Lirio amarelo
Lirio amarelo | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Lirio amarelo | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
'Iris pseudacorus' L. |
O lirio amarelo[1] Iris pseudacorus, é unha especie perenne da familia Iridaceae. É orixinaria de Eurasia e abundante nas charcas de Galiza.
Descrición
[editar | editar a fonte]O lirio amarelo é unha planta perenne provista dun bulbo ovoide que perdura durante o inverno, a parte aérea morre, e está cuberto das bases das follas de anos anteriores. O talo, de 60 – 120 cm, algo comprimido, ten varias follas, xeralmente basais, de 50 – 90 cm x 10 – 30 mm, de cor glauca e cun nervio central marcado. As flores, actinomorfas, son grandes, duns 10 cm e levan cáliz e corola de tres pezas. O cáliz é de cor amarela igual que a corola. Aparecen de marzo e xuño e poden ser solitarias ou en pares. Reúnense nunha inflorescencia cimosa formada por 4 – 12 flores de cor amarela, as inferiores en pedúnculos longos e suberectos; os pedicelos miden 20 – 50 mm e as espatas, herbáceas pero coa marxe membranosa, de 40 a 100 mm. Teñen, como dixemos, tres pezas internas erectas e outras tres externas, erectas ou deflexas, de 50 – 75 x 20 – 30 mm, que constan dunha unlla e un limbo, largamente ovado. O xineceo consta dun ovario trilocular, cun tubo do hipanto de case 5 mm, do que xorde un estilo que se divide en 3 ramas petaloideas de 20 – 30 x 4 – 8 mm, linear – oblongos, máis curtos e estreitos que as ramas do estilo, que protexen a un estame groso e de cor amarela pálida; o estigma está preto do ápice da face interna desa rama e é bífido. O froito é unha cápsula alongada e angulosa, de 4 – 8 cm, cilíndrica e cun bico curto, que ten no seu interior varias sementes de cor parda escura e lisas. A forma do froito lembra un pemento de Padrón.
Hábitat e ecoloxía
[editar | editar a fonte]Medra en zonas húmidas ou asolagadas nas beiras dos regueiros, lagoas e encoros, dende o nivel do mar até os 800 m de altitude. Forma parte de comunidades que se inclúen na Clase Phragmitio - Magnocaricetea, de distribución cosmopolita, polo común de elevada cobertura, constituídas por heliófitos colonizadores de zonas anegadas gran parte do ano, como brañas, marxes de regueiros, lagoas, lamazais e outras. Son plantas características destes ecosistemas: Alisma lanceolatum, Alisma plantago-aquatica, Galium palustre, Lycopus europaeus, Lythrum salicaria, Sparganium erectum e Veronica anagallis-aquatica. A planta prospera axiña por rizoma e por sementes espalladas pola auga. Malia ser principalmente acuática, os rizomas sobreviven prolongados períodos secos.
Requirimentos ecolóxicos
[editar | editar a fonte]Prefire a penumbra e unha calor moderada. Aparece no piso montano principalmente. Continentalidade: Suboceánica; non atura xeadas serodias nin temperaturas extremas. Os solos teñen que estar asolagados, anóxicos, e mellor se son algo acedos (pH 4.5 - 7.5). Gusta dos solos ricos en nitróxeno (indicador de riqueza edáfica de nutrientes).
Usos
[editar | editar a fonte]Medicinais
[editar | editar a fonte]Antigamente tiña usos medicinais. As súas follas e raíces son velenosas para o gado. Emprégase o rizoma polos seus contidos en taninos, mucilaxes e outros principios activos. Cómpre secala, proceso no que se arroiba. Tense empregado coma adstrinxente e especialmente coma un potente catártico, aínda que hoxe en día apenas é usado. É emético, emenagogo, e tamén se ten usado nas dores de dentes ao fregar os mesmos cun anaco da raíz. Actualmente emprégase coma emético e adstrinxente. Contén irisina, substancia tóxica, polo que para o seu uso interno cómpre consultar un médico.
Culinarios
[editar | editar a fonte]A semente torrada empregouse coma substituto do café.
Ornamentais
[editar | editar a fonte]Tamén pode ter uso ornamental pola fermosura das flores amarelas (flores de lis).
Ecolóxicos
[editar | editar a fonte]Emprégase para a limpeza de augas, xa que ten a habilidade de chuchar metais pesados polas súas raíces.
O número de cromosomas de Iris pseudacorus (Fam. Iridaceae) e táxones infraespecíficos[2] é de 2n=34.
- Iris palustris Gaterau, Descr. Pl. Montauban: 31 (1789), nom. superfl.
- Xiphion pseudacorus (L.) Schrank, Fl. Monac. 1: t. 99 (1811).
- Limnirion pseudacorus (L.) Opiz, Seznam: 59 (1852).
- Limniris pseudacorus (L.) Fuss, Fl. Transsilv.: 636 (1866).
- Xyridion pseudacorus (L.) Klatt, Bot. Zeitung (Berlin) 30: 500 (1872).
- Iris pallidior Hill, Brit. Herb. 47: 473 (1756).
- Acorus adulterinus Garsault, Fig. Pl. Méd.: t. 1b (1764), opus utique oppr.
- Iris sativa Mill., Gard. Dict. ed. 8: 15 (1768).
- Pseudo-iris palustris Medik., Hist. & Commentat. Acad. Elect. Sci. Theod.-Palat. 6: 417 (1790).
- Iris palustris Moench, Methodus: 528 (1794), nom. illeg.
- Iris paludosa Pers., Syn. Pl. 1: 52 (1805).
- Iris curtopetala F.Delaroche in P.J.Redouté, Liliac. 6: t. 340 (1811).
- Vieusseuxia iridioides F.Delaroche in P.J.Redouté, Liliac. 6: t. 340 (1811), nom. inval.
- Moraea candolleana Spreng., Syst. Veg. 1: 164 (1824).
- Iris acoroides Spach, Hist. Nat. Vég. 13: 44 (1846).
- Iris lutea Lam. in J.C.M.Grenier & D.A.Godron, Fl. France 3: 496 (1856).
- Iris acoriformis Boreau, Fl. Centre France, ed. 3, 2: 635 (1857).
- Iris bastardii Boreau, Fl. Centre France, ed. 3, 2: 635 (1857).
- Xiphion acoroides (Spach) Alef., Bot. Zeitung (Berlin) 21: 297 (1863).
- Xyridion acoroideum (Spach) Klatt, Bot. Zeitung (Berlin) 30: 500 (1872).
- Colchicum falcifolium Stapf, Denkschr. Kaiserl. Akad. Wiss., Wien. Math.-Naturwiss. Kl. 50: 19 (1885).
- Iris flava Tornab., Fl. Sicul.: 212 (1887).[3]
Nome común
[editar | editar a fonte]O lirio amarelo recibe outros nomes vulgares galegos coma: espadaina (non confundir con Typha latifolia), lirio das charcas, abolla, candelas, xavanas etc [4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome vulgar galego preferido en ‘’Termos Esenciais de Botánica’’, Comisión de Normalización Lingüística da Escola politécnica Superior de Lugo – Universidade de Santiago de Compostela, 2002
- ↑ Iris pseudacorus L. Números cromosomáticos de plantas occidentales, 1-34. Valdés Bermejo, E. (1980) Anales Jard. Bot. Madrid 36: 373-389
- ↑ "Lirio amarelo". Royal Botanic Gardens, Kew: World Checklist of Selected Plant Families. Consultado o 26 de marzo de 2010.
- ↑ E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Lirio amarelo |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lirio amarelo |