Saltar ao contido

Jacques-Louis David

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJacques-Louis David

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento30 de agosto de 1748 Editar o valor en Wikidata
París (Reino de Francia) Editar o valor en Wikidata
Morte29 de decembro de 1825 Editar o valor en Wikidata (77 anos)
Bruxelas (Reino Unido dos Países Baixos) Editar o valor en Wikidata
Causa da morteictus Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturagrave of Jacques-Louis David (en) Traducir, B plot 184 G2
Cemiterio do Père-Lachaise (corazón), 56
Grave of Jacques-Louis David (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
35º President of the National Convention (en) Traducir
5 de xaneiro de 1794 – 20 de xaneiro de 1794
← Georges Couthon (pt) TraducirMarc-Guillaume-Alexis Vadier (pt) Traducir →
Deputy to the National Convention (en) Traducir
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
EducaciónAcadémie de Saint-Luc (en) Traducir
Universidade de París
Academia Real de Pintura e Escultura (pt) Traducir
Escola Nacional Superior de Belas Artes Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Bruxelas
París
Roma Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpintor, político, debuxante arquitectónico Editar o valor en Wikidata
Partido políticoClube Jacobino (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoPintura de historia, retrato, alegoría, Arte de paisaxes e pintura relixiosa Editar o valor en Wikidata
MovementoNeoclasicismo Editar o valor en Wikidata
Catálogo críticoJacques-Louis David catalog raisonné, 1973 (en) Traducir (1973) Editar o valor en Wikidata
ProfesoresJoseph-Marie Vien Editar o valor en Wikidata
AlumnosFrançois-Édouard Picot../... 28+ Editar o valor en Wikidata
MecenasNapoleón I de Francia Editar o valor en Wikidata
Participou en
5 de maio de 1789Revolución Francesa Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxeCharlotte David (1782, 1796–) Editar o valor en Wikidata
FillosCharles-Louis Jules David, Eugène David, Laure Émilie Félicité David, Pauline Jeanne David Editar o valor en Wikidata
PaisLouis Maurice David Editar o valor en Wikidata  e Marie-Geneviève Buron Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteBiblioteca dixital BEIC
Obálky knih,
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX957053 Musicbrainz: 2eb0212f-d9db-4a68-827e-dcf3fd74e97b Discogs: 2242883 WikiTree: David-5 Find a Grave: 7849 Editar o valor en Wikidata
O Xuramento dos Horacios, 1785. Museo do Louvre.

Jacques-Louis David (30 de agosto de 1748 - 29 de decembro de 1825) foi un pintor francés de bastante influencia no estilo neoclásico. Buscou a inspiración nos modelos escultóricos e mitolóxicos gregos, baseándose na austeridade e severidade, algo que cadraba co clima moral dos últimos anos do antigo réxime.

Máis adiante David chegou a ser un activo participante na Revolución Francesa así coma amigo de Maximilien de Robespierre; en realidade foi un dos máximos expoñentes artísticos da República Francesa. Encarcerado tras a caída do poder de Robespierre, máis tarde aliñouse coa chegada doutro réxime político, o de Napoleón Bonaparte. Foi nesta época cando desenvolveu o seu Estilo Imperio, notable polo uso de cores cálidas ao estilo veneciano.

Entre os seus numerosos alumnos cabe destacar a Antoine-Jean Gros, Anne-Louis Girodet de Roucy-Triosson e o máis coñecido de todos: Jean Auguste Dominique Ingres. Isto fíxoo ser o pintor máis influente da arte francesa do século XIX, especialmente nas pinturas académicas.

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Jacques-Louis David naceu no seo dunha próspera familia en París, o 30 de agosto de 1748. Á idade de nove anos, o seu pai foi asasinado nun duelo e a súa nai deixouno baixo o coidado dos seus tíos François Buron e Jacques-François Desmaisons que eran uns prósperos arquitectos. Eles aseguráronse de que recibise unha excelente educación no Colexio das Catro Nacións, pero Jacques-Louis David non foi nunca un bo estudante: durante as clases cubría os seus libros con debuxos. Axiña manifestou o seu desexo de ser pintor, pero o desexo da súa nai e os seus tíos era que fose arquitecto.

Finalmente venceu os receos dos seus familiares e foi ao taller de François Boucher, máxima figura da época, así como parente afastado de David. Boucher, nos seus inicios pintor rococó, encontrábase nun período máis clásico da súa pintura e decidiu que en vez de ensinar persoalmente a David, podería envialo baixo a tutelaxe do seu amigo Joseph-Marie Vien que adoptara gustos clásicos fronte ao rococó imperante. Alí David asistiu á Real Academia de Pintura e Escultura, situada no que hoxe é o Louvre.

