James B. Longacre
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de agosto de 1794 Condado de Delaware, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 1 de xaneiro de 1869 (74 anos) Filadelfia, Estados Unidos de América |
Lugar de sepultura | The Woodlands (en) |
Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos | |
1844 – 1869 ← Christian Gobrecht – William Barber → | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Estados Unidos de América |
Ocupación | pintor, gravador, medallista |
Xénero artístico | Retrato |
Familia | |
Parentes | Lydia Eastwick Longacre, neta |
James Barton Longacre, nado o 11 de agosto de 1794 no condado de Delaware, Pensilvania, e finado o 1 de xaneiro de 1869 en Filadelfia, foi un retratista, gravador e deseñador de moedas estadounidense, que ocupou o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1844-1869).[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes e carreira como retratista (1794-1844)
[editar | editar a fonte]James Barton Longacre naceu nunha granxa do condado de Delaware, en Pensilvania, o 11 de agosto de 1794. A súa nai, Sarah Burton, morreu ao pouco tempo e o seu pai, Peter Longacre, descendente dos primeiros colonos suecos en Norteamérica, casou novamente.[3][4] James non aceptou esta nova situación e, como consecuencia, abandonou a familia aos 12 anos e procurou un traballo na cidade de Filadelfia. Inicialmente exerceu como aprendiz nunha libraría, cuxo propietario o acolleu na súa familia. O libreiro, John E. Watson, decatouse axiña da habilidade de Longacre para o retrato e deixoulle liberdade para a súa creación artística, e mesmo comercializou algúns dos seus retratos na libraría.[5][6]
Máis tarde, James Longacre pasou a ser aprendiz de George Murray, director da compañía de gravado Murray, Draper, Fairman & Co., tamén en Filadelfia.[7] Este negocio derivaba doutro anterior establecido por Robert Scot, o primeiro gravador xefe da Casa da Moeda de Filadelfia. Nesta compañía, Logacre estivo ata 1819 facendo gravados de retratos de personaxes como George Washington, Thomas Jefferson e John Hancock, algúns dos cales foron colocados nunha reprodución facsimilar da Declaración de Independencia dos EEUU. Na mesma empresa coincidiu, entre 1816 e 1819, con Christian Gobrecht, que máis adiante sería o segundo gravador xefe da Ceca de Filadelfia.[6][8]
Os traballos de Logacre proporcionáronlle boa sona como gravador e retratista e, en 1819, estableceu o seu propio negocio na mesma cidade.[6]
A primeira encarga relevante que Longacre acadou nesta nova etapa foron unhas pranchas para a Encyclopedia (1820) de S. F. Bradford. No mesmo ano, logrou moita aceptación popular un gravado do xeneral Andrew Jackson feito por Longacre a partir dun retrato a cargo de Thomas Sully. En 1826 levou a cabo unha serie de retratos de actores da época no desempeño dos seus papeis, para seren publicados en The American Theatre.[9] Na mesma década de 1820, encomendóuselle a Longacre o gravado das ilustracións para as biografías dos asinantes da Declaración de Independencia, que John Sanderson foi publicando en nove volumes entre 1820 e 1827. Esta serie biográfica recibiu numerosas críticas polos seus textos, mais non así polas súas ilustracións. De feito, o escritor numismático Richard Snow suxire que estas publicacións acadaron un bo nivel de vendas grazas á calidade do traballo de Longacre.[10]
Logo da experiencia da súa participación na serie de Sanderson, Longacre propúxose editar a súa propia serie de biografías ilustrada con láminas dos seus protagonistas. Cando levaba xa investidos 1.000 dólares neste proxecto coñeceu que James Herring estaba a desenvolver unha serie similar na cidade de Nova York. En outubro de 1831, escribiulle unha carta a Herring e, a partir deste contacto, ambos acordaron traballar xuntos para sacar á luz a serie The American Portrait Gallery, posteriormente denominada National Portrait Gallery of Distinguished Americans, que se publicou en catro volumes entre 1834 e 1839. Aínda que Herring era tamén artista, o groso do traballo artístico desta serie recaeu en Longacre, que tivo que viaxar por todos os EEUU e coñeceu a personalidades da política e da sociedade da súa época, entre eles o presidente e varios expresidentes.[11] En xullo de 1832, a popular revista da época Niles' Register describiu estes gravados de Longacre como "unha das mellores mostras do avance estadounidense na arte".[9]
Volume I | 1834 | Ver en liña | ||
Volume II | 1835 | Ver en liña | ||
Volume III | 1836 | Ver en liña | ||
Volume IV | 1839 | Ver en liña |
En 1827, Longacre casou con Eliza Stiles, e entre o ano seguinte e 1840 naceron os seus tres fillos e dúas fillas.[2] As vendas da serie de biografías decreceran notablemente por mor do Pánico de 1837 e Longacre viuse na obriga de se declarar en creba, e comezou a viaxar polos estados do Sur e do Medio Oeste vendendo os seus libros de vila en vila, en tanto que a súa muller e a súa filla máis vella administraban os envíos e as finanzas desde a súa casa. En 1837 decidiu regresar a Filadelfia, onde abriu cuns socios a empresa de gravado de billetes Toppan, Draper, Longacre & Co.[11] A grande demanda de papel moeda por parte dos bancos estatais fixo prosperar a empresa, que á parte da súa sede central en Filadelfia abriu unha sucursal en Nova York.[9] Segundo Richard Snow, Longacre era coñecido nesa época como o mellor gravador do país.[12]
