Moeda de 3 centavos de dólar estadounidense
A moeda de 3 centavos de dólar foi unha moeda deste valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada polas Cecas de Filadelfia e de Nova Orleáns entre os anos 1851 e 1873, inicialmente en prata e posteriormente en cuproníquel.
Historia
[editar | editar a fonte]Moeda de prata (1851-1873)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Moeda de prata de 3 centavos de dólar estadounidense.
3 centavos de prata | |
---|---|
A/: Escudo nunha estrela de seis puntas. Data.
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA |
R/: Valor facial en números romanos dentro dun C estilizado. Arredor, 13 estrelas.
Lenda: III C |
|
En 1851 propúxose a creación dunha moeda de prata con valor facial de 3 centavos de dólar, como consecuencia da rebaixa das tarifas postais de 5 a 3 centavos e para responder á necesidade dunha moeda de baixo valor e de doado manexo.[2]
A moeda foi autorizada pola Lei do 3 de marzo de 1851. Na súa primeira versión, deseñada polo daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, James Barton Longacre, a moeda presentaba no seu anverso un escudo da Unión inserido nunha estrela de seis puntas, e no reverso o valor III en numeración romana, inserido nunha letra C (de cents) estilizada.[1][3][4]
Nun principio, a moeda estaba cuñada nunha aliaxe composta por un 75 % de prata e un 25 % de cobre, con motivo de que fose considerada unha moeda de boa calidade e que ao mesmo tempo non compensase acumulala nin fundila polo seu contido en prata. Tratábase da moeda máis lixeira das cuñadas ata o momento nos Estados Unidos, cun peso de soamente 0,8 gramos e un diámetro de 14 milímetros, máis pequena aínda que o dólar de ouro.[1][3][4][5]
A partir de 1854, o seu contido en prata elevouse ata o 90 %, para favorecer a súa circulación, ao tempo que o seu peso se reduciu a 0,75 gramos, mediante a equivalente mingua do seu espesor.[4] Nese momento realizáronse tamén algúns axustes no seu deseño —que deron lugar ao coñecido como "tipo 2"—, consistentes nunha dobre liña para bordear a estrela do anverso e na adición dunha poliña de oliveira por encima e un feixe de frechas por debaixo dos números romanos do reverso.[3][6]
En 1859 producíronse os derradeiros retoques relevantes no deseño da moeda —"tipo 3"—, ocasionados por problemas na súa cuñaxe: a dobre liña que rodeaba a estrela reduciuse a unha liña simple e o tipo de letra fíxose algo máis alto e lixeiramente máis estreito.[7][3]
A moeda de prata de 3 centavos de dólar cuñouse anualmente entre os anos 1851 e 1873 na Ceca de Filadelfia, e unicamente no seu primeiro ano se produciu tamén na Ceca de Nova Orleáns.[8] Os últimos anos, a súa tiraxe foi moi pequena, ata o punto de que a emisión de 1873 foi exclusivamente de 600 exemplares con acabamento proof —fondo espello e relevo mate— para os coleccionistas. Desde 1865 coexistiu coa emisión en cuproníquel do mesmo valor, que tiña tiraxes moito máis amplas. Finalmente, a Lei da Moeda de 1873 determinou a cancelación da versión en prata dos 3 centavos, do mesmo xeito que outras moedas, como a de 5 centavos de prata (half dime) ou a de 2 centavos de bronce, e suspendeu a produción do dólar estándar en favor do dólar de comercio.[3][9]
-
Tipo 2. Reverso.
-
Tipo 3. Reverso.
Moeda de cuproníquel (1865-1889)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Moeda de níquel de 3 centavos de dólar estadounidense.
3 centavos de cuproníquel [12] | |
---|---|
A/: Cabeza coroada da Liberdade cara á esquerda. Data.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA (LIBERTY (na coroa) |
R/: Valor facial en números romanos dentro dunha coroa vexetal.
