Lipotes vexillifer
Lipotes vexillifer | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Crítico[1] | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Lipotes vexillifer Miller, 1918 [2] | |||||||||||||||||||||
Distribución de Lipotes vexillifer
|
Lipotes vexillifer é unha especie de cetáceo odontoceto, único membro da familia dos lipótidos.
É un golfiño de río endémico do río Yangtzé (China). O seu nome chinés é baiji (白鱀豚) ou baijitun (en pinyin, báijìtún), que quere dicir "golfiño de auga doce branco".
Coñecido como "a deusa do Yangtzé" (長江女神) na China, creuse que se extinguira a finais do ano 2006, despois de que unha expedición non puido encontrar exemplares no río.
Porén, en 2007, foi avistado un por un veciño da provincia chinesa de Anhui, chamado Zeng Yujiang. As imaxes tomadas por el foron revisadas no Instituto de Hidrobioloxía da Academia de Ciencias Chinesa, que confirmou a súa autenticidade.[3]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome do xénero, Lipotes, deriva do grego antigo λειποτήσ leipotés, do verbo λείπω leípo, "deixar" (a vida), "abandonar", "ser abandonado", "subsistir", en referencia á moi restrinxida zona onde vivía o animal.
En canto ao nome específico, vexillifer, significa "abandeirado" (do latín vexillum, -i, "estandarte", "bandeira", e fer, imperativo de ferre, "levar".[4]
Descrición
[editar | editar a fonte]As principais características de Lipotes vexillifer son as seguintes:[5]
- Este golfiño mide entre 1,40 e 2,50 m de lonxitude, e pesa entre os 100 e os 160 kg.
O seu peso ao nacer é de entre 2,5 e 4,8 kg. - O corpo é robusto, coas partes superiores e os flancos de cor gis azulada pálida e as inferiores abrancazadas.
- A aleta dorsal é moi baixa, de forma triangular, coa base moi ancha e rematada nunha punha roma.
- A cabeza presenta unha fronte abrupta, ollos pequenos, situados a bastante altura.
- O bico é longo e estreito (pode chegar aos 58 cm de lonxitude), lixeiramente espatulado e curvado cara a arriba, adaptado para apañar os peixes e os cangrexos dos que se alimenta.
Distribución
[editar | editar a fonte]Historicamente vivía ao longo de 1 700 km nos cursos medio e inferior do río Yangtzé(China), até a desembocadura do río, cerca de Shanghai, aínda que a súa presenza era rara máis arriba de Zhicheng e máis abaixo de Nanjing, sendo máis común desde Loushan a Xintankou e de Anqing a Heishazhou. Aparecía alí onde os afluentes desembocaban no río principal, sobre todo antes e despois de enseadas e bancos de area. Antes, vivía tamén nos lagos Dongting e Poyang, durante as inundacións de primavera, pero os niveis da auga actuais xa non son suficientes para iso.[5]
Aproximadamente o 12 % da poboación humana do mundo vive e traballa nas beiras do río Yangtzé, exercendo presión sobre o río. A construción do encoro das Tres Gargantas tamén deu lugar a perda de hábitat.
Comportamento
[editar | editar a fonte]Pouco se sabe do comportamento deste golfiño, xa que moi poucos exemplares puideron identificarse e é un animal difícil de estudar en liberdade (o único macho cativo, Qi Qi, foi unha fonte crucial de información desde 1980 até que morreu en 2002). Vive en pequenos grupos, de até 6 individuos (en zonas de abundante alimento poden reunirse máis). Nos períodos de actividade nada con rapidez, variando con frecuencia a dirección e o estilo (moitas veces, sobre o dorso ou os flancos), con inmersións frecuentes e curtas. Pero tamén pode nadar lentamente, polo xeral na mesma dirección, e con inmersións escasas e prolongadas. Habitualmente repousa en remansos de augas profundas durante 5 ou 6 horas.[5]
Historia antiga
[editar | editar a fonte]Os achados fósiles indican que este golfiño migrou desde o Pacífico cara ao río Yangtzé hai 20.000 anos.[Cómpre referencia]
Estes golfiños foron xa descritos na época da dinastía Han, nunha enciclopedia biolóxica, Erya. Estímase que nesa época a súa poboación era duns 5.000 individuos.[Cómpre referencia]
Conservación
[editar | editar a fonte]Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Tan pronto como a China decidiu modernizarse recoñeceu o estado precario do seu golfiño de río.
En 1978, a Academia Chinsesa de Ciencias creou unha rama do Instituto de Hidrobioloxía de Wuhan, o Centro de Investigación do Golfiño de auga doce.[6]. De todos modos os esforzos deste instituto para salvar a estes mamíferos foron moi poucos e chegaron demasiado tarde.
A primeira organización de protección de especies acuáticas chinesas, a Fundación de Conservación de Wuhan Golfiño baiji, fundouse en decembro de 1996. Recadou 1 383 924,35 iuans (ao redor de 100 000 dólares) e usou eses fondos para a preservación de células in vitro e para manter as instalacións do golfiño de río chinés, incluíndo o santuario de Shishou, que foi inundado en 1998.