Gravador xefe da US Mint (1844-1869)
[editar | editar a fonte]Nomeamento
[editar | editar a fonte]O falecemento de Christian Gobrecht en xullo de 1844 deixou vacante o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos. Entre os que estaban como candidatos a sucedelo figuraban o gravador de billetes de Filadelfia Charles Welsh, e tamén Allen Leonard, quen xa fora autor dunha medalla emitida pola US Mint dedicada ao expresidente John Quincy Adams. No entanto, grazas á influencia do senador e exvicepresidente John C. Calhoun, Longacre foi o elixido para o posto.[13]
Longacre foi nomeado interinamente polo presidente John Tyler o 16 de setembro de 1844.[9] A provisionalidade do nomeamento debeuse a que este precisaba a confirmación do Senado. Non foi ata o 17 de decembro dese mesmo ano cando o presidente Tyler enviou a esta cámara o nomeamento de Longacre, para a súa tramitación, que finalmente foi formalmente ratificada o 7 de xaneiro de 1845.[14] En opinión do numismático David Lange, a Longacre agradáballe a súa chegada a este posto nun momento en que o traballo dos gravadores se reducira grazas á aparición da fotografía por daguerrotipo.[15]
Para o numismático Q. David Bowers, logo do seu nomeamento como gravador xefe, Longacre "descubriu que entrara nun niño de intrigas, política e loitas internas dominado por Franklin Peale, xefe de cuñaxe desde 1839". Peale utilizaba persoal da ceca pública para traballar na súa residencia privada e ademais tiña un negocio paralelo, preparando cuños para a cuñaxe de medallas por parte de compañías privadas utilizando os recursos da US Mint.[9][16] Peale controlaba o acceso aos cuños e aos materiais, e era moi próximo ao director da ceca, Robert M. Patterson; máis tarde demostrouse que ambos estiveran subtraendo metais preciosos dos depósitos de lingotes, coa complicidade doutros funcionarios da Casa da Moeda de Filadelfia.[17][18][19] Walter Breen, no seu extenso volume sobre as moedas estadounidenses, suxire que o director, Patterson, estaba resentido con Longacre por mor do patrocinio por parte do senador Calhoun para que este fose nomeado gravador xefe.[20]
Etapa de Patterson e Peale (1844-1853)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Robert M. Patterson.
- Artigo principal: Franklin Peale.
Durante os primeiros anos de Longacre como gravador xefe non se precisaron deseños orixinais para novas moedas. O seu predecesor, Gobrecht, xa redeseñara todos os valores das moedas circulantes nos Estados Unidos entre os anos 1835 e 1842, polo que Longacre tivo tempo suficiente para aprender as peculiaridades da arte da produción de cuños para cuñaxe de moeda, que non precisara na súa anterior etapa como gravador de obra impresa. As súas novas competencias ían desde o deseño das moedas ata o gravado das matrices para a produción dos cuños.[12] O seu labor anterior, no sector privado, consistira na marcaxe de liñas en placas de cobre que despois se utilizaban nas reproducións na imprenta.[21] En relación con isto, en agosto de 1845, o director da ceca, Patterson escribiulle unha carta ao secretario do Tesouro, Robert J. Walker, na que dicía que Longacre era "un home de excelente carácter, moi respectado nesta comunidade, con certa notoriedade como gravador de cobre, mais non un gravador de cuños". En decembro do mesmo ano, nunha nova carta a Walker, Patterson afirmaba xa que Longacre tiña "máis gusto e mellor criterio para producir instrumentos para unha cuñaxe mellorada que os seus predecesores" e continuaba dicindo que era "bastante competente para elaborar os modelos necesarios a partir dos debuxos". O investigador Don Taxay atribúe estes eloxios de Patterson a Longacre ao feito de que Allen Leonard seguía a postularse para o posto de gravador xefe.[22]
Nas primeiras moedas cuñadas pola US Mint no período de Longacre como gravador xefe pódense apreciar numerosos erros, como é o caso do medio dólar de 1844 cuñado na Ceca de Nova Orleáns (1844-O), que aparece coa data duplicada, ou o medio dólar de 1846 co número 6 superposto a outro que orixinariamente se gravara en posición horizontal. Q. David Bowers postula que é probable que Longacre delegase ese labor, aínda que en 1849 escribiu que o seu quefacer diario consistía precisamente en gravar as datas nos cuños.[23] Tom DeLorey sinala, a este respecto, que era frecuente que Peale e outros traballadores do departamento de cuñaxe modificasen os cuños sen consultar co departamento de gravado, encabezado por Longacre, e atribúe a Peale a responsabilidade destes erros.[24]
