Saltar ao contido

Medio dólar Old Spanish Trail

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar Old Spanish Trail [1]
A/: Cabeza dunha vaca vista de fronte.

Lendas: · UNITED · STATES · OF · AMERICA · / E PLURIBUS UNUM / LIBERTY / ALVAR NUÑEZ CABEZA DE VACA / HALF DOLLAR.

R/: Sección sueste do mapa dos EEUU co Old Spanish Trail marcado. Superposta unha mandioca en flor. Marca de deseñador (L.W.H)

Lendas: OLD · SPANISH · TRAIL / EL PASO / IN GOD WE TRUST / 1535▾1935

O medio dólar Old Spanish Trail (en galego: "Vello Camiño Español") é unha moeda de prata conmemorativa emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada en 1935 na Ceca de Filadelfia, que rememora esta antiga ruta polo sur dos EEUU. A moeda foi deseñada polo comerciante numismático L. W. Hoffecker, quen tamén se encargou da súa distribución.[2][3][4]

En 1930, o presidente Herbert Hoover vetou o proxecto dunha moeda de medio dólar dedicada á Compra de Gadsden. Hoffecker fora o impulsor daquela iniciativa e, ante a negativa, procurou outra proposta de moeda conmemorativa cuxa comercialización puidese controlar, e elixiu as viaxes do conquistador español Álvar Núñez Cabeza de Vaca a principios do século XVI, das que se celebraba o seu cuarto centenario.

Hoffecker cometeu imprecisións tanto coa cronoloxía das viaxes de Cabeza de Vaca como coa súa localización; por exemplo, aínda que a cidade natal de Hoffecker, El Paso, Texas, aparece sinalada na moeda, Cabeza de Vaca non se achegou a ela. Malia isto, o Congreso aprobou sen oposición o proxecto de lei da moeda conmemorativa do Vello Camiño Español, e o presidente Franklin D. Roosevelt converteuno en lei coa súa sinatura.

Logo de cuñadas as moedas, Hoffecker comproullas ao Goberno e púxoas á venda para os coleccionistas, aparentemente en nome do museo local, mais en realidade para o seu beneficio persoal, algo que negou máis tarde nun testemuño ante o Congreso. A revista The Numismatist —órgano da American Numismatic Association (ANA)— non publicou críticas sobre a distribución, e Hoffecker chegou á presidencia da ANA en 1939.

O deseño de Hoffecker para a moeda, coa cabeza dunha vaca no anverso, suscitou opinións encontradas entre os comentaristas numismáticos. O feito de que só se cuñase unha tiraxe de 10.000 fixo que esta moeda fose moi apreciada polos coleccionistas das moedas conmemorativas dos Estados Unidos.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
Mapa do Vello Camiño Español, de Florida a California.

O explorador español Álvar Núñez Cabeza de Vaca comandaba unha expedición que desembarcou nos arredores da baía de Tampa en 1528. As súas buscas de tesouros foran recibidas con hostilidade polos nativos americanos da zona, e Cabeza de Vaca acabou abandonado alí. Dirixiu entón cara ao oeste a súa expedición en pequenas embarcacións ao longo da costa, e finalmente chegou á illa de Galveston, onde viviu coa tribo Karankawa como curandeiro antes de continuar cara ao oeste por terra. En 1536 achou unha patrulla española no norte de México. Regresou a España e escribiu sobre as súas experiencias.[5] Cabeza de Vaca fora o nome que o rei de España lle dera a un antepasado de Álvar Núñez pola súa axuda para guiar o exército a través das montañas —por un camiño marcado con cranios de gando—, o que permitiu atacar os mouros pola retagarda e derrotalos.[6]

Na década de 1930 emitíronse 50 moedas de medio dólar de prata conmemorativas de feitos ou personaxes históricos dos Estados Unidos. Estas moedas non eran vendidas polo Goberno, senón que o Congreso, ao autorizar o marco legal da emisión, adoitaba atribuírlle a unha organización o dereito exclusivo de adquirilas ao seu valor nominal e vendelas ao público cun sobreprezo.[7] No caso do medio dólar Old Spanish Trail, o grupo responsable foi o Museo de El Paso.[8]

Lyman William Hoffecker, deseñador e comercializador da moeda.[9]