Douglas Adams e Mark Carwardine documentaron os seus encontros cos animais en perigo nas súas viaxes de conservación para o programa da BBC "A última oportunidade para ver" (Last Chance to See). O libro do mesmo nome, publicado en 1990, incluíu fotos dun exemplar en catividade, un macho chamado Qi Qi, que viviu no delfinario do Instituto Wuhan de Hidrobioloxía desde 1980 até o 14 de xullo de 2002. Este golfiño, descuberto por un pescador no lago Dongting, converteuse no único residente do delfinario de Baiji, ao lado do lago do Leste. Outro delfín capturado faleceu despois dun ano (de 1996 a 1997), na Reserva Seminatural de Shishou Tian-e-Zhou, que contiña soamente toniñas da especie Neophocaena phocaenoides desde 1990. Outro golfiño, unha femia achada na illa de Chongming cerca de Shanghai en 1998, faleceu de fame despois dun mes, xa que non aceptou a comida que se lle daba.
A especie de cetáceo en maior perigo no mundo, segundo o Libro Guinness dos Récords, foi avistada por última vez no mes de setembro de 2004. A axencia de noticias Xinhua anunciou o 4 de decembro de 2006 que ningún golfiño de río chinés fora detectado tras unha busca visual e acústica realizada por 30 investigadores durante seis semanas no río Yangtzé. O fracaso da Expedición do golfiño de auga doce do río Yangtzé levantou sospeitas sobre a inequívoca extinción dunha especie de cetáceo debido á acción humana. A escasa visibilidade da auga e as condicións climáticas poderían dificultar os avistamentos, pero de todos os modos algúns científicos declararon a especie funcionalmente extinta o 13 de decembro de 2006.
A poboación actual deste golfiño é difícil de calcular, pero se pensa que son menos dos que se necesitan para a propagación da especie.
Cronoloxía
[editar | editar a fonte]Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
- 1979: China declara a especie en perigo de extinción.
- 1983: A caza do golfiño de auga doce declárase ilegal.
- 1986: Quedan 300 individuos.
- 1989: Finaliza a construción do encoro Gezhouba.
- 1990: Quedan 200 individuos.
- 1994: Comeza a construción do encoro das Tres Gargantas.
- 1997: Quedan menos de 50 exemplares (cóntanse só 23).
- 1998: Encóntranse só 7 exemplares.
- 2003: Comeza a encherse o devandito encoro.
- 2006: Non se encontra ningún individuo, o cal indica que especie está extinta con toda probabilidade.
- 2007: Realízase unha expedición ao longo do río para saber cantos animais quedan. Non se encontra ningún, polo que a especie é declarada completamente extinta. A partir de aquí o goberno chinés tratará de evitar a extinción da Neophocaena phocaenoides, outro cetáceo que tamén vive no río e que está en grave perigo de extinción. Porén ese ano un baiji foi avistado por un veciño da provincia de Anhui.
Causas da extinción
[editar | editar a fonte]As causas da posíbel extinción do Lipotes vexillifer son moi diversas, aínda que concretamente o fin da especie se atribúe á sobrepesca, á construción de encoros, á degradación ambiental e ás colisións de embarcacións con estes animais.[7]
O encoro das Tres Gargantas alterou de maneira irrecuperábel o hábitat deste golfiño. Algúns científicos esperaban poder salvar aos últimos individuos trasladándoos a un lago próximo, para logo reintroducilos novamente no río cando as súas oportunidades de supervivencia foran maiores.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Lipotes vexillifer". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza.
- ↑ 2,0 2,1 Miller, Gerrit S (1918). "A new river-dolphin from China". Smithsonian miscellaneous collections 68 (9): 1–12.
- ↑ Avistamiento de un baiji
- ↑ Aínda que o auténtico termo para "abandeirado" ou "portaestandarte" no latín clásico era vexilliarius, -ii.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Carwardine, M. (1995), pp. 228-229.
- ↑ En chinés, 淡水海豚研究中心.
- ↑ National Geographic News - January 23, 2009
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lipotes vexillifer |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Lipotes vexillifer |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carwardine, M. (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-1037-3.
- Perrin, William F., Bernd Würsig & J. G. M. Thewissen (eds.) (2002): Encyclopedia of Marine Mammals. 2ª ed. San Diego: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9
- Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore: Johns Hopkins University Press, 2 vols. ISBN 0-8018-8221-4.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- The baiji Foundation - Networking Expertise for Conservation of Freshwater Biodiversity (en inglés)
- Lipotes vexillifer Arquivado 15 de setembro de 2008 en Wayback Machine., Lista Vermella da IUCN. (en inglés)
- Lipotes vexillifer en Endangered and Protected Species Database of Chinese Animals (en inglés)
- Animal Info page on Baiji (en inglés)
- "Lipotes vexillifer: Baiji or Chinese River Dolphin" (cetacea.org) (en inglés)
- whale-web.com (en inglés)
- U.S. Fish & Wildlife Service Species Profile Arquivado 16 de marzo de 2005 en Wayback Machine. (en inglés)
- Declaran "extinto" al delfín chino en BBC Mundo (en castelán)
- The baiji Foundation "Hope dies last" (en inglés)
- Baiji is functionally extinct (en inglés)
- Search for Baiji (en inglés)