Alemaña nazi
Alemaña nazi e Terceiro Reich son os nomes comúns para designar a Alemaña durante o período entre 1933-1945, cando o goberno estaba controlado por Adolf Hitler e o seu Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP), máis coñecido como Partido Nazi. Baixo o goberno de Hitler, Alemaña foi transformada nun estado totalitario, onde case todos os aspectos da vida eran controlados polo Estado. A Alemaña nazi deixou de existir despois de que as Forzas Aliadas derrotaran a Wehrmacht en maio de 1945, co que rematou así a segunda guerra mundial en Europa.
Despois de Hitler ser nomeado chanceler de Alemaña polo Presidente da República de Weimar, Paul von Hindenburg, o 30 de xaneiro de 1933, o Partido Nazi comezou a eliminar toda a oposición política e consolidar o seu poder. Hindenburg finou o 2 de agosto de 1934, e Hitler converteuse en ditador de Alemaña, cando os poderes e as oficinas da chancelaría e a presidencia foron fundidas. Un referendo nacional realizado o 19 de agosto de 1934 confirmou a Hitler como único Führer (líder) de Alemaña. Todo o poder centralizouse nas mans de Hitler, e a súa palabra estaba por enriba de todas as leis. O goberno non era un corpo de cooperación coordinada, senón unha colección de faccións que loitaban para acumular poder e gañar o favor de Hitler. No medio da Gran Depresión, o nazismo restaurou a estabilidade económica e rematou co paro masivo usando gastos militares pesados e unha economía mixta. Realizouse unha gran cantidade de obras públicas, incluíndo a construción de Autobahns (estradas de alta velocidade). O retorno á estabilidade económica impulsou a popularidade do réxime.
O racismo, sobre todo o antisemitismo, foi unha das características centrais do réxime. Os pobos xermánicos foron considerados como a representación máis pura do arianismo e, polo tanto, a raza superior. O pobo xudeu e outros considerados indesexábeis foron perseguidos ou asasinados, e a oposición ao goberno de Hitler foi brutalmente reprimida. Os membros da oposición liberal, socialista e comunista foron asasinados, prendidos ou forzados ao exilio. As igrexas cristiás tamén foron oprimidas, con moitos líderes presos. A educación estaba centrada na bioloxía racial, política de poboación e aptitude para o servizo militar. A carreira e as oportunidades educativas para as mulleres foron reducidas. Nas Olimpíadas de verán de 1936 presentouse o Terceiro Reich no escenario internacional. O Ministro de Propaganda, Joseph Goebbels, fixo uso efectivo das películas, mitins e oratoria de Hitler para controlar a opinión pública. O goberno controlaba a expresión artística, promovendo formas de arte específicas e evitaba ou prohibía outras.
Alemaña fixo esixencias territoriais cada vez máis agresivas, baixo ameaza de guerra se non eran atendidas. Á anexión de Austria en 1938 (o que se denominou Anschluss) sumóuselle posteriormente a de Checoslovaquia en 1939. Hitler fixo un pacto con Iosif Stalin e invadiu Polonia en setembro de 1939, o que precipitou o comezo da segunda guerra mundial en Europa. En alianza coa Italia de Benito Mussolini e outras potencias do Eixo, Alemaña conquistou a maior parte de Europa en 1940 e ameazou a Gran Bretaña. Os Reichskommissariats asumiron o control brutal das áreas conquistadas, e unha administración alemá foi fundada en Polonia. O pobo xudeu e outros grupos considerados como indesexables foron aprisionados en campos de concentración. A implantación de políticas raciais do réxime culminou co asasinato en masa de membros do pobo xudeu e doutras minorías no Holocausto, coñecido polo pobo xudeu como השואה, HaShoá, a catástrofe. Trala invasión alemá da URSS en 1941, a marea virou contra o Terceiro Reich, e as grandes derrotas militares chegaron en 1943. O bombardeo a grande escala de cidades alemás, ferrocarrís e centrais de petróleo intensificouse en 1944. Alemaña foi invadida en 1945 pola URSS no leste e polas potencias aliadas polo oeste. A negativa de Hitler a admitir a derrota levou á destrución masiva de infraestrutura alemá e á perda innecesaria de vidas nos meses finais da guerra. Os aliados vitoriosos iniciaron unha política de desnazificación e xulgaron aos líderes nazis por crimes de guerra nos coñecidos como Xuízos de Nuremberg.
Nome
[editar | editar a fonte]O nome oficial do estado foi Deutsches Reich (Reich Alemán) entre 1933 e 1943, e Großdeutsches Reich (Gran Reich Alemán) entre 1943 e 1945. O nome Deutsches Reich é xeralmente traducido como "Imperio Alemán".
