Metamorfose (mitoloxía)
Na mitoloxía grega, a metamorfose era un medio habitual dos deuses para interviren na vida dos mortais, pero tamén a causa dunha forte reflexión filosófica sobre a reencarnación e a migración das almas: no libro Timeo de Platón, o primeiro nacemento humano é unha acción do demiúrgo, pero as súas existencias posteriores dependen soamente do comportamento que rexese nas ánimas anteriores: as aves son a reencarnación dos homes sen maldade, os réptiles e vermes son a dos imbéciles e as mulleres a eran dos covardes[Cómpre referencia].
Tres séculos despois reaparece o tema na literatura que chegou aos nosos días: As Metamorfoses de Publio Ovidio Nasón (século I a.C.) son un extenso poema de máis de 12.000 hexámetros e reúnen os relatos de numerosos mitógrafos gregos anteriores nunha colección de lendas etiolóxicas clasificadas cronoloxicamente dende o Caos orixinario ata a época de Augusto, incluíndo tamén a do propio César, metamorfoseado en astro. Nas de Apuleio, do século anterior e tamén chamadas O asno de ouro [1], a transformación é o tema central do relato fantástico: Lucio, fascinado pola maxia, transfórmase en asno, e será necesaria a actuación da deusa exipcia Isis para recuperar a forma orixinal.
Na mitoloxía grega
[editar | editar a fonte]Na mitoloxía grega son moi frecuentes as transformacións coas que os deuses castigan determinados comportamentos dos humanos pero non será esta a única razón destas intervencións divinas ni serán os humanos os únicos en transformarse.
En liñas xerais, as transformacións poden clasificarse:
- Transformacións en vexetais
- Transformacións en animais
- Transformacións en obxectos
- Outras transformacións
Pola súa versatilidade á hora de metamorfosearse nas cousas máis diversas, sepáranse neste artigo as transformacións que protagonizan tanto Zeus como a súa filla Atenea.
Transformacións en vexetais
[editar | editar a fonte]- Afrodita fixo que Mirra tivese relacións incestuosas con seu pai, Tías, rei de Asiria. Cando o rei o descubriu perseguiu á filla para matala, pero os deuses evitárono converténdoa nunha árbore de mirra. Da casca da árbore xermolou Adonis [2].
- A ninfa Dafne era extremadamente fermosa pero xurara manter a virxindade. Unha tradición conta que Apolo se namorou dela e perseguíaa incansablemente, por máis que ela o rexeitara. Apolo conseguiu que os deuses o axudaran e por fin alcanzouna, pero nese momento ela pediu axuda ó seu pai, o deus río Peneo, e este transformouna en loureiro. Apolo debeu conformarse con cortar unhas ramas e facerse unha coroa[3].
- As bacantes mataron a Orfeo disque porque este, ó morrer a súa dona Eurídice e non poder rescatala do Tártaro decidera non volver a ter tratos con ningunha muller, algo que aquelas consideraron ofensivo. Dioniso castigounas polo crime e converteunas en aciñeiras, atadas ó chan e sen poder moverse[4].
- As Helíades eran fillas do deus Helios e irmás de Faetón. Este pediulle ó seu pai o carro solar co que Helios percorría o firmamento e, incapaz de domeñalo, tanto ascendía ata os ceos, queimando a bóveda celeste (co que se formou a Vía Láctea) como descendía ata a Terra, queimándoa e formando así o deserto de Libia[5]. Zeus tivo que deter a desfeita e matouno cun dos seus raios. Faetón caeu morto no río Erídano e as irmás chorárono nas beiras (destas bágoas naceu o ámbar). Pero como tamén se di que foron elas as que deran ó seu irmán o carro e os cabalos, sen permiso do pai Helios, foron transformadas en álamos[6].
Transformacións en animais
[editar | editar a fonte]En insectos e arañas
[editar | editar a fonte]- Aracne era unha doncela extremadamente hábil á hora de tecer e bordar. Atenea, deusa das fiandeiras, chamouna como discípula pero Aracne desafiouna alardeando de ser mellor que ela. O tapiz que tece Aracne é o mellor, retratando os amores promiscuos dos deuses do Olimpo, o que anoxa a Atenea, que rompe o tapiz. Aracne, desesperada, enforcouse pero Atenea, antes de que morrese, transformouna en araña[7].
