Saltar ao contido

Markell Popel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMarkell Popel

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento31 de decembro de 1825 Editar o valor en Wikidata
Hálych, Ucraína Editar o valor en Wikidata
Morte29 de setembro de 1903 Editar o valor en Wikidata (77 anos)
San Petersburgo, Rusia Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaNikolskoe Cemetery of Alexander Nevsky Lavra (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Bispo
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica e Igrexa ortodoxa Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónsacerdote Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata

Markell Popel (en ucraíno: Маркелл Онуфрійович Попель; en ruso: Маркелл Онуфриевич Попель; en polaco: Marceli Popiel), tamén coñecido como Markian[1] e Markyl,[2] nado o 31 de decembro de 1821[3] ou 1825[1] en Halych ou Medukha e finado o 29 de setembro de 1903 en San Petersburgo (Imperio Ruso), foi un bispo da Igrexa ortodoxa rusa de orixe ucraíno.

Naceu nunha familia greco-católica. Estudou e graduouse en Filosofía e Teoloxía, e logo de casar foi ordenado sacerdote en 1850. Durante o seu primeiro ano como sacerdote exerceu a súa actividade pastoral na parroquia de Buchach, entre 1851 e 1859 foi catequista no ximnasio de Ternopil, e até 1866 foi catequista en escolas de Lviv. Publicou libros de texto sobre liturxia e teoloxía moral orientados aos alumnos dos seminarios greco-católicos.

Dende 1854 participou no movemento rusófilo galiciano. Foi tamén un dos líderes do movemento ritualista en Galicia, no que demandou que todos os elementos de orixe latina foran eliminados da liturxia da Igrexa greco-católica; inicialmente avogou unicamente pola purificación do rito bizantino na Igrexa católica, pero co tempo foi adheríndose á idea de que a unión de Brest fora un acontecemento negativo para a poboación rutena, e que a súa relixión era a ortodoxa. En 1866 trasladouse a Chełm, onde traballou para popularizar a eliminación de influencias latinas no rito bizantino; desta forma, as autoridades tsaristas tentaron preparar o terreo para a completa disolución da unión no Imperio Ruso.

Popel asumiu con convicción as expectativas da administración tsarista, inicialmente como formador no seminario greco-católico de Chełm, e a partir de 1871 como administrador da eparquía de Chełm. En sucesivas circulares, ordenou a eliminación de elementos da liturxia greco-católica que non existían na liturxia da Igrexa ortodoxa rusa, e colaborou coa administración tsarista combatendo a resistencia aos cambios que exercía pate do clero e dos fieis da diocese. En 1874 anunciou a completa unificación das liturxias greco-católica e ortodoxa, e en 1875 formou parte da delegación do clero que pediu ao tsar Alexandre II a integración da eparquía de Chełm na Igrexa ortodoxa rusa.

Pola súa participación na supresión da derradeira administración greco-católica no Imperio ruso, o 8 de xuño de 1875 foi ordenado bispo auxiliar da eparquía ortodoxa rusa de Varsovia, co título de bispo de Lublin. En 1878, logo dun conflito co arcebispo de Varsovia Leontii Lebedinskii, foi trasladado á sé de Podolia e Bratslav, onde foi ordinario até 1882. Posteriormente, entre os anos 1882 e 1889 foi bispo de Polack e Viciebsk. Retirouse en 1889, mais continuou a exercer como membro do sínodo da Igrexa ortodoxa rusa, até o seu pasamento en 1903. Finou e foi enterrado en San Petersburgo.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Mocidade e actividade en Galicia

[editar | editar a fonte]

Era de orixe galiciana, fillo do nobre Onufrii Popel.[3] Foi bautizado na Igrexa greco-católica.[1] Graduouse pola escola alemá de Halych, e posteriormente cursou estudos secundarios en Ivano-Frankivsk e Buchach. Completou a súa formación universitaria en Filosofía en Chernivtsi e en Teoloxía en Lviv e Viena.[1] O 20 de xaneiro de 1850 foi ordenado sacerdote e foi destinado a Buchach.[3]

