Música no faiado
Música no faiado | |
---|---|
Autor/a | Miguel Ángel Alonso Diz |
Ilustrador/a | Laura Tova |
Cuberta | Miguel Vigo |
Lingua | Lingua galega |
Colección | Merlín |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Edicións Xerais de Galicia |
Data de pub. | Novembro, 2018 |
Páxinas | 129 |
ISBN | ISBN 978-84-9121-409-0 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Música no faiado é unha novela infantil e xuvenil de Miguel Ángel Alonso Diz publicada en 2018.[1]
Características
[editar | editar a fonte]A novela está encadrada na colección Merlín e indicada para lectores de 11 anos en adiante. É un libro de gran sensibilidade que ispe acontecementos do pasado recente dunha familia.[2]
Segundo a Editora: A represión, a emigración, o racismo, o medo e un evocador percorrido pola música do século XX conforman un libro de gran sensibilidade que, a través dos ollos inocentes de dous irmáns, ispe acontecementos do pasado recente dunha familia que non deixan de ser tamén o relato compartido de moitos galegos e galegas.[3]
Para Ramón Nicolás: escrito con sensibilidade e contención onde a música ocupa un papel protagonista a carón do desvelamento dunha historia familiar anoada cos fíos da memoria, aquén e alén mar.[4] E o certo que esta "Música no faiado" revela unha voz que se manexa con habilidade e atractivo no desenvolvemento dunha historia na que conxuga, como se deduce do seu título, música e, dalgún xeito, memoria.[5]
Para Manrique Fernández: E faino cun estilo directo e sen artificios, conseguindo así unha lectura doada e amena. A emigración, a supervivencia, as relacións familiares e a memoria, son outros dos alicerces sobre os que se sustenta un relato imprescindible nestes tempos de reggaeton.[6]
Trama
[editar | editar a fonte]- Dedicatoria
A todos os músicos e as músicas do mundo. Dun xeito especial a David Zarandón
- Na casa dos avós
É a última fin de semana das vacacións de Nadal. Os pais e a avoa teñen que baixar á vila de compras e deixan a Lucía e Miguel co avó. Os nenos gostan de mirar as estrelas co telescopio agasallo da avoa.
- Un pequeno concerto
O avó ronca e dorme. Lucía improvisa unha canción coa figura de John Lennon mentres Miguel toca a guitarra cun pau de vasoira. O avó tenlles contado multitude de historias relacionadas coa música, pensan que moitas son inventadas. Durante o xogo as cachimbas do avó acaban tiradas polo chan.
- Ruídos no faiado
Cando andan a procurar os zumes que prepara a avoa escoitan enriba deles un sospeitoso “tap, tap, tap” repetido. Conseguen baixar a escaleira despregable e subir ao faiado con moito esforzo. Lucía xoga a asustar o irmán na escuridade.
- Pequenos tesouros
Acenden a luz e descobren unha morea de mobles e cousas, coma un grande sombreiro e unhas curiosas lentes. Xogan, imaxinan e atopan un recorte de xornal: Robert Johnson in concert. Whit Aquilino Rocha. May 1938, Mississipi. Grazas ás súas clases de inglés Lucía consegue entender algo do artigo. O avó tamén lles contara que fora amigo de John Lennon, sería verdade? Dan cun cartafol que pon ARA 1938. Está cheo de fotos de músicos. Nunha delas está o seu bisavó con Robert Johnson, do que tamén hai un disco.
- O sombreiro de Robert Johnson
Descobren máis cartafoles ordenados desde 1937 coas letras ARA, que significaría? Tamén atopan un vello gramófono. Van ao baúl que o avó ten debaixo da cama e collen máis fotos antigas.
- O bisavó
Os irmáns seguen remexendo nas fotos e papeis no faio. Descobren a quen corresponden o ARA: Aquilino Rocha Alonso. Hai nomes en inglés, datas de concertos aos que asistiu o bisavó e mesmo un nome de muller, “Bessie”, e un poema a ela dedicado.
- A Caixa de puros
Miguel baixa ao cuarto do avó que está todo revolto por eles. Tenta arranxar un pouco a desorde temendo o castigo cando cheguen os pais. Colle a caixa de puros do avó chea de fotos. Nunha delas está o bisavó Aquilino co avó Estevo. Bota man da tableta para conectarse no faiado e ver máis detalles. Mais ao subir pola escaleira coa caixa e a tableta, esta cauelle ao chan e escachou a pantalla. Un desastre!
- Máis sorpresas
Seguen coas fotos e atopan o bisavó coa bisavoa. O rapaz colle unha guitarra sen cordas e ponse a imitar a Robert Johnson. Para a súa sorpresa dan cunha foto do bisavó ao lado dun mozo de cara moi coñecida.
