Saltar ao contido

Batalla de Iwo Jima

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Iwo Jima
Parte de a Guerra do Pacífico, Segunda guerra mundial

Soldados estadounidenses erguendo a súa bandeira en Iwo Jima o 23 de febreiro de 1945.
Data 19 de febreiro de 1945 ao 26 de marzo de 1945
Lugar Iwo Jima, Xapón
Coordenadas
Resultado Vitoria aliada
Belixerantes
Estados Unidos Imperio do Xapón
Líderes
Holland Smith Tadamichi Kuribayashi
Forzas en combate
70 000 marines 22 060 soldados[1]
Baixas
6 766 mortos
19 189 feridos[1]
19 977 mortos
1 063 prisioneiros[2]

A batalla de Iwo Jima, denominada en clave «Operación Detachment», é o nome que recibe un dos combates máis sanguentos da segunda guerra mundial, librado na illa de Iwo Jima entre as forzas do exército estadounidense e as do imperio do Xapón de febreiro a marzo de 1945, durante a guerra do Pacífico (1937-1945).

No final dos combates, os estadounidenses lograron conquistar a illa e controlar os seus importantes campos de aviación, aínda que, durante a cruenta batalla, atopáronse cunha resistencia extrema dos xaponeses, resistencia que supuxo a morte da maioría dos seus combatentes.

No cumio do monte Suribachi da illa, nos poucos días do inicio dos combates, o xornalista Joe Rosenthal tomou unha das imaxes máis difundidas da segunda guerra mundial, titulada Raising the Flag on Iwo Jima, galardoada co premio Pulitzer, na que se observa a varios soldados poñendo o mastro con que erixiron a bandeira estadounidense naquel lugar.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
Mustang P-51

A mediados do ano 1944 as tropas dos Estados Unidos progresaban cara á conquista das illas Marianas, situadas a uns 2 500 quilómetros de Toquio. Para aquelas, as superfortalezas B-29 superaran as probas de aptitude e estaban en condicións de percorrer 6 000 quilómetros sen repoñer, transportando unha enorme carga de bombas. Os B-29 podían, polo tanto, engalar nas Marianas, bombardear cidades do Xapón e volver ás súas bases. Para este fin, en diversas illas do arquipélago das Marianas, a medida que se ían conquistando, preparáronse formidables complexos para o mantemento, engalaxe e acollemento dos B-29. Os voos comezaron o 24 de novembro de 1944.

Situación xeográfica da illa.

Non obstante, as operacións cos B-29 seguían planteando dous problemas maiores. Por unha parte, os P-51 Mustang, que eran os máis modernos e mellores cazas norteamericanos, non tiñan máis de 3 000 quilómetros de autonomía, é dicir, uns 1 500 quilómetros de raio de acción, polo que non podían escoltar as fortalezas voantes até o Xapón. Por outra banda, na illa xaponesa Iwo Jima, situada a metade do traxecto das misións de bombardeo, os xaponeses construíran dous aeródromos e traballaban na construción dun terceiro, e dispoñían ademais dunha instalación de radar. Grazas a este radar, cando os B-29 pasaban por Iwo Jima, eran detectados con moita antelación e cando chegaban ao Xapón, sen cazas que os puidesen defender, eran atacados tanto polas defensas antiaéreas como polos cazas, aínda que realmente as defensas xaponesas non resultaban moi efectivas, pero non deixaban de supor unha molestia.

A solución a estes problemas era conquistar Iwo Jima. Con isto conseguíase tanto a eliminación da gornición nipoa como os efectos do radar, mentres que se permitiría establecer na illa as escuadrillas de Mustang necesarias para escoltar as de B-29 nos seus voos ao Xapón. Dispoñer da base de Iwo Jima tamén permitiría as escalas técnicas dos B-29 en caso de que volvesen avariados xa que aínda que estas aeronaves podían amarar en caso de emerxencia, pois os norteamericanos desenvolveron un servizo de asistencia con hidroavións, as aterraxes de emerxencia en pleno mar eran o terror das tripulacións das B-29 por medo aos ataques de tiburóns ou a ser capturados por pesqueiros xaponeses.

Por todo isto, o alto mando dos Estados Unidos acordou o 9 de outubro de 1944 ordenar os preparativos para a invasión de Iwo Jima.

