Saltar ao contido

Moeda dun centavo de dólar Flying Eagle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
1 centavo Flying Eagle [1][2]
A/: Aguia en voo cara á esquerda. Data

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA.

R/: Valor facial dentro de coroa vexetal.

Lendas: ONE CENT

O centavo de dólar Flying Eagle (en galego: "aguia en voo") é unha moeda dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, a modo de proba en 1856 e para a circulación en 1857 e 1858. A moeda, cuñada en cuproníquel, foi deseñada polo gravador xefe da Casa da Moeda, James B. Longacre, e recibe o seu nome pola aguia en voo que caracteriza o seu anverso, baseada no traballo do predecesor de Longacre, Christian Gobrecht.

A principios da década de 1850, o centavo grande —dun tamaño próximo ao do medio dólar— emitido pola Casa da Moeda estaba a volverse impopular no comercio e custoso de cuñar. Logo de experimentar con varios tamaños e composicións, a Casa da Moeda decidiuse por unha aliaxe do 88 % de cobre e o 12 % de níquel para un novo centavo de máis pequenas dimensións. Inicialmente, a Casa da Moeda produciu un número limitado de exemplares coa data de 1856, que lles foron entregados a lexisladores e a altos funcionarios do Goberno, e en febreiro de 1847 o Congreso autorizou formalmente a produción da nova moeda para a súa posta en circulación.

O novo centavo emitiuse para substituír na circulación a dúas moedas: por unha parte a moeda dun centavo de tamaño grande que a precedera, e por outra a desgastada moeda colonial española de prata que circulara nos Estados Unidos ata aquel momento. Emitíronse tantos centavos novos que chegaron a afogar as canles comerciais, sobre todo porque tiñan un curso legal limitado e ninguén tiña a obriga de aceptalos. A nova moeda non deu os resultados esperados e foi substituída en 1859 pola coñecida como centavo Indian Head, tamén deseñada por Longacre.

A moeda dun centavo foi a primeira moeda oficial dos Estados Unidos cuñada na Ceca de Filadelfia en 1793.[3] Aquelas pezas, hoxe coñecidas como "centavos grandes", estaban feitas de cobre puro e tiñan o tamaño lixeiramente inferior á de medio dólar —entre 27 e 29 milímetros—.[4] Cuñáranse todos os anos, agás en 1815 por mor da escaseza de metal, mais tardaron en establecerse no comercio. As moedas de prata coloniais españolas utilizábanse daquela comunmente no comercio en todos os Estados Unidos. Naquela época, tanto o ouro como a prata tiñan curso legal total alí, mais as moedas de cobre tíñano limitado, xa que o Goberno federal non as trocaba nin as aceptaba para o pagamento de impostos.[5]

Reverso do centavo Feuchtwanger.[6]

A Casa da Moeda cuñaba daquela prata ou ouro en resposta aos depósitos dos posuidores dos metais preciosos, e obtiña poucos beneficios con esas transaccións. Na década de 1840, os beneficios da monetización do cobre en centavos —o que se coñece como señoriaxe— axudaron a financiar o funcionamento da Casa da Moeda. En 1849, os prezos do cobre subiron de súpeto, o que levou o Tesouro a investigar posibles alternativas ás grandes pezas dun centavo.[7] O centavo era impopular no comercio; ao ter un curso legal limitado, ninguén estaba obrigado a aceptalo, e era frecuente que os bancos e os comerciantes o rexeitasen.[8] En 1837, o excéntrico químico de Nova York Lewis Feuchtwanger experimentara coa produción de exemplares de proba dunha moeda dun centavo de menor tamaño, como parte dunha estratexia para lle vender ao Goberno a súa aliaxe, similar á alpaca, para o seu uso na cuñaxe de moedas. As probas producidas por Feuchtwanger chegaron a estar en circulación como fichas non oficiais nos tempos difíciles da recesión de finais da década de 1830 e principios da de 1840.[6][8]