En aves
[editar | editar a fonte]- O deus Ares transformou en galo a Alectrión por non avisarlle de que chegaba o día cando el estaba no tálamo con Afrodita[8].
- As cincuenta fillas de Cíniras, rei de Chipre, transformáronse en picapeixes cando Apolo matou ó pai. Este prometera contribuír con cincuenta naves á frota grega contra Troia pero en realidade só armou un barco e botou ó mar outros cuarenta e nove barcos en miniatura, de barro e con tripulantes tamén de barro. Apolo castigou este engano coa morte e as fillas, por vergonza, transformáronse en paxaros[9].
- A deusa Atenea transformou a Perdix en perdiz, cando Dédalo o guindou do tellado do Partenón, celoso pola inventiva do seu discípulo[10].
- Ésaco era un fillo de Príamo, que soubo adiviñar que o nacemento de Paris acabaría sendo a causa da destrución de Troia. Pouco tempo despois, a súa dona morreu da picada dunha serpe e el, coa mágoa, botouse ó mar, pero a nereida Tetis transformouno nunha ave, probablemente nun mergullón[11].
- Eneo (rei de Calidón) e Altea (filla de Testio) tiveron dous fillos, Meleagro e Deianira (esposa de Heracles). As Moiras profetizaron que Meleagro morrería cando o tizón que nese momento ardía no fogar se consomese de todo. Altea colleuno, apagouno e gardouno ben. Ó cabo dos anos, Meleagro matou ós seus tíos, irmáns de Altea, e esta quixo vingarse: sacou o tizón e deixouno arder ata se consumir. Meleagro, cumprindo o seu fado, morreu e Altea, cando o viu, suicidouse. As irmás de Altea choraron desconsoladas, ata que Ártemis as converteu en galiñas de Guinea pero, grazas ás súplicas de Dioniso, ela puido volver á súa forma humana[12].
"Golpean os seus amoratados peitos e acariñan sen cesar o corpo do seu irmán, e bésano e besan o féretro colocado na pira. Feito xa cinsas, recóllennas e apértannas contra o peito, e póstranse e bótanse sobre o túmulo, e abrazando o nome gravado na pedra, derraman bágoas sobre o seu nome. Ó fin, a Latonia[13] , saciada da ruína da casa de Partaón, fainas máis liviás e que crezan plumas nos seus corpos (a excepción de Gorxe e da nora da noble Alcmena[14]), e alonga os seus brazos e desprega alas neles, e converte as súas bocas en peteiros, e así cambiadas, bótaas a voar".(Ovidio: Metamorfosis VIII, 536-546)
- A rula turca denomínase Streptopelia decaocto. O nome do xénero, Streptopelia, combina as palabras streptos, 'cadea', e pelia, que fai referencia ó trazo negro característico no seu pescozo. O nome específico é dezaoito en latín. Alude a unha lenda grega sobre unha criada moza que pediu ós deuses ser liberada porque só recibía 18 moedas ó ano polo seu duro traballo. Os deuses convertérona en rula, para que o seu arrolo recordara este número para sempre[15].
En mamíferos
[editar | editar a fonte]- O deus río Aqueloo pretendía casar con Deianira, pero tanto ela como o pai, Eneo, rexeitárono en favor de Heracles. Alporizado, Aqueloo transformouse en touro e dedicouse a facer maldades en Etolia, ata que Heracles loitou con el e tronzoulle un corno.
- Cando Paris aínda era pastor nos montes de Troia dedicábase a coidar un touro que enfrontaba ós touros dos rabaños veciños, ós que vencía sempre. Chegou a ofrecer unha coroa de ouro ó touro que vencera ó seu e Ares, para darlle unha lección de humildade, transformouse en touro, gañou o combate e Paris tivo que poñerlle a coroa[17].
- Acteón andaba a cazar nun bosque e foi dar a un río onde a deusa Ártemis e as súas sacerdotisas se estaban a bañar. El quedouse mirando, asombrado, ata que Ártemis o descubriu, e castigouno por vela núa converténdoo en cervo. A seguir, encirrou os cincoenta cans da manda de Acteón contra el, e devorárono ó non recoñecelo como o seu amo[18].
