Saltar ao contido

Manifesto de Sandhurst

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fotografía do rei Afonso XII.

O Manifesto de Sandhurst foi un manifesto de carácter político redactado por Antonio Cánovas del Castillo[1] e asinado o 1 de decembro de 1874 polo entón príncipe Afonso de Borbón (futuro rei Afonso XII de España), que se atopaba no exilio, na escola militar de Sandhurst.

O Manifesto foi orixinalmente publicado en varias cabeceiras europeas, como The Times. Non foi difundido na prensa española até o 27 de decembro.[2] No documento, o príncipe, mostraba a súa disposición para se converter en rei dunha monarquía parlamentaria.

Antecedentes históricos

[editar | editar a fonte]

Afonso XII, era fillo da raíña Isabel II de España e cumprira 17 anos o 28 de novembro de 1874. Atopábase exiliado trala revolución de 1868 que destronou a súa nai. Estudara en varios países e rematara a súa formación na Academia Militar británica de Sandhurst.

En España, tras a revolución de 1868, sucedéronse distintos réximes nun período coñecido como Sexenio Democrático. En 1874 caera a Primeira República, tralo golpe do xeneral Pavía e o poder atopábase en mans do xeneral Serrano.

Antonio Cánovas del Castillo era un político de orientación liberal conservadora que colaborara na redacción do Manifesto de Manzanares (1854). A mediados da década dos sesenta, durante os gobernos da Unión Liberal, chegara a ser ministro. Durante o Sexenio Democrático fora un dos máis destacados representantes do partido monárquico.

A finais de 1872 integrouse no bando afonsino. O liderado do partido foille encomendada no verán de 1873. Desde el tratou de artellar o retorno dos Borbóns ao trono español, converténdose no verdadeiro artífice da Restauración borbónica.

Retrato de Antonio Cánovas del Castillo (1828-1897), realizado por Madrazo.

O manifesto

[editar | editar a fonte]

Foi asinado polo príncipe o 1 de decembro de 1874, mentres realizaba os seus estudos na academia militar Sandhurst, en Inglaterra. O manifesto redactouse formalmente co pretexto de contestar as felicitacións recibidas ao cumprir dezasete anos, que significaba a maioría de idade. O documento fora ideado e redactado por Antonio Cánovas del Castillo;[3] no mesmo, dábase a coñecer o novo sistema político que se quería implantar, unha monarquía constitucional; é dicir, un novo réxime monárquico de tipo conservador e católico que defendía a orde social pero que garantía o funcionamento do sistema político liberal. O manifesto remata proclamando as esencias fundamentais que han rexer no seu reinado: «…nin deixarei de ser bo español nin, como todos os meus antepasados, bo católico, nin, como home do século, verdadeiramente liberal».[3]

O manifesto publicouse pola prensa española o 27 de decembro. Dous días despois, o 29 de decembro, o xeneral Martínez Campos, que xa levaba varios meses tramando un golpe a prol de Afonso,[4] levou a cabo un pronunciamento militar en Sagunto, proclamando Rei de España a Afonso XII[5][6] sen atopar apenas oposición no país. Este feito, modificou a planificación de Cánovas, que quería afastar aos militares da participación política e non desexaba que o retorno da monarquía se producira lexitimada por un golpe de estado[7] e, rapidamente, asumiu o ministerio-rexencia á espera do rei, o que supuxo o nacemento da Restauración borbónica que durou case medio século e conseguiu rematar coa dinámica golpista do período isabelino.[8]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Comellas García-Llera, José Luis (2014). Historia de España contemporánea (10ª ed.). Madrid: RIALP. ISBN 978-84-321-4346-5. 
  • Dardé Moreno, Carlos (1996). La Restauración, 1875–1902. Col. Historia de España nº 24. Historia 16. ISBN 84-7679-317-0. 
  • Langa Laorga, María Alicia (1990). España y Portugal en el siglo XIX. Col. Historia del mundo contemporáneo. Madrid: Akal. ISBN 84-7600-494-X. 
  • Manrique, Beatriz (2016). Un sombrero en el corazón (epub). Harlequín Ibérica. ISBN 978-84-687-7822-8. 
  • Martí Gilabert, Francisco (1991). Política relixiosa da Restauración, 1875–1931. Madrid: Rialp. ISBN 9788432128134. 
  • Varela Ortega, José (2001). Los amigos políticos: partidos, elecciones y caciquismo en la Restauración (1875-1900). Col. Historia. Madrid: Marcial Pons, ediciones de Historia. ISBN 84-7846-993-1. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]