En 1850 xa non resultaba rendible para a Casa da Moeda cuñar as grandes moedas dun centavo. Así as cousas, o 14 de maio o senador por Nova York Daniel S. Dickinson presentou un proxecto de lei para a cuñaxe dun centavo de billón, unha aliaxe de cobre cunha pequena cantidade de prata. Naquela época, a opinión xeneralizada era que as moedas debían conter unha gran proporción do seu valor nominal en metal. O proxecto de lei prevía a creación dunha moeda anular, é dicir, cunha gran perforación central. A Ceca de Filadelfia cuñou pezas experimentais e descubriu que con esa forma sería difícil expulsalas das prensas onde se cuñaban, e que resultaría caro recuperar a prata da aliaxe logo de retiralas da circulación ao finalizar a súa vida útil. As disposicións relativas á creación dun centavo máis pequeno elimináronse da lexislación que, finalmente, deu lugar á aprobación polo Congreso da moeda de tres centavos en 1851.[9] O historiador numismático Walter Breen suxeriu que un dos factores para rexeitar as moedas furadas foi que lembraban a moitas moedas chinesas do tipo cash, coñecidas polo seu mínimo valor adquisitivo.[8] Unha caída dos prezos do cobre en 1851 e principios de 1852 fixo que a cuestión do centavo máis pequeno pasase a ser menos urxente no Departamento do Tesouro, organismo que supervisaba as actividades da Casa da Moeda.[7]

Proba en níquel dunha moeda de medio centavo (1856).

Os prezos do cobre subiron novamente a finais de 1852 e a principios de 1853, e chegaron a superar os 0,40 dólares por libra, que a Casa da Moeda consideraba como o punto de equilibrio para a fabricación de moedas dun centavo, tendo en conta o custo de produción: 1 libra (0,45 kg) de cobre producía 42⅔ centavos grandes. A partir de 1853 cuñáronse exemplares en proba para un novo centavo en diversas aliaxes de metal base, utilizando para o anverso o cuño das moedas de 2½ dólares (un cuarto de aguia), dun tamaño próximo.[10] Algunhas desas aliaxes propostas contiñan níquel,[8] e tamén se tomaron en consideración para o seu uso no centavo o "bronce francés" (95 % de cobre e o resto de estaño e zinc)[11] e diversas variedades de alpaca ou prata alemá. No seu informe anual de 1854, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, James Ross Snowden, avogou pola emisión de pequenos centavos de bronce, así como pola eliminación da moeda de medio centavo, que cualificou como inútil no comercio.[12] En 1854 e 1855 cuñáronse varias probas de centavos, que presentaban diversos deseños, entre eles diferentes representacións da Liberdade e dúas adaptacións do traballo do falecido gravador xefe da Casa da Moeda Christian Gobrecht: unha que amosaba a Liberdade sedente, que Gobrecht colocara nas moedas de prata na década de 1830, e outra dunha aguia voando, que Gobrecht creara baseándose nun esbozo do artista Titian Peale.[13]

Trámite lexislativo e preparación

[editar | editar a fonte]
James B. Longacre, creador do deseño do centavo Flying Eagle.[14]

A principios de 1856, o director Snowden propuxo unha lei que lle permitise a emisión dunha moeda dun centavo máis pequeno, mais deixando o tamaño e a composición metálica á súa elección e á do secretario do Tesouro, James Guthrie. Consonte este plan, a nova peza sería de curso legal ata a cantidade de dez centavos e emitiríase en substitución da antiga prata española que aínda circulaba nos Estados Unidos. A taxa de troco entre ambas as moedas permitiría que a prata española recibise o seu valor íntegro (12½ centavos por real, ou bit), cando normalmente esas pezas se negociaban cun desconto de arredor do 20 % por mor do forte desgaste que presentaban. A perda que o Goberno asumiría no intercambio compensaríase cos beneficios da señoriaxe das pezas de metal común. Os novos centavos tamén substituirían os antigos centavos de tamaño grande, a cambio do mesmo valor en medios centavos, valor que se deixaría de utilizar.[12] O proxecto de lei de Snowden presentouse no Senado o 25 de marzo de 1856. O 16 de abril foi modificado para establecer un centavo de polo menos o 95 % de cobre, cun peso mínimo de 6,2 gramos —o antigo centavo pesaba 10,9 gramos—, e foi aprobado polo Senado con esa emenda.[15][16]