- Elvis Aaron Presley
Si, ese mesmo era o que estaba a caró do bisavó. O avó sabía moito de música en inglés e contáballes moitas cousas, tamén dos tempos dos galegos Voces Ceibes. Mais aos pais e avoa non lles gusta nada que o avó lles ande coas andrómenas da música. Agora están descubrindo que todo o que lles contara o avó non eran “invencións froito da mente dun vello”. Saben que o bisavó estivo en Norteamérica e os avós en Inglaterra. Esperta o avó, é hora de baixar e facer preguntas, pensan os irmáns.
- Conversas no faiado
Mais será o avó quen tamén sobe ao faiado, alí ve todas as lembranzas e fotos. E conta como o bisavó coñeceu a Elvis Presley e a Robert Johnson. Por que marchou o bisavó? Foi nos comezos da Guerra Civil, tería uns 24 anos. Cóntalles por que tivo que marchar deixando atrás os pais, a muller e o fillo, tamén outras cousas daqueles tempos. Volveu de alá no 1954 cando el xa era un home. E volveu co sombreiro de Robert Jhonson que agora ten Miguel na cabeza.
- As lentes de...
E o avó Estevo fala de cando el e a avoa estiveron en Inglaterra e de como coñeceron a John Lennon e como foi posible que estas lentes sexan súas. Os rapaces preguntan por que seus pais nunca lles falaron de todo isto.
- Segredos de familia
Recollen todo arriba no faio e abaixo no cuarto. Sentan a escoitar o avó, a súa relación coa música, o cuarteto do que formou parte. Pero tamén o segredo de Manolita, da nai, que fora formada na música e agora non quere saber nada. Por que? E tamén se fala dos tempos da canción protesta e as detencións pola policía social; moitas cousas.
- Mamá deixou de tocar
O avó explica o por que a súa filla Manolita deixou de tocar e o por que naquela casa a música deixou de estar tan presente e non se volveu falar deses tempos.
- A avoa Carme
Carme, Manolita e Daniel andan de compras e fan un descanso para tomar algo. Lémbrase a vida de Carme e fálase do avó.
- A música da alma
Entran os que foran de compras e píllanos de contos. Os irmáns prevén un forte castigo. Mais vaise empezar un diálogo que aclara moitas cousas, moito do que pasou nesta historia. E así remata a novela:
Fóra a choiva construía un cento de melodías...
... e no faiado un tap, tap, tap rítmico comezaba de novo [7]
- Eixe cronolóxico
- 1912: nacemento do bisavó Aquilino Rocha Alonso
- 1936: nacemento do avó Estevo. O bisavó Aquilino emigra aos Estados Unidos... O bisavó coñece a “Bessie” Smith e a Robert Johnson
- 1937: morre “Bessie” Smith
- 1938: morre Robert Johnson
- 1953: Aquilino coñece a Elvis Preley
- 1954: Aquilino regresa a Galicia
- 1963: nace Manolita, a nai de Lucía e Miguel
- 1966-1970: os avós Carme e Estevo emigran a Inglaterra
- 1972: concertos da canción protesta, morre a bisavoa 1974: John Lennon e Yoko Ono visitan Galicia
- 1980: Lennon é asasinado
Estrutura
[editar | editar a fonte]Narración
[editar | editar a fonte]O narrador é omnisciente, en terceira persoa e extradiexético, na liña dunha narración tradicional.
Tempo
[editar | editar a fonte]Non hai datas para a acción, é unha tarde de Nadal. Faise referencia ao pasado da familia tal e como se sinala no eixe cronolóxico.
Espazo
[editar | editar a fonte]A acción desenvólvese nunha casa de pedra de dúas plantas, rodeada dunha carballeira, propicia para a imaxinación dos nenos que viven na cidade. O avó Esteveo e a súa filla Manolita non comprenden as novas casas de ladrillo na zona. Está a 15 minutos en coche da vila, na que Carme, Manolita e Daniel estás de compras.
Tamén se fala dunha cidade na que viven os rapaces e de Norteamérica, onde viviu o bisavó, e Inglaterra, onde viviron os avós.
Personaxes
[editar | editar a fonte]- Os rapaces: Lucía, que case lle saca catro anos ao irmán, e Miguel.
- Os pais: Manolita e Daniel
- Os avós: Carme e Estevo
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Alonso Diz, Miguel Ángel (2018). Música no faiado. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9121-409-0.
- ↑ "Novidade. "Música no faiado" de Miguel Angel Alonso Diz". blog.xerais.gal. Arquivado dende o orixinal o 12/09/2019. Consultado o 30/11/2018.
- ↑ "Música no faiado". xerais.gal. Consultado o 30/11/2018.
- ↑ "Novidade (55): Música no faiado, de Miguel Ángel Alonso Diz". cadernodacritica.wordpress.com. Consultado o 30/11/2018.
- ↑ Nicolás, Ramón. "Música no faiado, de Miguel Ángel Alonso Diz (10/12/2018)". cadernodacritica. Consultado o 11/12/2018.
- ↑ "Dúas propostas para nenos". O MEU ANDEL. 2019-01-03. Consultado o 2019-01-07.
- ↑ Alonso Diz 2018, p. 126.