Medio dólar da Batalla de Antietam
Medio dólar da Batalla de Antietam [1][2][3] | |
---|---|
![]() |
![]() |
A/: Bustos acaroados dos xenerais Robert E. Lee e George B. McClellan. Marca do deseñador (MWS).
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / IN GOD WE TRUST / GEN GEORGE B MC CLELLAN / GEN ROBERT E LEE / HALF DOLLAR |
R/: A ponte Burnside, obxectivo táctico na batalla. Data
Lendas: SEVENTY FIFTH ANNIVERSARY BATTLE OF ANTIETAM / E PLURIBUS UNUM / THE BRNSIDE BRIDGE / SEPTEMBER 171862 / 1937. |
|
O Medio dólar da Batalla de Antietam é unha moeda estadounidense de prata con ese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia con data de 1937. A moeda foi emitida en conmemoración do 75º aniversario da batalla de Antietam, na guerra civil estadounidense.[1][2][3]
Antecedentes e contexto
[editar | editar a fonte]O feito conmemorado
[editar | editar a fonte]A batalla de Antietam librouse preto de Sharpsburg, Maryland, ao sur de Hagerstown, o 17 de setembro de 1862, e é recoñecida como a batalla dun día con máis vítimas da guerra civil estadounidense, xa que custou a vida de aproximadamente 25.000 soldados da Unión e da Confederación. No bando confederado estaba o famoso xeneral Robert E. Lee e o seu Exército de Virxinia do Norte; fronte a el estaba o xeneral George B. McClellan, co seu Exército do Potomac.[4] Tratábase, xa que logo, dunha batalla entre o mestre e o seu alumno, xa que o xeneral McClellan se formara na academia militar de West Point, co xeneral Lee como instrutor.[5]

A idea da emisión conmemorativa
[editar | editar a fonte]O gran interese histórico destes feitos para a historia dos Estados Unidos motivou o desexo dalgunhas entidades de promover a emisión dunha moeda conmemorativa da efeméride, como xa estaba a suceder con outras conmemoracións. Na década de 1930, as moedas conmemorativas non eran distribuídas polo Goberno estadounidense, senón que o Congreso, ao aprobar a lexislación que autorizaba cada moeda, designaba unha organización sen ánimo de lucro á que lle outorgaba o dereito exclusivo de as adquirir ao seu valor nominal e logo revendelas á poboación cunha prima, supondo así unha fonte de financiamento para celebracións e eventos diversas.[6]
Neste caso, foron dúas as entidades promotoras da emisión da moeda: a Washington County Historical Society, de Hagerstown, Maryland, e a Antietam Celebration Commission. Ambas solicitáronlle formalmente ao Goberno federal a emisión dunha moeda conmemorativa do 75º aniversario da batalla de Antietam.[7]
Inicio
[editar | editar a fonte]Logo da solicitude e da tramitación tanto na Cámara de Representantes como no Senado, o Congreso dos Estados Unidos aprobou o 24 de xuño de 1937 o correspondente proxecto de lei, que logo da súa sinatura polo presidente Franklin D. Roosevelt se converteu na Lei pública número 160, pola que se aprobaba a emisión da moeda. Esta lei especificaba que non se producirían máis de 50.000 exemplares dunha moeda de 50 centavos de prata, cun único deseño e nunha soa casa de moeda, e que estes se entregarían logo da solicitude á Washington County Historical Society de Hagerstown, Maryland.[7][8]
Na circular informativa oficial que daba conta da próxima emisión da moeda, explicábanse así a oportunidade e os termos da emisión:[5]
“ | Por mor da idoneidade desta emisión, a sona mundial do xeneral Lee e o lugar de honra que o xeneral McClellan sempre ocupará na nosa historia nacional, o obxectivo da axencia patrocinadora é que estas moedas pasen directamente ás mans de cidadáns interesados e coleccionistas privados, evitando así a posibilidade de especulación. Adiántase que as moedas estarán cuñadas e listas para a súa distribución o 1 de agosto de 1937 ou antes, e debido á demanda xa evidenciada suxírese que envíe o seu pedido sen demora. | ” |
Deseño e produción
[editar | editar a fonte]
As entidades promotoras da emisión encomendáronlle o seu deseño ao escultor de Baltimore William Marks Simpson,[4] que xa tiña a experiencia do deseño do medio dólar conmemorativo do Bicentenario de Norfolk (1936) e o dos 350 anos da colonia de Roanoke (1937). Sobre os modelos presentados por Simpson, a Medallic Art Company, de Nova York, encargouse do posterior gravado dos cuños.[9]
O deseño da moeda estaba caracterizado pola presenza dos bustos acaroados dos xenerais George B. McClellan e Robert E. Lee no anverso, ollando cara á esquerda, en tanto que o reverso amosaba unha vista da ponte de Burnside sobre o río Antietam Creek, un afluente do Potomac, o escenario da batalla por ser un obxectivo de carácter estratéxico.[1][2][3][9]