Malia as tensións existentes entre os membros da Ceca de Filadelfia, Longacre foi quen de evitar o conflito con Patterson e con Peale ata marzo de 1849, cando o Congreso autorizou a emisión de dúas novas moedas de ouro, con valores dun dólar e de 20 dólares. Patterson consideraba que a pertenza de Longacre ao cadro da Ceca de Filadelfia supuña un obstáculo para o negocio paralelo das medallas por parte de Peale, e manifestou a súa disconformidade con que o gravador xefe se responsabilizase do gravado dos cuños para as novas moedas.[20] Segundo Richard Snow, "ter un gravador xefe ético ameazaba os seus negocios paralelos". O conflito xurdiu pola necesidade de utilizar un torno para o gravado de retratos que necesitarían tanto Longacre, para as novas moedas, como Peale, para o seu negocio privado das medallas. Cando Longacre se queixou de que Peale estaba a monopolizar o uso deste dispositivo, este último tomou a determinación de boicotear o traballo de Longacre coas novas moedas e mesmo de intentar que fose destituído do seu posto.[18]
A principios de 1849, consonte unha carta escrita por Longacre o ano seguinte, un funcionario da ceca advertiuno de que outro membro da casa (necesariamente Peale) estaba a intentar que os traballos de gravado se encargasen a gravadores externos á casa da moeda, o que implicaría que o posto que ocupaba Longacre non sería necesario. O gravador externo que se estaba a considerar para lle encomendar estes labores era o francés Louis Bouvet, a quen Patterson xa lle encargara anteriormente o deseño dunha moeda de cinco dólares de ouro que, finalmente, non fora adoptada. A postura de Longacre ante esta información foi centrarse, durante gran parte de marzo de 1849 na preparación dos cuños para o novo dólar de ouro, e mesmo lle esixiu a Patterson que reforzase o cadro do departamento para lle prestar axuda, aínda que o director estaba xa disposto a subcontratar o servizo, coa clara oposición de Longacre, que nese caso non tería autoridade para supervisar un traballo realizado fóra da casa da moeda. O gravador xefe, malia as circunstancias, continuou co seu traballo nos cuños do dólar ata finais de 1849, para o que contou coa colaboración do axudante de gravado Peter Filatreu Cross. Acerca deste conflito con Peale e co director da institución, Longacre escribiu o seguinte:[25]
O plan de operacións que elixín foi ter un molde de electrotipo do meu modelo, en cobre, para que servise de matriz para unha fundición en ferro. As operacións da pila galvánica para este propósito leváronse a cabo no departamento do xefe de cuñaxe. O proceso galvánico fallou na operación. No entanto, eu tomara a precaución de facer un molde en xeso [...] Deste molde, como única alternativa, obtiven un metálico que, así e todo, non era perfecto; pero pensei que eu debería ser quen de corrixir as imperfeccións no gravado do cuño [...] isto foi unha tarefa laboriosa, pero completeina no momento oportuno, totalmente á man. Logo o cuño tivo que ser endurecido no departamento de cuñaxe; por desgraza, fendeu neste proceso.
Cando Longacre rematou os cuños da moeda de 20 dólares, estes foron rexeitados por Peale, argüíndo que o deseño estaba gravado con excesiva profundidade como para quedar perfectamente impreso nas moedas, e tamén que as moedas producidas non se poderían amorear adecuadamente. Taxay, pola contra, indica que do exame dun exemplar hoxe conservado daquel cuño se desprende que non presentaba ningún dos devanditos problemas.[26] Peale queixouse ante Patterson, quen o 25 de decembro de 1849 lle escribiu ao secretario do Tesouro, William M. Meredith, para lle solicitar o cesamento de Longacre, alegando que non podería producir os cuños adecuados. Patterson chegou a prometerlle o posto ao gravador Charles Cushing Wright, para despois de que Longacre fose destituído. Longacre obxectou a Patterson que Peale estaba a demorar a aceptación dos cuños da moeda de 20 dólares; o director non lle contestou por escrito, mais reuniuse con el para lle comunicar que a dirección decidira prescindir del e para lle pedir que formalizase a súa renuncia o antes posible. Lonxe de aceptar, Longacre, viaxou a Washington o 12 de febreiro de 1850, onde se reuniu con Meredith, o secretario do Tesouro; alí descubriu que os informes que a dirección lle enviara contiñan mentiras acerca do seu labor na casa da moeda, que tivo que aclarar ante o secretario.[27][28] Segundo Snow, Longacre non procurou represalias, senón que se conformaba con poder desenvolver o seu traballo na ceca con tranquilidade.[29] Finalmente a moeda de 20 dólares entrou en produción en marzo de 1850, aínda que Patterson seguiu a queixarse de que a cuñaxe non se producía adecuadamente.[30] Esta nova moeda converteuse axiña na forma preferida pola poboación para acumular ouro e nos anos seguinte cuñouse máis ouro nesta moeda que en todas as moedas de ouro restantes.[23]
Patterson volveu escribir para solicitar a destitución de Longacre, o 1 de abril de 1850, alegando que se trataba dunha decisión tomada polo presidente, Zachary Taylor. Malia estes intentos, o gravador xefe mantivo o seu posto.[30] Ese mesmo ano produciuse o falecemento da súa esposa.[29]
