Saltar ao contido

Modelaxe 3D

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En gráficos 3D por ordenador, a modelaxe 3D é o proceso de desenvolvemento dunha representación matemática de calquera superficie tridimensional dun obxecto, mediante un software especializado. Ao resultado chámaselle modelo 3D.[1][2][3]

É, basicamente, a creación dun volume nun espazo dixital, isto comprende dende produtos industriais, coma automóbiles ou mobiliario, ata escenarios de videoxogos ou personaxes de animación.

Aínda que existen varios programas, ferramentas e metodoloxías de creación de modelos 3D, practicamente todos usan unha colección de puntos no espazo, conectados por diferentes entidades xeométricas como triángulos, liñas, superficies, curvas, etc.

Métodos de modelaxe

[editar | editar a fonte]

Modelaxe por sólidos

[editar | editar a fonte]
Peza de enxeñería modelada por sólidos.

É un dos métodos máis sinxelos, xéranse obxectos mediante a maquetación de bosquexos 2D, que serven coma base para a xeración do volume. Con este método represéntanse pezas sinxelas, con formas regulares e xeométricas;

Programas: Solidworks, Siemens NX, AutoCAD, FreeCAD, Inventor, etc.

Modelaxe por superficies

[editar | editar a fonte]
Modelado por superficies dun automóbil en Alias.

Consiste no uso de varias superficies e curvas NURBS ou Bézier para a construción do modelo final. Sería o tipo de modelaxe máis preciso, moi usado en enxeñarías ou en automoción, onde as superficies vistas chámanse superficies de clase A.

Programas: Alias, Rhinoceros, ICEM Surf, etc.

Modelaxe por polígonos

[editar | editar a fonte]
Aplicación dunha textura a un modelo 3D poligonal.

Consiste no uso de vértices, arestas e caras de polígonos para a construción dun modelo. Este é dos máis populares entre o público xeral, usado para todo tipo de traballos, entre os que se inclúen videoxogos, películas, anuncios, etc. Destaca a rapidez coa que se poden obter resultados, pero non ten a mesma calidade que as superficies, ademais cando o modelo a representar é complexo vólvese engorroso de modelar por polígonos.[4]

Programas: Blender, Maya, 3ds Max, etc.

Modelaxe por escaneamento

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Escaneamento 3D e Fotogrametría.
Escaneamento 3D dun teclado.

O escaneamento 3D permite producir un modelo dun obxecto físico escaneandoo con cámaras e sensores especializados. A medida que os sensores recollen a información volumétrica traspasana a un modelo de polígonos que precisa pulido para ter a mesma calidade cun modelo tradicional.[5]

Programas: 3DF Zephyr, Agisoft Metashape, ReCap, etc.

Modelaxe por esculpido

[editar | editar a fonte]

Baséase no uso de ferramentas para empurrar, tirar, suavizar, agarrar ou manipular un volume como se tratase de arxila. Progresivamente auméntase a resolución poligonal conseguindo un resultado final con moito detalle. Este tipo de modelaxe principalmente úsase en deseño de formas orgánicas que requiren moito detalle, como personaxes principais, ou para facer texturas de mapeado normal.

Programas: ZBrush, Mudbox, Meshmixer, etc.

Modelaxe parametrizado

[editar | editar a fonte]

Aínda que normalmente se relaciona co modelaxe de sólidos existen ferramentas paramétricas en grande cantidade de programas de modelaxe. Consisten en algoritmos e funcións que permiten ir modelando en base a valores variables que permiten xerar deseños reutilizables e optimizables sen necesidade de xerar un novo modelo.[6]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
  1. "What is 3D Modeling & What's It Used For?". conceptartempire.com. Consultado o 2021. 
  2. "3D Modeling". plm.automation.siemens.com. Consultado o 2021. 
  3. "What is 3D Modeling?". takeoffpros.com. Consultado o 2021. 
  4. "The Main Benefits and Disadvantages of Polygonal Modeling". spatial.com. Consultado o 2023. 
  5. "Top 3D scanning software: photogrammetry, laser and light scanning, and scanning apps for your phone". sculpteo.com. Consultado o 2023. 
  6. "Top 8 of the best parametric modeling software in 2023". sculpteo.com. Consultado o 2023.