Os termos máis comúns en galego para a Alemaña da era nazi son «a Alemaña nazi» e «o Terceiro Reich»,[1] este último sendo unha tradución do alemán Drittes Reich, en principio apropiado pola propaganda nazi do título do libro de Arthur Moeller van dean Bruck, Dás Dritte Reich, publicado en 1923.[2] Os nacionalsocialistas convertérono no termo común para a entidade territorial alemá, que incluía tan O libro contaba ao Sacro Imperio Romano Xermánico (962-1806) como o primeiro Reich e o Imperio Alemán (1871-1918) como o segundo [3].to o Estado alemán como os territorios ocupados, ademais dos seus significados históricos, políticos e sociais.[4] Moeller van dean Bruck tentou tamén conciliar os conceptos de nacionalismo e xustiza social, o cal podería verse como un exordio do nacionalsocialismo. Os nazis, con todo, fóronse afastando das ideas orixinais de Moeller na posta en práctica de ambos os termos.[5]
A palabra Reich en si significa un dominio ou extensión gobernada a nivel supranacional, polo que moitas veces tradúcese en Imperio, aínda que a denominación «Imperio alemán» adoita ser reservada aos períodos que contaban coa figura do Káiser, ou emperador (dita distinción faise en alemán por medio do termo Kaiserreich).[6][7] Orixinalmente, o emprego dos ordinais tivo o fin de preparar o terreo para un terceiro e definitivo Reich alemán, que contaría coa restauración da dinastía imperial máis que coa figura do Führer (por iso é polo que os nazis tras adoptalo con entusiasmo apresuráronse a afastarse do seu significado orixinal).[8] En canto ao termo Primeiro Reich, aínda que en principio identificado co Sacro Imperio Romano, durante certo tempo deixouse na ambigüidade por motivos políticos relativos a cuestións hereditarias en Austria.[9]
Outro termo usado con frecuencia polos nazis, o Reich dos Mil Anos (Tausendjähriges Reich), ten a súa orixe precisamente na identificación do Sacro Imperio Romano (800-1806) como a primeira parte dun Reich que nunca deixou de existir, do que Carlomagno sería o primeiro caudillo,[10] e obviando o feito de que dita entidade —por entón un cúmulo de territorios unidos por motivos relixiosos máis que étnicos— foi establecida de feito pola autoridade papal (tras defender ao papa León III fronte á rebelión dos habitantes de Roma).[11]
O termo Terceiro Reich quedou por tanto como unha expresión propia, na que a palabra Reich non se traduce (a diferenza das primeiras dúas "etapas imperiais"), identificándoo coa Alemaña nazi.[12]
Os alemáns modernos refírense ao período como Zeit des Nationalsozialismus (período nacional-socialista) ou Nationalsozialistische Gewaltherrschaft (Tiranía nacional socialista).
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Alemaña foi coñecida como a República de Weimar durante os anos 1919 a 1933. Era unha república cun sistema semipresidencialista. A República de Weimar enfrontou numerosos problemas, incluída a hiperinflación, o extremismo político (incluída a violencia dos paramilitares de esquerda e dereita), as relacións contenciosas cos vencedores aliados da primeira guerra mundial e unha serie de intentos errados de goberno de coalición por partidos políticos divididos.[13] Tras o fin da primeira guerra mundial comezaron graves reveses á economía alemá, en parte debido aos pagos de reparación esixidos polo Tratado de Versalles de 1919. O goberno imprimiu diñeiro para facer os pagos e reembolsar a débeda de guerra do país, pero a hiperinflación resultante levou a prezos inflados para os bens de consumo, caos económico e disturbios por alimentos.[14] Cando o goberno non cumpriu cos seus pagos de reparacións de danos en xaneiro de 1923, as tropas francesas ocuparon áreas industriais alemás ao longo do Ruhr e seguiron disturbios civís xeneralizados.[15]
O Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán (Nationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei), comunmente coñecido como o Partido Nazi, foi fundado en 1920. Foi o sucesor rebautizado do Partido dos Traballadores Alemáns (DAP) formado un ano antes, e un dos varios partidos políticos de dereita activos entón en Alemaña.[16] A plataforma do Partido Nazi incluíu a destrución da República de Weimar, o rexeitamento dos termos do Tratado de Versalles, o antisemitismo radical e o antibolchevismo.[17] Prometeron un goberno central forte, aumento do Lebensraum ("espazo vital") para os pobos xermánicos, formación dunha comunidade nacional baseada na raza e limpeza racial mediante a supresión activa dos xudeus, que serían desposuídos da súa cidadanía e dereitos civís.[18] Os nazis propuxeron unha renovación nacional e cultural baseada no movemento Völkisch.[19] O partido, especialmente a súa organización paramilitar Sturmabteilung (SA; Storm Detachment), ou Brownshirts, utilizou a violencia física para promover a súa posición política, interrompendo as reunións de organizacións rivais e atacando aos seus membros e ao pobo xudeu nas rúas.[20] Estes grupos armados de extrema dereita eran comúns en Baviera e foron tolerados polo goberno estatal de extrema dereita de Gustav Ritter von Kahr.[21]
Cando o mercado de valores dos Estados Unidos colapsou o 24 de outubro de 1929, o efecto en Alemaña foi terrible.[22] Millóns de traballadores quedaron sen traballo e varios bancos importantes colapsaron. Hitler e os nazis preparáronse para aproveitar a emerxencia para obter apoio para o seu partido. Prometeron fortalecer a economía e xerar emprego.[23] Moitos votantes decidiron que o Partido Nazi era capaz de restaurar a orde, sufocar os disturbios civís e mellorar a reputación internacional de Alemaña. Despois das eleccións federais de 1932, o partido era o máis grande do Reichstag, con 230 escanos co 37,4 por cento do voto popular.[24]
Historia
[editar | editar a fonte]O inicio da gran Depresión (1929), o desemprego alto, as humillacións do Tratado de Versalles (1919) e o descontento social levaron a un grande apoio do pobo alemán aos partidos socialistas. Temendo unha revolución socialista, a alta burguesía alemá, empresarios e o clero apoiaron ditaduras extremadamente nacionalistas para derrubar os socialistas.