Os oficiais da casa da moeda enfrontáronse novamente en 1851, logo de que o Congreso autorizase a emisión dunha nova moeda de prata de tres centavos. Longacre preparou un deseño que amosaba unha estrela nunha face e o número romano III na outra, que inicialmente gañou a aprobación de Patterson. Peale, no entanto, convenceu a Patterson de que cambiase de opinión e de que o autorizase a el mesmo para propor un deseño alternativo, copiando elementos dun deseño previo realizado por Gobrecht en 1836. Este problema foille presentado ao novo secretario do Tesouro, Thomas Corwin, quen finalmente escolleu o deseño de Longacre, que tomara a precaución de enviarlle unha carta cunha explicación do seu deseño.[31]
En xullo de 1851, Patterson xubilouse e o presidente Millard Fillmorer nomeou no posto de director da US Mint a Thomas Eckert.[32] O negocio privado das medallas de Peale sufriu un forte revés co novo equipo directivo e logo do falecemento dalgúns dos membros da ceca que consentían a súa actividade.[9][16] En 1854, un novo director da Casa da Moeda dos EEUU, James Ross Snowden, despediu a Peale logo de quedar demostrado que este utilizara man de obra da ceca en beneficio privado.[33] Cos seus rivais fóra da institución, o futuro de Longacre na US Mint mellorou notablemente.[34]
-
Idem. (R/).
-
Idem. (R/).
-
Idem. (R/).
Madureza como deseñador (1853-1863)
[editar | editar a fonte]Ante o aumento do prezo da prata, o Congreso acordou en 1853 rebaixar á metade o contido dese metal das moedas de cinco e de dez centavos, así como das dun cuarto e das de medio dólar. Daquela, pedíuselle a Longacre que modificase os deseños en circulación realizados por Gobrecht, para poder diferenciar con claridade as novas moedas das vellas. Logacre propuxo a inclusión duns raios arredor da aguia heráldica do reverso do cuarto e do medio dólar, xunto cunhas puntas de frecha ás beiras da data; en tanto que para os valores máis pequenos só se incluirían as frechas na data. As propostas de Longacre foron aceptadas.[38] Porén, como a presenza dos raios acurtaba a vida útil das moedas dun cuarto e de medio dólar, unicamente se incluíron na tiraxe de 1853;[39] pola súa banda, as puntas de frecha nas moedas de cinco e de dez centavos mantivéronse ata 1855.[40]
En 1853, o Congreso autorizou a emisión dunha nova moeda de ouro de tres dólares. Nun apuntamento achado entre os seus papeis, Longacre deixou constancia de que a súa tarefa consistía en facer que esta nova moeda se distinguise o máis doadamente posible da xa existente de 2,50 dólares. Como resultado, escolleu para o anverso da moeda a cabeza dunha princesa nativa norteamericana, o que, unido ao seu menor grosor, cumpría o propósito de singularizala con respecto á outra moeda, de valor próximo.[41] Naquel momento, era habitual recorrer a unha muller nativa americana como personificación nacional dos Estados Unidos na arte.[42] O deseñador xefe escribiulle unha carta a Snowden, o director da ceca, na que recoñecía que esta moeda de 3 dólares, que entrou en produción en 1854, fora a primeira da súa carreira na que se lle concedera unha total liberdade á hora de deseñala.[43] Pola súa banda, a moeda dun dólar de ouro foi modificada no mesmo ano para a facer máis delgada e máis ancha, e Longacre fixo unhas lixeiras modificacións da súa muller nativa para a incluír tamén nesa moeda.[44][41] Para o reverso destas moedas, Longacre deseñou unha coroa de trigo, millo e tabaco, mesturando produtos agrícolas do Norte e do Sur; este deseño tamén foi aproveitado para a nova moeda dun centavo creada por Longacre en 1856.[39] Posteriormente, esta coroa volveu utilizarse nos dez centavos a partir de 1860 e converteuse no derradeiro vestixio dos deseños de Longacre na moeda circulante nos Estados Unidos, ata o abandono da moeda de dez centavos da serie Barber en 1916.[45][46]
A mediados da década de 1850, o Departamento da Mariña dos EEUU contratou a Longacre para o deseño dunha medalla que se lle entregaría ao capitán Duncan Ingraham. Longacre deseñou as imaxes do anverso e do reverso desta medalla, que contou con Peter F. Cross como gravador.[47] Cando o Departamento do Tesouro tivo coñecemento de que a Mariña lle pagara a Longacre 2.200 dólares por esta encarga, requiriuno para que os devolvese, amparándose nunha lei federal que prohibía este tipo de compensacións económicas a un empregado público.[48] Esa medalla, xunto coas deseñadas para a Comisión de Ensaios en 1860, 1861 e 1867, foron as únicas creadas por Longacre para organismos gobernamentais dos EEUU.[49][50][51]
Logo do aumento dos prezos das materias primas, a casa da moeda decidiu substituír o centavo de cobre por unha versión máis pequena. A partir de 1850, comezaron a producirse varias cuñaxes de proba, na procura da máis adecuada para ser adoptada.[52] De entre a grande diversidade de propostas, a de Logacre estaba baseada na imaxe dunha aguia en voo para os anversos, inspirada na que Gobrecht utilizara no seu dólar de 1836.[53]