Entre os anos 1851 e 1859 foi catequista no ximnasio de Ternopil.[3] Nos seus primeiros anos de actividade profesional non amosou simpatías W pierwszych latach pracy nie przejawiał sympatii rusófilas, e coñécese que mandaba aos seus alumnos cantar cánticos relixiosos en alemán ou en latín.[2]. Porén, as súas opinións mudaron radicalmente antes de 1854: pasou a formar parte do grupo de profesores de secundaria que, orientados por Yakiv Holovatskyi, distribuiron publicacións rusófilas entre os alumnos.[4] Posteriormente foi profesor de lingua rusa nun ximnasio de Lviv durante tres anos, e entre 1862 e 1866 foi catequista nun ximnasio alemán de Lviv.[1] Foi autor do drama Nemir, publicado na revista Hałyćka Zoria, e dun ensaio sobre o bardo Boyan do Cantar das hostes de Igor.[3] Publicou tamén artigos de temática relacionada coa situación e a identidade da Igrexa grecocatólica en Galicia.[5]

Popel foi un dos líderes do movemento ritualista, que avogaba pola supresión de todos os elementos de orixe latina da liturxia da Igrexa grecocatólica; el mesmo introduciu estes cambios na súa actividade pastoral.[6] En 1862 o metropolita de Lviv Hryhorii Yakhymovych nomeouno membro da comisión encargada de coordinar os traballos de purificación do rito bizantino co propósito de evitar iniciativas arbitrarias do clero parroquial neste eido. Porén, a morte repentina do metropolita fixo imposible o traballo da comisión, e o seu sucesor Spyrydon Lytvynovych reduciu significativamente o alcance do movemento.[7] Durante esta época, Popel non era aínda un apoloxista da Igrexa ortodoxa. En 1857 publicou un libro sobre teoloxía moral,[1] e en 1863 publicou un libro de texto litúrxico para os estudantes do seminario grecocatólico de Lviv, no que incluíu a doutrina da primacía papal de acordo coa Igrexa católica.[8]

Segundo Włodzimierz Osadczy, Markell Popel debe incluírse entre aqueles:

buscadores ideolóxicos da pureza do rito oriental que, malia declarar fidelidade e obediencia ao papa, ao explorar os misterios da identidade da Igrexa oriental, convencéronse da debilidade da unión e en secreto dirixíronse á apostasía[9]

Entre os anos 1864 e 1865 editou a publicación relixiosa Nedelia.[1]

Actividade na eparquía grecocatólica de Chełm

[editar | editar a fonte]
A catedral grecocatólica da Natividade da Nosa Señora en Chełm, logo da reconstrución no estilo ruso-bizantino na década de 1870 e de ser adaptada para funcionar como catedral ortodoxa. Neste templo, Markell Popel serviu inicialmente como sacerdote grecocatólico, e posteriormente como sacerdote ortodoxo.

En 1866 deixou Galicia e trasladouse xunto cos seus fillos a territorio ruso. A súa chegada á terra de Chełm estaba relacionada coa disolución, planeada polas autoridades imperiais, da eparquía grecocatólica de Chełm. Na opinión da administración rusa, a liquidación da derradeira eparquía grecocatólica do Imperio, debía de ser precedida da remoción de todos os elementos latinos, fortemente arraigados, do rito que se empregaba na diocese, para facilitar a rusificación completa da poboación rutena da rexión. Estas actividades debían ser realizadas por clero grecocatólico con posicións rusófilas, recrutados entre os participantes no movemento ritualista.[10]

Segundo Witold Kołbuk, Popel foi un dos poucos cregos que se trasladaron á rexión de Chełm non por motivos materiais, senón por un apoio sincero á idea de espallar a ortodoxia.[11]

