Martin Buber
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2014.) |
Martin Buber, nado en Viena en 1878 e finado en Xerusalén en 1965, foi un filósofo e escritor xudeu.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Pasou boa parte da infancia co seu avó, un erudito na tradición e literatura xudía, en Lviv (Ucraína), tras unha crise relixiosa comezou a ler a Kant e Nietzsche. En 1896 marchou a estudar a Viena e en 1898 uniuse ao movemento sionista. En 1902 converteuse no editor do semanario Die Welt, o órgano oficial do sionismo e a partir de 1903 comezou a interesarse polo hasidismo. O ano seguinte, Buber deixou o traballo na organización sionista para se dedicar a estudar e escribir.
En 1906 publicou Die Geschichten des Rabbi Nachman, unha colección dos contos do rabino hasidí Nachman de Breslau, pero interpretados e reescritos para unha especie de neohasidismo. En 1908 publicou Die Legende des Baalschem, historias Baal Shem Tov, o fundador do hasidismo.
Entre 1910 e 1914 Buber estudou mitos e publicou edicións de textos míticos. Durante a primeira guerra mundial axudou a establecer a Comisión Nacional Xudía para mellorar as condicións dos xudeus de Europa oriental, e foi o editor da revista Der Jude ata 1924. En 1922 Buber e Franz Rosenzweig abriron a Freies Jüdisches Lehrhaus.
En 1923 escribiu a súa obra máis coñecida Ich und Du (Eu e máis ti), e en 1925 con Rosenzweig comezou a traducir a Biblia hebrea ao alemán.
En 1930 Buber converteuse en profesor honorario da Universidade de Frankfurt, pero á chegada dos nazis ao poder prohibíronlle dar leccións nela. En resposta á prohibición para os xudeus de acudir á educación pública fundou a Oficina central para a educación dos xudeus adultos.
En 1938 deixou Alemaña e asentouse en Xerusalén, onde entrou na Universidade Hebrea de Xerusalén e participou na discusión dos problemas dos xudeus en Palestina e na cuestión árabe. Militou no grupo moderado Ichud, que reclamaba un estado binacional para árabes e xudeus en Palestina.
En 1963 foi galardoado co Premio Erasmus.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fundación Praemium Erasmianum (ed.). "Former Laureates - Praemium Erasmianum". Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2019. Consultado o 9 de novembro de 2015.