A proposta de Longacre foi a adoptada, e no reverso colocouse a coñecida coroa de cereais que el mesmo deseñara con anterioridade para outras moedas. No entanto, as dificultades para a cuñaxe ocasionadas pola coincidencia de determinados trazos no deseño do anverso e no reverso da moeda fixeron que en 1859 se substituíse por un novo modelo, tamén da súa autoría, caracterizado pola presenza dun nativo norteamericano no anverso, cunha coroa de pólas de oliveira como motivo do seu reverso. O ano seguinte, esta coroa modificouse para substituír estas pólas por outras de carballo e engadiuse un pequeno escudo.[54][55] Aínda que a autoría deste reverso se lle atribúe xeralmente a Longacre, Snow especula que podería ser obra do seu gravador asistente, Anthony C. Paquet.[53]
Guerra civil e derradeira etapa
[editar | editar a fonte]A guerra civil estadounidense trouxo consigo inestabilidade económica que provocou a redución da masa de moeda en circulación, e o papel moeda, os selos postais e as fichas privadas ocuparon ese baleiro. Moitas desas fichas tiñan o tamaño dun centavo, aínda que eran máis delgadas e estaban feitas de bronce, e non de cobre. As autoridades monetarias decatáronse axiña do éxito que estaban a acadar estas moedas en circulación e optaron por regular a creación dunha nova moeda dun centavo de bronce con carácter oficial O deseño da cabeza do indio de Longacre mantívose para os centavos cuñados na nova aliaxe monetaria e a partir de 1864 comezouse a gravar a letra L sobre o toucado.[61][62]
A mesma lei pola que se aprobou este novo centavo determinou tamén a cuñaxe dunha moeda de dous centavos. Longacre foi tamén o encargado do deseño desta moeda, e el mesmo a consideraba "unha composición particularmente atractiva", polas frechas e as coroas de loureiro que flanqueaban o escudo do anverso.[61][62] Pola contra, en opinión do historiador da arte Cornelius Vermeule, os elementos do deseño "só precisan un canón flanqueante para ser a expresión consumada da heráldica da guerra civil".[63] O secretario do Tesouro, Salmon P. Chase, era partidario de que se colocase na moeda unha mención á fe en Deus que caracterizaba a nación en tempos de guerra e, en tal sentido, escribiulle unha carta ao daquela director da casa da moeda, James Pollock, na que lle indicaba: "Elabore un dispositivo sen demoras innecesarias cun lema expresado coa menor cantidade de caracteres posible, deste recoñecemento nacional". Logo de barallar diversos lemas, entre eles God Our Trust ("Deus a nosa confianza") e God and Our Country ("Deus e o noso país");[64] porén, esta moeda de dous centavos creada por Longacre é a primeira que luciu o lema In God We Trust ("En Deus confiamos"), característico da moeda estadounidense ata os nosos días.[61]
Da composición dos novos centavos retirárase o níquel, coa oposición do industrial de Pensilvania Joseph Wharton, quen tiña moitos intereses comercias neste metal; o seu representante no Congreso, Thaddeus Stevens, defendera a súa postura loitando contra a aprobación da lei.[65] En 1864, Wharton publicou un opúsculo no que avogaba por que na cuñaxe de todas as moedas de valor inferior aos 10 centavos se utilizase unha aliaxe de cobre e níquel con, polo menos, un 25% deste último.[66] En marzo de 1865, o Congreso aprobou a creación dunha nova moeda de tres centavos composta por esa aliaxe. Longacre dispuxo a figura da cabeza da Liberdade para esa nova moeda, que se asemella ás súas outras representacións desa deusa, que utilizara en varias ocasións nos 16 anos anteriores. Para os reversos utilizou a coroa de loureiro do centavo de 1859, que rodea o número romano III, tomado, pola súa vez, da anterior moeda de prata co mesmo valor.[67]
Wharton e outros industriais que seguían a promover o uso do níquel na cuñaxe continuaban a mover as súas influencias no congreso e en 1866 obtiveron a autorización para a introdución dunha nova moeda de cinco centavos cunha aliaxe de cobre e níquel (cuproníquel). Longacre preparou para ela varios deseños, e Pollock seleccionou de entre eles para o anverso o dun escudo similar ao da moeda de dous centavos, e para o reverso un círculo estrelado co número 5 no interior. A nova moeda entrou en produción ese mesmo ano.[68]
En 1865 o Congreso requiriu a inscrición do lema In God We Trust ("En Deus confiamos") en todas as moedas do tamaño suficiente como para levalo, e en 1866 Longacre engadiu este lema a todas as moedas de prata de tamaño superior ás de dez centavos e en todas as de ouro superiores á de tres dólares. Do mesmo xeito, 1867 fixo esa modificación na moeda de cinco centavos de cuproníquel.[69] En 1865, Longacre contratou o gravador de orixe británica William Barber como axudante; William H. Key tamén foi nomeado asistente en 1864 e permaneceu no cadro da ceca logo da morte de Longacre.[70]
