Museo do Banco do Canadá
Museo do Banco do Canadá | |
---|---|
![]() Edificio do Banco do Canadá (dereita), sede do Museo do Banco do Canadá | |
Coordenadas | 45°25′15″N 75°42′11″O / 45.4209, -75.703 |
País | Canadá |
Cidade | Otava |
Inauguración | 1980 |
Na rede | |
https://www.bankofcanadamuseum.ca/ e https://www.museedelabanqueducanada.ca/ | |
![]() ![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Museo do Banco do Canadá (en inglés: Bank of Canada Museum; en francés: Musée de la Banque du Canada), coñecido ata 2013 como Museo da Moeda (inglés: Currency Museum; fancés: Musée de la monnaie), é unha institución museística canadense dependente do Banco do Canadá, que alberga a Colección Nacional de Moedas dese país.
O museo inaugurouse en 1980 ten a súa sede no propio complexo de edificios do Banco do Canadá, en Otava.
A súa colección principal, da que só se amosa ao público unha pequena parte, está composta por máis de 120.000 obxectos procedentes de todo o mundo, relacionados coa moeda e co diñeiro: moedas, billetes, cuños, pranchas e ferramentas de cuñaxe, libros de contabilidade bancaria e gobernamental, pesas e balanzas, caixas rexistradoras, medallas, diñeiro falso etc.[1]
O Museo do Banco do Canadá posúe tamén un arquivo e unha biblioteca con máis de 8.500 rexistros, entre documentos, revistas, catálogos, folletos e libros que, nalgúns casos, se remontan á Idade Media.[1]
Historia da colección
[editar | editar a fonte]
A creación dunha colección numismática nacional no Canadá foi proposta por vez primeira a finais da década de 1950 polo gobernador James Coyne. Con tal fin contratouse en 1959 o consultor numismático G. R. L. Potter, para articular os inicios da colección, e baixo a súa dirección o Banco do Canadá comezou a adquirir obxectos diversos que amosasen o desenvolvemento da moeda canadense durante os 150 anos anteriores.[2]
En 1962, o banco contratou a Sheldon S. Carroll como o primeiro conservador da súa colección, e o gobernador Louis Rasminsky encomendoulle a creación dunha colección o máis completa posible de moedas, fichas comerciais (tokens) e billetes canadenses. Carroll non se limitou a isto, senón que estendeu o obxecto da colección ás moedas estranxeiras, tanto antigas como medievais e modernas, e outros obxectos relacionados cos asuntos bancarios e monetarios. O núcleo da colección actual constituíuse nese período.[2]
Todos estes ítems que compuñan a colección adquiríronselles a coleccionistas particulares e a empresas privadas, e tamén procedían de organismos do sector público. En 1963 comprouse a colección de J. Douglas Ferguson, quizais o numismático canadense máis coñecido daquel momento. Esta operación abranguía papel moeda emitido durante o réxime francés e unha selección de moedas antigas, medievais e contemporáneas.[3]
En 1965 produciuse outra adquisición importante; trátase da incorporación dunha gran colección de moedas procedente dos Arquivos Públicos do Canadá, entre a que estaba a antiga colección Hart, que fora adquirida polo Goberno en 1883.[4]
En 1974 o Banco do Canadá adquiriu unha gran colección do Castelo Ramezay, sede da Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal, pioneira no seu xénero no Canadá. Esta adquisición incluía a colección de R. W. McLachlan, o principal numismático canadense de finais do século XIX e principios do XX.[5]
Non foi ata 1977 cando o Secretario de Estado do Canadá declarou formalmente a colección do Banco do Canadá como Colección Nacional de Moeda.[1][6]
O museo actual
[editar | editar a fonte]
Finalmente, o museo abriu as súas portas ao público nunha zona resultante da ampliación do Banco do Canadá, o 5 de decembro de 1980, coa denominación de Museo da Moeda.[7] O 2 de xullo de 2013 comezou nun período de catro anos no que o museo permaneceu pechado, co gallo dunha nova remodelación do edificio do Banco do Canadá, e o 1 de xullo de 2017 produciuse a reapertura, xa coa nova denominación de Museo do Banco do Canadá.[8][9]
Á parte da exposición permanente, o novo museo consta de diversas exposicións específicas de carácter temporal, algunhas delas dirixidas particularmente ao público infantil. As moedas e outros obxectos expostos proveñen de todo o mundo, aínda que son na súa maioría canadenses.[10][11] Algunhas das exposicións temporais estiveron dedicadas a aspectos tan diversos como papel moeda como testemuño da identidade nacional, o diñeiro dixital, a figura dos gravadores de moedas e medallas, ou os 150 anos de historia da moeda dun centavo de dólar.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "About the collection". Sitio web do Museo do Banco do Canadá.
- ↑ 2,0 2,1 "The National Currency Collection". En Bank of Canada (2008). Páxina 21.
- ↑ Bank of Canada (2008). Páxina 22.
- ↑ Bank of Canada (2008). Bank of Canada (2008). Páxinas 23-24.
- ↑ Bank of Canada (2008). Bank of Canada (2008). Páxina 27-30.
- ↑ Bank of Canada (2008). Bank of Canada (2008). Páxina 27.
- ↑ "The National Currency Collection". En Bank of Canada (2008). Páxina 32.
- ↑ Berge, H. (2017). "Bank of Canada Museum reopens Arquivado 27 de febreiro de 2022 en Wayback Machine.". En Centretown News. 10 de outubro de 2017.
- ↑ "Bank of Canada Museum Reopens". En The E-Sylum. Vol. 20. Nº 28. 9 de xullo de 2017.
- ↑ "Permanent Exhibition". Sitio web do Museo do Banco do Canadá.
- ↑ "Special Exhibition". Sitio web do Museo do Banco do Canadá.
- ↑ "Past Exhibition". Sitio web do Museo do Banco do Canadá.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo do Banco do Canadá ![]() |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bank of Canada (2008). Beads to bytes: Canada's national currency collection / Si l'argent m'était conté: la collection nationale de monnaies du Canada. Bank of Canada / Banque du Canada, Otava. ISBN 978-0-9811235-0-9