Chegada do nacionalsocialismo ao poder
[editar | editar a fonte]Aínda que os nacionalsocialistas obtiveron a maior parte do voto popular nas dúas eleccións xerais do Reichstag de 1932, non obtiveron maioría. Por tanto, Hitler dirixiu un goberno de coalición de curta duración formado co Partido Nacional do Pobo Alemán.[25] Baixo a presión de políticos, industriais e a comunidade empresarial, o presidente Paul von Hindenburg nomeou a Hitler chanceler de Alemaña o 30 de xaneiro de 1933. Este evento coñécese como Machtergreifung ("toma do poder").[26]
Na noite do 27 de febreiro de 1933, foi incendiado o edificio do Reichstag. Marinus van der Lubbe, un comunista neerlandés, foi declarado culpable de iniciar o incendio. Hitler proclamou que o incendio provocado marcou o inicio dun levantamento comunista. O Decreto do Incendio do Reichstag, imposto o 28 de febreiro de 1933, anulou a maioría das liberdades civís, incluídos os dereitos de reunión e a liberdade de prensa. O decreto tamén permitiu á policía deter a persoas indefinidamente sen cargos. A lexislación foi acompañada dunha campaña de propaganda que xerou apoio público á medida. A represión violenta dos comunistas por parte das SA levouse a cabo en todo o país e 4.000 membros do Partido Comunista de Alemaña foron arrestados.[27]
En marzo de 1933, a lei de habilitación, unha emenda á Constitución de Weimar, foi aprobada no Reichstag por 444 votos contra 94.[28] Esta emenda permitiu a Hitler e o seu gabinete aprobar leis, mesmo leis que violaban a constitución, sen o consentimento do presidente ou do Reichstag.[29] Como o proxecto de lei requiría unha maioría de dous terzos para aprobarse, os nazis utilizaron tácticas de intimidación, así como as disposicións do Decreto de Incendio do Reichstag para impedir a asistencia de varios deputados socialdemócratas, e os comunistas que xa foran prohibidos. O 10 de maio, o goberno apoderouse dos activos dos socialdemócratas e foron prohibidos o 22 de xuño.[30] O 21 de xuño, as SA achandaron as oficinas do Partido Nacional do Pobo Alemán, os seus antigos socios de coalición, que logo se disolveron o 29 de xuño. Os partidos políticos principais restantes seguiron o seu exemplo. O 14 de xullo de 1933, Alemaña converteuse nun estado de partido único coa aprobación dunha lei que decretaba que o Partido Nazi era o único partido legal en Alemaña. Tamén se ilegalizou a fundación de novos partidos e prohibíronse todos os partidos políticos restantes que aínda non se disolveron.[31] Posteriormente, a lei de habilitación serviría como base legal para a ditadura que estableceron os nazis.[32] As eleccións posteriores en novembro de 1933, 1936 e 1938 foron controladas polos nazis, con só membros do Partido e un pequeno número de independentes elixidos.[33]
Nazificación de Alemaña
[editar | editar a fonte]O gabinete de Hitler utilizou os termos do Decreto do Incendio do Reichstag e máis tarde a Lei de Habilitación para iniciar o proceso de Gleichschaltung ("coordinación"), que puxo todos os aspectos da vida baixo o control do partido.[34] Os estados individuais non controlados por gobernos nazis electos ou coalicións dirixidas polos nazis víronse obrigados a aceptar o nomeamento de comisarios do Reich para aliñar aos estados coas políticas do goberno central. Estes comisarios tiñan o poder de nomear e remover gobernos locais, parlamentos estatais, funcionarios e xuíces. Desta maneira, Alemaña converteuse nun estado unitario de facto, con todos os gobernos estatais controlados polo goberno central baixo os nazis.[35][36] Os parlamentos estatais e o Reichsrat (cámara alta federal) foron abolidos en xaneiro de 1934,[37] e todos os poderes estatais transferíronse ao goberno central.[36]