Algunhas das moedas que desapareceron da circulación durante a guerra civil exportáronse a América do Sur. Continuaron utilizándose no comercio chileno porque a poboación dese país atopaba a súa propia moeda máis feble en comparación coas estadounidense. En febreiro de 1866, o Goberno chileno solicitou ao seu representante en Washington que contactase co Departamento de Estado co fin de obter autorización para facer os cuños da súa moeda nos Estados Unidos. A Administración de Andrew Johnson amosouse favorable a prestar este servizo e o secretario do Tesouro, Hugh McCulloch, entregou aos representantes chilenos unha carta de presentación para Longacre, quen foi contratado polos chilenos para redeseñar cinco pezas de prata e catro de ouro. Logo dalgunhas disensións entre McCulloch e Pollock acerca da legalidade de que se puidese utilizar unha institución do Estado para obter beneficios privados, finalmente acordouse que Longacre podería realizar este traballo por unha cantidade de 10.000 dólares, coa condición de que contratase un gravador externo para facer parte do labor baixo a súa supervisión; Longacre escolleu a Anthony C. Paquet, un dos seus antigos axudantes.[71] Finalmente, o 17 de xuño de 1867 estiveron listos os cuños cos novos deseños das moedas chilenas de ouro e de prata, que se mantiveron en uso durante as tres décadas seguintes.[72] Este non foi o único traballo de Longacre para outros países; xa en 1855 fora o encargado de elaborar os cuños para unhas serie completa de moedas para Perú, da que se cuñaron as correspondentes probas. Aquela fora foi a primeira vez que a Ceca de Filadelfia realizaba unha cuñaxe por encarga dun país estranxeiro.[73]
En 1867, Longacre propuxo o uso do aluminio nas moedas estadounidenses, aínda que a súa proposta foi rexeitada por mor da gran flutuación tanto da oferta como do prezo deste metal.[74] En 1868, os intereses do industrial Wharton fixeron que se valorase a súa idea de converter a moeda de dez centavos de prata nunha moeda de cuproníquel, así como modificar as aliaxes doutras moedas dos valores inferiores. Aínda que estes proxectos foron tamén abandonados, debido que a moeda de dez centavos tería que ser, nese caso, dun tamaño demasiado grande como para ser cuñada coa calidade e a resistencia suficientes, coñécense algunhas probas de Longacre, cun tamaño próximo ao da moeda de medio dólar. Neste último ano da súa vida traballou tamén no regravado dos cuños da serie de moedas de ouro en circulación, e mesmo chegou a completar o da moeda de 10 dólares, a finais do ano.[69]
-
Idem. (R/).
-
Idem. (R/)
-
Idem. (R/)
Morte e legado
[editar | editar a fonte]James Longacre faleceu subitamente aos 74 anos na súa casa de Filadelfia o 1 de xaneiro de 1869.[72][80] O 5 de xaneiro tivo lugar unha reunión na súa homenaxe na Casa da Moeda de Filadelfia, á que asistiron os empregados da entidade. No acto, pronunciaron senllos discursos laudatorios o daquela director da institución, Henry Linderman, e o gravador axudante, William Barber, que sería designado como sucesor de Longacre na xefatura do departamento de gravadores.[81][82] Do mesmo xeito que todos os seus antecesores, Longacre morreu no exercicio do seu cargo.[70]
Décadas máis tarde, a figura de Longacre foi recoñecida mediante unha exposición de gravadores estadounidenses patrocinada pola Biblioteca Pública de Nova York en 1928. En 1970, o historiador da arte Cornelius Vermeule, na súa obra acerca das moedas dos EEUU, amosa unha visión diferente de Longacre, a quen consideraba "uniforme no seu fastío, con falta de inspiración e mesmo de singularidade"; para este crítico, "tanto as probas como as cuñaxes regulares foron un decidido paso cara a atrás desde a arte de Sully, Peale e Gobrecht, [...] e, independentemente das súas calidades previas como gravador de retratos, non achegou moita imaxinación ao seu importante posto na Ceca de Filadelfia.[83] No entanto, Vermeule considerou o centavo da "aguia voadora" como unha verdadeira obra de arte, moi por riba do ordinario.[84]
No seu artigo de 1991, McKenzie faise eco das apreciacións de Vermeule, mais considera que a figura de Longacre é importante polo uso que fai dos símbolos dos Estados Unidos, incluídas as súas representacións de persoas das razas nativas americanas. Para el, o uso deses símbolos exerceu influencia nos deseñadores de moeda posteriores, como George T. Morgan, Brenner e Saint-Gaudens. McKenzie salienta en particular o pergameo do reverso da moeda de ouro de 20 dólares, "único na arte numismática estadounidense, que realza a elegancia dun deseño acorde coa moeda de maior valor facial dos EEUU", e aplaude tamén "o emocionante anovamento no simbolismo e na expresión do sentimento de nacionalidade que lle achegou á arte numismática estadounidense".[85]
Para Q. David Bowers, "hoxe, Longacre é amplamente admirado entre os numismáticos".[48] David Lange salienta que "a visión artística de Longacre honrou 60 anos de moedas dos EEUU".[15] E en palabras de Richard Snow:[86]
A vista da admiración que Saint-Gaudens, Vermeule e outros tiñan polo deseño "reciclado" de Longacre, tomado de Gobrecht, e o entusiasmo que os coleccionistas de moedas teñen hoxe polos centavos da "aguia voadora", quizais sexa mellor que non teña creado ningún outro motivo na década de 1850 na casa da moeda, cando se fixeron experimentos para eliminar o voluminoso centavo de cobre.