Lyman William Hoffecker era un comerciante de moedas de El Paso, Texas, e membro da American Numismatic Association.[10][11] En 1929, organizou a Comisión da Compra de Gadsden —basicamente constituída por el mesmo—, co fin de lograr unha emisión de moedas conmemorativas do 75 aniversario da adquisición a México da zona de La Mesilla, negociada por James Gadsden. En 1930 aprobouse en ambas as cámaras do Congreso un proxecto de lei que podería ter dado lugar á súa autorización, mais foi vetado polo presidente Herbert Hoover, que consideraba abusiva a cantidade de moedas conmemorativas que se estaban a emitir. Sen desanimarse por iso, en 1935, logo de que Hoover deixara o cargo, Hoffecker fixo un segundo intento para unha emisión de moedas conmemorativas, esta vez en aproveitando o 400 aniversario do Vello Camiño Español, e para se asegurar a súa comercialización fíxose presidente do Comité de Moedas do Museo de El Paso, como entidade que se encargaría da súa distribución. Desta volta, desprazouse a Washington durante tres semanas e mantivo conversas con varios lexisladores, e mesmo se lle concedeu unha entrevista de cinco minutos co presidente Franklin D. Roosevelt que, segundo Hoffecker, resultou determinante.[12] Máis tarde, Hoffecker testificou ante o Congreso que se lle pedira que se encargase dos preparativos do medio dólar Old Spanish Trail por ser o único coleccionista de moedas de El Paso, algo que o historiador numismático Q. David Bowers, no seu volume sobre moedas conmemorativas, cualificou de mentira, xa que Hoffecker se refire noutras partes da súa correspondencia a coleccionistas locais que compraron algunhas das moedas.[13]

Proceso lexislativo

[editar | editar a fonte]
Ewing Thomason, representante demócrata por Texas e alcalde de El Paso, introduciu no Congreso o proxecto de lei para a creación da moeda.

R. Ewing Thomason, de Texas, presentou o 4 de marzo de 1935 na Cámara de Representantes o proxecto de lei H.R. 6372 para a creación do medio dólar conmemorativo do Vello Camiño Español. O proxecto de lei foi remitido á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, que celebrou unha sesión na que Thomason interveu para explicar a historia de Texas, e asegurou que o proxecto de lei non suporía ningún gasto para o Goberno. O 2 de abril, John J. Cochran, de Missouri, presentou o proxecto de lei na Cámara en nome da Comisión, e recomendou a súa aprobación.[14][15] O 3 de abril, Cochran presentou ante a Cámara, como medidas de emerxencia, dous proxectos de lei de moedas conmemorativas, entre os que estaba o da peza do Vello Camiño Español. Explicou aos membros que dubidaban dese carácter de "urxente" que a cuñaxe de medios dólares resultaba necesaria para as celebracións programadas para aquel verán, e que os proxectos se atrasaran por mor da doenza do presidente do comité. Charles D. Millard, de Nova York, preguntou se se consultaran os membros minoritarios (republicanos) da Comisión, e Cochran aseguroulle que así era, e que estaban a favor do proxecto. William D. McFarlane, de Texas, preguntou cal sería o gasto para o Goberno federal, ao que Cochran respondeu: "non lle ha custa ao Goberno nin cinco centavos".[16] O proxecto de lei foi aprobado sen que se rexistrasen obxeccións, tras o cal Cochran conseguiu que se aprobase inicialmente a creación do medio dólar do Sesquicentenario de Hudson, Nova York.[17]

O senador demócrata por Florida Duncan U. Fletcher defendeu no Senado o proxecto de lei para a creación da moeda.[18]

No Senado, o proxecto de Lei do Vello Camiño Español foi remitido á Comisión de Banca e Moeda. O 23 de maio, Duncan U. Fletcher, de Florida, emitiu un informe no que recomendaba a aprobación do proxecto sen emendas.[14] O 28 de maio, cando o proxecto se presentou no Senado, William Henry King, de Utah, preguntou se o proxecto contaba co apoio do Departamento do Tesouro, pero Fletcher non o sabía, xa que se trataba dun proxecto da Cámara de Representantes, cuxa Comisión o aprobara, do mesmo xeito que outros proxectos similares para exposicións e outras celebracións. O líder da maioría, Joseph Taylor Robinson, de Arcansas, insistiu en que non suporía ningún gasto para o Goberno; Fletcher amosouse conforme e afirmou que mesmo se gañaría algo de diñeiro coa señoriaxe. O proxecto de lei aprobouse sen máis debate,[19] cunha autorización de 10.000 moedas de medio dólar, e foi promulgado coa sinatura do presidente Roosevelt.[14][20]

