Moedas da Compañía Neerlandesa das Indias Orientais
As moedas da Compañía Neerlandesa das Indias Orientais son as emitidas por esta compañía comercial de carácter privado dos Países Baixos (en neerladés: Vereenigde Oostindische Compagnie —VOC—) entre 1602 e 1799 para o seu uso nos territorios de ultramar que estaban baixo a súa autoridade nas Indias Orientais Neerlandesas.
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]A Compañía Neerlandesa das Indias Orientais fundouse en 1602 cun status de compañía comercial privada e que acadou o monopolio do comercio de ultramar entre a República dos Sete Países Baixos Unidos e a zona situada ao leste do Cabo de Boa Esperanza e ao oeste do Estreito de Magalláns. Un dos obxectivos da fundación da VOC era evitar a continua loita de poder entre as compañías comerciais competidoras da República.[1]
Os Estados Xerais dos Países Baixos transferíronlle á VOC unha serie de dereitos reservados adoito ao Estado; por exemplo, concedéronselle á compañía os dereitos a posuír o seu propio exército, a asinar tratados internacionais e a emitir a súa propia moeda. Tamén se lle outorgou un poder para comerciar á súa discreción na zona abranguida entre o Cabo de Boa Esperanza e o Estreito de Magalláns.[1]
A compañía experimentou un rápido crecemento e estableceu un gran número de postos comerciais e varias cidades e colonias propias, como as de Cidade do Cabo e Batavia.[1]
Moedas
[editar | editar a fonte]Durante os seus 200 anos de existencia, a VOC emitiu un gran número de moedas.[2][3] Estas cuñaxes non só se producían nos Países Baixos, senón tamén de xeito local, en diferentes puntos de Asia. As moedas cuñadas na metrópole e as de produción local circulaban xuntas polo xeral, aínda que nalgunhas zonas as moedas europeas tiñan máis aceptación que noutras. A maioría das moedas emitidas pola Compañía Neerlandesa das Indias Orientais levan o monograma distintivo "VOC".[2] Os valores faciais máis habituais son o florín (gulden), o ducatón, o stuiver e o duit, e en ocasións emitíronse tamén moedas divisionarias como o medio duit.[4]
As primeiras emisións das moedas da VOC tiveron lugar nos Países Baixos a mediados do século XVII e, logo dunha pausa, continuaron a partir de 1744 e ata a disolución da compañía. As moedas producidas en territorio europeo cuñáronse en ouro, en prata, en aliaxes de cobre e, ás veces, en estaño,[2] en varias das cecas provinciais dos Países Baixos, como as establecidas en Holanda, Utrecht, Zelandia, Güeldres e Overijssel.[5]
Pola súa banda, as moedas producidas en Asia amosan unha maior variedade e emitíronse en oro, en prata e en bronce. Algunhas delas amosan marcas gravadas con punzón e estampadas pola propia VOC ou por particulares locais.[6] Tamén se produciu en ocasións a contraestampaxe por parte da VOC de moedas estranxeiras, como o koban xaponés, a rupia de Suratte ou o real de oito español ou hispanoamericano, para lles dar validez para o seu uso como moedas propias.[7][8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Bucknill, J. A. S. (2000) [1931]. Páxina 15.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Bucknill, J. A. S. (2000) [1931]. Páxina 16.
- ↑ Feenstra, A. (2014). Páxinas 153, 156.
- ↑ Feenstra, A. (2014). Páxina 158.
- ↑ "Dutch East India Company Coins". Dniewcollectors.blogspot.co.uk.
- ↑ Bucknill, J. A. S. (2000) [1931]. Páxinas 16-17.
- ↑ Bucknill, J. A. S. (2000) [1931]. Páxinas 19-21.
- ↑ Shimada, R. (2006). Páxinas 85-86.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moedas da Compañía Neerlandesa das Indias Orientais |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bucknill, J. A. S. (2000) [1931]. The Coins of the Dutch East Indies: An Introduction to the Study of the Series. Asian Educational Services. ISBN 8120614488
- Shimada, R. (2006). The Intra-Asian Trade in Japanese Copper by the Dutch East India Company during the Eighteenth Century. Brill, Leiden. ISBN 9004150927
- Feenstra, A. (2014). "Dutch Coins for Asian Growth. VOC-duiten to Assess Java’s Deep Monetisation and Economic Growth, 1724-1800". En Tijdschrift voor Sociale en Economische Geschiedenis. 11 (3): 153-157.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- VOC Kenniscentrum Arquivado 09 de febreiro de 2023 en Wayback Machine.