Markell Popel chegou á rexión de Chełm coa recomendación do activista eslavófilo e capelán da embaixada rusa en Viena, o padre Mikhail Raevskii,[12] como un dos primeiros cregos galicianos.[8] En 1867 comezou a traballar como catequista nun ximnasio de Chełm e como profesor no seminario grecocatólico,[1] alí ensinou o catecismo, aspectos básicos do rito litúrxico, e historia bíblica.[8] foi tamén incluído entre o clero grecocatólico da catedral da Natividade da Nai de Deus[3] e nomeado protopresbítero.[8]

As autoridades rusas, preparando a liquidación final da Igrexa grecocatólica no Imperio, decidiron confiar a administración da eparquía de Chełm a un crego rusófilo que apoiara os plans da administración tsarista. En 1868 Markell Popel foi presentado ao papa como candidato para a sé episcopal de Chełm, mais o papa non aprovou o seu nomeamento. Finalmente foi nomeado bispo Mykhailo Kuzemskyi,[13] e dende o comezo da súa actividade, Popel estivo en conflito con el. Kuzemskyi veía con ollos negativos a actividade dos cregos de orixe galiciana, que opúñanse radicalmente a todos os elementos latinos na liturxia. En 1869 tiveron un enfrontamento polo boicot de Popel á festividade do Corpus Christi.[14] Por outra parte, Popel foi activo en atraer máis cregos rusófilos á rexión de Chełm.[8] Disfrutaba da completa confianza das autoridades rusas, asumindo con dedicación e compromiso os seus proxectos para a rexión;[13] por este motivo as autoridades rusas, sen éxito, trataron de nomealo como bispo auxiliar da eparquía.[13] En 1869 adquiriu a cidadanía rusa.[8]

Administrador da diocese de Chełm

[editar | editar a fonte]

En 1871 Mykhailo Kuzemskyi renunciou á diocese de Chełm. O tsar emitiu entón un edicto nomeando a Popel administrador da diocese. O nomeamento non foi ben recibido polo clero da diocese, nin polos sacerdotes ortodoxos da Chełm-Varsovia; este ambiente acusou a Popel de levar un estilo de vida promiscuo.[8] Pola súa parte, o papa Pío IX considerou ao novo administrador como un usurpador,[13] e seguiu a recoñecer a Kuzemskyi como bispo de Chełm, demandándolle que escribira unha condena escrita das actividades de Popel (cousa que non fixo).[15]

Markell Popel continuou a traballar por atraer máis sacerdotes de Galicia, enviándolles invitacións personalmente; estes documentos lles facilitaron obter visados rusos e cruzar a fronteira.[16] Como administrador da diocese comezou a preparar abertamente a conversión masiva dos greco-católicos de Chełm á ortodoxia. En abril de 1871 emitiu unha orde de eliminación de elementos de orixe latina da liturxia greco-católica.[15] En decembro ordenou a celebración obrigatoria das memorias de san Nicolao, san Xoán o Teólogo e san Xoán o Bautista, omitindo ao mesmo tempo as festas de san Xosafat Kuntsevych, a Inmaculada Concepción e o Corpus Christi.[17] As súas ordenanzas, xunto coa política anticatólica do gobernador de Siedlce Stepan Gromeka, causaron ansiedade entre os greco-católicos, o que levou ao estalido de disturbios nas parroquias de Podlaquia.[15] En xuño de 1872 o tsar Alexandre II indicou ao sobreprocurador do Santo Sínodo o nomeamento dun Comité Extraordinario para os Asuntos da Diocese de Chełm, encargado de coordinar as actividades das organizacións civís e relixiosas da rexión; un dos membros deste comité foi o propio Popel. O comité fixo unha instrución de medidas punitivas contra as parroquias recalcitrantes. Ademais, deu instrucións ao administrador da diocese de investigar as actitudes do clero fronte aos cambios introducidos, e de propor castigos para aqueles que os rexeitaban. Foi tamén obrigador de comunicar aos fieis greco-católicos que o propósito da purificación do rito non era preparar unha conversión masiva, senón a restauración da forma orixinal do rito, sen elementos latinos.[15]