Todas as organizacións civís, incluídos os grupos agrícolas, as organizacións de voluntarios e os clubs deportivos, tiveron o seu liderado substituído por simpatizantes nazis ou membros do partido; estas organizacións cívicas fusionáronse co Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán ou se enfrontaron á disolución.[38] O goberno nazi declarou un "Día do Traballo Nacional" para o Primeiro de Maio de 1933 e convidou a moitos delegados sindicais a Berlín para as celebracións. Ao día seguinte, os soldados de asalto de SA demoleron as oficinas sindicais en todo o país; todos os sindicatos víronse obrigados a disolverse e os seus dirixentes foron detidos.[39] A Lei de Restauración da Función Pública, aprobada en abril, destituíu dos seus postos a todos os mestres, profesores, xuíces, maxistrados e funcionarios do goberno que fosen xudeus ou cuxo compromiso co partido estivese baixo sospeita.[40] Isto significaba que as únicas institucións apolíticas que non estaban baixo o control dos nazis eran as igrexas.[41]
O réxime nazi aboliu os símbolos da República de Weimar, incluída a bandeira tricolor negra, vermella e dourada, e adoptou un simbolismo reelaborado. O tricolor imperial negro, branco e vermello anterior restaurouse como unha das dúas bandeiras oficiais de Alemaña; o segundo foi a bandeira coa esvástica do Partido Nazi, que se converteu na única bandeira nacional en 1935. O himno do Partido "Horst Wessel Lied" ("Canción de Horst Wessel") converteuse nun segundo himno nacional.[42]
Alemaña aínda se atopaba nunha situación económica terrible, xa que seis millóns de persoas estaban desempregadas e o déficit da balanza comercial era abafador.[43] Utilizando o gasto deficitario, emprendéronse proxectos de obras públicas a partir de 1934, creando 1,7 millóns de novos postos de traballo só a finais dese ano.[43] Os salarios medios empezaron a subir.[44]
A Alemaña transformouse nun estado nacionalista: non-arios e opoñentes do nazismo eran excluídos da administración, e o sistema xudicial tornouse subserviente ao nazismo, con xuízos secretos que tiñan unha ampla definición de traizón e determinaban execucións sumarias. Campos de concentración foron creados para recibir prisioneiros políticos, sendo máis tarde (durante a segunda guerra mundial) utilizados para reunir as chamadas razas impuras como xudeus, ciganos, eslavos, musulmáns [Cómpre referencia], homosexuais e testemuñas de Xehová. Inicialmente, campos de traballos forzados, tornáronse locais de exterminio e de experiencias biolóxicas crueis, con cámaras de gas e fornos crematorios.
O antisemitismo foi formalizado polas leis raciais, de Nuremberg. As igrexas protestantes e católica foron atacadas. O movemento Xuventude Hitleriana foi creado para adoutrinar aos mozos. Gran parte dos traballadores industriais foron conquistados coas ofertas de emprego oriúndas dos programas de rearmamento, entre outros. Boa parte da industria pasou ao control gobernamental, mentres os pequenos agricultores encontráronse máis firmemente ligados ás súas terras. Todos os outros partidos políticos da Alemaña foron liquidados e o Nacional Socialismo foi declarado ideoloxía oficial da Alemaña.
En outubro de 1933, a Alemaña retirouse da Sociedade de Nacións, unha organización que Hitler desprezaba. Co apoio do exército Hitler, despois dun período de caos político e económico, tras a morte de Paul von Hindenburg, asumiu a presidencia e o poder executivo único en 1934. Redactouse un plan de catro anos en 1936 para conquistar a autosuficiencia en caso de guerra, a forza aérea (Luftwaffe), prohibida desde 1919, foi reconstituída, tivo igualmente inicio a reconstrución da Mariña alemá. Hitler reintroduciu o servizo militar obrigatorio en 1935, tras a devolución da Conca do Sarre (río en Francia e Alemaña, baixo administración da Liga das Nacións desde o final da primeira guerra mundial).
En xullo de 1936 fornece armas, equipamentos, financiamento e algunhas unidades da Luftwaffe (Lexión Cóndor) ao xeneral Francisco Franco, o líder nacionalista na guerra civil española contra os republicanos, comunistas e anarquistas. Durante a primavera e o verán de 1939, fixo unha alianza política e militar coa Italia de Mussolini e reavivou a antiga disputa polo Corredor Polaco (Danzig), asinando un pacto coa Unión Soviética.
Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Segunda guerra mundial.
