María Manuela
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1945 (78/79 anos) Ferrol, España |
Actividade | |
Ocupación | pintora, compositora |
Familia | |
Cónxuxe | Miguel Tranquilo |
María Manuela Díaz Orjales, chamada María Manuela, nada en Ferrol en 1945, é unha cantante e pintora galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a súa carreira musical en solitario, coa gravación dun sinxelo en 1974, que incluía as cancións Pedro Chosco -poema musicado da poeta Ana Caxiao- e Ana Mariña. O seu primeiro longa duración foi ao ano seguinte, Cantigas ao meu xeito.
Casada dende 1968 co tamén músico Miguel Tranquilo, formou parella musical con el e gravou seis LPs máis, outros dous no ano 1977, Idioma Meu e Panxoliñas, e no ano 1979 Cantigas para nenos e neneiros. Máis tarde no ano 1982 gravou o disco Ergueremo-la espranza. Máis adiante colaboraron coa peza A mulata Coromoto nun disco dedicado ao poeta Celso Emilio Ferreiro no ano 1989. Nos primeiros anos 90 tiraron do prelo dous álbums máis, Barco na Alba, que incluía dúas pezas compostas pola propia María Manuela sobre cantigas medievais, e mais Imos cantar xuntos, disco de música infantil realizado en colaboración co grupo Ledicia do colexio Manuel Masdías de Caranza.
No ano 1999, logo do falecemento do seu home no mes de setembro de 1998, continuou a súa carreira en solitario cun CD dedicado ao seu home, Para Miguel. Colaborou no ano 2003 na gravación do disco-libro Sempre Mar do colectivo Burla Negra, integrado no movemento cidadán Nunca Máis.[1][2]
O Concello de Ferrol inclúe no seu rueiro a Rúa de Manuela e Miguel no barrio obreiro de Recimil.[3]
Como pintora, ten unha longa traxectoria nunha creación colorista e expresionista, fundamentalmente na pintura ao óleo e como debuxante. Expuxo nas salas de Caixa Galicia en Ferrol e Santiago de Compostela, no Círculo Mercantil de Vigo e no Forum des Arts de Lorient e en numerosos lugares ao longo da xeografía galega, española e europea.[4]
Forma parte do colectivo de pintores ARGA.
O 4 de decembro de 2008, coincidindo os 35 anos da súa carreira musical, o Concello de Ferrol organizou unha homenaxe de recoñecemento ao seu valor artístico como cantante, pintora e defensora da lingua galega. Minutos antes da gala, suliñaba que entre outros moitos poetas de inspiración, para Miguel e ela, "Manuel María e Ana Caxiao foron sempre os nosos referentes".[5][6]
Participación, con cinco cadros, xunto a outras sete artistas galegas, no proxecto da Catedrática da lingua e literatura galega Aurora Marco, ELAS, un libro e exposición no que se reivindica o papel das mulleres na sociedade galega, publicado no ano 2015.[7][8]
María Manuela puxo a súa voz na personaxe da avoa no filme de animación Valentina, de Chelo Loureiro, Premio Goya 2022 a mellor película de animación.[9][10][11]
Discografía
[editar | editar a fonte]En solitario
[editar | editar a fonte]- 1974, Pedrochosco / Ana Mariña (single)
- 1975, Cántigas ao meu xeito (LP, Polydor)
- 1977, Idioma meu (LP, Zafiro)
- 1977, Cántigas para nenos e neneiros (LP, Zafiro)
- 1999, Para Miguel (CD, Boa Music)
Con Manuela e Miguel
[editar | editar a fonte]- 1982, Erguerémo-a esperanza (LP, Ruada).
- 1990, Barco na alba, (LP, Sons Galiza)
- 1992, Imos cantar Xuntos (Xerais)
Colaboracións e traballos colectivos
[editar | editar a fonte]- 1977: Panxoliñas nas voces Maria Manuela e Xoán Rubia, xunto con Xoán Rubia.
- 1989: Homenaxe a Celso Emilio.
- 2003: Sempre mar. Cultura contra a burla negra. (Asociación Cultural Benito Soto) [12]
- 2012: O meu primeiro Celso Emilio. (Xerais)[13]
- 2013: A miña primeira Rosalía. (Xerais)[14][15]
- 2015: ELAS. (A Xanela Editorial)[8]
Recoñecemento
[editar | editar a fonte]Foi homenaxeada en 2020 co premio honorífico dos Premios Martín Códax da Música.[16]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Un dos seus fillos, Xurxo Varela, tamén é músico, mentres que Miguel Anxo Varela é pintor.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Sempre Mar. Cultura contra a burla negra". Consultado o 2018-09-02.
- ↑ "El colectivo Burla Negra realiza un acto simbólico contra el «Prestige»". La Voz de Galicia (en castelán). 2002-11-28. Consultado o 2018-09-02.
- ↑ "Mujeres en las calles de Ferrol - Galicia Ártabra Digital". Galicia Ártabra Digital (en castelán). Consultado o 2018-09-02.
- ↑ Coruña, La Opinión de A. "Fin de semana cultural". Consultado o 2018-08-22.
- ↑ "Habemos de ir, Homenaxe a Maria Manoela en Ferrol o 4 de Nadal". www.ghastaspista.com. Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2018. Consultado o 2018-08-22.
- ↑ "María Manuela: «Por sorte, síntome profeta na miña terra; Ferrol quéreme»". La Voz de Galicia (en castelán). 2008-12-04. Consultado o 2018-09-02.
- ↑ "Aurora Marco presenta esta tarde en Cangas su libro "Elas"". Faro de Vigo. Consultado o 2018-09-02.
- ↑ 8,0 8,1 "El libro y la exposición ELAS recala en Ferrol tras haber recorrido varias ciudades". Diario de Ferrol (en inglés). Consultado o 2018-09-02.
- ↑ Atlántico (2022-02-13). "'Valentina', de la gallega Chelo Loureiro, Mejor Película de Animación en los Goya". Atlántico (en castelán). Consultado o 2022-02-13.
- ↑ ELICES, RAQUEL (2022-02-13). "Chelo Loureiro, un referente en el cine de animación". RTVE.es (en castelán). Consultado o 2022-02-13.
- ↑ "Premios Goya - Valentina".
- ↑ "Publicacións". gaiteirosgalegos.gal. Consultado o 2018-09-02.
- ↑ "Ficha de libro | Editorial Xerais". www.xerais.gal (en sp). Consultado o 2018-08-22.
- ↑ "Ficha de libro | Editorial Xerais". www.xerais.gal (en sp). Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2018. Consultado o 2018-08-22.
- ↑ ""A miña primeira Rosalía"". www.crtvg.es. Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2018. Consultado o 2018-08-22.
- ↑ "Os Premios Martín Códax homenaxean a María Manuela, que "fixo da música e da nosa lingua ferramentas para un mundo mellor”". Praza Pública. 2020-05-06. Consultado o 2020-05-08.