Máis alá!
Máis alá! | |
---|---|
Autor/a | Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro |
Lingua | lingua galega |
Xénero(s) | manifesto |
Data de pub. | 28 de xuño de 1922 |
[ editar datos en Wikidata ] |
"Máis alá!"[1] é un manifesto vangardista publicado en Galicia por Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro o 28 de xuño[2] de 1922.[3]
Características e obxectivos
[editar | editar a fonte]Debaixo do título, a xeito de lema explicativo, figura a seguinte introdución: Sin pretensión de suficenza doutoral, nin de ningún outro xeito somellante, a rebeldía duns mozos galegos fai esta chamada á Mocidade intelectual da nosa terra[4].
“Máis alá!” comparte trazos cos manifestos vangardistas característicos do seu tempo[5]. O seu obxectivo era renovar a literatura da época, que desde o seu punto de vista quedara ancorada no pasado. Tamén pretendía a creación dun novo movemento político, literario e artístico. Trátase de textos de aparencia urxente estruturados a partir dun discurso agresivo, rebelde e rompedor. O manifesto asume o principio que mellor define a estética vangardista: a ruptura coa tradición.
“Máis alá!” critica os escritores en activo que seguían aínda o patrón marcado por Rosalía ou Curros, poetas do século anterior. Segundo o manifesto, ese seguimento epigonal por parte de autores coma Carré[6] ou Lugrís Freire (aínda que non chega a citar nomes) xa non achega nada novo á literatura.
O texto reivindica a liberdade do acto creativo e a non submisión ás regras lingüísticas ou literarias. Constituía un procedemento de modernidade que, como meses antes lle expuxera Antonio Villar Ponte ao autor principal nunha carta[7], xa non consistiría só en fuxir da vella versificación impecable e rimada, mais tampouco en afastarse do clasicismo para seguir as correntes en voga. A verdadeira modernidade, alén dos debates entre o novo e antigo, habería centrarse única e exclusivamente na “forma de expresión”.
Así e todo, este manifesto presenta algunha diferenza cos textos arquetípicos das vangardas europeas.[5] Por exemplo, non propón ningún “-ismo” ou escola nin se adhire a unha xa existente, é dicir, non tenta crear unha corrente literaria coma no caso do dadaísmo ou do futurismo, por exemplo. Ademais conta coa particularidade de centrarse en Galicia, ao tratar temas como a defensa da lingua ou o proxecto republicano galego.
Temas principais
[editar | editar a fonte]“Nós non podemos ollar sin carraxe o baixo e noxento ruralismo de Losada. Nin ise intrés en convertir o galego n-a fala intérprete de tódalas indecenzas e vulgaridás que tiveron Losada e a maioría d`os mestres menores. Nin a valdeirez verbalista, importación madrileña e co-isto xa se di todo, de Curros. [...]
Hai os que teñen algún valor e desmínten-o espresándose en castelán. Pero hai aínda unha razón dorde supremo: a nosa Fala é nosa. Pospol-a a outra calquera, é unha forma de suicidio. Arrenegamos de mestres e dos seus consellos [...] Arrenegamos da Lei e da Costume [...] Arrenegamos dos temas obrigados [...] Arrenegamos de toda imitanza”—Extracto do manifesto Máis alá! (1922).[8].
|
Os temas principais do manifesto[1], que non se ordenan con exactitude en función do título dos apartados nos que se subdivide, son:
- a ruptura coa tradición, a denuncia dos que “escreven hoxe como si vivisen n-o antonte d´os séculos” (“Os vellos”) e das estéticas conservadoras, desfasadas e acríticas (“O ruralismo”, “Os devanceiros”)
- o perigo de anquilosamento dun movemento político que non actualice as formas artísticas (“A nosa razón”)
- a crítica, tanto desde un punto de vista patriótico como desde o individualismo artístico, contra o seguimento epigonal de certa literatura española (Valle-Inclán) ou das vangardas doutras culturas estranxeiras, (“`Pollitos bien´”, “Nós”, “Desbotando”, “Individoalismo”)
- a defensa da lingua galega como ferramenta ideal dos escritores galegos (“Tamén hai outros”, “A fala”), necesariamente monolingües
- o chamamento explícito, especialmente dirixido á xente nova, para a liberdade absoluta, a modernidade e a República galega (“Desbotando”, “Mocedade!”)
Recepción e significación
[editar | editar a fonte]Nun contexto de ruptura política e cultural no seo do incipiente nacionalismo, "Máis alá!" provocou unha agre polémica[9]. Foi criticado polo galeguismo máis conservador (Carré e Lugrís, pero tamén Florencio Vaamonde e Eladio Rodríguez González) e tampouco o recibiu con parabéns o cenáculo ourensán (Vicente Risco, Eugenio Montes), quen coñecían ben as vangardas aínda que se mostraban críticos con elas. A tónica xeral, pois, abalou entre a indiferenza e a hostilidade, o que non contribuíu precisamente á integración de Manuel Antonio nin da súa proposta no sistema literario galego da época.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Axeitos, Xosé Luís (2012). Clásicos da Academia I, Manuel Antonio – Obra completa: Vol. I. Prosa. RAG - Fundación Barrié. pp. 135–143. ISBN 978-84-9752-063-8.
- ↑ Axeitos, Xosé Luís (1992). Manuel Antonio. Poesía galega completa. Sotelo Blanco. p. XXIV. ISBN 84-7824-142-6.
- ↑ Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. Xerais. ISBN 978-84-9121-107-5.
- ↑ Departamento de Filoloxía Galega (1979). Homenaxe a Manuel Antonio. Universidade de Santiago. p. 18. ISBN 84-7191-111-6.
- ↑ 5,0 5,1 González Fernández, Xosefa; Manso Seijas, C.; Salinas Portugal, F. (1992). Manuel António, Curso de Orientación Universitaria, Tema 3. Baía Edicións. ISBN 84-87674-25-9.
- ↑ Angueira, Anxo (2018). "Rexeneración, Renacemento, Renacenza, Rexurdimento". A Trabe de Ouro (107): 21. ISSN 1130-2674.
- ↑ Axeitos, Xosé Luís (2015). Clásicos da Academia 3, Manuel Antonio. Obra completa: Vol. III. Epistolario. RAG - Fundación Barrié. p. 393. ISBN 978-84-9752-117-8.
- ↑ VV.AA., Lingua e literatura II, Rodeira, 2003, A Coruña, páx. 178
- ↑ Axeitos, Xosé Luís (2017). Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía. Xerais. pp. 223–231. ISBN 978-84-9121-188-4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández Rei, Francisco (1999). Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar de Arousa. RAG. ISBN 84-87987-18-4.
- García-Bodaño, Salvador (2005) [1992]. Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá. RAG.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Abalde, Roberto (2002). Manifesto "Máis alá" (1922) Proxecto Tomiño. Mil primaveras máis.