O 1 de setembro de 1939, á 04:45 da mañá, Alemaña invadiu a Polonia sen unha declaración formal de guerra, levando a Gran Bretaña e a Francia á guerra, comezando deste xeito a segunda guerra mundial. A ocupación militar alemá de gran parte do continente europeo foi rápida. Instaláronse gobernos fantoches en Francia (Francia de Vichy), Croacia (Estado Independente de Croacia), Noruega (con Vidkun Quisling) e en moitos outros países.
Até 1941, o territorio controlado polos nazis estendíase desde o Círculo Polar Ártico e a Canle da Mancha até o norte da África e á fronte rusa. A Gran Bretaña foi o principal adversario entre xuño de 1940 e xuño de 1941, cando Hitler invadiu a Unión Soviética, quebrando o pacto de non-agresión e abrindo outra fronte de batalla. A mobilización total ocorreu no inicio de 1942 e a produción de armamentos creceu, a pesar dos grandes ataques aéreos a obxectivos civís e industriais. So o liderado de Heinrich Himmler (1900-1945), a policía secreta alemá, chamada SS, asumiu poderes supremos.
A partir de 1943, os exércitos alemáns pasaron a loitar na retagarda e en maio de 1945 o Terceiro Reich encontrábase en ruínas. Hitler suicidouse o 30 de abril de 1945 cando o Exército Vermello, da URSS, estaba a poucos metros do ditador e a derrota do nazismo era irreversible.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Cambios territoriais
[editar | editar a fonte]Como resultado da súa derrota na primeira guerra mundial e a firma do Tratado de Versalles, Alemaña perdeu os territorios de Alsacia-Lorena, Xutlandia do Norte e o Territorio de Memel. O Sarre tornouse temporalmente un protectorado de Francia, a condición de que máis tarde, os cidadáns da rexión, decidiran por referendo que país a unirse. Polonia converteuse nunha nación independente e recibiu acceso ao mar coa creación do Corredor Polaco, que separaba a Prusia do resto de Alemaña. Danzig foi feita unha cidade libre.[45].
Alemaña recuperou o control do Sarre por medio dun referendo realizado en 1935 e anexou Austria no Anschluss de 1938.[45]. O Acordo de Múnic de 1938 deulle a Alemaña o control da rexión dos Sudetes, e incautáronse o resto de Checoslovaquia, seis meses despois [46]. Baixo ameaza de invasión por mar, Lituania rendeu a provincia Memel aos nazis en marzo de 1939.[45].
Entre 1939 e 1941, o Terceiro Reich invadiu Polonia, Francia, Luxemburgo, os Países Baixos, Bélxica e a Unión Soviética [46]. Trieste, Tirol do Sur e Istria foron cedidos á Alemaña por Mussolini en 1943 [46]. Dous distritos monicreques foron creados na zona, a Zona operativa do Litoral Adriático e a Zona Operativa do pé dos Alpes [47].
Territorios ocupados
[editar | editar a fonte]Algúns dos territorios conquistados foron inmediatamente incorporados a Alemaña como parte do obxectivo de Hitler a longo prazo da creación da Grande Alemaña. Diversas áreas, tales como Alsacia-Lorena, foron convertidas en distrito rexional. Ademais dos territorios incorporados Alemaña estaban os Reichskommissariat (Comisariados do Reich), réximes semi-coloniais establecidos nunha serie de países ocupados. Entre as áreas colocadas baixo administración alemá incluíanse o Protectorado de Bohemia e Moravia, o Reichskommissariat Ostland (que engloba os Estados do Báltico e de Belarús), e o Reichskommissariat Ukraine (Ucraína). As áreas conquistadas de Bélxica e Francia foron colocadas baixo o control da administración militar [48], parte de Polonia foi inmediatamente incorporada ao Reich, e o Goberno Xeral estableceuse na rexión central de Polonia ocupada [49]. Hitler pretendía finalmente incorporar moitas destas áreas para o Reich.[50]
Os gobernos de Dinamarca , Noruega (Reichskommissariat Norwegen) e Holanda (Reichskommissariat Niederlande ) estableceronse baixo administracións civís con persoal, en gran parte local [48].
Cambios da posguerra
[editar | editar a fonte]Coa emisión da Declaración de Berlín o 5 de xuño de 1945, e máis tarde a creación do Consello de Control dos Aliados, as catro potencias aliadas asumiron interinamente o goberno de Alemaña. Na Conferencia de Potsdam en agosto de 1945, os aliados despuxeron a ocupación aliada e desnazificación do país. Alemaña foi dividida en catro zonas, cada unha ocupada por unha das potencias aliadas. Como a maioría das áreas industriais estaban nas zonas occidentais, a Unión Soviética recibiu reparacións adicionais.