A Casa da Moeda de Filadelfia cuñou en agosto de 1937 as 50.000 moedas autorizadas pola lei, mais outros 28 exemplares que foron conservados para a súa análise —e posterior destrución— pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos na súa reunión anual, en 1938. O primeiro exemplar acuñado entregóuselle persoalmente ao presidente Franklin D. Roosevelt o 12 de agosto de 1937.[4] As moedas foron enviadas á Washington County Historical Society, que as puxo ao dispor dos coleccionistas e dos interesados a un prezo de 1,75 dólares por unidade.[9]
Distribución e coleccionismo
[editar | editar a fonte]As entidades promotoras da emisión e encargadas da súa comercialización fixeron unha intensa campaña publicitaria nas publicacións numismáticas habituais, e parece que a forma maioritaria de venda foi por correo, a partir desta publicidade, e non tanto mediante o comercio local. Mais os esforzos publicitarios non animaban o suficiente a comercialización, que non marchaba conforme o esperado. A finais de 1937, a United States Antietam Celebration Commission e a Washington County Historical Society enviaron un anuncio personalizado aos interesados que tiñan nas súas listaxes de correo, ofrecendo a moeda a un prezo rebaixado de 1,65 dólares,[2] cos gastos de envío incluídos, co seguinte texto:[9]
“ | A súa derradeira oportunidade de conseguir un medio dólar Lee-McClellan. A Conmemoración Nacional de Antietam, logo de alcanzar todos os seus obxectivos, pasou á historia [...] mais a través do medio dólar conmemorativo da Batalla de Antietam, magnificamente deseñado, os seus obxectivos vivirán para sempre nos corazóns daqueles que posúan esta moeda. Están a reterse varios milleiros de exemplares para cubrir pedidos aínda non realizados, en tanto que outros máis alá desta reserva serán devoltos axiña á Casa da Moeda dos Estados Unidos para a súa cancelación. | ” |
En calquera caso, a campaña comercial do medio dólar da Batalla de Antietam non acadou o éxito esperado polas entidades promotoras. Dos 50.000 exemplares emitidos para a súa distribución, estas tiveron que devolver finalmente 32.000 ao departamento do Tesouro para que fosen canceladas e fundidas na Casa da Moeda de Filadelfia. Xa que logo, a tiraxe final desta moeda foi de 18.000 exemplares.[2][4][10]
No mercado do coleccionismo, o valor desta moeda en estados de conservación medios sitúase entre os 500 e os 1.000 euros.[11] Con todo, un espécime nunhas condicións de conservación e de presenza excepcionais acadou os 25.300 dólares nunha poxa numismática da compañía Heritage Auctions que tivo lugar en San Luís en 2007.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Battle of Antietam Half Dollar". United States Mint (Usmint.gov).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "1937 Battle of Antietam Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "½ Dollar 75th anniversary of the Battle of Antietam". Numista.com
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Antietam Half Dollar Commemorates Deadliest One-Day Civil War Battle". Coinweek.com. 8 de xuño de 2023.
- ↑ 5,0 5,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 411-412.
- ↑ Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
- ↑ 7,0 7,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 411.
- ↑ "Battle of Antietam Commemorative Coin Legislation". United States Mint (Usmint.gov).
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 412.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxina 413.
- ↑ "1937 50C Antietam (Regular Strike)". Professional Coin Grading Services (PCGS.com).
- ↑ "1937 50C Antietam MS69 NGC". Professional Coin Grading Services (PCGS.com).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Medio dólar da Batalla de Antietam ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bowers, Q. D. (1991). "1937 Antietam Half Dollar". En Commemorative Coins of the United States. A Complete Encyclopedia. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. Páxinas 411-414. ISBN 978-0-943161-35-8
- Flynn, K. (2008). The Authoritative Reference on Commemorative Coins 1892-1954. Kyle Vick, Roswell.
- Slabaugh, A. R. (1975). United States Commemorative Coinage (2ª ed.). Whitman, Racine. ISBN 978-0-307-09377-6
- Swiatek, A. (2012). Encyclopedia of the Commemorative Coins of the United States. KWS, Chicago. ISBN 978-0-9817736-7-4
- Swiatek, A.; Breen, W. (1981). "The Battle of Antietam half dollar". En The Encyclopedia of United States Silver & Gold Commemorative Coins, 1892 to 1954. Arco Pub., Nova York. Páxinas 7-12. ISBN 978-0-668-04765-4
- Taxay, D. (1967). An Illustrated History of U.S. Commemorative Coinage. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-01536-3
- Vermeule, C. (1971). Numismatic Art in America. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-62840-3
- Yeoman, R. S. (2018). A Guide Book of United States Coins ("Mega Red" 4ª ed.). Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-4580-3