- A raíña de Troia, Hécuba, á vista da inminente caída da cidade, intentou salvar a vida do seu fillo pequeno Polidoro, e mandouno á corte de Poliméstor, a quen Príamo xa confiara a custodia de valiosos tesouros. Polimestor matou ó rapaz cando morreu Príamo e apoderouse do tesouro. Hécuba, aparentando non saber nada, fixo chamar a Poliméstor e arríncalle os ollos á vez que ordena matar ós fillos deste. Os gregos castigaron este acto lapidándoa pero baixo as pedras só apareceu unha cadela de ollos de lume. Tamén se di que foi transformada en cadela cando fuxía dos soldados de Poliméstor, ou ben o foi xa a bordo do barco que a levaba a Grecia[19].
- Foco, epónimo da rexión grega da Fócide, era fillo de Éaco e a ninfa Psámate (irmá de Tetis, nai de Aquiles). Como tódalas deusas mariñas, Psámate tiña a capacidade de transformarse no que quixera, e transformouse en foca, pero nin así logrou escapar de Éaco, que lle fixo un fillo ó que chamaron Foco[20].
- Xa sabemos que os celos de Hera levábana a perseguir as amantes de Zeus e tamén os fillos bastardos que tiña este con mulleres mortais. Unha destas foi Sémele, á que deixou embarazada de Dioniso transformándose en home normal. Pero Hera transformouse nunha das mulleres do seu séquito e convenceuna para que pedira a Zeus que se mostrase ante ela con toda a súa maxestade. Cando este así o fixo, Sémele morreu abrasada pola luz divina pero antes de morrer Zeus sacoulle o feto e implantoullo na súa perna, desde onde naceu chegado o tempo. Como fose que Hera seguía perseguindo ó meniño, Zeus converteuno en cabuxo[21].
- Hera quixo impedir que o meniño que ía parir Alcmena (Heracles) fose rei de Micenas e ordenou a Ilitía, deusa dos partos, que detivese o nacemento. Ilitía sentou á porta da casa de Alcmena coas pernas cruzadas e as mans entrelazadas diante dos xeonllos, de xeito que interrompeu o parto. Mentres tanto, Hera acelerou o parto de Nícipe, do que nacería Euristeo (primo de Heracles). Unha serva de Alcmena, para evitar as dores de parto da súa ama, díxolle a Ilitía que Alcmena xa parira, polo que esta soltou as mans e se levantou, e Alcmena puido por fin parir. Pero Ilitía non perdonou o engano e converteu á criada, Galintias, en donicela, condenándoa a parir pola boca[22].
Noutros animais
[editar | editar a fonte]- Peleo quería casar con Tetis pero ela negouse en redondo, pois Peleo era un mortal e Tetis aspiraba a casar cun deus. O centauro Quirón aconsellou a Peleo que a sorprendese cando estivese a dormir e que entón a atrapara con forza e non a sotara sen importar en qué se transformase. Así o fixo e Tetis resisteuse transformándose sucesivamente en lume, auga, león, cobra e, finalmente, en xiba, pero Peleo non a soltou ata que aceptou someterse a el e casar. Só entón recuperou a forma humana[23].
- Plutarco relata que Alexandre o Grande foi concibido nunha orxía dionisíaca por Dioniso, transformado en serpe, e Olimpia, esposa de Filipo II[24].
- Tamén se asegura que Asclepio, deus da Medicina, podía transformarse en serpe[25]. Téñase en conta que a serpe, pola súa capacidade de renovar a pel vella por unha nova, significaba a rexeneración e, por veces, o deus representábase cunha serpe ou portando un caxato no que se enroscaba unha serpe.
Transformacións en obxectos
[editar | editar a fonte]- Co nome de Calidón coñécese un personaxe mitolóxico fillo de Testio, un rei de Etolia, pero outra tradición di que era fillo do deus Ares e que, por ver a Ártemis núa cando esta se bañaba, foi transformado en rocha, dando lugar a unha montaña a carón da cidade de Calidón [26].
- Había en Chipre unha moza fermosa, Anaxáreta, da que se namorara Ifis, un mozo da illa. Ela non lle facía caso por máis que el insistía, ata que o mozo cansou e se aforcou á porta da casa dela. Tampouco isto moveu o corazón da moza, que se limitou a asomarse á ventá para ver pasar o enterro, por simple curiosidade. Tal crueldade alporizou a Afrodita, que a converteu nunha estatua na mesma actitude que tiña debruzada na ventá[27].
