Saltar ao contido

Robert Scot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRobert Scot
Biografía
Nacementooutubro de 1745 Editar o valor en Wikidata
Reino de Gran Bretaña Editar o valor en Wikidata
Morte1 de novembro de 1823 Editar o valor en Wikidata (78 anos)
Filadelfia, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos
23 de novembro de 1793 – 3 de novembro de 1823 Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónreloxeiro Editar o valor en Wikidata

Robert Scot (orixinariamente Robert Scott), nado o 2 de outubro de 1745 en Edimburgo, Escocia, e finado o 3 de novembro de 1823 en Filadelfia, Pensilvania, foi un gravador, deseñador e ilustrador estadounidense, o primeiro en ocupar o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, desde 1793 ata a súa morte.[1]

A Scot débeselle o deseño dos primeiros dólares do tipo Flowing Hair, a moeda de medio centavo tipo Liberty Cap e a serie de moedas de cobre e de prata coñecida como Draped Bust. Ademais, foi o gravador máis prolífico da iconografía patriótica dos primeiros anos de independencia dos EEUU.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Robert Scott naceu o día 2 de outubro de 1745 na zona de Canongate, en Edimburgo, e foi bautizado o 8 de outubro. Formouse como reloxeiro[2] e tamén como gravador de liñas en Inglaterra, da man de Richard Cooper, na Trustees Academy, e asistiu tamén a algunhas clases na Universidade de Edimburgo.[3][4]

Etapa de Virxinia

[editar | editar a fonte]
Billete de 3 libras (17 de xullo de 1775), obra de Robert Scot e William Waddill.[5]
Medalla emitida polo Estado de Virxinia en 1780, obra de Robert Scot.[6]

Robert Scott cambiou o seu apelido a Scot (cun só "t") cando se trasladou a Fredericksburg, en Virxinia, nos Estados Unidos, en 1775.[4] Ese mesmo ano comezou gravando pranchas para os billetes que circulaban na colonia de Virxinia, ao principio utilizando aínda as armas británicas.[5] Logo da histórica V Convención de Virxinia de maio de 1776 pasou a gravar no diñeiro deste territorio o Selo de Virxinia, que representaba o derrocamento da tiranía. En 1778, Scot engadiulle á moeda de Virxinia o lema SIC SEMPER TYRANNIS ("Así sempre aos tiranos").[4][7][8]

Scot trasladouse desde Fredericksburg ata o novo Capitolio de Virxinia en Richmond en 1780, co cargo de gravador da Commonwealth of Virginia. Baixo a dirección do daquela Gobernador de Virxinia, Thomas Jefferson, en 1780 Scot gravou a medalla co lema VIRGINIA HAPPY WHILE UNITED, como agasallo aos xefes das poboacións nativas.[4][6][7]

O 4 de xaneiro de 1781, Richmond foi incendiado e destruído polas tropas británicas ao mando do xeneral Benedict Arnold, quen traizoara a causa dos independentistas e pasara a servir o exército británico a partir de 1780. Logo do incendio da cidade, Robert Scot planificou o seu traslado a Filadelfia na primavera de 1781.[7]

Etapa de Filadelfia

[editar | editar a fonte]

Scot anunciou en maio de 1781 mediante avisos na prensa da súa chegada a Pensilvania e o seu novo establecemento de gravado en Filadelfia, na confluencia entre as rúas Vine e Front. Xa en xullo dese mesmo ano comezou a facer traballos para Robert Morris, daquela superintendente da Oficina de Finanzas dos Estados Unidos.[4][9][10][11]

Plan of the Investment of York and Gloucester (1781), gravado por Robert Scot.[12]

O papel moeda que Scot gravou para Morris contribuíu a financiar o asedio de Yorktown (1781), a batalla decisiva da Revolución Americana. Pouco despois desa batalla, o comandante Sebastian Bauman encargáralle a Robert Scot a gravación dun mapa que ilustrase a vitoria estadounidense, titulado Plan of the Investment of York and Gloucester.[4][11][12]

Scot continuou gravando encargas para oficiais estadounidenses e para entidades como a Society of the Cincinnati. En 1784 gravou un mapa preciso dos Estados Unidos para o capitán William McMurray, baseado no Tratado de París de 1783. Como francmasón, Robert Scot gravou tamén a portada da obra Ahiman Rezon, dedicada ao xeneral George Washington, para a Gran Loxa de Filadelfia. Así mesmo, reproduciu o retrato de Washington realizado por Charles Willson Peale en 1772 mediante un gravado de liñas.[11]

Durante a súa estadía en Filadelfia, Robert Scot e a súa familia eran membros da Sociedade Relixiosa de Cuáqueros Libres, unha seita radical de patriotas que foran repudiados polos cuáqueros pacíficos de Filadelfia polo seu apoio expreso á Revolución Americana.[11]

O Gran Selo dos Estados Unidos

[editar | editar a fonte]
Primeira versión (1782) do Gran Selo dos EEUU, deseñado por Charles Thomson e cuxo gravado se lle atribúe a Robert Scot.