En tanto que o proxecto de lei corría o seu curso no Senado e na Cámara de Representantes, o fundidor e refinador da Casa da Moeda, James Curtis Booth, realizaba experimentos sobre aliaxes que puidesen ser acaídas para o novo centavo, cando este se aprobase.[12] En xullo de 1856, Snowden escribiu ao secretario do Tesouro Guthrie para lle propor como ideal unha aliaxe do 88 % de cobre e o 12 % de níquel, e suxeriulle emendas ao proxecto de lei pendente para a adopción desa aliaxe. O refinador Booth tamén escribiu a Guthrie para impulsar a idea de Snoden.[17] Ambos os homes propuxeron un peso de 4,7 gramos, que resultaba moi conveniente, xa que dese xeito 80 centavos equivalerían a unha libra troy (373 gramos), aínda que a libra avoirdupois (454 g) era a que naquela época se utilizaba máis comunmente para os metais non nobres.[18]

Espécime de proba do centavo Flying Eagle (1854).

O gravador xefe da Casa da Moeda, James B. Longacre, recibiu a encarga de preparar deseños para a cuñaxe duns exemplares en proba.[18] Inicialmente, Longacre traballou con deseños de cabezas da Liberdade como os que eran comúns na época, pero Snowden pediu que se preparase un deseño consistente nunha aguia en voo. Isto ocorreu á medida que continuaban os experimentos de Booth; os primeiros modelos de centavos co deseño da aguia voando tiñan o tamaño aproximado dunha moeda dun cuarto de dólar.[19] Para promover a nova aliaxe, a Casa da Moeda fixo cuñar 50 moedas de medio centavo e enviounos a Washington para que os funcionarios do Tesouro llos amosaran a congresistas e outras autoridades.[8] A principios de novembro de 1856, Longacre preparou cuños co que resultaría ser o deseño final, que representaba unha aguia voadora no anverso e unha coroa vexetal no reverso, no tamaño solicitado por Booth.[19]

A Casa da Moeda cuñou varios centos de probas utilizando o deseño da aguia en voo de Longacre na composición proposta. Nun esforzo por asegurar a aceptación pública das novas pezas, as probas cuñadas distribuíronse entre varios congresistas e outros funcionarios, inicialmente en novembro de 1856. Duascentas enviáronse á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes, en tanto que catro se lle entregaron ao presidente Franklin Pierce. Distribuíronse polo menos 634 exemplares, e é probable que chegasen a varios milleiros; había máis dispoñibles, cunha solicitude previa. Esta foi a orixe do centavo Flying Eagle de 1856, un obxecto moi desexado polos coleccionistas, considerado polos numismáticos como parte da serie Flying Eagle, aínda que strictu senso se trataba dunha proba ou peza de transición, e non realmente dunha moeda oficial, xa que aínda non se concedera a aprobación do Congreso.[20] En data posterior, Snowden cuñou máis centavos pequenos de 1856 para a súa venda ilícita e para os intercambiar por pezas que a Casa da Moeda procuraba para a súa colección de moedas.[19][21]

Anverso dunha peza colonial española de Carlos III de 1776 de dous reais ("dous bits"). Ceca de Potosí.[22]