Entre 1770 e 1774 David tentou gañar catro veces o Premio de Roma, que consistía nunha bolsa para unha estancia de catro anos na Academia Francesa en Roma. Unha delas, de acordo á lenda, perdeuno porque non consultara a Vien, un dos xuíces que outorgaba o premio. Outra, porque outros estudantes estiveran a competir durante anos e Vien pensou que a educación de David podía esperar, non así a desoutros pintores. En protesta, David púxose en folga de fame. Ao quinto intento, en 1774, gáñao finalmente. O máis usual neste caso sería que David tivese asistido a outra academia antes de ir á Academia en Roma, pero a influencia de Vien permitiulle ir directamente alí en 1775, cando Vien foi nomeado director da Academia de Francia en Roma.[1]

Xa en Italia, David puido acceder de primeira man ás obras mestras e ás ruínas da antiga Roma. Encheu multitude de cadernos con numeroso material que utilizaría durante o resto da súa vida. Reuniuse co influente pintor neoclásico Rafael Mengs. A través del, introduciuse nas teorías pioneiras do historiador de arte Johann Joachim Winckelmann.[2] Durante a súa estancia en Roma estudou os grandes mestres, sendo o seu preferido Rafael. En 1779 puido visitar as ruínas de Pompeia, onde quedou impresionado acompañado polo escultor François Marie Suzanne.

Primeiras obras

[editar | editar a fonte]

Os compañeiros de David na Academia encontraron difícil relacionarse con el, pero recoñeceron o seu xenio. Permitíronlle que quedase na Academia Francesa en Roma durante un ano máis, pero despois de cinco anos en Roma, regresou a París.[1] Alí encontrou quen influíse ao seu favor e fixérono membro da Academia Real. Enviou á academia dúas pinturas, incluíndose ambas as dúas no Salón de 1781, unha grande honra. Foi gabado por pintores contemporáneos, pero a administración da Academia Real era hostil a esta estrela nacente.

Despois do salón, o rei permitiulle aloxarse no Louvre, un privilexio antigo e moi desexado dos grandes artistas. Cando o contratista dos edificios reais, M. Pecol, estaba a facer os oportunos arranxos con David, pediulle que casase coa súa filla, Marguerite Charlotte. Este matrimonio proporcionou a David cartos e, co tempo, catro fillos. David tiña alumnos propios, entre 40 e 50, e o goberno encargoulle que pintase Horacio defendido polo seu pai, pero David axiña decidiu: «Só en Roma podo pintar romanos». O seu sogro proporcionoulle o diñeiro que necesitaba para a viaxe, e marchou a Roma coa súa esposa e tres dos seus estudantes, uns dos cales, Jean-Germain Drouais, era o gañador do Premio de Roma dese ano.

En Roma, David pintou o seu famoso Xuramento dos Horacios. Os temas e motivos reiteraríanse en obras posteriores coma O xuramento do Xogo de Pelota e a Distribución das Aguias. Mentres no Xuramento dos Horacios e O xuramento do Xogo de Pelota se resalta a importancia do autosacrificio masculino polo propio país e por patriotismo, a Distribución das Aguias falaría do autosacrificio polo emperador (Napoleón) e a importancia da gloria obtida no campo de batalla.

En 1787, David non se converteu no Director da Academia Francesa en Roma, unha posición que desexaba ardentemente. O conde encargado do nomeamento dixo que David era demasiado novo, pero que o apoiaría ao cabo de 6 a 12 anos. Esta situación sería unha das moitas que fixeron que arremetese contra a Academia en anos futuros.

Para o salón de 1787, David exhibiu a súa famosa Morte de Sócrates. «Condenado a morte, Sócrates, forte, calmado e en paz, discute a inmortalidade da alma. Rodeado por Critón, os seus amigos lamentándose e estudantes, está a ensinar, filosofando, e de feito, agradecendo ao Deus da Saúde, Asclepio, pola infusión de cicuta que lle aseguraría unha morte pacífica. A esposa de Sócrates pode verse lamentándose soa fóra do cuarto, despedida pola súa debilidade. Platón (que non estaba presente cando morreu Sócrates) está representado como un ancián sentado ao final da cama.» Os críticos compararon o Sócrates coa bóveda da Capela Sistina de Michelangelo e as Estanzas de Rafael, e un, despois de dez visitas ao Salón, describiuno como «perfecto en todos os sentidos». Denis Diderot dixo que parecía que o copiara dalgún antigo baixorrelevo. A pintura estaba moi na onda do clima político da época.