James Barton Longacre foi soterrado no cemiterio Woodlands, de Filadelfia.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "James B. Longacre. US Coin Chief Engraver and Designer". USA Coin Book.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "James Barton Longacre". Find a Grave.
- ↑ "James Barton Longacre". Prabook.com
- ↑ History of the Longacre-Longaker-Longenecker Family. Lutheran Publication Society, Filadelfia. 1902. Páxina 75.
- ↑ "Chief engraver of the U.S. Mint: James B. Longacre". Coin Collecting. 27 de abril de 2021.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Snow, R. (2009). Páxina 219.
- ↑ Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 55-56.
- ↑ Smith, P. (2012). Páxina 133.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 56.
- ↑ Snow, R. (2009). Páxina 219-220.
- ↑ 11,0 11,1 Snow, R. (2009). Páxina 220-221.
- ↑ 12,0 12,1 Snow, R. (200 9). Páxina 221.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxinas 204-205.
- ↑ Journal of the Executive Proceedings of the Senate... Páxinas 361, 375.
- ↑ 15,0 15,1 Lange, D. W. (2006). Páxina 90.
- ↑ 16,0 16,1 Taxay, D. (1983). Páxina 183.
- ↑ Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 5 6-57.
- ↑ 18,0 18,1 Snow, R. (2009). Páxina 222.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxinas 205-206.
- ↑ 20,0 20,1 Breen, W. (1988). Páxina 476.
- ↑ DeLorey, T. (1985). Páxina 1.970.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxina 205.
- ↑ 23,0 23,1 Bowers, Q. D. (2001). Páxina 78.
- ↑ DeLorey, T. (1985). Páxina 1.971.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxinas 206-207.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxina 207.
- ↑ Snow, R. (2009). Páxinas 222-223.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxinas 207-208.
- ↑ 29,0 29,1 Snow, R. (2009). Páxina 223.
- ↑ 30,0 30,1 Taxay, D. (1983). Páxinas 208-209.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxinas 219-220.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxinas 232, 386.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxinas 181-182.
- ↑ Bowers, Q. D. (2006). Páxina 57.
- ↑ "1 Dollar "Liberty Head"". Numista.com
- ↑ "3 Cents (type 1) 1851-1853" e "3 Cents type 3". Numista.com
- ↑ "20 Dollars "Liberty Head - Double Eagle"". Numista.com
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxinas 221-223.
- ↑ 39,0 39,1 Snow, R. (2009). Páxina 224.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxina 223.
- ↑ 41,0 41,1 Taxay, D. (1983). Páxinas 210-211.
- ↑ Garrett, J.; Guth, R. (2008). Páxina 140.
- ↑ McKenzie, L. F. (1991). Páxina 1.923.
- ↑ "1 Dollar "Small Indian Head"" e "3 Dollars "Indian Head"". Numista.com
- ↑ Breen, W. (1988). Páxina 315.
- ↑ Snow, R. (2009). Páxina 226.
- ↑ "Commander Duncan Ingraham Naval Medallion". New-York Historical Society Museum & Library.
- ↑ 48,0 48,1 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 58.
- ↑ "U.S. Assay Commission Medals". Professional Coin Grading Services (PCGS).
- ↑ Coin World Almanac (1977). Páxina 315.
- ↑ Pessolano-Filos, F. (1983). Páxinas 1-4.
- ↑ Lange, D. W. (2006). Páxina 92.
- ↑ 53,0 53,1 Snow, R. (2009). Páxinas 226-228.
- ↑ Snow, R. (2009). Páxinas 7-28.
- ↑ Lange, D. W. (2006). Páxina 98.
- ↑ "1853 Julian-NA-26 Bronze Naval Medal for Duncan Ingraham Arquivado 14 de maio de 2021 en Wayback Machine.". Heritage Auctions. Lote #28186. 18 de setembro de 2008.
- ↑ "1 Cent "Flying Eagle Cent"". Numista.com
- ↑ "1 Cent "Indian Head Cent" without shield". Numista.com
- ↑ "1 Cent "Indian Head Cent" with shield" e "1 Cent "Indian Head Cent"". Numista.com
- ↑ "3 Dollars "Indian Head"". Numista.com
- ↑ 61,0 61,1 61,2 Lange, D. W. (2006). Páxinas 98-99.