En decembro de 1856, Snowden escribiu ao representante de Missouri John S. Phelps, coa esperanza de que se avanzase co trámite do proxecto de lei, e comentoulle que xa sentía "a presión por todas as partes, polo novo centavo; de feito, o público está moi ansioso pola súa emisión".[23] Cando o proxecto de lei, emendado para incluír o peso e a aliaxe que decidira a Casa da Moeda, se debateu na Cámara de Representantes o 24 de decembro, o congresista de Tennessee George Washington Jones opúxose á disposición sobre o curso legal, xa que consideraba que, segundo a Cláusula do Contrato da Constitución, só o ouro e a prata debían ter curso legal total. Phelps defendeu o proxecto de lei alegando que o Congreso tiña o poder constitucional de regular o valor do diñeiro, pero cando se volveu presentar o proxecto para a súa consideración o 14 de xaneiro de 1857, eliminárase a disposición sobre a consideración do curso legal. Esta vez opúxose ao proxecto o congresista por Nova York Thomas R. Whitney, a quen non lle gustaba unha disposición pola que se legalizaba a práctica da Casa da Moeda de deseñar e cuñar medallas encargadas pola poboación, pois consideraba que o Goberno non debía competir cos medallistas privados. A disposición foi eliminada e o proxecto foi aprobado o día seguinte. A versión da Cámara de Representantes foi examinada polo Senado, que a debateu o 4 de febreiro e a aprobou cunha emenda que permitía o rescate das moedas españolas durante un mínimo de dous anos. A Cámara de Representantes aceptou a emenda o 18 de febreiro, e o presidente Pierce asinou a lei o día 21 de febreiro de 1857.[23] A lei facía que as moedas estranxeiras de ouro e de prata deixasen de ter curso legal, aínda que os reais de oito españois poderían trocarse polo seu valor nominal durante dous anos a cambio dos novos centavos de cuproníquel. Ao mesmo tempo, a lei suprimía a moeda de medio centavo.[24] As novas pezas terían o mesmo tamaño (19 mm), aínda que con algo máis de peso, que os centavos que se seguen a cuñar no século XXI.[25]

En previsión de que o proxecto de lei fose aprobado, a maioría dos 333.456 exemplares do centavo grande que foran cuñados ao longo de 1857 nunca saíron da Casa da Moeda de Filadelfia e foron fundidos posteriormente.[26][27] Snowden comprou un novo xogo de roletes e outros equipamentos para que a Casa da Moeda puidese producir os seus propios discos sobre os que cuñar os novos centavos, a primeira vez que o facía en máis de 50 anos.[28] Malia faltar aínda un día para a aprobación definitiva do proxecto de lei, Snowden recomendoulle ao secretario do Tesouro Guthrie os deseños de Longacre o 20 de febreiro, e Guthrie aprobounos o día 24, aínda que pediu que o canto da moeda fose menos afiado, solicitude que Snowden prometeu cumprir. Os centavos Flying Eagle comezaron a cuñarse a partir de abril de 1857 e mantivéronse á espera da súa posta en circulación oficial.[29] A Casa da Moeda almacenou as pezas ata dispor dunhas existencias suficientes para a súa subministración, e a mediados de maio Snowden notificou aos xornais de Filadelfia que a distribución comezaría o 25 de maio.[19]

Peter the Eagle, ave exposta na Casa da Moeda de Filadelfia (falecida na década de 1830), probable modelo para o anverso da moeda.

O anverso de Longacre que representa unha aguia en voo está baseado no deseño do anverso do dólar Gobrecht, cuñado en pequenas cantidades entre 1836 e 1839. Aínda que non se coñece con certeza o modelo do que partira Gobrecht, algunhas fontes afirman que a ave reproduce a Peter the Eagle ("A aguia Pedro"), unha aguia domesticada que fora alimentada polos traballadores da Ceca de Filadelfia a principios da década de 1830, ata que quedou atrapada na maquinaria e morreu. O paxaro foi disecado e aínda se exhibe na Ceca de Filadelfia.[30]

Malia estar inspirada nun traballo anterior, a aguia de Longacre foi moi admirada. Segundo o historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu libro sobre as moedas estadounidenses, o motivo da aguia en voo, cando se utilizou inicialmente na década de 1830, foi "o primeiro paxaro numismático do que se podía dicir que procedía da natureza e non da arte colonial nin da heráldica".[31] Vermeule describiu o centavo substituto do Flying Eagle, o —Indian Head—, como "moito menos atractivo á vista que a aguia en voo de Peale-Gobrecht e as súas variantes".[32]

Pola súa banda, o escultor Augustus Saint-Gaudens, cando se lle encargou en 1905 que proporcionase novos deseños para a moeda estadounidense, tratou de devolver o deseño da aguia en voo ao centavo, e escribiulle ao presidente Theodore Roosevelt:[33]

Estou a utilizar unha aguia en voo, unha modificación do motivo que se utilizou no centavo de 1857; había moitos anos que non vía esa moeda e impresionoume tanto que pensei que se se levaba a cabo con algunhas modificacións, non se podería facer nada mellor. É,con toda probabilidade, o mellor deseño de calquera moeda estadounidense.