Segundo a Numismatic Guaranty Corporation, "reescribindo a historia para satisfacer os seus propios fins, Hoffecker afirmou que El Paso era o final do Vello Camiño Español, percorrido polo explorador español Álvar Núñez Cabeza de Vaca, e os restos dunha expedición española de 1527. En realidade non era así, pero ao parecer iso non molestou o Congreso, xa que o 5 de xuño de 1935 se aprobou un proxecto de lei que autorizaba un máximo de 10.000 medios dólares conmemorativos do Camiño".[21]

Preparación

[editar | editar a fonte]

Hoffecker proporcionou esbozos para o deseño do medio dólar Old Spanish Trail e enviounos á US Mint para a súa aprobación. O 27 de xuño, a directora da Casa da Moeda dos EEUU, Nellie Tayloe Ross, remitiunos á Comisión de Belas Artes para os someter ao seu ditame, e sinalou que a posición das iniciais de Hoffecker, inicialmente entre as datas do aniversario, era obxectable. A Comisión enviou os esbozos a un dos seus membros, o escultor Lee Lawrie, para a súa aprobación, e este pensou que sería unha boa moeda se se modelaba adecuadamente. Nos esbozos faltaba a palabra LIBERTY, algo que Ross tamén sinalara. Lawrie considerou que debía incluírse e suxeriu que se inserise entre os cornos da vaca, como así se fixo. Lawrie tamén recomendou que as iniciais de Hoffecker fosen menos rechamantes. A Comisión en pleno aprobou os deseños, coa condición de que se tivesen en conta as críticas de Lawrie.[22]

Daquela, contratouse a Edmund J. Senn, de El Paso, para que fixese os modelos de xeso necesarios baseándose nos deseños e nos requisitos da Comisión de Belas Artes.[3][23] Edmund, que daquela estaba desocupado, púxose a traballar nos modelos no garaxe de Hoffecker, que o supervisaba.[24] Cando os modelos estiveron listos, enviáronse á Comisión de Belas Artes, á que non lle gustou o aspecto da cabeza da vaca, polo que esixiu que se modificase. Tamén cuestionou a colocación da palabra LIBERTY nunha cinta, como se fose un lema, cousa que non era.[25] Senn revisou os seus modelos, aínda que os cambios realizados na cabeza foron moi lixeiros.[26]

A cabeza dunha vaca foi un motivo recorrente xa nas moedas da antigüidade, como este dracma de ca. 400-300 a. C.

No anverso da moeda represéntase exclusivamente a cabeza dunha vaca, a modo de xeroglífico para indicar o apelido de Cabeza de Vaca, de quen non se puido achar retrato de época ningún. O resto do anverso está ocupado polas lendas e a indicación do valor facial, HALF DOLLAR.[1] Arlie Slabaugh, no seu volume sobre moedas conmemorativas estadounidenses, considerou este anverso "pouco ortodoxo", pero que "fai o que se pretendía: conta a historia e logo detense, deixando un deseño xeralmente agradable e despexado".[6]

Debuxo dunha mandioca en flor, por Rabel, Daniel (1624).[27]

O reverso, pola súa banda, amosa unha mandioca en flor, superposta a un mapa dos cinco estados do golfo de México, cunha liña que describe a ruta seguida por Cabeza de Vaca, desde Florida ata El Paso; este último é o único topónimo que aparece na moeda.[1][6] Hoffecker, ao lle presentar o deseño á Casa da Moeda, declarou que esperaba que non houbese obxeccións a que se nomease El Paso, xa que existía un precedente.[28] Ao longo da ruta hai puntos que representan St. Augustine, Jacksonville, Tallahassee, Mobile, Nova Orleáns, Galveston e San Antonio, o cal non se axusta á realidade da expedición, xa que Cabeza de Vaca viaxou ao longo da costa do Golfo na súa maior parte en barco, e non por terra.[11] Segundo o numismático Dan Brothers, no seu artigo de 2014 sobre Hoffecker, "o Vello Camiño Español verdadeiro, porén, seguiu unha ruta completamente diferente á ruta tomada por Cabeza de Vaca".[29] Hoffecker tomou aínda máis liberdades, xa que o ano 1535, que aparece na moeda, non era unha data significativa nas viaxes de Cabeza de Vaca.[5]