Transformacións en entidades antropomorfas
[editar | editar a fonte]En homes e mulleres
[editar | editar a fonte]- No mesmo episodio en que Zeus se transforma no home de Alcmena, Hermes vixía a porta do palacio para que ninguén interrumpa os amores de Zeus e Alcmena e, para disimular, faino transformado en Sosia, o criado de Anfitrión. Pero resulta que este manda aviso á muller da súa inminente chegada e faino, como é lóxico, enviando ó seu criado. Plauto escribiu con este argumento unha hilarante comedia na que o falso Sosia malla a paus ó verdadeiro Sosia ata o punto que remata sen saber quen é el realmente.
- A morte de Aquiles foi recollida con numerosas variantes que se poden resumir en: ou ben foi Paris quen lle disparou a frecha que acabou con el, só ou con axuda de Deífobo e a traizón; ou ben foi Apolo (instigado ou non por Poseidón); ou ben foi Apolo que dirixiu a frecha que disparara Paris (e só así acertaría a cravarse no talón do heroe). Pero Hixino recolle a variante de que foi Apolo, que adoptou a forma de Paris: "Apolo, enfurecido, adoptou a figura de Paris e feriuno cunha frecha no talón que, din, era mortal, e morreu"[28].
- Poseidón loitaba do lado dos gregos na guerra de Troia, e indignábase do que el consideraba favoritismo de Zeus cara aos troianos. No momento en que Aquiles rexeita participar na batalla por inimizade con Agamenón, os troianos conseguen avanzar ata alcanzar as naves gregas, próxima a derrota destes. Pero Poseidón aparece entre os guerreiros, transformado no adiviño Calcante, moi respectado entre os gregos, e infúndelles valor, particularmente ós dous Aiantes, ós que enche de forza e valor[29]. Pouco despois volve aparecer, na forma de Toante, rei de Calidón, para arengar a Idomeneo, outro notable guerreiro grego[30]. E volverá unha vez máis, desta volta coa forma dun home ancián, para aconsellar a Agamenón e apoialo no seu enfrontamento con Aquiles, para logo acometer persoalmente contra os troianos (mentres Hera, no Olimpo, mantiña distraído a Zeus, que prohibira ós deuses intervir nas batallas)[31].
- Un dos doce traballos de Heracles consistiu en traer para Admete, filla de Euristeo o cinto da raíña das Amazonas, Hipólita. Esta non puxo ningunha traba e foi ó seu barco para darllo pero Hera, na súa eterna xenreira contra Heracles, tomou a forma dunha das amazonas e comezou a propalar a idea de que Heracles raptara á raíña. As amazonas atacaron o barco e Heracles matou a Hipólita[32].
- Tiresias, un adiviño de moita sona entre os gregos, topouse con dúas serpes apareándose e separounas a golpes, sendo transformado de home en muller. Ó cabo de sete anos volveu polo mesmo lugar e volveu atopar outras dúas serpes na mesma actitude, así que volveu a separalas, e transformouse de muller en home, recuperando a figura de varón[33].
"Xúpiter, distendido polo néctar, púxose a chancear con Xuno, tamén relaxada, e díxolle: 'Vós, desde logo, experimentades maior placer no amor que os homes'. Ela negoullo. Decidiron consultar o parecer do sabio Tiresias; coñecía este o placer dun e doutro sexo, pois co seu bastón mallou a golpes a dúas grandes serpes que estaban copulando na verde selva, e convertido, ¡oh, prodixio!, de home en muller, vivira sete outonos como tal. Ó oitavo veu de novo as mesmas serpes e dixo: 'Se as vosas feridas teñen o poder de cambiar o sexo do agresor ó contrario, vou ferirvos agora de novo'. Unha vez breadas as cóbregas, recuperou a súa forma anterior e volveu a súa figura natal.".(Metamorfosis III, 316-338[34])
O caso de Zeus
[editar | editar a fonte]- Zeus namorouse da ninfa Calisto pero esta xurou manterse virxe e dedicábase a cazar coas seguidoras de Ártemis. Para conseguila, Zeus adoptou a forma da propia deusa [35] e así puido unirse a Calisto, que quedou embarazada. Ártemis notouno e castigouna converténdoa en osa. Aínda máis, Hera, por celos contra Zeus, convenceu a Ártemis e esta matou a osa coas súas frechas[36].
