Saltar ao contido

Luís Alonso Pérez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lula
Información persoal
Nome Luís Alonso Pérez
Nacemento 22 de febreiro de 1922
Lugar de nacemento Santos
Falecemento 15 de xuño de 1972
Lugar de falecemento São Paulo
Posición dianteiro
Adestrador
Anos Equipos
1954–1966 Santos
1967 Portuguesa Santista
1967–1968 Corinthians
Portuguesa
1971 Santo André
editar datos en Wikidata ]

Luís Alonso Pérez, máis coñecido como Lula, nado en Santos o 1 de marzo de 1922 e finado en São Paulo o 15 de xuño de 1972, foi un adestrador de fútbol brasileiro, de ascendencia galega. Está considerado como o mellor técnico da historia do Santos FC,[1][2] ao que dirixiu durante a época máis destacada do club, entre 1954 e 1966, gañando numerosos títulos estatais, nacionais e internacionais. É o técnico con máis partidos dirixidos na historia do Santos (945), así como un dos adestradores máis laureados da historia do fútbol brasileiro e do mundo, a pesar de ter falecido con só 50 anos de idade.[3]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu na cidade brasileira de Santos, sendo fillo de dous inmigrantes galegos con orixes en Xinzo de Limia.[4][2][5] Moi afeccionado ao fútbol, traballou como leiteiro, panadeiro e taxista, ao tempo que adestraba equipos de fútbol modestos da súa cidade, como o Palmeirinha ou o Americana.

Tras dirixir na canteira da Portuguesa Santista, en xaneiro de 1949 ingresou no Santos, como subdirector de fútbol afeccionado.[6] O 13 de maio de 1952, foi nomeado adestrador dos equipos xuvenís do club.[7]

En xuño dese mesmo ano dirixiu dous encontros amigables do primeiro equipo, ambos fronte ao São Paulo, substituíndo temporalmente a Aymoré Moreira, que se encontraba dirixindo a selección paulista.[7] A continuación regresou á canteira, exercendo tamén como axudante de Moreira no primeiro equipo. O 2 de xuño de 1954 colleu as rendas do primeiro equipo trala marcha do italiano Giuseppe Ottina.[6]

O primeiro partido oficial de Lula á fronte do Santos disputouse tres días despois, na vitoria por 3-2 contra o Botafogo no Maracanã, correspondente ao Torneo Río-São Paulo.[8] Na seguinte campaña guiou ao Santos á conquista do Campeonato Paulista por segunda vez na historia do club, 20 anos despois da primeira.

Durante os seguintes anos converteu o Santos no mellor club do país e nun dos mellores do mundo. Fixo debutar a Pelé, fichou a xogadores como Coutinho, Dorval, Lima, Mengálvio e Zito, e subiu dende a canteira a outros como Pagão e Pepe.[1] Con este equipo, dominou de xeito case absoluto o Campionato Paulista, gañándoo oito veces, e trala creación do Campionato Brasileiro, converteuse no único adestrador en gañar cinco títulos consecutivos. Só Vanderlei Luxemburgo en 2004 conseguiu igualar a cifra de cinco campionatos brasileiros, aínda que non de xeito consecutivo.

En 1962 conquistou a súa primeira Copa Libertadores, vencendo na final ao Peñarol de Béla Guttman. Tras gañar na ida no estadio Centenario e perder na volta no Vila Belmiro, o título púxose en xogo nun encontro de desempate no estadio Monumental de Buenos Aires, decidíndose a favor do equipo brasileiro por 3-0, grazas a dous goles de Pelé e un en propia meta de Omar Caetano.[9][10] A continuación o equipo paulista disputou a Copa Intercontinental diante do campión de Europa, o Benfica, ao que dirixía Fernando Riera e que contaba con destacados futbolistas como Mário Coluna, José Águas ou Eusébio. Os tres principais atacantes do Santos (Pelé, Coutinho e Pepe) converteron un total de 8 goles, para un resultado global de 8-4, dándolle así ao equipo de Lula o seu primeiro cetro mundial.[10]