Escenario de operacións: xeografía da illa de Iwo Jima

[editar | editar a fonte]
Imaxe satélite da illa de Iwo Jima.

A illa de Iwo Jima, ou "Illa do Xofre" en lingua xaponesa (硫黄島 Iōjima), ten unha lonxitude de 8 quilómetros orientada no eixe suroeste–nordeste, cun extremo máis estreito no suroeste de 900 metros de anchura e o máis ancho no nordeste, de 4 500 metros, de maneira que adquire unha silueta en forma de pera. A súa superficie, volcánica, esténdese sobre 20 km2 conformando unha xeografía accidentada composta por outeiros, cavorcos, gargantas, depresións e areas de lava que a acción do mar converteron en po. Apenas existe vexetación, escaseando as fontes de auga, mentres que dos solos fendidos xorden emisións de vapores sulfurosos pestilentes, de aí a súa denominación.

Estratexia do mando militar xaponés

[editar | editar a fonte]

Tras a batalla do golfo de Leyte en outubro de 1944, as perdas da armada xaponesa deixaron a frota sen capacidade ofensiva. Pola súa parte, os submarinos norteamericanos afundiran durante os dous últimos anos practicamente toda a frota mercante xaponesa. Por mar, Xapón xa non podía nin atacar a frota inimiga nin abastecer as tropas que tiña fóra do seu arquipélago.

Estas circunstancias levaron a comprender a unha parte do alto mando xaponés que a guerra estaba definitivamente perdida, optando por reorientar a estratexia das operacións en prol de alcanzar un acordo de paz honrosa cos Estados Unidos que preservase, polo menos, no aspecto político o carácter divino institucional do emperador.

Para este fin, os xaponeses esperaban que acentuando a resistencia nos territorios insulares patrios, e que ían cedendo progresivamente ante o avance aliado, podería alterar o obxectivo norteamericano de forzar a rendición incondicional do Xapón facéndolles ver o enorme custo que implicaría o desembarco no arquipélago xaponés, acción que debía parecer só realizable tras conquistar o último palmo de terreo e eliminar até o último combatente nipón.

Esta actitude sería unha das razóns presentadas polo xeneral Groves e o presidente Truman para asestar un ataque atómico ao Xapón.

Iwo Jima, unha illa cuxo único valor residía nas pistas de aterraxe, sería o lugar simbólico para a posta en escena desta nova estratexia xa que os xaponeses adiviñaron asertivamente que esta illa debía de ser o próximo obxectivo en ser atacado.

A defensa preparada por Kuribayashi

[editar | editar a fonte]
O Xeneral Tadamichi Kuribayashi dirixiu a defensa de Iwo Jima.

O grande estratego Kuribayashi creou unha técnica coñecida como "caixa de pílulas" que consistía en túneles subterráneos en toda a illa conectados entre si. Foi moi eficaz para disparar e cambiar de posición axiña. O alto mando xaponés decide substituír o comandante a cargo das defensas da illa e colocar a Tadamichi Kuribayashi para que verifique no terreo as defensas e que ademais planifique a forma de que esta illa teña un alto custo en vidas para o inimigo durante a súa conquista.

Baixo as ordes do xeneral Tadamichi Kuribayashi, procedeuse á evacuación dos 1 000 civís que habitaban Iwo Jima dedicados ao refinado de xofre e reforzouse a gornición con 21 000 soldados equipados basicamente con fusís, granadas de man, metralladoras, artillaría de medio e curto alcance, especialmente morteiros e ademais duns limitados tanques lixeiros. A subministración de municións, proxectís, víveres e auga foi moi insuficiente, sen contar con que a auga era de mala calidade nunha illa na que non se dispoñía de fontes de abastecemento, lagos ou ríos. Moito antes de que acabase a batalla, a auga xa se acabara, así como a munición de canón, de morteiro e de metralladora. Nesas circunstancias, os combatentes xaponeses resistiron os últimos días cos seus fusís, pistolas e, como moito, algunhas granadas de man.