- Zeus namorouse de Ganimedes, fillo de Laomedonte, de Troia, e transformouse en aguia para raptar ó rapaz e levalo consigo ó Olimpo. Tamén se di que non foi unha transformación senón que mandou facer o traballo á aguia, o seu animal representativo [37].
- Outra das numerosas aventuras de Zeus foi con Ío, sacerdotisa da súa muller, Hera. Cando esta se decatou, Zeus converteu á súa amante en vaca (ou xovenca, segundo algunhas fontes) branca[38]. Tamén se di que foi Hera a que converteu a Ío en vaca, para evitar que se unira con Zeus, e entón este se transformou en boi[39].
- Acrisio fora advertido nun oráculo que o neno que concibira a súa filla, Dánae, lle había causar a morte. Para evitalo, Acrasio encerrou a filla nunha torre, pero iso non impediu que Zeus, encaprichado con ela, entrase na cela transformado nunha fina choiva de ouro que caeu sobre o regazo da moza, que quedou embarazada do heroe Perseo [40].
- Zeus, para deitarse con Alcmena, transformouse no marido dela, Anfitrión, que estaba na guerra. Deste xeito, ela pensou que o home xa regresara e se entregou sen sospeitar nada. Pero ademais, para prolongar o momento, Zeus fixo que a noite durase como tres, prohibindo a Helios, o Sol, que saíse nese tempo. Desta unión nacería Heracles[41].
O caso de Atenea
[editar | editar a fonte]A deusa Atenea xurou vingarse de Paris cando este escolleu como a deusa máis bela a Afrodita (que lle prometeu en premio conseguir que casara coa muller máis fermosa do mundo, Helena). Por iso loitou do lado dos aqueos durante a Guerra de Troia e axudou logo a Odiseo na súa viaxe de regreso a Ítaca.
- Cando Aquiles e Heitor sen enfrontan en duelo singular ó pé das murallas de Troia, Heitor colle medo e intenta escapar e entrar na cidadela. Atenea toma a forma e a voz de Deífobo, irmán de Heitor, e convénceo para que se deteña e lle faga fronte. Así o fai Heitor e a consecuencia será a súa morte [42].
- Atenea adoptou a forma de Iftima, irmá de Penélope (a esposa de Odiseo), para consolar a esta na longa espera polo seu home, acosada por numerosos pretendentes[43].
- Cando Odiseo está próximo a chegar a Ítaca, Atenea toma a forma dunha amiga de Nausícaa (filla do rei de Feacia Alcínoo) para convencer a esta de que madrugue e vaia lavar os seus vestidos ó río, que casualmente será o lugar onde estea descansando Odiseo[44].
- Tralo encontro casual do punto anterior, Odiseo chega á cidade onde se atopa o palacio de Alcínoo, e Atenea aparéceselle baixo a forma dunha rapariga que o conduce ata alí, levándoo oculto baixo unha fina néboa para que ninguén o puidese ver[45].
- Odiseo participa nunha competición de lanzamento de disco e lanza o seu moi por diante das marcas dos demais competidores. Atenea será a que, baixo a forma dun home, confirma que a marca de Odiseo está tan adiantada que ninguén o alcanzará[46].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ver sección: "O burro na literatura", en Burro
- ↑ Grimal, s. v. Adonis.
- ↑ Franco Llopis, px. 132.
- ↑ Metamorfosis XI, 67ss; Graves, px. 128.
- ↑ Denominación que abarcaba todo o norte de África.
- ↑ Grimal, s. v. Helíades; Metamorfosis II, 333ss.
- ↑ Grimal, s. v. Aracne; Franco Llopis, px. 118-119.
- ↑ Grimal, s.v. Alectrión.
- ↑ Graves, px. 694.
- ↑ Metamorfosis VIII, 250 ss.
- ↑ Grimal, s. v. Ésaco; Apolodoro III, 12.5.
- ↑ Grimal, s. v. Altea; Hixino, 174,7. O nome científico da galiña de Guinea, Numida meleagris, recolle este mito.