Ao ano seguinte o club santista revalidou o seu título da Libertadores, ao derrotar na final ao Boca Juniors, gañando tanto na ida no Maracanã como na volta na Bombonera. En novembro, Lula e o Santos disputaron a súa segunda Copa Intercontinental consecutiva contra o Milan de Luis Carniglia. O equipo italiano gañou por 4-2 na ida en San Siro, con goles de Trapattoni, Amarildo (2) e Mora, e adiantouse nos primeiros minutos do partido de volta, diante dos máis de 132.000 espectadores do Maracanã, con tantos de Altafini e Mora. Aínda así, dous goles de falta de Pepe e outros dous de Almir Pernambuquinho e de Lima déronlle a volta ao marcador, forzando un terceiro partido. Finalmente Dalmo Gaspar, cun solitario gol de penalti, converteu o Santos de Lula no primeiro club en gañar dous títulos intercontinentais.[10]

Deixou o Peixe ao final da tempada de 1966 por motivos nunca aclarados. Co equipo subcampión do campionato brasileiro despois de cinco títulos consecutivos, algunhas fontes atribúen a súa marcha ás presións de Pelé sobre a directiva do club para que despedisen ao adestrador.[4][1] O balance final dos seus 12 anos á fronte do club foi de 945 partidos, con 619 vitorias, 144 empates e 182 derrotas.[8] É o adestrador con máis partidos dirixidos na historia do club, así como o que máis títulos oficiais gañou (21). Tamén conquistou numerosos trofeos en competicións non oficiais de diferentes partes do mundo como o Trofeo Teresa Herrera, o Trofeo Laranxa, o Torneo de París ou o Torneo de Nova York.[2]

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

En 1967 fíxose cargo da Portuguesa Santista antes de fichar polo Corinthians en novembro dese mesmo ano. Dirixiu 35 partidos do club paulista, un deles unha vitoria sobre o Santos o 6 de marzo de 1968, que poñía fin a 11 anos sen gañar o Clássico Alvinegro.[1]

Máis tarde adestrou a Portuguesa de São Paulo e o Santo André. Dirixiu este último equipo durante só tres partidos, un deles unha vitoria sobre o Santos. Os seus últimos anos de vida pasounos profundamente afectado pola súa saída do Santos, club ao que sempre quixo regresar.[4] En 1971 deixou o fútbol e pouco despois, o 15 de xuño de 1972, con só 50 anos de idade, faleceu debido a unha infección tras un transplante de ril, que empeorou debido á hipertensión que padecía.[4]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Santos
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Lula… o maior campeão do mundo" (en portugués). 6 de xaneiro de 2014. Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Santana, Gabriel (22 de febreiro de 2017). "Luiz Alonso Perez, o Lula" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2022. Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  3. "Os treinadores brasileiros mais vencedores da história" (en portugués). 22 de setembro de 2021. Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Valente, Rafael (29 de xaneiro de 2021). "Sucesso do Santos na Libertadores começou com técnico forjado na várzea, criador dos 'Meninos da Vila' e que morreu de tristeza com o clube". ESPN (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  5. "Documentos diversos - TJSP - Ação Direito Civil - Procedimento Comum Cível". jusbrasil.com.br (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  6. 6,0 6,1 Guarche, Guilherme; Cunha, Odir (3 de xuño de 2019). "A estreia do insuperável Lula" (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  7. 7,0 7,1 Guarche, Guilherme (3 de xuño de 2017). "Memória: Lula comandava, pela primeira vez, a equipe titular do Santos FC" (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  8. 8,0 8,1 Guarche, Guilherme (5 de xuño de 2018). "Memória: Lula iniciava a gloriosa trajetória como técnico efetivo do Santos FC" (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  9. Guarche, Guilherme (30 de agosto de 2016). "Memória: Santos FC conquistava a Taça Libertadores pela primeira vez" (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Guarche, Guilherme (27 de outubro de 2017). "Sem novidades: FIFA reconhece Santos FC como bicampeão do Mundo em 1962 e 1963" (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022.