Tadamichi Kuribayashi, fai un substancial cambio nas localizacións defensivas da illa, as trincheiras nas praias de Iwo Jima foron suprimidas e obrigou a crear unha densa rede de túneles no monte Surabachi, búnkeres enterrados, trampas e fortificacións no norte da illa. Ademais fai ver aos seus subordinados que ninguén dos que están na illa volverá con vida a territorio patrio. Na defensa da illa, Tadamichi Kuribayashi fará que cada vida inmolada sexa moi cara para o inimigo.

Construción de fortificacións

[editar | editar a fonte]

A tropa que inicialmente construíra defensas e trincheiras no zona da praia, comezou a construír innumerables fortíns camuflados tanto nas poucas zonas chás do centro da illa como nas zonas montañosas da illa, nas vertentes dos barrancos e nas cimas volcánicas do sur e norte da illa.

A pouca dureza da pedra volcánica permitiulles facer con gran facilidade profundos túneles cos que deseñaron unha rede de galerías e refuxios onde se protexer dos duros bombardeos aos que serían sometidos durante 3 días, para ter unha óptima comunicación entre si en distintas posicións, así permitía a circulación de víveres e munición e unha mellor comunicación entre postos defensivos protexéndose desta maneira uns dos outros.

Para aumentar a resistencia dos materiais volcánicos empregaron cemento chegado en cargueiros con material de construción como picos e pas e que mesturado coa cinza de lava daba unha excelente consistencia aos redutos.

Os fortíns e posicións foron construídos con especial atención de que non houbese ángulos mortos para que todo punto atacado puidese ser defendido coa axuda dos postos veciños. O xeneral Kuribayashi, de familia aristócrata samurai, prohibiu expresamente ás tropas a táctica de combate banzai, é dicir, o asalto frontal ou a peito descuberto, e que até aquela fora utilizado amplamente polo soldado xaponés, sendo así un albo fácil para os disparos dos inimigos. Deste xeito esperábase forzar a combatividade dos marines norteamericanos ao obrigarlles a ter que atacar e penetrar en cada posición fortificada para desaloxar os defensores e expoñelos moralmente á visión desalentadora dos corpos dos caídos que se acumularían no intento.

Estratexia do mando militar estadounidense

[editar | editar a fonte]
Plan de desembarco.

O mando dos Estados Unidos planificou con antelación as operacións de invasión da illa poñendo na súa dirección ao xeneral Holland Smith. Para entón, a industria militar estadounidense xa acadara cotas formidables de produción, o que permitiu dispoñer dunha forza con abundante equipamento e apoio. Mentres, por un lado, se procedeu ao bloqueo naval da illa mediante submarinos que impedían a subministración por mar dos defensores, por outro, a partir de xuño de 1944 comezaron os bombardeos regulares da illa, primeiro desde acoirazados próximos e despois mediante ondadas de bombardeiros desde as bases das illas Marianas.

Para o asalto definitivo reuniuse unha escuadra composta por preto de 500 navíos, entre eles 12 portaavións e 8 acoirazados, e formada por 250 000 homes, dos cales 70 000 eran marines distribuídos en 3 divisións, forzas todas elas veteranas da guerra do Pacífico.

A operación bautizada como Detachment ou "Illamento", prevía tomar o control da illa nun máximo de 10 días.

Desenvolvemento das operacións

[editar | editar a fonte]

O desembarco: preliminares, despregue e castigo xaponés

[editar | editar a fonte]
Bombardeo previo á invasión da illa nunha imaxe tomada o 17 de febreiro de 1945. En primeiro plano, o monte Suribachi.

O mando estadounidense decidiu o desembarco das tropas de asalto ao longo dos 3 000 metros de praia, a Red Beach, que desde o cono volcánico suroeste, do volcán extinguido Suribachi de 170 metros de altura, esténdese cara ao nordeste pola costa oriental. Toda a costa restante da illa é rochosa e naquel tempo tampouco existía ningunha instalación portuaria.

Os acoirazados da frota norteamericana comezaron os bombardeos preliminares con obuses de até 500 quilos a partir do 16 de febreiro de 1945 que se prolongaron os días seguintes 17 e 18 ante as malas condicións meteorolóxicas que impediron as tentativas de bombardeo aéreo. Simultaneamente, comandos de submarinistas inspeccionaron a costa somerxida da praia sen encontrar minas nin obstáculos.