O Consello de Control dos Aliados desmantelou Prusia o 20 de maio de 1947. A axuda para a reconstrución de Alemaña chegou dos Estados Unidos co Plan Marshall en 1948. A ocupación finalizou en 1949, coa creación de dous Estados, a Alemaña federal e a Alemaña oriental. A división do país estivo vixente ata 1990 cando se produciu a reunificación alemá, e Alemaña renounciou a reclamar os territorios perdidos na segunda guerra mundial.[51]
Política
[editar | editar a fonte]Ideoloxía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Nazismo.
O NSDAP, era un partido de extrema dereita, que viu a súa oportunidade de facerse co poder durante as revoltas sociais e financeiras que tiveron lugar durante a Gran Depresión de 1929.[52] Mentres estaba na prisión debido ao errado Pustch de Múnic de 1923, Adolf Hitler escribiu Mein Kampf, no que mostraba os seus plans para transformar á sociedade alemá nunha baseada na raza.[53] A ideoloxía do nazismo trouxo elementos de antisemitismo, hixiene racial e euxenismo, combinado cun plan de expansionismo xermánico co fin de obter un maior Lebensraum (espazo vital) para os pobos xermánicos.[54] O réxime tratou de obter o novo territorio atacando Polonia e a Unión Soviética, coa intención de deportar ou asasinar aos xudeus e eslavos que vivían naquel territorio, xa que eran vistos como inferiores á raza Aria e parte dunha conspiración xudeu-bolxevique.[55] Outros grupos perseguidos polos nazis eran os xitanos, homosexuais, Testemuñas de Xeová e persoas con problemas físicos ou mentais.[56]
Goberno
[editar | editar a fonte]Unha lei promulgada o 30 de xaneiro de 1934 aboliu os Lander (estados constituíntes) de Alemaña e substituíunos polos Gau (división administrativa), dirixidos polos líderes do NSDAP, que se converteron nos gobernadores da rexión.[52]. O cambio nunca chegou a ser completamente posto en funcionamento, debido a que os Länder seguían sendo empregados como divisións administrativas para algúns departamentos do goberno, como a educación. Isto provocou un solapamento de xurisdicións e responsabilidades.[57]
Os funcionarios xudeus perderon os seus empregos en 1933, exceptuando aqueles que serviran militarmente na primeira guerra mundial. Membros do partido Nazi ou simpatizantes ocuparon os seus postos.[52] En 1935 suprimíronse as eleccións locais como consecuencia da publicación da Lei de Goberno Local do Reich. Desde entón, os alcaldes foron nomeados directamente desde o Ministerio do Interior.[52]
Hitler dirixiu Alemaña de xeito autocrático baseándose nos principios de liderado (Führerprinzip), que chamaba aos seus subordinados a unha obediencia absoluta. Hitler vía a estrutura do goberno de xeito piramidal, consigo -como líder infalible- no vértice. O partido Nazi utilizou a propaganda para crear un culto á personalidade arredor de Hitler.
Economía
[editar | editar a fonte]Economía do Reich
[editar | editar a fonte]A economía da Alemaña nazi estivo dominada nos seus comezos por unha grave crise económica. A destrución da primeira guerra mundial e o Tratado de Versalles coa súa imposición de reparacións de guerra levaron a Alemaña a unha década de problemas económicos, coma a hiperinflación na República de Weimar de inicios dos anos 20. Tras o Crac de 1929, a economía alemá, tal como a do resto dos países occidentais, sufriu os efectos da Gran Depresión, con alarmantes taxas de desemprego.
Ao momento da toma do poder de Hitler en 1933, a economía converteuse nun elemento crucial para a consolidación do poder do réxime nazi. En 1934, o ministro de Economía Hjalmar Schacht desenvolveu unha política de gasto, especialmente destinada cara ás obras públicas, cos que o Estado pagaba as empresas. Este sistema serviu para financiar o rearmamento con só un millón de Reichsmarks de capital. Marcada por un forte intervencionismo, unha política de obras públicas e de desenvolvemento do sector industrial militar, a economía comezou a recuperarse. Para 1938, o desemprego desaparecera e incluso faltaban traballadores para cubrir os postos de traballo dispoñibles. A pesar do aparente éxito, o gasto público acometido por Hitler foi maior que o crecemento económico, polo que a débeda pública aumentou. Aínda que se promoveu a autarquía, Alemaña non posuía todas as materias primas que necesitaba, polo que as importacións mantivéronse tan altas coma antes.
A segunda guerra mundial é o inicio dunha economía de guerra levou a Alemaña a un período de privacións e destrución, a pesar de ter absorbido as estruturas económicas e industriais dos países ocupados e a explotación da forza de traballo dos deportados. O fin do Terceiro Reich deixou a Alemaña nunca situación de colapso económico e hiperinflación, que pasou a estar baixo a dirección das forzas de ocupación aliadas.