Como seguinte pintura, David executou Os lictores levan a Bruto o corpo dos seus fillos. A obra resultaba moi atractiva para a época. Antes da apertura do Salón, comezara a Revolución francesa. Establecérase a Asemblea Nacional e caera a Bastilla. A corte real non quería propaganda axitando o pobo, así que había que comprobar todas as obras antes de que se colgasen. Algúns retratos de xente famosa prohibíronse, como o dun químico que resultaba ser membro dun partido que non gozaba de favor. Cando os xornais relataron que o goberno non permitira que se mostrase Os lictores levan a Bruto o corpo dos seus fillos, o pobo encolerizouse, e os realistas cederon. O cadro colgouse na exposición, protexido por estudantes de arte. A pintura representa a Lucio Xuño Bruto, o líder romano, lamentándose polos seus fillos. Os fillos de Bruto intentaran derrocar o goberno e restaurar a monarquía, así que o pai ordenou a súa morte para manter a república. Así, Bruto resultaba ser o heroico defensor da república, aínda que lle custase a súa propia familia. Á dereita, a nai sostén as súas dúas fillas, e a avoa vese no extremo dereito, angustiada. Bruto séntase á esquerda, só, melancólico, pero sabendo que o que fixo é o mellor para o seu país. Toda a pintura era un símbolo republicano, e obviamente tivo un inmenso significado nestes tempos en Francia.

O xuramento dos Horacios

[editar | editar a fonte]

Tras terse dado a coñecer, o Estado encárgalle que pinte Horacio defendido polo seu fillo, porén David discrepa tanto no título coma nas dimensións, dando lugar ao Xuramento dos Horacios cun gran formato, 330 x 425 cm. Pintada en 1785 e actualmente exposta no Louvre é a obra máis coñecida de David e está considerada coma a obra cume da pintura neoclásica.

A temática da obra é o cumprimento do deber por riba de calquera sentimento persoal. Toma a historia de Tito Livio no período de guerras entre Roma e Alba Longa (668 a.C.). A disputa entre as dúas cidades decídese por un combate infrecuente: os Horacios, trixéminos romanos, contra os Curiacios, trixéminos de Alba. O drama radica no parentesco familiar, xa que unha das irmás dos Horacios, Sabina, estaba prometida cun Curiacio. A pesar disto, e como vemos reflectido na obra, o pai Horacio exhorta os seus fillos á loita.

David sitúa a escena no patio dunha casa. Á esquerda atopamos os fillos e no centro da composición o pai, que é quen realiza a acción principal, o xuramento, obrigándoos ao cumprimento do deber coa patria. E na dereita atopamos as mulleres, vestidas á moda romana.

A través da xestualización e a expresión corporal comunícase connosco. Busca a claridade, de aí o uso das cores apagadas, como mostra de racionalidade. No xuramento das espadas é onde se observa a maior tensión dentro da obra, figuras con moita enerxía que contrastan co desconsolo do grupo das figuras femininas.

O fondo divídese en tres arcos que son os que dividen a escena do primeiro termo, cada grupo enmárcase nun dos arcos laterais, e a figura do pai no central. A arquitectura carece de ornamentación, propia do estilo; por outra banda isto contribúe a resaltar o tema tráxico representado.

David vai compoñer por contraposición, fai que as figuras resalten sobre o fondo, ao mesmo tempo que contrastan entre si, primeiro dentro dos propios grupos, por un lado os Horacios e o pai, este conxunto contraponse co das mulleres, e tódalas figuras contra os arcos do fondo.

A perspectiva céntrase nas mans da figura do pai, que é o que realiza a acción principal do xuramento e sostén as espadas. Seguindo as liñas do pavimento atopamos que o punto de fuga coincide nisto.

Dos tres Horacios, o que está en primeiro plano é o que atrae a mirada do espectador, a lenda di que só un dos irmáns saíu vitorioso da batalla. Os outros dous estenden as mans en dirección á espada; a forza representada nese acto é o seu firme compromiso coa patria. As miradas coinciden co punto de fuga e coa liña de horizonte, onde o máis destacado é o xuramento. Para que esta mensaxe nos chegue de forma clara David suprime todo o accesorio que podería complicar a nosa percepción do tema.

O cadro na época foi acollido pola crítica de forma negativa polas ideas políticas nel representadas.

  1. 1,0 1,1 Lee, Simon. "David, Jacques-Louis." Grove Art Online. Oxford Art Online. 14 de novembro de 2014 <http://www.oxfordartonline.com/subscriber/article/grove/art/T021541>.
  2. Alex Potts, Flesh and the Ideal: Winckelmann and the Origins of Art History (New Haven: Yale University Press, 2000).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]