Movemento do Catro de Maio
O Movemento do Catro de Maio (chinés tradicional: 五四運動, chinés simplificado: 五四运动, pinyin: Wǔ Sì Yùndòng) foi un movemento social chinés, xurdido a raíz das protestas dos estudantes na praza de Tian'anmen de Pequín o 4 de maio de 1919.
As protestas
[editar | editar a fonte]Desencadeáronse en Pequín uns disturbios polo que moitos chineses entendían como unha humillación o Tratado de Versalles, que puxo fin á primeira guerra mundial. Aínda que a China, na súa condición de aliada das potencias vencedoras da Gran Guerra, pertencía ao bando gañador, mais a debilidade do goberno da República da China naquel momento, supuxo unha cesióna Xapón de numerosos privilexios comerciais en Shandong e Manchuria. Estas concesións ao nipóns espertaron un sentimento antixaponés que se traduciu en protestas en tódolos lados e unha manifestación masiva duns 3.000 estudantes que abarrotaron a entón pequena Praza de Tian'anmen, fronte a porta do mesmo nome da Cidade Prohibida de Pequín. Os estudantes berraban lemas nos que pedía a anulación das 21 reclamacións xaponesas, e a negativa a asinar o Tratado de Versalles. O goberno da República en Pequín procedeu a disolver as manifestacións e detivo a numerosos estudantes, provocando disturbios e protestas en numerosas cidades da China.
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]As protestas do catro de maio foron un reflexo das transformacións moi profundas que se estaban a producir na sociedade chinesa. A crecente industrialización do país e a mellora substancial do sistema educativo provocaron un crecemento da clase media urbana, que vía con preocupación o estado de crise non que se atopa China.
Aspectos políticos e culturais do movemento
[editar | editar a fonte]No ámbito político, o Movemento supuxo a consolidación das ideas revolucionarias reformistas do Kuomintang de Sun Yat-sen, no que moitos chineses visualizaban a única posibilidade de lograr a reunificación nacional. Tamén aumentaron os adeptos ao movemento comunista liderado por Chen Duxiu e Li Dazhao. Grazas ao apoio da Unión Soviética a través da organización comunista internacional Komintern, Chen e Li, xunto con outros colaboradores, fundaron o Partido Comunista Chinés en Shanghai no 1921. As relacións entre estes dous partidos, o Kuomintang e o Partido Comunista, marcarían de xeito dramático o desenvolvemento político posterior da China.
No eido cultural, o Catro de Maio axudou ao uso da lingua vernácula na literatura, postura defendida polo intelectual Hu Shih nun famoso artigo en "Nova Xuventude", unha revista fundada por Chen Duxiu. O máximo expoñente da nova literatura sería o novelista Lu Xun que, en "Nova Xuventude", xa publicara en 1918 a súa obra Diario dun tolo.