En efecto, Saint-Gaudens devolveu a aguia en voo á moeda estadounidense, mais o seu deseño utilizouse para o reverso da moeda de 20 dólares de ouro, e non para o centavo.[33]

A coroa vexetal do reverso tamén está inspirada noutra anterior, xa que se utilizara anteriormente unha moi similar no dólar de ouro tipo II de Longacre de 1854, e tamén na moeda de tres dólares do mesmo ano.[32] A composición está integrada por follas de trigo, millo, algodón e tabaco, co que se procurou a inclusión de produtos agrícolas tanto do Norte como do Sur. Por veces, dise que as follas de algodón son realmente follas de pradairo; ambos os tipos non difíciles de diferenciar, e as follas de pradairoson, de feito, máis coñecidas que as de algodón. Tamén se aprecia unha mazaroca de millo.[30]

Lanzamento e produción

[editar | editar a fonte]
Viñeta de Harper's Magazine de febreiro de 1857: "O novo bebé do irmán Jonathan". O centavo Flying Eagle é aloumiñado en tanto que o descoidado centavo grande se queixa.[34]

A Ceca de Filadelfia puxo en circulación os novos centavos o 25 de maio de 1857. En previsión da gran demanda popular, as autoridades da Casa da Moeda construíron unha estrutura temporal de madeira no patio das instalacións en Filadelfia. Na mañá do día da presentación, centos de persoas facían dúas ringleiras, unha para os que cambiaban prata española por centavos e outra para os que traían antigos centavos grandes e medios centavos de cobre. A partir das 9 da mañá, os empregados comezaron a trocar os centavos polas pezas antigas, e fóra do recinto da Casa da Moeda, os primeiros compradores vendían os novos centavos con sobreprezo. Snowden escribiu a Guthrie: "a demanda é enorme... esta mañá tiñamos 30.000 dólares, é dicir, tres millóns de pezas. Case toda esta cantidade se distribuirá hoxe".[28]

Os exemplares datados en 1856 déranse a coñecer publicamente no momento da súa emisión, o que fixera que o público revisase o seu cambio no peto; os centavos pequenos de 1856 vendíanse xa por ata 2 dólares en 1859.[35] O interese do público polos novos centavos desencadeou un auxe do coleccionismo de moedas: ademais de procurar o raro centavo de 1856, algúns intentaron coleccionar series de centavos grandes ata 1793, e atopáronse con que tiñan que pagar un sobreprezo polas datas máis raras.[19]

A Casa da Moeda tivo problemas para cuñar o novo deseño, por mor da dureza da aliaxe de cuproníquel e do feito de que a aguia dun lado da peza estaba directamente oposta a partes do deseño do reverso. Moitos centavos Flying Eagle amosan debilidades por este motivo, sinaladamente na cabeza e na cola da aguia, que están opostas á coroa da outra face.[36][37]

En 1857, Snowden suxeriu a substitución da aguia por unha cabeza de Cristovo Colón, e Longacre respondeulle que, igual que no seu día houbera obxeccións ás propostas de colocar a George Washington na moeda, tamén habería oposición a un deseño de Colón.[38] Malia as dificultades, os 17.450.000 centavos Flying Eagle cuñados en Filadelfia en 1857 constituíron a maior produción dunha soa moeda nun ano nunha ceca estadounidense ata aquel momento.[39][40]

En 1858, a Casa da Moeda intentou paliar o problema das roturas dos cuños pola dureza da aliaxe utilizando unha nova versión do centavo cun relevo menos profundo. Este intento deu lugar á maior variedade da serie, xa que as moedas desa versión revisada teñen as letras máis pequenas nas inscricións que as cuñadas anteriormente. Ambas as variedades son case igual de comúns e é probable que se cuñasen xuntas durante algún tempo, á medida que a ceca utilizaba os cuños máis antigos.[41] Os esforzos por conservar os cuños foron a causa probable doutra variedade, a de 1858 sobre 1857, xa que os cuños con data de 1857 se cuñaron en exceso para os poder utilizar no novo ano.[42][43]

En 1858 preparáronse moedas cunha aguia máis pequena, mais esta considerouse demasiado fraca.