Para o día 19 de febreiro de 1945, luns, perante a melloría meteorolóxica ordenouse aos dragaminas realizar un último varrido da fronte da praia e sen encontrar artefacto ningún todos os canóns da frota dispararon sobre a illa. Mentres tanto, ondadas de bombardeiros lanzaron as súas cargas de bombas e napalm. Para o almirante Nimitz:[3]

Ningunha outra illa como Iwo Jima tivo antes recibido semellante bombardeo preliminar. "No other island received as much preliminary pounding as did Iwo Jima."

Lanchas lanzafoguetes achegáronse a poucos metros da praia, destruíndo en profundidade os primeiros centos de metros lonxitudinais de costa. Pouco despois, ás 9 00, as primeiras lanchas de desembarco arribaron á praia sen sufrir ataque ningún por parte da artillaría xaponesa. O mando xaponés previra no seu plan de defensa permitir o desembarco sen fogo de castigo e concentrar o ataque, unha vez os invasores penetrasen no interior, desde as posicións do monte Suribachi.

Marines da 5ª división no atoamento da "Praia Vermella" nº1. 19 de febreiro de 1945.

Cando desembarcaron as primeiras unidades os atacantes descubriron as características do terreo e as dificultades seguintes, aproveitadas polos xaponeses, que os esperaban para impedir a súa progresión na illa.

A praia estaba formada por socalcos de cinza branda de elevada pendente até os catro metros de altura, un terreo onde as botas dos infantes se afundían en po ou que provocaba que escorregasen ao intentar trepar polas ladeiras, arrastrados polo peso do equipo. Tampouco os carros artilleiros e os carros de combate Shermans previstos para abrir o camiño lograron avanzar á velocidade necesaria.

Unha hora despois do primeiro desembarco, na praia formárase un atoamentos de marines, Shermans, artillaría, caixas de municións e material; nese momento, a artillaría xaponesa entrou en acción e descargou os seus obuses sobre os poucos metros de anchura da praia, ocasionando as primeiras baixas e perda importante de material. A artillaría detivo o avance norteamericano na praia.

Vehículos de combate inutilizados polas granadas, os morteiros e a negra area volcánica.

Avance para o Suribachi

[editar | editar a fonte]

Efectivos de marines conseguiron non obstante avanzar baixo o fogo dos defensores e percorrer en media hora os 900 metros de distancia entre a praia de desembarco e a meseta ao pé do Suribachi, alcanzando a costa oeste e completando a manobra de illamento por terra do monte que se encontraba protexido por unha gornición xaponesa de 2 000 homes. Mais os defensores encontrábanse comunicados por túneles subterráneos co resto das forzas da illa. Os primeiros tanques norteamericanos chegaron á costa oeste poucas horas despois. Outras tropas que tamén conseguiran saír do atoamento da praia, ao mediodía xa loitaban no aeródromo situado máis ao sur. Pero aínda había demasiados soldados e material en moi pouco espazo, de modo que se suspenderon novos desembarcos. A constante era que as tropas que lograban avanzar, crendo que tiñan despexado o terreo, vían saír unha e outra vez xaponeses desde os seus incontables agochos, para ps atacar desde a retagarda. Ao caer da noite, os destrutores iluminaron a illa coas súas bengalas para protexer os marines das previsibles incursións nocturnas pero en lugar diso, os xaponeses optaron por empregar a súa artillaría con moita discreción para non descubrir as súas localizacións.

Nas primeiras horas do día 20 de febreiro de 1945, reiniciáronse os desembarcos de marines protexidos polo fogo de cobertura da escuadra que bombardeou o monte Suribachi, logrando consolidar as posicións na meseta, entre o aeródromo situado ao sur e o segundo, situado máis ao norte. A mediodía executouse unha nova vaga de desembarco mentres que durante a noite se reproduciu a situación da anterior.

Asalto do Suribachi: o episodio da fotografía de Rosenthal

[editar | editar a fonte]

O día 21 de febreiro de 1945, os estadounidenses lanzaron o asalto ao monte Suribachi empregando morteiros, minas e lanzachamas, pero logrando escasos avances. Tampouco se logrou progresar nese día no sector dos aeródromos, permanecendo a situación igual no día seguinte, baixo a chuvia, na que se comezaron a dar relevo ás forzas que desembarcaran o primeiro día.