Lendas: III |
|
A escaseza de prata como consecuencia da guerra civil dos Estados Unidos provocou un acaparamento xeneralizado de todas as moedas deste metal, así como doutras como a dun centavo e a de cinco centavos,[5][13] e o Estado viuse obrigado a utilizar selos postais e a emitir un papel moeda provisional coñecido como "moeda fraccionaria", en substitudión das moedas dos valores faciais máis baixos. Mais estes billetes non resultaron populares, xa que se deterioraban doadamente e eran de difícil manexo en cantidades grandes.[14]
A resposta a este problema chegou en 1965, cando o 3 de marzo se aprobou un proxecto de lei polo que se introdución dunha nova moeda de 3 centavos cuñada en cuproníquel, unha aliaxe do 75 % de cobre e o 25 % de níquel, que se produciu nun tamaño algo máis grande que a súa antecesora de prata.[15] Esta moeda reproducía no seu anverso unha cabeza da Liberdade, en tanto que para o reverso recuperaba a expresión do valor facial en números romanos, aínda que cun aspecto diferente. Este deseño mantívose inalterado durante toda a vida da moeda.[12][13]
Os 3 centavos de cuproníquel non se concibiron con vocación de permanencia no sistema, senón como unha medida provisional ata que cesase o acaparamento provocado polo tempo de guerra. En 1865 —o primeiro ano de produción— cuñáronse máis de 11 millóns de exemplares e ata 1870 as tiraxes seguiron superando o millón de pezas, mais a partir desta data comezaron a descender, ata que a moeda foi abolida en 1889.[13] Unha das razóns que se aducen adoito para explicar esta cancelación é que a moeda de 10 centavos (dime) tiña un diámetro idéntico, o que inducía á confusión. Outro factor pode ser o feito de que en 1883 a taxa de franqueo do Servizo Postal baixou de 3 a 2 centavos, o que facía menos necesaria unha moeda dese valor.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "3 Cents type 1". Numista.com
- ↑ "The Unusual Journey of the Three Cent Silver Coin Arquivado 29 de novembro de 2022 en Wayback Machine.". En Coin Week. 6 de xuño de 2019.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Silver Three Cent Pieces". Threecentsilvers.com
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Composition and Specifications". Threecentsilvers.com
- ↑ 5,0 5,1 "Can you spare a trime? 3-cent silver coins popular with collectors". En Monthly. 1 de marzo de 2018. CDN Publishing.
- ↑ "3 Cents type 2". Numista.com
- ↑ "3 Cents type 3". Numista.com
- ↑ "Silver Three Cents. 1851 O 3CS MS". Numismatic Guaranty Company.
- ↑ Wells, J. (2015). "Numismatic History: Crime of 1873 Creates Coinage Chaos Arquivado 29 de novembro de 2022 en Wayback Machine.". En Coin Week. 12 de xuño.
- ↑ "3 Cents type 2". Numista.com
- ↑ "3 Cents type 3". Numista.com
- ↑ 12,0 12,1 "3 Cents "Three Cent Nickel"". Numista.com
- ↑ 13,0 13,1 13,2 "Nickel Three Cent Pieces". Threecentnickel.com
- ↑ Spaulding, E. G. (1869). History of the Legal Tender Paper Money issued during the Great Rebellion. Express Printing Co., Buffalo. Páxinas 165-166.
- ↑ "Composition and Specifications". Threecentnickel.com
- ↑ "The Three-Cent Piece". En The New York Times. 2 de setembro de 1883.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda de 3 centavos de dólar estadounidense |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Breen, W. (1988). Walter Breen's Complete Encyclopedia of U.S. and Colonial Coins. Doubleday, Nova York. ISBN 978-0-385-14207-6
- Lange, D. W. (2006). History of the United States Mint and its Coinage. Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-1972-9
- Q. David Bowers (1988). United States Three-Cent and Five-Cent Pieces: An Action Guide for the Collector and Investor. Bowers and Merena, Wolfeboro. ISBN United States Three-Cent and Five-Cent Pieces
- Taxay, D. (1983) [1966]. The U.S. Mint and Coinage. Sanford J. Durst Numismatic Pub., Nova York. ISBN 978-0-915262-68-7
- Vermeule, C. (1971). Numismatic Art in America. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-62840-3
- Yeoman, R. S. (2017). A Guide Book of United States Coins (The Official Red Book) (71ª ed.). Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-4506-3
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Moeda de prata de 3 centavos de dólar estadounidense
- Moeda de níquel de 3 centavos de dólar estadounidense
- Moedas do dólar estadounidense
- Casa da Moeda dos Estados Unidos
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Silver Three Cent Pieces (Threecentsilvers.com)
- Nickel Three Cent Pieces (Threecentnickel.com)