- ↑ 62,0 62,1 Snow, R. (2009). Páxinas 34-35, 89.
- ↑ Vermeule, C. (1971). Páxina 60.
- ↑ Kay, R. (2005). Páxina 40.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxinas 241-242.
- ↑ Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 12-13.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxinas 242-243.
- ↑ Taxay, D. (1983). Páxinas 244-245.
- ↑ 69,0 69,1 Snow, R. (2009). Páxinas 227-228.
- ↑ 70,0 70,1 Evans, G. G. (1885). Páxina 115.
- ↑ "Chile asks Longacre for dies in 1866". Krause Publications. Iola (WI).
- ↑ 72,0 72,1 Snodgrass, M. E. (2019). Páxina 193.
- ↑ Chris tensen, W. B. (1989). "The Pattern Coinage of Independent Peru: The Longacre Patterns". En Bischoff, W. L. (ed.). The coinage of El Perú. Coinage of the Americas Conference Proceedings, no. 5. American Numismatic Society. Nova York. Páxinas 83-85. ISBN 0-89722-2
- ↑ Kay, R. (2005). Páxina 41.
- ↑ "2 Cents "Union Shield"". Numista.com
- ↑ "3 Cents "Three Cent Nickel"". Numista.com
- ↑ "5 Cents "1866 Nickel" Pattern". Numista.com
- ↑ "5 Cents "Shield Nickel"". Numista.com
- ↑ "5 Cents "Shield Nickel" without rays". Numista.com
- ↑ Snow, R. (2009). Páxina 228.
- ↑ "Death of James B. Longacre". En American Journal of Numismatics. 3 (9). Xaneiro de 1869. Páxina 72. American Numismatic Society, Nova York.
- ↑ Coin World Almanac (1977). Páxinas 214-215.
- ↑ Vermeule, C. (1971). Páxina 60.
- ↑ Vermeule, C. (1971). Páxinas 54, 59.
- ↑ McKenzie, L. F. (1991). Páxinas 1.979-1.980.
- ↑ Snow, R. (2009). Páxina 11.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: James B. Longacre |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bowers, Q. D. (2001). The Harry W. Bass, Jr. Museum Sylloge. Harry W. Bass, Jr. Foundation, Dallas. ISBN 978-0-943161-88-4
- Bowers, Q. D. (2006). A Guide Book of Shield and Liberty Head Nickels. Whitman Publishing, Atlanta. ISBN 978-0-7948-1921-7
- Breen, W. (1988). Walter Breen's Complete Encyclopedia of U.S. and Colonial Coins. Doubleday, Nova York. ISBN 978-0-385-14207-6
- Coin World Almanac (3ª ed.). Amos Press, Sidney, OH. 1977.
- "Death of James B. Longacre". En American Journal of Numismatics. 3 (9). Xaneiro de 1869. Páxina 72. American Numismatic Society, Nova York.
- DeLorey, T. (1985). "Longacre: Unsung engraver of the U.S. Mint". En The Numismatist. Vol. 98. Nº 10. Outubro.
- Evans, G. G. (1885). Illustrated History of the United States Mint. G. G. Evans, Filadelfia.
- Garrett, J.; Guth, R. (2008). Encyclopedia of U.S. Gold Coins, 1795-1933 (2ª ed.). Whitman Publishing, Atlanta. ISBN 978-0-7948-2254-5
- Journal of the Executive Proceedings of the Senate of the United States of America. VI. United States Government Printing Office, Washington. 1887.
- Kay, R. (2005). "The remarkable coinage of James B. Longacre". En The Numismatist. Abril. American Numismatic Association. Páxinas 36-37, 40-41.
- Lange, D. W. (2006). History of the United States Mint and its Coinage. Whitman Publishing, Atlanta. ISBN 978-0-7948-1972-9
- McKenzie, L. F. (1991). "Longacre's influence on numismatic art". En The Numismatist. American Numismatic Association. Decembro. Páxinas 1922-1924, 1979-1980.
- Pessolano-Filos, F. (1983). The Assay Medals and the Assay Commissions, 1841-1977. Eros Publishing, Nova York. ISBN 978-0-911571-01-1
- Smith, P. (2012). "Longacre, James Barton". En American Numismatic Biographies. Páxina 224-225.
- Snodgrass, M. E. (2019). "Longacre, James Barton". En Coins and Currency. An Historical Encyclopedia. 2ª ed. McFarland, Jefferson (NC). Páxinas 192-193. ISBN 978-1-4766-7796-5
- Snow, R. (2009). A Guide Book of Flying Eagle and Indian Head Cents. Whitman Publishing, Atlanta. ISBN 978-0-7948-2831-8
- Taxay, D. (1983). The U.S. Mint and Coinage (reimpresión da edición de 1966). Sanford J. Durst Numismatic Publications, Nova York. ISBN 978-0-915262-68-7
- Vermeule, C. (1971). Numismatic Art in America. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-62840-3
Outros artigos
[editar | editar a fonte]
Predecesor: Christian Gobrecht |
Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos 1844 - 1869 |
Sucesor: William Barber |