Arte e cultura
[editar | editar a fonte]Na súa xuventude, Hitler tivo a aspiración de ser pintor, mais foi rexeitado en dúas ocasións pola Escola de Viena. Cando se alzou co poder en Alemaña, apoiou o desenvolvemento da arte, exceptuando aquela que a ideoloxía nazi consideraba como decadente, e tomou baixo os seus auspicios o arquitecto Albert Speer, que transformou as ideas de Hitler en grandes estruturas de formigón.
Boa parte da produción artística alemá neste período consagrouse ao enxalzamento dos valores da familia, a nación e en especial a raza aria, educando ás novas xeracións con contidos antisemitas e intolerantes. Neste tema, o ministro de Propaganda Joseph Goebbels xogou un importante papel doutrinario.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]A arquitectura tamén recibiu un impulso considerable durante o réxime. Un ambicioso plan, que buscaba converter Berlín na capital máis impoñente do mundo, nunca chegou a ser concretado a causa do comezo da guerra. Durante anos Hitler e Speer proxectaron os edificios e propuxeron un radical cambio urbanístico para a súa nova cidade.
O primeiro paso destes plans foi o Estadio Olímpico de Berlín, deseñado por Werner March, a única grande obra arquitectónica deste período que aínda sobrevive. Speer proxectou así mesmo a nova Chanceleria do Reich, que incluía un enorme salón, dúas veces maior que o Salón dos Espellos do Palacio de Versalles. Hitler quería construír unha terceira Chancelería, aínda maior, malia que nunca chegou a comezarse. A segunda das Chancelerías foi danada seriamente polo exército soviético durante a batalla de Berlín en 1945. Nese mesmo ano foi demolida en presenza do Primeiro Ministro do Reino Unido, Winston Churchill.
Outras obras destacadas que sobreviviron son o Aeroporto de Berlín-Tempelhof e Prora, unha estación de vacacións construída na illa de Rügen. Entre os proxectos de Speer e Hitler está a Volkshalle, ou Salón do Pobo, unha cúpula de 200 m de altura e 250 m de diámetro, 16 veces maior que a Basílica de San Pedro. Hitler tamén planeaba construír un arco, similar ao Arco do Triunfo de París, mais de 100 m de altura, en cuxo interior estarían gravados os nomes de todos os mortos alemáns da primeira guerra mundial.
Cine
[editar | editar a fonte]O cine tivo en Leni Riefenstahl a súa representante máis destacada, grazas a dúas obras: O triunfo da vontade e Olympia. Esta última película é admirada polo uso de técnicas innovadoras para a época, aínda que tamén é criticada por facer apoloxía do réxime nazi.
Xuventude
[editar | editar a fonte]A formación das novas xeracións estaba desde cedo enmarcada dentro de proxectos nacionalistas, coma as Xuventudes Hitlerianas. En centros construídos especialmente, como o castelo Vogelsang na actual Renania do Norte-Westfalia (RNW), formábase á elite nacionalsocialista. Tras a caída do réxime, o castelo coas súas 330 ha circundantes foron ocupados, primeiro polo exército británico e a partir de 1950 polo belga.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Lauryssens 1999, p. 102.
- ↑ Rosmus 2004, p. 33.
- ↑ van Wie, Paul D. (1999). Image, History and Politics: The Coinage of Modern Europe. Lanham, Md: University Press of America. ISBN 978-0-7618-1221-0.
- ↑ Fromm 1977, pp. 493–498.
- ↑ Keller 2010, p. 15.
- ↑ Shirer 1960, pp. 10–11.
- ↑ Kershaw 2008, p. 9.
- ↑ Toland 1976, p. 6.
- ↑ Kershaw 2008, p. 4.
- ↑ Kubizek 2006, p. 92.
- ↑ Hitler 1999, p. 6.
- ↑ Payne 1990, p. 22.
- ↑ Childers 2017, pp. 22–23, 35, 48, 124–130, 152, 168–169, 203–204, 225–226.
- ↑ Evans 2003, pp. 103–108.
- ↑ Evans 2003, pp. 186–187.
- ↑ Evans 2003, pp. 170–171.
- ↑ Goldhagen 1996, p. 85.
- ↑ Evans 2003, pp. 179–180.
- ↑ Kershaw 2008, p. 81.
- ↑ Evans 2003, pp. 180–181.
- ↑ Evans 2003, pp. 181, 189.
- ↑ Childers 2017, p. 103.
- ↑ Shirer 1960, pp. 136–137.
- ↑ Goldhagen 1996, p. 87.
- ↑ Evans 2003, pp. 293, 302.
- ↑ Shirer 1960, pp. 183–184.
- ↑ Evans 2003, pp. 329–334.
- ↑ Evans 2003, p. 354.
- ↑ Evans 2003, p. 351.
- ↑ Evans 2003, p. 336.
- ↑ Shirer 1960, p. 201.