Mais o día 23 de febreiro, xa con bo tempo, os infantes de mariña culminaron a escalada do Suribachi, asaltando as posicións armados con metralladoras, bombas de man e lanzachamas. Un deles levaba unha bandeira dos Estados Unidos de América na súa mochila, amarrouna a un cano de auga encontrado entre os entullos por outro compañeiro e, xunto a outros seis marines, alzárona, encaixándoa entre entullos, no cumio do monte. Pouco despois, chegaron dous correspondentes de guerra, un fotografou e o outro filmou o acto de alzado dunha segunda bandeira e que é o que se recorda oficialmente (de feito moita xente ignora que ese día se alzaron dúas bandeiras no alto do monte). A fotografía de Joe Rosenthal é considerada unha das iconas da segunda guerra mundial, e obtivo o premio Pulitzer. Cando desde os barcos viron ondear a bandeira, saudárona eufóricos coas súas sirenas considerando que o desembarco tivera éxito. Non obstante, o control completo da illa polos estadounidenses non se conseguiu até un mes despois, o 26 de marzo de 1945 debido ás dificultades do terreo explotadas por estratexia de resistencia extrema dos defensores.

Esquema do plan de asalto estadounidense de Iwo Jima.

Batalla polo control total da illa

[editar | editar a fonte]

Durante as semanas posteriores á toma do Suribachi, a batalla prolongouse para lograr o desaloxo por parte dos estadounidenses das posicións xaponesas no marco da paisaxe irregular da illa que fora ocupado por postos defensivos fortificados polos xaponeses.

As posicións foran dispostas de maneira que non só tiñan ángulo de tiro orientado para protexer a súa propia situación senón tamén a dos fortíns veciños. Nestas circunstancias de fogo cruzado, os marines atacantes vían cortado repetidamente o seu avance tanto polo procedente do obxectivo que querían reducir como tamén do procedente de ángulos insospeitados doutros fortíns. Os marines tamén se encontraron con que as vías aptas para deixar paso aos vehículos estaban expertamente minadas.

Os estadounidenses deberon empregar a súa superioridade técnica para o avance e así, unha vez que as unidades de enxeñeiros limpaba os pasos minados, os tanques aplanábanlle o camiño aos vehículos de artillaría móbil e carros de combate que avanzaban para a protección da infantaría.

O operativo loxístico sanitario despregado polos estadounidenses resultou de grande importancia xa que o seu sistema de comunicacións permitiulles procurar a axuda efectiva necesaria para os caídos por parte do corpo de sanitarios, que tiveron que dar mostras de valentía arriscándose por rescatar os feridos que loitaban por vivir, mentres os adversarios xaponeses loitaban con igual valentía sen se render, como lles solicitaran os seus superiores, até a morte. Houbo algúns casos illados de reciprocidade humanitaria para cos caídos.

O transcurso da batalla do 24 de febreiro ao 26 de marzo de 1945 repetiu o mesmo escenario de enfrontamento: tras limpar de minas o campo polo que avanzaban os marines, estes identificaban a localización da fortificación que impedía o seu avance, solicitando á artillaría o varrido da posición xaponesa localizada a poucos metros diante deles.

Unha vez acabado o castigo artilleiro, desenvolvíase unha competición entre defensores e atacantes por alcanzar antes que o contrario a posición bombardeada. Para os xaponeses isto supoñía ter que recuperar rapidamente a posición de contraataque. Para os marines, isto consistían en lanzarse desde as posicións de repregue do fogo amigo artilleiro ao rápido asalto da boca do fortín, desde onde debían lanzar as súas bombas de man ou empregar o seu lanzachamas para neutralizar os defensores no túnel de acceso.

Fin da batalla

[editar | editar a fonte]

Na noite do 25 de marzo de 1945, un grupo duns 200 soldados xaponeses superviventes, comandados por Tadamichi Kuribayashi lanzaron unha «Carga Banzai» final contra as posicións dos estadounidenses no campo de aviación do norte da illa, enfrontándose corpo a corpo con marines do 5º batallón, enxeñeiros dos seabees e pilotos de aviación até o amencer. Esta última acción supuxo a morte de todos os xaponeses e causou 100 mortos e 200 feridos entre os estadounidenses. O corpo de Tadamichi Kuribayashi nunca foi encontrado.

