Muntadhar al-Zaidi
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de xaneiro de 1979 (45 anos) Bagdad (Iraque Baathista) |
Residencia | Beirut |
Relixión | Xiísmo |
Educación | Arab Open University (en) Universidade de Bagdag |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, político, escritor, activista pola paz, humanitario |
Partido político | Alliance of Revolutionaries for Reform (en) |
Cronoloxía | |
14 de decembro de 2008 | Bush shoeing incident (en) |
Premios | |
| |
Muntadhar al-Zaidi (en lingua árabe: منتظر الزيدي), nado o 12 de novembro de 1979, é un xornalista da televisión iraquí que traballa como correspondente da emisora iraquí Al-Baghdadia, cuxa sede fica no Exipto.
As reportaxes de al-Zaidi xeralmente falan sobre o drama das familias de mortos na Guerra do Iraq. O día 16 de novembro de 2007, al-Zaidi foi secuestrado en Bagdad por agresores descoñecidos. Antes diso, xa fora prendido dúas veces por soldados estadounidenses. O 14 de decembro de 2008, al-Zaidi acadou sona ao lanzar os seus dous zapatos cara ao presidente estadounidense George W. Bush durante unha conferencia de prensa en Bagdad.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Muntadhar al-Zaidi foi criado en Sadr, un suburbio pobre de Bagdad. Formouse en comunicación social na Universidade de Bagdad, a segunda maior do mundo árabe. Comezou a traballar como correspondente na Al-Baghdadia en 2005. Al-Zaidi vive nun apartamento de dous cuartos no centro de Bagdad. É de fe xiíta. De acordo coa emisora qatarí Al Jazeera, é comunista.
Secuestro e prisión
[editar | editar a fonte]Na mañá do venres, 16 de novembro de 2007, al-Zaidi foi secuestrado mentres ía cara ao traballo no centro de Bagdad. Uns homes armados fixérono entrar nun coche, onde foi golpeado até ficar inconsciente. Os agresores utilizaron a gravata que al-Zaidi levaba posta para tapar os seus ollos e amarraron as súas mans cos cordóns dos seus zapatos. Foi mantido en catividade cun pouco de comida e auga e foi interrogado sobre o seu traballo como xornalista. Non houbo petición de rescate e foi liberado case tres días despois, na madrugada do 19 de novembro de 2007. O informe de decembro de 2007 do Alto Comisariado das Nacións Unidas para os Refuxiados mencionou o caso de al-Zaidi. Un editor da Al-Baghdadia afirmou que cre que o secuestro foi un "acto de gángsters, porque o traballo de Muntadhar é moderado e libre de xuízo".
Al-Zaidi foi prendido dúas veces por soldados estadounidenses. En xaneiro de 2008, foi detido á noite por tropas estadounidenses que realizaban unha busca no seu apartamento. Máis tarde, os soldados desculpáronse.
O incidente do zapatazo
[editar | editar a fonte]Durante unha conferencia de prensa no palacio do primeiro ministro Nouri al-Maliki en Bagdad, o día 14 de decembro de 2008, al-Zaidi lanzou os seus dous zapatos en dirección ao presidente estadounidense George W. Bush. Lanzarlle os zapatos a alguén é un acto de non terlle respecto a esa persoa nas culturas árabe e islámica. Mentres lanzaba os zapatos, al-Zaidi gritou "este é o bico de despedida do pobo iraquí, can" en árabe. "Isto é polas viúvas e orfos e todos os mortos no Iraq", gritou mentres lanzaba o outro zapato. Bush esquivou dúas veces, e conseguiu evitar ser golpeado polos dous zapatos do xornalista. Al-Zaidi foi empurrado o chan por outro xornalista antes de ser agarrado polos gardas do primeiro ministro e retirado da sala. No medio da confusión, a asesora da Casa Branca Dana Perino foi golpeada cun micrófono e quedou co ollo visibelmente vermello. Al-Zaidi foi entregado pola garda do primeiro ministro ao comando militar iraquí en Bagdad, que o entregou ao sistema xudicial.
Os outros xornalistas presentes desculpáronse polo ocorrido con Bush, que aceptou as desculpas. Bush afirmou que al-Zaidi fixera aquilo para "chamar a atención". Perino dixo que "un home lanzando seus zapatos non representa o pobo iraquí". A pesar diso, millares de persoas saíron ás rúas para pedir que fose liberado.
Khalil al-Duleimi, un dos avogados de defensa de Sadam Hussein, ofreceu representar al-Zaidei, mais este rexeitouno. Dheyaa al-Saadi, xefe da unión de avogados do Iraq, acabou sendo escollido para defender a al-Zaidi. O día 17 de decembro, al-Zaidi apareceu perante un xurado. Finalmente o día 13 de marzo de 2009 al-Zaidi foi condenado a tres anos de prisión polo crime de insultar un líder estranxeiro e o primeiro ministro, os seus avogados criticaron a dureza do ditame e anunciaron unha apelación xa que "non existía vontade de ferir, senón simplemente de expresar desprezo cara a figura do señor Bush". Al-Zaidi dixo no xuízo que era inocente e que o fixo unha resposta natural á ocupación.
Acusación de maltrato
[editar | editar a fonte]De acordo cunha testemuña, al-Zaidi foi brutalmente maltratado polos gardas do primeiro ministro tras ser levado fóra da sala onde acontecía a conferencia. Mentres al-Zaidi gritaba, Bush dicía "é iso o que fan as persoas nunha sociedade libre, chaman a atención". De acordo co xornal francés Le Figaro, unha gran mancha de sangue podía verse na alfombra. A emisora Afaq TV informou que os de seguridade patearon e golpearon a al-Zaidi. A familia do xornalista dixo recibir moitas chamadas intimidatorias.
Al-Zaidi foi levado en custodia polo Servizo Secreto dos Estados Unidos e pola policía iraquí. Fixéronlle un exame de alcohol e drogas e os seus zapatos foron confiscados como proba do crime. Al-Zaidi foi interrogado para asegurar que ninguén lle pagou para lanzarlle os zapatos a Bush. De acordo cunha entrevista do irmán de al-Zaidi, Durgham al-Zaidi, á BBC, o xornalista tivo unha man e as costelas rotas, unha hemorraxia interna e unha lesión no ollo. Durgham al-Zaidi afirmou a Al Jazeera que o seu irmán foi torturado. De acordo coa Al-Baghdadia, al-Zaidi foi "seriamente ferido" durante o seu encarceramento. Non obstante, de acordo con outro irmán do xornalista, Maitham al-Zaidi, Muntadhar díxolle ao teléfono que estaba ben de saúde.