Moeda de 10 francos Hércules
Moeda de 10 francos Hércules [1] | |
---|---|
A/: Hércules espido, entre a Liberdade e a Igualdade. Sinatura do gravador (Dupré) no exergo.
Lendas: LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ. |
R/: Valor facial e data no interior de dúas pólas de oliveira e de carballo.
Lendas: REPUBLIQUE FRANÇAISE / 10 FRANCS |
|
A moeda de 10 francos Hércules é unha moeda francesa de prata deste valor facial, emitida entre 1965 e 1973, caracterizada pola figura de Hércules no seu anverso.
A moeda foi creada mediante o Decreto 65-15, do 9 de xaneiro de 1965, asinado polo presidente da República Francesa, Charles de Gaulle.[2]
Tratábase dunha moeda de curso legal, aínda que a súa presenza na circulación foi practicamente nula, por mor do seu peso e o seu diámetro excesivos. Comezouse a emitir en 1964 e deixouse de cuñar en 1973, aínda que non foi ata 1980 cando foi retirada da circulación, debido ao crecemento dos prezos da prata, que provocou que o valor intrínseco do metal superase o seu valor facial.[3][4]
Deseño
[editar | editar a fonte]O seu deseño responde ao tipo Hércules, creado por Agustin Dupré inicialmente para a moeda de 5 francos da I República, cuñada por vez primeira en 1795,[5] e que foi retomado posteriromente para diversas moedas francesas.[2]
Anverso
[editar | editar a fonte]O anverso está caracterizado pola figura espida de Hércules, cunha pel de león ás súas costas, reconciliando a Liberdade coa Igualdade, que están en pé aos seus lados. A Liberdade está á súa dereita e sostén unha pica coroada por un barrete frixio, en tanto que a Igualdade está á súa esquerda, e sostén un perpendículo. O anverso complétase co lema LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ na parte superior e a sinatura do deseñador no exergo.[1][2]
Reverso
[editar | editar a fonte]Pola súa banda, no reverso amósase o valor facial 10 FRANCS como motivo principal, no interior dunha coroa composta por pólas de oliveira e de carballo, rodeada pola lenda RÉPUBLIQUE FRANÇAISE a ambos os lados e coa data no exergo.[1][2]
Canto
[editar | editar a fonte]O canto, creado polo Gravador Xeral de Moedas Raymond Joly, reproduce en relevo diversos motivos, separados por estrelas e rombos, de temática agropecuaria (acio de uvas, galo e mada de trigo), do comercio (caduceo, corno da abundancia e balanza) e da industria (compás, engrenaxe e martelo).[1][2]
Tiraxes
[editar | editar a fonte]Estas son as tiraxes anuais da moeda de 10 francos franceses tipo Hércules.[1] Ademais das cantidades da emisións ordinaria, que figuran na táboa, con data 1964 cuñáronse a maiores 3.500 exemplares a modo de proba con deseño idéntico, aínda que no seu reverso se engadiu a palabra ESSAI na parte inferior, baixo a cinta que une ambas as pólas; outras 131 pezas datadas en 1964 a modo de proba carecen da palabra ESSAI.[1][6]
Ano de emisión | Exemplares cuñados |
---|---|
1965 | 8.085.500 |
1966 | 9.806.671 |
1967 | 10.101.805 |
1968 | 3.887.400 |
1969 | 760.550 |
1970 | 4.808.500 |
1971 | 513.000 |
1972 | 915.000 |
1973 | 206.500 |
Total | 39.084.926 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "10 Francs". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Décret n°65-16 du 9 janvier 1965 autorisant la fabrication de pièces de 10 F [...]". Journal officiel de la République française. 12 de xaneiro de 1965. Páxinas 293-294.
- ↑ "Décret n°80-148 du 15 février 1980 autorisant la démonétisation des pièces de 5 F en argent, de 10 F en argent et de 50 F en argent". Journal officiel de la République française. 19 de febreiro de 1980.
- ↑ "Les pièces de monnaie françaises de 10 et 50 francs Hercule". Sacra-moneta.com
- ↑ "5 Francs Union et Force". Numista.com
- ↑ "Essai de 10 francs Hercule 1964 Paris". Cgb.fr