O 31 de agostoxul./ 12 de setembro de 1872greg. Popel presentou os resultados dunha enquisa de actitudes entre o clero greco-católico, afirmando que 75 de 262 sacerdotes estaban en contra dos cambios na liturxia, e que outros 45 deberían ser tratados como incertos. En outubro do mesmo ano, había 47 persoas na lista de cregos "incertos e imprudentes" da gobernación de Lublin.[15] O administrador da diocese de Chełm consultou outras accións en xaneiro de 1873 cos gobernadores de Lublin e Siedlce. Decidiuse entón introducir nas parroquias greco-católicas, nun prazo de tres meses, a liturxia totalmente baseada en modelos rusos (o chamado rito sinodal).[15]

En outubro de 1873, nunha circular especial, Popel ordenou a eliminación das campás, as custodias, os confesionarios, e os altares laterais, así como a introdución do iconostasio, a renuncia a mencionar ao papa, e a distribución da comuñón só estando de pé.[17] Para as parroquias greco-católicas trouxo tamén libros litúrxicos ortodoxos impresos en San Petersburgo.[8] Tamén eliminou a memoria de Xosafat Kuntsevych e a festa do Corpus Christi das festividades celebradas na diocese, e todos os edificios da igrexa foron reconstruídos no estilo típico da arquitectura relixiosa rusa.[15] Por mor da resistencia da poboación a estas actividades, realizáronse co apoio das tropas tsaristas (en 29 das 266 parroquias da diocese producíronse fortes protestas).[18] Os greco-católicos contrarios aos cambios foron reprimidos, encarcerados e enviados a Siberia. En 1874, houbo dous casos de agresión por parte das tropas rusas contra igrexas greco-católicas, con vítimas mortais, en Pratulin e Drelów.[19] Durante o exercicio de Popel como administrador da diocese, 74 cregos greco-católicos foron exiliados ou encerrados, e outros 66 fuxiron do territorio de Chełm a Galicia.[2]

Malia ser oficialmente greco-católico, nos seus sermóns e conferencias no seminario, Popel predicou e ensinou teoloxía ortodoxa.[8] O 13 de maio de 1874 o papa Pío IX condenou as actividades de Popel na encíclica Omnem sollicitudinem;[20] describiu os cambios litúrxicos como inválidos, e referiuse a Popel como "o desafortunado pseudoadministrador”.[21].

Os asinantes da acta do clero da catedral de Chełm. Popel é visible na imaxe maior, no centro do grupo.

En febreiro de 1875, Popel, xunto con outros sacerdotes da catedral greco-católica de Chełm, enviou unha carta ao tsar Alexandre II coa solicitude de que se lles permitira converterse á ortodoxia.[22] Esta carta, co título de "Acta do clero catedralicio de Chełm" foi remitida ao monarca o 25 de marzoxul./ 6 de abril de 1875greg. por unha delegación da que tamén formaba parte o administrador da diocese. A aprobación da acta e a seguinte decisión do Santo Sínodo Reitor do 11 de maioxul./ 23 de maio de 1875greg. supuxo a liquidación da eparquía de Chełm e a incorporación das súas institucións á Igrexa ortodoxa rusa.[23]

Bispo de Lublin

[editar | editar a fonte]

Pola súa participación na liquidación da eparquía de Chełm, Popel recibiu a Orde de Santa Ana, 1ª clase.[22] Por outra parte, o 8 de xuño de 1875 na catedral de santo Isaac de San Petersburgo foi ordenado bispo de Lublin, vigairo da eparquía de Chełm-Varsovia.[1] Non foi obrigado a facer votos monárquicos antes da súa consagración episcopal, o que foi un acontecemento único na historia da Igrexa ortodoxa rusa. Ademais, en virtude de instrucións especiais do goberno do 2 de febreiro de 1876, o seu nome debía ser mencionado nas parroquias antes greco-católicas, en lugar do ordinario da eparquía de Chełm-Varsovia, e ía exercer un control directo sobre elas.[24] Estes poderes especiais foron tamén exercidos polo seguinte bispo de Lublin, que tiña Chełm como sé.[25] Markell Popel, como bispo, rodeouse de clero galiciano; inicialmente contou co apoio do sobreprocurador do Santo Sínodo Gobernante Konstantin Pobedonostsev e do ministro de educación Dmitrii Tolstoi.[24]