- ↑ Artemisa era filla de Leto, que na mitoloxía romana, que é a que describe Ovidio, se chama Latona.
- ↑ Heracles era fillo de Alcmena, e polo tanto, Deianira era a nora desta.
- ↑ Outra lenda da outra explicación completamente distinta: estando Xesucristo cravado na cruz, un soldado romano quixo darlle un pouco de leite a beber. Había unha mulleriña que pedía 18 moedas polo leite, pero o soldado só tiña 17 e por máis que teimou, a vella só repetía 18, 18. Así que Xesucristo maldizouna e converteuna nunha rula, que só sabe dicir 18, 18. Cando, por fin, a vella acepte as 17 moedas, volverá ó seu ser humano, pero se, ó contrario, sobe o prezo a 19, será que o fin do mundo é chegado (La tórtola turca, una maldición divina (en castelán) [consultado o 24.12.2023].
- ↑ Odisea, canto X.
- ↑ Graves, px. 684.
- ↑ Grimal, s. v. Acteón; Franco Llopis, px. 136.
- ↑ Grimal, s. v. Hécuba.
- ↑ Grimal, s. v. Foco
- ↑ Franco Llopis, px. 148.
- ↑ Grimal, s. v. Galintias.
- ↑ Pseudo-Apolodoro III, 13.5.
- ↑ Carmona, px. 194, citando a obra Vida de Alexandre 2.9, 3.4.
- ↑ Carmona, px. 194.
- ↑ Grimal, s. v. Calidón.
- ↑ Grimal, s. v. Anaxáreta.
- ↑ Hixino 107.
- ↑ Ilíada XIII, 46.
- ↑ Ilíada XIII, 17.
- ↑ Ilíada XIV, 36.
- ↑ Apolodoro II, 5.9.
- ↑ Metamorfosis III, 316-338.
- ↑ Ovidio, poeta latino, utiliza as denominacións de Xúpiter por Zeus e Xuno por Hera.
- ↑ Outras fontes din que de Apolo.
- ↑ Grimal, s. v. Calisto; Franco Llopis, px. 136.
- ↑ Grimal, s. v. Ganímedes; Franco Llopis, px. 107.
- ↑ Metamorfosis I, 611.
- ↑ Esquilo: Las suplicantes, px. 164.
- ↑ Grimal, s. v. Acrisio.
- ↑ Grimal, s. v. Alcmena; Franco Llopis, px. 160.
- ↑ Ilíada XXII, 227; Franco Llopis, px. 219 (que cita un stamno do século V a. C. no que se representa ós dous heroes enfrontados, e Atenea ó seu carón).
- ↑ Odisea IV, 796.
- ↑ Odisea VI, 22.
- ↑ Odisea VII, 21.
- ↑ Odisea VIII, 194.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martin, René (1992): Dictionnaire culturel de la mythologie gréco-romaine. Paris: Éditions Nathan.
- Palés Castro, Marisol & Villar Rodríguez, Celia (1998): Diccionario de mitología clásica. Madrid: Editorial Espasa.
- Carmona Muela, Juan (2018 (5ª ed, 3ª reimp)). Iconografía clásica. Guía básica para estudiantes. Akal. ISBN 9788446029397. (en castelán)
- Esquilo (2021 (19ª ed)). Tragedias completas. Cátedra. ISBN 9788437604060. (en castelán)
- Franco Llopis, Borja e outros (2018). Imágenes de la tradición clásica y cristiana. Centro de Estudios Ramón Areces S. A. ISBN 9788499612720. (en castelán)
- Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940. (en castelán)
- Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Homero (trad. Óscar Martínez García) (2010, 1ª ed; 2013, 3ª reimpr.). Ilíada. Alianza Editorial. ISBN 9788420678344. (en castelán)
- Homero (trad. Carlos García Gual) (2005, 1ª ed; 2019, 5ª reimpr). Odisea. Alianza Editorial. ISBN 9788420674629. (en castelán)
- Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208. (en castelán)
- Plauto (1994 (2ª reimpr. 2019). Anfitrión. La comedia de los asnos. La comedia de la olla. Espasa (colección Austral). ISBN 9788467042276. (en castelán)
- Pseudo-Apolodoro (2016). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)