- ↑ Shirer 1960, p. 199.
- ↑ Evans 2005, pp. 109, 637.
- ↑ McNab 2009, p. 14.
- ↑ Bracher 1970, pp. 281–87.
- ↑ 36,0 36,1 Shirer 1960, p. 200.
- ↑ Evans 2005, p. 109.
- ↑ Koonz 2003, p. 73.
- ↑ Shirer 1960, p. 202.
- ↑ Shirer 1960, p. 268.
- ↑ Evans 2005, p. 14.
- ↑ Cuomo 1995, p. 231.
- ↑ 43,0 43,1 McNab 2009, p. 54.
- ↑ McNab 2009, p. 56.
- ↑ 45,0 45,1 45,2 Historia Universal Contemporánea. Ano 2009. Javier Paredes
- ↑ 46,0 46,1 46,2 Shirer, William L. (1960). The Rise and Fall of the Third Reich. New York: Simon & Schuster. ISBN 978-0-671-62420-0.
- ↑ Wedekind, Michael (2005). "The Sword of Science: German Scholars and National Socialist Annexation Policies in Slovenia and Northern Italy". In Haar, Ingo; Fahlbusch, Michael. German Scholars and Ethnic Cleansing (1920–1945). New York: Berghahn. ISBN 978-1-57181-435-7.
- ↑ 48,0 48,1 Evans. Ano 2008. p = 373
- ↑ Longerich. Ano 2010. p = 147
- ↑ Umbreit. Ano 2003. p = 26
- ↑ Boczek. Ano 2005. p. 134
- ↑ 52,0 52,1 52,2 52,3 Evans, Richard J. (2005). The Third Reich in Power. New York: Penguin. ISBN 978-0-14-303790-3.
- ↑ Kershaw, Ian (2008). Hitler: A Biography. New York: W. W. Norton & Company. ISBN 978-0-393-06757-6.
- ↑ Evans, Richard J. (2008). The Third Reich at War. New York: Penguin. ISBN 978-0-14-311671-4.
- ↑ Bendersky, Joseph W. (2007). A Concise History of Nazi Germany: 1919–1945. Lanham, MD: Rowman & Littlefield. ISBN 978-0-7425-5363-7.
- ↑ Longerich, Peter (2010). Holocaust: The Nazi Persecution and Murder of the Jews. Oxford; New York: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-280436-5.
- ↑ Freeman, Michael J. (1995). Atlas of Nazi Germany: A Political, Economic, and Social Anatomy of the Third Reich. Londres; New York: Longman. ISBN 978-0-582-23924-1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alemaña nazi |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Childers, Thomas (2001). "Racial Policy and the Totalitarian State". A History of Hitler's Empire, 2nd Edition. Episodio 7 (en inglés). The Great Courses. Escena en 12:20–12:41. Consultado o 6 de decembro do 2023.
- Childers, Thomas (2017). The Third Reich: A History of Nazi Germany. New York: Simon & Schuster. ISBN 978-1-45165-113-3.
- Evans, Richard J. (2003). The Coming of the Third Reich. New York: Penguin. ISBN 978-0-14-303469-8.
- Evans, Richard J. (2005). The Third Reich in Power. New York: Penguin. ISBN 978-0-14-303790-3.
- Evans, Richard J. (2008). The Third Reich at War. New York: Penguin. ISBN 978-0-14-311671-4.
- Evans, Richard J. (2009). Cosmopolitan Islanders: British Historians and the European Continent. Cambridge; New York: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-19998-8.
- Goldhagen, Daniel (1996). Hitler's Willing Executioners: Ordinary Germans and the Holocaust. New York: Knopf. ISBN 978-0-679-44695-8.
- Kershaw, Ian (2000b). Hitler, 1936–1945: Nemesis. Nova York; Londres: W. W. Norton & Company. ISBN 978-0-393-32252-1.
- Kershaw, Ian (2000a). The Nazi Dictatorship: Problems and Perspectives of Interpretation (4th ed.). Londres: Arnold. ISBN 978-0-340-76028-4.
- Kershaw, Ian (2001) [1987]. The "Hitler Myth": Image and Reality in the Third Reich. Oxford; Nova York: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-280206-4.
- Kershaw, Ian (2008). Hitler: A Biography. New York: W. W. Norton & Company. ISBN 978-0-393-06757-6.
- Kershaw, Ian (2011). The End: Hitler's Germany, 1944–45. London; New York: Penguin. ISBN 978-1-59420-314-5.
- Lauryssens, Stan (1999). The Man Who Invented the Third Reich: The Life and Times of Arthur Moeller van den Bruck. Stroud: Sutton. ISBN 978-0-7509-1866-4.
- Shirer, William L. (1960). The Rise and Fall of the Third Reich. Nova York: Simon & Schuster. ISBN 978-0-671-62420-0.