Augustin Dupré
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de outubro de 1748 Saint-Étienne, Francia |
Morte | 30 de xaneiro de 1833 (84 anos) Armentières-en-Brie, Francia |
Cargos | |
Gravador xeral de moedas de Francia | |
Período | 1791 – 1803 |
Antecesor | Pierre S. B. Duvivier |
Sucesor | Pierre Joseph Tiolier |
Actividade | |
Lugar de traballo | París |
Ocupación | medallista |
Período de actividade | 1768 - 1833 |
Augustin Dupré, nado na localidade de Saint-Etienne, na rexión francesa de Auvernia-Ródano-Alpes, o 16 de outubro de 1748 e finado en Armentières-en-Brie, na Illa de Francia, o 30 de xaneiro de 1833, foi un medallista e deseñador e gravador de moeda francés.[1][2][3][4]
Dupré foi o décimo cuarto en ostentar o título de Gravador Xeral de Moeda (Graveur Général des Monnaies).[1][2][5]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Augustin Dupré comezou a súa carreira como gravador nunha fábrica real de armamento. En 1768 trasladouse a Lión e cara a 1770 pasou a establecerse en París, onde tivo como mestre o escultor David d'Angers. Foi cara a 1770 cando se introduciu no gravado de medallas. Entre 1777 e 1782 seguiu as ensinanzas de Houdon na Academia Real de Pintura e Escultura.[1][2]
A Revolución Francesa daralle a oportunidade de desenvolver a súa arte. O cambio de réxime levou consigo unha reforma monetaria que supuña un cambio completo dos tipos monetarios. Neste contexto, a Convención Nacional organizou en abril de 1791 un concurso a instancias do pintor Jacques-Louis David, no que Dupré participou e onde logrou que a súa proposta fose a aceptada para a cuñaxe do luís convencional.
Dupré pretendía realizar as novas cuñaxes nunha gran casa de moeda unificada en París, en lugar das 17 existentes naqueles momentos en Francia. Porén, A Asemblea Nacional rexeitou a súa proposta e ficou con oito cecas: París, Lión, Bordeos, Baiona, Perpiñán, Nantes, Lille e Estrasburgo.
Augustin Dupré foi nomeado Gravador Xeral de Moeda (Graveur Général des Monnaies) mediante un decreto da Asemblea Nacional do 11 de xullo de 1791.[5] Como gravador, nalgunhas das súas moedas imprimiu a súa sinatura completa, en tanto que noutras optou pola figura dun galo. Ocupou este cargo ata 1803, cando foi destituído por Pierre Joseph Tiolier, mediante por un decreto do Primeiro Cónsul datado o 12 de marzo.[1][2]
Durante un breve período de tempo, en 1794, ocupou o posto de Director de Fabricación de La Monnaie de Paris.[6]
Traballos salientables
[editar | editar a fonte]Moedas
[editar | editar a fonte]A Revolución Francesa incitou os artistas a celebraren a nova orde política e social. Nesa conxuntura, Augustin Dupré inspirouse para as súas composicións alegóricas no simbolismo da Antigüidade (Táboas da Lei, xenios romanos, Hércules, gorro frixio, fasces etc.). Foi o triunfo do estilo neoclásico.