Na versión definitiva do reverso, as iniciais de Hoffecker quedaron situadas na parte inferior dereita, á dereita e encima do ano 1935.[1]

Anthony Swiatek, no seu traballo de 2012 sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, describe a emisión do medio dólar do Vello Camiño Español como "fermosa e moi popular".[30] Bowers sinalou que foi "popular entre os coleccionistas desde o principio, e este entusiasmo chegou ata os nosos días".[31]

Pola súa banda, para o historiador da arte Cornelius Vermeule, a moeda de medio dólar Old Spanish Trail "pode considerarse con seguridade a moeda conmemorativa máis fea xamais producida por unha ceca estadounidense. É posible que sexa a máis forte competidora polo título de moeda estadounidense menos atractiva xamais fabricada baixo auspicios oficiais entre 1793 e o presente".[32] Vermeule ridiculizou a cabeza de vaca, dicindo que usala para representar o explorador español era como pór un campo de rosas na moeda de 10 centavos Roosevelt para representar o presidente Franklin Roosevelt. Vermeule fíxose eco do eloxio de Slabaugh de que o anverso contaba unha historia e logo se detiña, e declarou: "a cuestión é se paga a pena contar a historia nun medio dólar dos Estados Unidos".[33]

Produción e distribución

[editar | editar a fonte]

Na edición de xuño de 1935 de The Numismatist, Hoffecker publicou unha nota na que afirmaba que el, como xefe do Comité do Museo, vendería os medios dólares do Vello Camiño Español a dous dólares cada un, mais os gastos de envío. Afirmou que só se emitirían 10.000 e que desexaba "que todos os coleccionistas obteñan uns cantos, e non permitiremos que ningún especulador os reteña".[34] Publicou un anuncio no número do mes seguinte —e tamén noutras revistas— no que afirmaba que estaba listo para aceptar pedidos e que esperaba que as moedas estivesen dispoñibles na Casa da Moeda en 60 días.[35][36]

En palabras de Q. David Bowers:[37]

Non hai motivo ningún en particular polo que el [Hoffecker] nin ningunha outra persoa debesen vender conmemorativas por razóns puramente altruístas. Aínda que [os comerciantes de moedas] Wayte Raymond, Stack's, B. Max Mehl e outros actuaron como distribuidores e, xa que logo, non foron o foco de moitas queixas, Hoffecker ideou o plan, igual que C. Frank Dunn fixo cos Boones [as moedas de medio dólar do bicentenario de Daniel Boone], e o feito de que non fose reprendido pola comunidade numismática é un testemuño do seu hábil sentido da política e das relacións públicas.

En setembro, a Ceca de Filadelfia cuñou 10.000 exemplares deste medio dólar, mais oito exemplares adicionais para a súa inspección e comprobación na reunión anual de 1936 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[3][23]

Hoffecker declarou máis tarde nunha carta a outro comerciante que el pagou as moedas para se facer propietario e logo vendeunas, e que as dúas únicas que recibiu o Museo de El Paso foron regalos seus. En consecuencia, os beneficios teríanlle correspondido a el. Cando testemuñou ante o Congreso en marzo de 1936, negou ter un interese de propiedade cara a elas. Bowers, cuxa empresa conserva os papeis de Hoffecker, declarou crer que a maioría das moedas foron distribuídas por el a coleccionistas e outras persoas interesadas, e que evitou vendelas a especuladores. Quedou cunha cantidade para el, aínda que tamén o negou publicamente. En 1953 escribiulle a outro comerciante que aínda seguía a vender os medios dólares, uns poucos ao mes. Cando se venderon as moedas da herdanza de Hoffecker en 1967, sacouse a poxa un grupo de 63 moedas de medio dólar Old Spanish Trail.[38] Os numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen escribiron a este respecto que "a Hoffecker non se lle atribuíu ningún escándalo".[23]