Logo da súa consagración como bispo, porén, Markell Popel entrou en conflito co ordinario da eparquía de Chełm-Varsovia, o arcebispo Ioannikii Gorskii, quen tiña unha actitude negativa cara ao clero de orixe galiciana. O arcebispo tamén consideraba a Popel como un home indigno do episcopado por mor do seu estilo de vida inmoral. O conflito finalizou co traslado do arcebispo Gorskii á sé de Khersón e Odesa, probablemente decidido polos devanditos protectores dos galicianos.[24] Porén, o seguinte arcebispo de Chełm e Varsovia, Leontii Lebedinskii, tamén era reticente aos sacerdotes galicianos; opinaba que a actividade de promoción da ortodoxia na rexión de Chełm debía ser encomendada ao clero local. Grazas aos seus esforzos, Markell Popel foi nomeado bispo de Podolia, deixando a rexión de Chełm.[24] A actividade de Popel como bispo foi tamén avalidada negativamente polo Santo Sínodo Gobernante, incluíndo ao seu antigo protector Pobedonostsev.[26] Logo da súa marcha, a até entón influínte contorna do clero galiciano perdeu a súa posición.[24]

Bispo de Podolia

[editar | editar a fonte]

O 10 de decembro de 1878 o Santo Sínodo Gobernante nomeou a Markell Popel bispo de Podolia e Bratslav. Nesta eparquía, a xerarquía coidaba especialmente o nivel do canto litúrxico, ordenando que nas parroquias se crearan coros integrados polos estudantes das escolas parroquiais. Popel premiou a aqueles máis implicados en aumentar o nivel do canto.[1] Tamén implicouse nos sermóns que se predicaban nas igrexas, procurando que foran entendibles por todos os oíntes; ordenou que se nomearan predicadores permanentes, e que todos os sacerdotes predicaran en domingos e festivos, predicando de memoria e gardando unha lista dos predicadores para que o bispo puidera revisala. O mesmo Popel predicou con asiduidade, e publicou arredor de 60 homilías no xornal diocesano.[1]

Bispo de Polack

[editar | editar a fonte]

O 6 de marzo de 1882, Markell Popel foi trasladado á sé de Polack. Nesta eparquía, ocupouse principalmente da organización de escolas parroquiais, creando 172 destas.[1] Como no caso de Podolia, tamén se preocupou pola creación de coros parroquiais de calidade, e da construción de novas igrexas.[1] En 1887 fundou en Viciebsk a irmandade de San Vladimiro.[3]

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

En 1889 Popel deixou de ser bispo de Polack e retirouse.[3] Ao mesmo tempo, porén, foi incluído como membro do Santo Sínodo Gobernante da Igrexa ortodoxa rusa, participando nos seus traballos até o seu pasamento.[1] O 16 de marzo de 1903 foi elixido membro de honra da Sociedade Benéfica Galiciano-Rusa.[27]

Finou en 1903 en San Petersburgo, e foi enterrado na igrexa de Santo Isidoro, no complexo do mosteiro de Santo Alexandre Nevski. En 1932 os seus restos foron trasladados ao cemiterio de San Nicolao.[1]