A súa primeira contribución no ámbito das moedas foi o luís de 24 libras caracterizado por amosar no seu reverso a figura dun xenio, en tanto que no anverso aparece o busto do rei Lois XVI xunto coa lenda ROI DES FRANÇAIS e a data de 1792. O xenio do reverso escribe nunha estela a palabra CONSTITUTION e aparece rodeado pola lenda REGNE DE LA LOI e no exergo a data L'AN 4 DE LA LIBERTÉ, consonte o calendario republicano.[1] Esta tipoloxía do xenio aparecerá tamén noutras moedas, non só da época de Lois XVI, senón mesmo na serie do napoleón de ouro da III República.[7]
Logo de se proclamar a República, encargóuselle a gravación dos cuños para a cuñaxe da maior parte da moeda do novo sistema decimal: 1 e 5 céntimos, 1 e 2 décimos (coa Marianne no anverso) e a peza de 5 francos de prata (con Hércules e a lenda UNION ET FORCE"). Nestas moedas, Dupré imprimiu a súa sinatura como gravador.[1][8][9]
A figura da Marianne con gorro frixio de Dupré, mesmo coa sinatura do gravador, utilizouse novamente en 1992 para a emisión dunha moeda de níquel dun franco conmemorativa da Primeira República.[10]
A figura dos Hércules de Dupré chegou a se converter en icónica na numismática francesa dos séculos XIX, XX e XXI, xa que foi retomada, con modificacións, en diferentes períodos republicanos de Francia. Este motivo utilizouse nas moedas de cinco francos cuñadas entre os anos 4 e 11 da Revolución, logo nas de 1848 e 1849 e novamente nas emitidas entre 1870 e 1889.[11][12]
Mesmo, máis preto dos nosos días, reviviu para as prestixiosas cuñaxes en prata de 10 francos (1964-1973) e de 50 francos (1974-1980), e posteriormente para a emisión dunha moeda conmemorativa de 5 francos de 1996 en cuproníquel. En todas estas cuñaxes modernas respéctase exactamente o deseño de Dupré e mesmo se engade a súa sinatura como gravador.[13][14][15]
En 2011, o motivo de Hércules retomouse novamente, aínda que modernizado, para os cuños das moedas conmemorativas de 100 euros de prata e de 1.000 e 5.000 euros de ouro, nunha reinterpretación do gravador francés Joaquin Jimenez, e en 2012 aplicóuselle este mesmo motivo ás pezas de prata de 10 euros.[16][17]
Á parte das moedas oficiais do reino ou da república de Francia, Dupré encargouse tamén dos deseños e da gravación dos cuños das moedas de necesidade de cobre con valores dun soldo e de 5 soldos emitidas pola familia de comerciantes Monneron, de París, para combater a escaseza de moeda miúda en circulación. Estas moedas comezaron a cuñarse baixo o coidado de Jean Pierre Droz na ceca de Soho, en Birmingham, propiedade de Matthew Bolton, a finais de 1791, e circularon ata 1793.[18][19]
-
Reverso da mesma moeda.
-
Os tres irmáns Monneron.
As ferramentas e os papeis de Dupré, que levou con el cando deixou o posto de gravador fóronse dispersando ao longo do século XIX. Unha parte destes fondos, que puido ser adquirida por diversas institucións públicas francesas, atópanse hoxe en París, no Departamento de Moedas, Medallas e Antigüidades da Biblioteca Nacional de Francia, no Museo da Monnaie de Paris e no Museo Carnavalet.[4][20]
Medallas
[editar | editar a fonte]Cando se iniciou a Revolución Francesa, Dupré xa era coñecido polo seu labor como un dos máis prestixiosos medallista, xunto con Pierre Droz e outros. Unha das súas medalla máis recoñecida foi gravada e cuñada en bronce en 1802 na Honra do científico Antoine Lavoisier (1743-1794). No seu anverso amósase o busto á dereita do pai da química moderna rodeado pola lenda A. LAUR. LAVOISIER NÉ A PARIS LE16 AOUT 1743. O seu reverso está integramente ocupado pola lenda LES SCIENCES / ET LA PATRIE / PLEURENT / CET ILLUSTRE SAVANT / MORT VICTIME DES / FUREURS / REVOLUTIONNAIRES / DUPRÉ LUI A ÉRIGÉ / CE MONUMENT / DE RECONNAISSANCE / L'AN 10.[1][21]
Outra das súas medallas destacadas, batida en prata e datada en 1784, foi dedicada ao almirante Pierre André de Suffren.[1][22]
Dupré é tamén o autor dunha serie de sete medallas relacionadas con Norteamérica, nos albores da nova república:[1][23]
- 1779: "Paul Jones".[24]
- 1783: "Libertas Americana".[25]
- 1784: Benjamin Franklin.[26]
- 1785: "Nathaniel Green".[27]
- 1786: Benjamin Franklin.[28]
- 1789: "Daniel Morgan".[29]
- 1792: Medalla Diplomática.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Blanc, C. (1876). "Augustin Dupré". Páxinas 175-189.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Dupré, Augustin". Frits Lugt, Les Marques de Collections de Dessins & d’Estampes. Fondation Custodia
- ↑ Barre, A. (1867).
- ↑ 4,0 4,1 Trogan, R.; Sorel, P. (2000).
- ↑ 5,0 5,1 "Archives Parlementaires". sul-philologic.stanford.edu. Consultado o 2019-12-03.