Así as cousas, Hoffecker mantivo satisfeita a comunidade numismática na distribución da emisión. Se houbo discrepantes, as queixas non chegaron a ser publicadas en The Numismatist. En 1936, Hoffecker foi tamén o distribuidor do medio dólar do Centenario de Elgin, Illinois,[39] e en 1939 foi elixido presidente da American Numismatic Association.[10][40]

Coleccionismo

[editar | editar a fonte]

A baixa tiraxe da emisión fixo que esta resultase desexable para os coleccionistas que procuran reunir un xogo completo de todos os modelos de moedas conmemorativas. O medio dólar Old Spanish Trail vendíase no comercio retallista por uns catro dólares en 1940, en condición "sen circular". A partir de entón comezou a incrementar notablemente o seu valor, e en 1955 xa se vendía na mesma condición por uns 38 dólares, e en 1975 chegou aos 510 dólares.[41] A edición de luxo de A Guide Book of United States Coins, de R. S. Yeoman, publicada en 2018, valora a moeda entre 1.050 e 1.450 dólares, en función do seu estado de conservación.[42] No entanto, un exemplar nunhas condicións excepcionais acadou os 25.300 dólares nunha poxa numismática en 2005.[43]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "½ Dollar Old Spanish Trail". Numista.com
  2. "Old Spanish Trail Half Dollar". United states Mint.
  3. 3,0 3,1 3,2 "1935 Old Spanish Trail Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  4. "1935 Old Spanish Trail Half Dollar". American Numismatic Association.
  5. 5,0 5,1 Flynn, K. (2008). Páxina 172.
  6. 6,0 6,1 6,2 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 106.
  7. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
  8. Flynn, K. (2008). Páxina 353.
  9. The Numismatist. Novembro de 1939. Páxina 940.
  10. 10,0 10,1 Smith, P. (2012). "Hoffecker, Lyman William". En American Numismatic Biographies. Páxina 208.
  11. 11,0 11,1 Swiatek, A. (2012). Páxina 255.
  12. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 301-302.
  13. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 306.
  14. 14,0 14,1 14,2 "Provision Made for New Commemoratives". En Hobbies. Vol. 40. Nº 5. Xullo, 1935. Lightner Publishing, Chicago. Páxinas 79-80.
  15. "Coinage of 50-cent pieces in commemoration of the Cabeza de Vaca Expedition and opening of the Old Spanish Trail". United States. Congress. House. Committee on Coinage, Weights, and Measures. 1935.
  16. Congressional Record. Vol. 79. Páxina 4.951. 3 de abril de 1935.
  17. Congressional Record. Vol. 79. Páxina 4.952. 3 de abril de 1935.
  18. "Duncan U. Fletcher". Library of the Congress.
  19. Congressional Record, Vol. 79, Page 8.318. 28 de maio de 1935.
  20. "Old Spanish Trail Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
  21. "1935 Spanish Trail 50C". Numismatic Guaranty Company.
  22. Taxay, D. (1967). Páxinas 175-176.
  23. 23,0 23,1 23,2 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 180.
  24. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 304.
  25. Taxay, D. (1967). Páxina 176.
  26. Taxay, D. (1967). Páxina 178.
  27. Rabel, Daniel (1624). Recueil de fleurs et d'insectes dessinés et peints sur vélin. Lámina 88.
  28. Flynn, K. (2008). Páxina 171.
  29. Brothers, D. (2014). Páxina 65.
  30. Swiatek, A. (2012). Páxina 258.
  31. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 310.
  32. Vermeule, C. (1971). Páxina 191.
  33. Vermeule, C. (1971). Páxina 192.
  34. Hoffecker, L. W. (1935). "The Old Spanish Trail Half Dollar". En The Numismatist. Vol. 48. Nº 6. Xuño. Páxina 375.
  35. Hoffecker, L. W. (1935). "The Old Spanish Trail Half Dollar" (anuncio). En The Numismatist. Vol. 48. Nº 7. Xullo. Páxina 479.
  36. "Provision Made for New Commemoratives". En Hobbies. Vol. 40. Nº 5. Xullo, 1935. Lightner Publishing, Chicago. Páxina 77.
  37. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 301.
  38. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 305-309.
  39. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 305.
  40. "ANA Presidents 1891 to the Present". American Numismatic Association.
  41. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 310-311.
  42. Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.080.
  43. Flynn, K. (2008). Páxina 173.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]