Antes de 1850 casou con Klementyna Ełowiecka (finada en 1864),[1][3] coa que tivo dous fillos. Un deles, Zinovii (1850-1889), foi ordenado sacerdote en 1873 e serviu nos anos seguintes na catedral da Natividade da Nosa Señora en Chełm e foi profesor no seminario teolóxico de Chełm.[28] O segundo fillo, Iuliian, tamén se converteu nun sacerdote ortodoxo, obtivo a dignidade de protopresbítero e até a primeira guerra mundial serviu como pastor na igrexa de Santo Isidoro en Pławanice; finou de cólera nun hospital de campaña en Malaryta durante a evacuación a Rusia en 1915 (bezhenstvo).[29]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 "Маркелл (Попель)". Русское Православие (ortho-rus.ru) (en ruso). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 27/05/2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Wójtowicz-Huber, B. (2008). „Ojcowie narodu”. Duchowieństwo greckokatolickie w ruchu narodowym Rusinów galicyjskich (1867-1918). Varsovia: Universidade de Varsovia. p. 104. ISBN 9788323503835. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Dmitruk, Stefan. "1821 XII 31 Urodził się bp Marceli (Popiel)". Prawosławna Diecezja Lubelsko-Chełmska [Diocese ortodoxa de Lublin-Chełm] (lublin.cerkiew.pl) (en polaco). Consultado o 27 de maio de 2022. 
  4. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 146. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  5. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 121. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  6. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 132. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  7. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. pp. 127–128. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 8,8 Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 226. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  9. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 131. ISBN 978-83-227-2672-3. ideowych poszukiwaczy czystości obrządku wschodniego, którzy aczkolwiek deklarowali wierność i posłuszeństwo papieżowi, w miarę zgłębiania arkanów wschodniej tożsamości cerkiewnej dochodzi do przekonania o ułomności unii i po kryjomu zmierzali ku apostazji 
  10. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. pp. 208–209. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  11. Kołbuk, W. (1992). Duchowieństwo unickie w Królestwie Polskim 1835-1875. Lublin: Towarzystwo Naukowe Katolickiego Uniwersytetu Lubelskiego. p. 104. ISBN 83-85291-09-1. 
  12. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 375. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Lewandowski, J. (1996). Na pograniczu. Polityka władz państwowych wobec unitów Podlasia i Chełmszczyzny 1772-1875. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 99-102. ISBN 83-227-0898-X. 
  14. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 224. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 Lewandowski, J. (1996). Na pograniczu. Polityka władz państwowych wobec unitów Podlasia i Chełmszczyzny 1772-1875. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. pp. 112–115. ISBN 83-227-0898-X. 
  16. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 219. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  17. 17,0 17,1 Kołbuk, W. (1992). Duchowieństwo unickie w Królestwie Polskim. Lublin: Towarzystwo Naukowe Katolickiego Uniwersytetu Lubelskiego. pp. 100–101. ISBN 83-85291-09-1. 
  18. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 358. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  19. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 227. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  20. Osadczy, W. (2007). = Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 231. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  21. Lewandowski, J. (1996). Na pograniczu. Polityka władz państwowych wobec unitów Podlasia i Chełmszczyzny 1772-1875. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 116. ISBN 83-227-0898-X. 
  22. 22,0 22,1 Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 229. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  23. Lewandowski, J. (1996). Na pograniczu. Polityka władz państwowych wobec unitów Podlasia i Chełmszczyzny 1772-1875. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. pp. 118–119. ISBN 83-227-0898-X. 
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. pp. 232–233. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  25. Latawiec, K. (2007). W służbie imperium... Struktura społeczno-zawodowa ludności rosyjskiej na terenie guberni lubelskiej w latach 1864-1915. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 226. ISBN 978-83-227-2698-3. 
  26. Wierzchowski, M. (1957). "Sprawa Chełmszczyzny w rosyjskiej Dumie Państwowej". Przegląd Historyczny (Varsovia) LVII: 98. 
  27. Osadczy, W. (2007). Święta Ruś. Rozwój i oddziaływanie idei prawosławia w Galicji. Lublin: Wydawnictwo Uniwersytetu Marii Curie-Skłodowskiej. p. 523. ISBN 978-83-227-2672-3. 
  28. Latawiec, K. "Duchowieństwo soboru prawosławnego w Chełmie w latach 1875–1905". Rocznik Chełmski XI: 60–61. 
  29. "Холмська Церковная Жизнь" (2 (24)). 1916: 35.