En 1858, a Casa da Moeda preparou unha cuñaxe en proba de moedas cunha aguia moito máis pequena, que favorecía unha boa e máis doada cuñaxe, pero que non lles gustou aos seus responsables e non foi adoptada.[38]

Fin da serie e coleccionismo

[editar | editar a fonte]

Snowden ordenou a Longacre que preparase varias probas entre as que puidese elixir para unha nova moeda que substituíse o centavo Flying Eagle a partir do 1 de xaneiro de 1859. Na Ceca de Filadelfia producíronse entre 60 e 100 xogos de doce modelos con diversos deseños, que se distribuíron entre os directivos e tamén se venderon discretamente nos anos seguintes. De entre estas propostas escolleuse un deseño de Longacre que amosaba a Liberdade cun toucado ao estilo indio, cunha coroa en baixorrelevo para o reverso, o que resolvía os problemas de fluxo de metal na cuñaxe.[44] O 4 de novembro de 1858, Snowden escribiu ao Departamento do Tesouro, afirmando que o centavo Flying Eagle resultara "pouco aceptable para a poboación en xeral", xa que consideraba que a ave non era fiel á realidade, e que o novo deseño dos nativos americanos "lle daría á moeda o carácter de América".[45]

A suxestión de Harper's Weekly de febreiro de 1857, de que "a dificultade hispanoamericana" se resolvera facendo que a prata española non tivese curso legal, resultou prematura.[34]

En setembro de 1857, o volume de prata española que chegaba á Casa da Moeda foi tan grande que Snowden renunciou á idea de poder pagala só con centavos, e autorizou o pagamento con moedas de ouro e de prata. O 3 de marzo de 1859 prorrogouse por dous anos máis o rescate das pezas estranxeiras. Como o comercio se viu afogado cos novos centavos, o Congreso derrogou esta disposición en xullo de 1860, aínda que Snowden continuou a práctica durante máis dun ano sen autorización do Congreso. A revista Bankers Magazine de outubro de 1861 informaba da fin do intercambio e citaba a prensa de Filadelfia: "a gran emisión dos novos centavos de níquel converteunos nunha molestia case tan grande como a antiga moeda española".[46] Na opinión do investigador numismático Breen, "as moedas de prata estranxeiras foran de curso legal, aceptables para calquera tipo de pagamento, incluídos os selos de correos e algúns impostos, mais os centavos de níquel non o eran, e axiña encheron as caixas dos comerciantes, excluíndo case todo o demais, polo que empezaron a ser rexeitadas legalmente no comercio".[47] O exceso de moedas terminou co acaparamento de todas as moedas federais a raíz do trastorno económico causado pola guerra civil.[48][49]

Despois da guerra, os acaparados centavos Flying Eagle volveron a entrar en circulación. Moitos permaneceron só uns poucos anos, xa que foron retirados de entre os novos centavos de bronce nos programas de troco do Departamento do Tesouro nas décadas de 1860 e 1870 —retiráronse por esta vía trece millóns de centavos de cuproníquel—. Na década de 1880, o centavo Flying Eagle era xa unha rareza na circulación.[50][51]

Na edición de 2018 de A Guide Book of United States Coins, de Richard S. Yeoman, atribúenselles á emisión de 1857 e á de 1858 un prezo de 30 dólares nun estado de conservación mínimo para seren coleccionadas. Pola súa parte, para a emisión de 1856 indícanse 6.500 dólares nesa mesma condición, e 20.000 dólares para os exemplares novos, sen sinais de teren circulado. A variedade 1858/7 (de 1858 sobre a data de 1857) comeza en 75 dólares e sobe ata os 11.000 dólares, nos estados de conservación antes citados.[52] Un espécime de 1856 nun estado de conservación extraordinario acadou nunha poxa en xaneiro de 2004 o prezo de 172.500 dólares.[40]

Tiraxes e ceca

[editar | editar a fonte]

Todas as moedas dun centavo do modelo Flying Eagle están cuñadas na Ceca de Filadelfia e, como era habitual na época neste taller monetario, carecen de marca de ceca.