A Declaración de Independencia dos Estados Unidos deu pé ao requisito do uso dun selo nacional que representase a soberanía da nova nación americana. Nun momento en que tres comités creados para o efecto non deran completado os traballos do gran selo nacional, en xuño de 1782 asignóuselle ao secretario do Congreso, Charles Thomson, a tarefa de deseñalo. O proxecto de Thomson aproveitou moito dos traballos dos comités previos e finalmente foi aprobado polo Congreso o 20 de xuño de 1782. Os investigadores Dougall e Patterson atribúen o gravado dos cuños deste selo a Robert Scot. A fonte primaria desta atribución é unha nota de Thomson para o pagamento a Scot polo gravado dun selo, tendo en conta que este é o único selo que se saiba que involucrou a Charles Thomson.[4][13] Tamén constitúen un indicio para tal atribución, para outros autores, a coincidencia dos trazos estilísticos e técnicos do Gran Selo cos amosados noutros gravados de Robert Scot, entre os que están o selo do Comisionado de Ingresos (que amosa unha constelación de estrelas similar) ou a portada do Ahiman Rezon (cunha aguia de trazos semellantes), así como os bordos dun selo de 1783 para o colexio William and Mary.[14]

Ilustrador de libros

[editar | editar a fonte]
Primeira páxina do volume I da Encyclopaedia de Thomas Dobson, que conta con gravados de Robert Scot.

Robert Scot gravou 25 pranchas de cobre con ilustracións científicas para a reimpresión estadounidense que Thomas Dobson fixo en 1788 da obra Natural Philosophy, de William Nicholson. Estes gravados, de gran calidade, constituían a maior cantidade de ilustracións científicas para un libro impreso nos Estados Unidos ata aquel momento. O mesmo editor, Dobson, logo dun esforzo de catorce anos, decidiuse a comezar en 1790 unha versión americana da Encyclopaedia Britannica, protexida pola Lei estadounidense de dereitos de autoría de 1790. Scot encargouse do gravado da maioría das ilustracións desta enciclopedia e, posteriormente, contratou catro aprendices gravadores: Samuel Allardice, Francis Shallus, Benjamin Jones e John Draper.[15] O gravado de ilustracións científicas de calidade contribuíu á rápida expansión dos libros ilustrados nos Estados Unidos durante a década de 1790.[16]

Gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU

[editar | editar a fonte]

O 23 de novembro de 1793, Robert Scot foi nomeado gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos,[2][17] logo do falecemento do gravador Joseph Wright (que non ocupaba formalmente o cargo), como consecuencia do andazo de febre amarela dese mesmo ano.[4] Para continuar coas súas obrigas coa Encyclopaedia de Dobson, Scot asociouse con Samuel Allardice, con quen creo a compañía Scot & Allardice, que tivo que contratar máis colaboradores para completar a gran cantidade de ilustracións, ata que a sociedade se disolveu en 1796.[18]

A Lei da Moeda de 1792 fixaba os requisitos para o deseño das primeiras moedas da nova nación, entre os que estaban un anverso "emblemático da liberdade" e un reverso coa "figura ou a representación dunha aguia". Entre os primeiros deseños de Robert Scot están os coñecidos como Liberty Cap ("Liberdade con gorro"), para a moeda de medio centavo, e o Flowing Hair ("cabelo solto"), para a serie de moedas de prata. En 1795, Scot gravou tamén deseños para as primeiras moedas de ouro cuñadas pola US Mint, co busto drapeado da Liberdade (Draped Bust). Este busto drapeado foi aproveitado tamén para unha nova serie de prata que comezou a cuñarse en 1795. No relativo aos reversos, logo de sucesivos axustes nas aguias presentes nas moedas de prata e de ouro, Scot introduciu a aguia heráldica en 1796, como unha modificación do Gran Selo dos Estados Unidos.[4][18]

