baixo o nome de Lino Borrini, alias "o foguete italiano". A súa carreira de loita libre alcanzou o seu punto máximo en febreiro de 1950 cando se converteu en campión europeo de peso medio de Italia, mais rematou o 31 de marzo de 1950, cando Henri Cogan (que posteriormente tamén foi actor) o feriu ao lanzalo sobre unhas cadeiras metálicas. A caída deixoulle unha dobre fractura aberta na perna dereita. Despois converteuse en organizador de loitas para unha vintena de loitadores do seu equipo.[7]
En 1953, de xeito totalmente casual, un amigo falou del ao director Jacques Becker, que buscaba un italiano para interpretar un papel con Jean Gabin no seu filme Touchez pas au grisbi. Produciuse o encontro e Becker ofreceulle alí mesmo o papel de Angelo, que nun primeiro momento Ventura rexeitou. Coa estrea do filme, todo o mundo profesional se fixou nel.
Foi inmediatamente adoptado polo cinema, comezando por Jean Gabin, que se converteu nun grande amigo e tamén polo público, grazas á súa soltura e o seu talento natural para a interpretación, que facían del o actor ideal para os filmes de cinema negro, como delicuente ou como policía duro mais de gran corazón. Sen estudar nunca arte dramática, ascendeu rapidamente na industria. Primeiro foi actor secundario e despois accedeu aos protagonistas, afinándose a súa interpretación. Converteuse nun membro destacado do cinema francés e continuou a ser recoñecido como un dos grandes actores.
Faleceu aos 68 anos dun ataque ao corazón tras 34 anos de carreira cinematográfica e 75 filmes. Foi enterrado no cemiterio Le Val-Saint-Germain (Essonne).
Vida persoal
[editar | editar a fonte]En 1942 casou con Odette Lecomte, o seu amor de mocidade, con quen tivo catro fillos: Mylène (1946-1998, finada nun accidente aéreo[8]), Laurent (1950), Linda (1958) e Clelia (1961).[2] Odette faleceu en Trélazé o 15 de maio de 2013.[9] Pouco presente na súa familia por mor das xiras que encadeaba, dedicáballes sempre o mes de xullo, que pasaban en Cap Ferret (Gironde).[10]
Linda, vítima dun problema ao nacer, tiña unha discapacidade. Ao descubriren a falla de estruturas de apoio e de acollida para nenos con discapacidade, Lino e Odette crearon en 1966,[11] a organización benéfica Perce-Neige, que se converteu en fundación en maio de 2016, en Saint-Cloud, onde vivían, para prestar apoio ás asociacións existentes que traballaban no campo da discapacidade e para concienciar as autoridades públicas sobre as necesidades dos nenos con discapacidade e as súas familias.
Filmografía
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Lino Ventura - la vie du fondateur de Perce-Neige". Perce-Neige Fondation d'aide aux personnes handicapées (en francés). Consultado o 2021-04-26.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Lafitte, Jacques; Taylor, Stephen (1969). Qui est qui en France. J. Lafitte..
- ↑ Durant, Philippe (2014). Lino Ventura. Éditions First. p. 8.
- ↑ Sandro Cassati, Lino Ventura, p. 12.
- ↑ 5,0 5,1 Rajchman, Olivier (12 de outubro de 2016). "Lino Ventura : 10 choses à savoir sur l'un des acteurs préférés des Français". telestar.fr.
- ↑ Sandro Cassati, Lino Ventura, p. 11.
- ↑ Studio Ciné Live (2 mars 2009). "Lino Ventura, 25 ans déjà". L'Express (en francés). Consultado o 25 de agosto de 2014.
- ↑ "La fille de Lino Ventura tuée dans un accident". Le Parisien (en francés). 16 de maio de 1998. Consultado o 23 de outubro de 2016.
- ↑ "Mort d'Odette Ventura, veuve de Lino Ventura et co-fondatrice de Perce Neige". Le Parisien (en francés). 15 de maio de 2013. Consultado o 16 de maio de 2013.
- ↑ Ungemuth, Nicolas (16 de abril de 2021). "Clelia Ventura, mon père Lino". Le Figaro Magazine (en francés). pp. 66–71.
- ↑ "Lino Ventura : l'appel du 6 décembre 1965". Perce Neige (en francés). Arquivado dende o orixinal o 06 de xuño de 2016. Consultado o 06 de xuño de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Durant, Philippe (1989): Lino Ventura. Bergisch Gladbach: Lübbe. ISBN 3-404-61142-X
- Durieux, Gilles (2001): Lino Ventura. París: Flammarion. ISBN 2-08-068113-3
- Giovanni, José (2002): Mes Grandes Gueules. Fayard. ISBN 2-213-61262-5
- Ventura, Clélia (2003): Lino ou la Gourmandise de la Vie. París: Robert Laffont. ISBN 2-221-09884-6
- Ventura, Odette (1992): Lino. París: Robert Laffont. ISBN 2-7242-7179-3 (see also: External Links)
- Ventura, Odette (1993): Lino. Weinheim; Berlin: Beltz Quadriga. ISBN 3-88679-217-X
- Ventura, Odette (1997): Lino. París: Robert Laffont. ISBN 2-221-08646-5
- Ventura, Odette (1997): Lino. Guanda "Biblioteca della Pilotta". ISBN
- Zurhorst, Meinolf / Just, Lothar (1984). Lino Ventura: Seine Filme – Sein Leben. München: Heyne. ISBN 3-453-86065-9