Estas son as tiraxes en cada un dos anos de emisión, tanto en acabamento estándar para a circulación como en acabamento especial proof —relevo mate e fondo espello— para coleccionistas:[1][53]

Ano Tiraxe
Serie Proof Circulación
1856 1.500 2.134
1857 485 17.450.000
1858 300 24.600.000
Total 2.285 42.052.234
  1. 1,0 1,1 "1 Cent "Flying Eagle Cent"". Numista.com
  2. "Composition and Specifications". Flyingeaglecent.com
  3. Breen, W. (1988). Páxina 177.
  4. Lange, D. W. (2006). Páxina 27.
  5. Lange, D. W. (2006). Páxinas 40-41.
  6. 6,0 6,1 Bugeja, M (2011). "Historic Feuchtwanger cent". En Coin World. 3 de maio.
  7. 7,0 7,1 Snow, R. (2009). Páxina 7.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Breen, W. (1988). Páxina 215.
  9. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 233-234.
  10. Snow, R. (2009). Páxinas 7-8.
  11. Posteriormente utilizouse para o centavo desde 1864 ata 1982, bardante en 1943. Véxase Yeoman, R. S. (2010).. Páxinas115-122.
  12. 12,0 12,1 12,2 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 235.
  13. Snow, R. (2009). Páxina 9, 225.
  14. "James Barton Longacre". National Portrait Gallery. Smithsonian Institution.
  15. Breen, W. (1988). Páxina 235.
  16. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 167.
  17. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 235-237.
  18. 18,0 18,1 Snow, R. (2009). Páxina 9.
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 Julian, R. W. (2008).
  20. "1856 Flying Eagle Cent". Flyingeaglecent.com
  21. Snow, R. (2009). Páxinas 15-16.
  22. "2 Reales - Carlos III". Numista.com
  23. 23,0 23,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 237.
  24. Bureau of the Mint (1904). Páxinas 44-45.
  25. Yeoman, R. S. (2017). Páxinas 113, 126.
  26. "1857 Braided Hair Large Cent". Braidedhaircent.com
  27. Snow, R. (2009). Páxina 16.
  28. 28,0 28,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 237-238.
  29. Snow, R. (2009). Páxinas 17-19.
  30. 30,0 30,1 Snow, R. (2009). Páxinas 9-12, 224.
  31. Vermeule, C. (1971). Páxinas 40-41.
  32. 32,0 32,1 Vermeule, C. (1971). Páxina 55.
  33. 33,0 33,1 Snow, R. (2009). Páxina 10.
  34. 34,0 34,1 The Numismatist. Tomo. XXXII. Nº 4. Abril de 1919. Páxina 155.
  35. Snow, R. (2009). Páxina 15.
  36. Lange, D. W. (2006). Páxina 94.
  37. Snow, R. (2009). Páxinas 22, 72.
  38. 38,0 38,1 Snow, R. (2009). Páxina 22.
  39. "1857 Flying Eagle Cent". Flyingeaglecent.com
  40. 40,0 40,1 Guth, R.; Garrett, J. (2005). Páxina 22.
  41. "1858 Flying Eagle Cent". Flyingeaglecent.com
  42. "1858/7 Flying Eagle Cent". Flyingeaglecent.com
  43. Snow, R. (2009). Páxinas 64-70.
  44. Breen, W. (1988). Páxina 217.
  45. Snow, R. (2009). Páxina 23.
  46. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 238-239.
  47. Breen, W. (1988). Páxina 216.
  48. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 242.
  49. Lange, D. W. (2006). Páxinas 94-97.
  50. Snow, R. (2009). Páxinas 57, 64.
  51. Carothers, N. (1930). Páxina 207.
  52. Yeoman, R. S. (2017). Páxina 115.
  53. "Flying Eagle Cent Mintages". Flyingeaglecent.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Centavo Coronet

Moeda dun centavo
de dólar estadounidense

1856-1858
Sucesor:
Centavo Indian Head