A partir dunha solicitude de Congreso, Robert Scot escribiu un informe de catro páxinas en 1795 no que describía as súas responsabilidades como gravador xefe. Ese ano, Scot recibiu un salario de 1.200 dólares.[2][19] Entre os anos 1807 e 1817, foi o seu gravador axudante, John Reich, quen se dedicou ao gravado dos cuños para as moedas producidas nese período, mais logo da xubilación de Reich,[2][20] foi Scot quen asumiu persoalmente todo o labor de gravado na Casa da Moeda dos Estados Unidos.[4][18]

Creador de selos federais

[editar | editar a fonte]

En 1798, Robert Scot gravou selos fiscais para taxas de cada Estado, para o seu uso en papel timbrado, nun esforzo por recadar diñeiro para sufragar a quasi-guerra, non declarada, contra Francia. Baixo a presidencia de John Adams, a Armada dos Estados Unidos expandiuse rapidamente, o que requiriu un financiamento considerable. En 1800, Scot gravou unha segunda tiraxe de selos fiscais, coñecida como a Segunda Emisión Federal, para apoiar financeiramente non só o devandito conflito, senón tamén a primeira Guerra Berberisca. Scot gravou tamén, en 1789, o selo para o Departamento de Mariña dos EEUU, e os cuños para os selos do Departamento de Estado en 1802 e en 1817.[25]

Falecemento

[editar | editar a fonte]

Robert Scot faleceu no exercicio do seu cargo como gravador xefe da US Mint o 3 de novembro de 1823, un mes despois de facer os 78 anos. Ese mesmo día, o daquela director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert Patterson, escribiulle unha carta ao presidente James Monroe, na que dicía "agora converteuse no meu doloroso deber comunicarlle o repentino pasamento do noso gravador Robert Soct, que sucedeu esta noite, logo de que onte á noite se retirara a descansar en aparente bo estado de saúde".[4][26]

En 1783 contraera matrimonio con Eunice Beal, con quen tivo un fillo e dúas fillas.[2]

Scot foi sucedido no seu posto na casa da moeda por William Kneass o 29 de xaneiro de 1824.[1][26]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Robert Scot". USA Coin Book.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Smith, P. (2012).
  3. Nyberg, W. F. (2015). Páxinas 5-12.
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 "Chief Engraver of the US Mint: Robert Scot". Coincollecting.com
  5. 5,0 5,1 Adams, J. W. (1992). "The Virginia Happy While United Medal". En American Journal of Numismatics. American Numismatic Society. Vol. 3/4. Páxinas 123-134.
  6. 6,0 6,1 Adams, J. W. (1992). "The Virginia Happy While United Medal". En American Journal of Numismatics. American Numismatic Society. Vol. 3/4. Páxinas 123-134.
  7. 7,0 7,1 7,2 Nyberg, W. F. (2015). Páxinas 13-27.
  8. Newman, E. P. (2008). Páxina 446.
  9. Stewart, F. H. (1924). Páxina 87.
  10. Taxay, D. (1966). Páxinas 105-106.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Nyberg, W. F. (2015). Páxinas 29-66.
  12. 12,0 12,1 "Defense Mapping Agency Bicentennial commemorative memento of the Battle of Yorktown [...]". Library of the Congress.
  13. Patterson, R. S.; Dougall, R. (1978). Páxinas 111-121.
  14. Nyberg, W. F. (2015). Páxinas 41-56.
  15. Arner, R. D. (1991). Páxinas 116-131.
  16. Nyberg, W. F. (2015). Páxinas 67-91.
  17. Stewart, F. H. (1924). Páxinas 79, 87.
  18. 18,0 18,1 18,2 Nyberg, W. F. (2015). Páxinas 95-155.
  19. Stewart, F. H. (1924). Páxina 97.
  20. Stewart, F. H. (1924). Páxinas 87, 94.
  21. "½ Cent "Liberty Cap"". Numista.com
  22. "1 Dollar "Flowing Hair Dollar"". Numista.com
  23. "1 Dollar "Draped Bust Dollar"". Numista.com
  24. "10 Dollars "Liberty Cap"". Numista.com
  25. Nyberg, W. F. (2015). Páxinas 135-143.
  26. 26,0 26,1 Nyberg, W. F. (2015). Páxinas 160-161.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Cargo inexistente

Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1793 - 1823
Sucesor:
William Kneass