Ao día seguinte, o alto mando dos Estados Unidos declarou a illa de Iwo Jima baixo control definitivo das súas forzas.

Tras os 34 días da batalla de Iwo Jima, rexistráranse por primeira vez no conflito máis baixas estadounidenses que xaponesas.

Segundo o historiador Samuel E. Morison[4] as forzas norteamericanas sufriron 24 480 baixas das cales 4 197 foron mortos directos nos enfrontamentos, 19 189 feridos e 418 desaparecidos. Posteriormente, 1 401 feridos faleceron como consecuencia das feridas recibidas.

Pola parte xaponesa, resultaron mortos 20 703 soldados, practicamente a totalidade dos efectivos, entre os cales estaba o comandante Kuribayashi, sendo feitos prisioneiros unicamente 216 superviventes.

Na conquista pola illa, cabe destacar a extrema resistencia levada a cabo polo exército xaponés. Pasaron varios días antes da caída da illa sen comida nin auga, dedicados a comer o que encontraban, como vermes e insectos.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]
Bombardeiro B29 en voo.

Un dos obxectivos fixados polos estadounidenses cumpriuse mentres a batalla aínda non rematara. Foi o 4 de marzo cando unha Super fortaleza voante B-29 que volvía avariada do seu voo ao Xapón puido salvarse aterrando nel xa conquistado o aeroporto situado no sur. Os P-51 Mustang non tardaron moito en instalarse na illa.

Oficialmente, Truman e Churchill, sostiveron que a extraordinaria resistencia dos xaponeses na loita inclinou a balanza a favor do lanzamento das bombas atómicas sobre Hiroshima (6/08/1945, de uranio) e Nagasaki (9/08/1945, de plutonio) para evitar millares de baixas aliadas. Non obstante, o Xeneral Dwight Eisenhower considerou entón que o Xapón estaba derrotado, que de feito estaba buscando certa maneira de renderse salvando minimamente a súa honra e que polo tanto era innecesario lanzar as bombas, aínda que non tivo eco o seu pensamento no secretario de defensa Henry L. Stimson. Posteriormente, despois do bombardeo atómico de Hiroshima, ás 11 da mañá do 9 de agosto, o primeiro ministro Kantarō Suzuki declaraba ante o gabinete do goberno do Xapón que dadas as circunstancias concluía que a única alternativa era aceptar a proclamación de Postdam e finalizar a guerra. Traxicamente, dous minutos despois, ás 11:02 horas, Nagasaki era un inferno nuclear, obténdose así a rendición incondicional do Imperio do Xapón e segundo os historiadores, dando inicio a guerra fría.

  1. 1,0 1,1 historyofwar.org (ed.). "Operation Detachment: The Battle for Iwo Jima February - March 1945". Consultado o 1 de marzo de 2012. 
  2. Wright, Derrick (2007). "Apéndice 8". En RBA. La Batalla de Iwo Jima. Barcelona. p. 318. ISBN 978-84-473-5049-0. 
  3. "Iwo Jima - The US Invasion". Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2007. Consultado o 02 de marzo de 2012. 
  4. Morison, Samuel Eliot (1963). “Iwo Jima and Okinawa”, The Two-Ocean War. New York, New York, USA: Ballantine Books, Inc.. ISBN 45-02493-1-195.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Filmografía

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Wright, Derrik. La batalla de Iwo Jima. Barcelona: Inédita Editores, S.L. 2005. ISBN 84-96364-14-3. Barcelona: RBA 2007. ISBN 978-84-473-5049-0
  • Murray, Williamson e Millett, Allan R. La guerra que había que ganar. Barcelona: Crítica, S.L. 2004. ISBN 84-8432-323-4
  • Willmott, H.P. Der zweite Weltkrieg im Pazifik. Berlín: Brandenburgisches Verlagshaus, 2001. – ISBN 3-89488-138-0
  • Kumiko, Kakehashi. Cartas desde Iwo Jima del general Kuribayashi. Barcelona: Ediciones El Anden, S.L. 2007. ISBN 978-84-935789-8-5
  • Bradley, James e Powers, Ron. Iwo Jima el infierno de la Guerra del Pacífico. Barcelona: Editorial Ariel S.A. 2003. ISBN 84-344-6687-2

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]