- ↑ "Tableau chronologique des Officiers généraux el Directeurs de la Monnaie de Paris depuis 1225". En Darnis, J-M. (2005). Páxinas 879 e seguintes.
- ↑ "Pièce Louis d'Or 24 Livres Louis XVI". Agence BDOR.
- ↑ "France. 20 céntimes. 1795-1796 Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". En Coin Brothers.
- ↑ "France. Napoleon I. 5 Francs Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". En Coin Brothers.
- ↑ "France. 1 Franc. 1992 Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". Coin Brothers.
- ↑ "France. 5 francs. 1848-1849 Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". En Coin Brothers.
- ↑ "France. 5 francs. 1870-1889 Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". En Coin Brothers.
- ↑ "France. 5 francs. 1996 Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". En Coin Brothers.
- ↑ "France. 10 francs. 1964-1973 Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". En Coin Brothers.
- ↑ "France. 50 francs. 1974-1980 Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". En Coin Brothers.
- ↑ "Euros Hercule: 2011-2013". En Pièces Hercule.
- ↑ "Hercule - Trilogie 10€ 2012 Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". Monnaie de Paris.
- ↑ Torres, J. (2012). "Auge y caída de la acuñación a volante. Jean-Pierre Droz y Philippe Gengembre". En Revue Numismatique. Nº 168. Páxina 328.
- ↑ "Les monnaies de confiance: Monneron". En Info Numis.
- ↑ "Augustin Dupré (1748-1833). Graveur general des Monnaies de France". No sitio web do Museo Carnavalet. http://www.carnavalet.paris.fr/
- ↑ "Consulat, Lavoisier, Médaille". En Comptoir des Monnaies.
- ↑ "Pierre-André de Suffren (1726-1788), amiral, 1784". Paris Musées. Les Musées de la Ville de Paris.
- ↑ Appleton, W. S. (1890).
- ↑ "Paul Jones". Paris Musées. Les musées de la Ville de Paris.
- ↑ "Médaille «Libertas Americana». Naissance de l’amitié France-Amérique par Augustin Dupré". En Numismag. Votre actualité numismatique.
- ↑ "A.B. Franklin". Paris Musées. Les musées de la Ville de Paris.
- ↑ "Nathaniel Green (1742-1786), 1781". Paris Musées. Les musées de la Ville de Paris.
- ↑ "Benjamin Franklin (1706-1790), écrivain, physicien et diplomate américain, 1786". Paris Musées. Les musées de la Ville de Paris.
- ↑ "Daniel Morgan, 1789". Paris Musées. Les musées de la Ville de Paris.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Augustin Dupré |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Appleton, W. S. (1890). Augustin Dupré and his work for America: remarks made before the Massachusetts Historical Society, March 13, 1890. Cambridge. John Wilson.
- Barre, A. (1867). Graveurs Généraux et particuliers des Monnaies de France, Contrôleurs Généraux des Effigies, Noms de quelques graveurs en Médailles de la Renaissance Française. París.
- Blanc, C. (1876). Les artistes de mon temps. París.
- Darnis, J-M.Catalogue de la Bibliothéque Historique de la Monnaie de Paris. Direction des Monnaies et Médailles. París. 2005. ISBN 2-11-095944-4
- Saunier, C. (1894). Augustin Dupré, orfèvre, médailleur et graveur général des Monnaies, París.
- Trogan, R.; Sorel, P. (2000). Augustin Dupré (1748-1833), graveur général des monnaies de France. Collections du Musée Carnavalet. Editions des musées de la ville de Paris. ISBN 2-87900-482-9
- Zigrosser, C. (1957). "The medallic Sketches of Augustin Dupré in American Collections". En Proceedings of the American Philosophical Society, Vol. 101. N° 6. Páxinas 535-550.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Franco francés
- Monnaie de Paris
- Jean Pierre Droz
- Pierre Joseph Tiolier
- Gravador xeral de moedas de Francia
- Historia da medalla francesa
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Augustn Dupré Arquivado 22 de xuño de 2019 en Wayback Machine.". En Répertoire de Sculpture Française.
Predecesor: Pierre Simon Benjamin Duvivier |
Gravador xeral de moedas de Francia 1791 - 1803 |
Sucesor: Pierre Joseph Tiolier |