Navalla (instrumento)
Aparencia
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Navalla.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Unha navalla é un coitelo cuxa folla pivota sobre un eixe que a une ao mango ou cabo para que o fío ou cota quede gardado nunha fendedela feita a propósito.
A navalla ten unha orixe antiga, e o seu uso era común na época do Imperio romano, pero a xeneralización do seu uso xorde en España a finais do século XVI tras a prohibición promulgada por Carlos V de portar armas de folla longa (sobre todo espadas) a xente allea á nobreza. A navalla permitía ocultar a folla, ademais de ser pequena, manexábel e moito máis barata que unha espada.
Desde España exportouse até o resto de Europa con moita rapidez, xa que foi unha arma moi popular.
Tipos de navalla segundo o seu uso
[editar | editar a fonte]- Navalla multiusos: navalla que ten incorporados varios dispositivos útiles, tales como sacarrollas, abridor, garfo etc. Unha das máis coñecidas á a navalla suíza.
- Navalla de barbear: navalla feita de aceiro moi temperado e de fío agudísimo, empregada para barbear.
- Canivete: pequena navalla que antigamente tiña as cachas do mango de cana de óso ou madeira.[1] Na actualidade denomínanse canivetes as navallas pequenas, normalmente sen sistema de bloqueo.
- Faca: navalla de tamaño considerábel, co cabo de corno e a cota recta ou algo curvada cara a abaixo.
-
Navalla suíza.
-
Pequeno canivete-chaveiro.
-
Navalla de barbear.
-
Navalla de época romana encontrada en Gellep-Stratum (Alemaña), e reconstrución.
-
Canivetes.
Tipos de navalla segundo o seu sistema de apertura
[editar | editar a fonte]- Navalla de apertura manual: navalla que se abre movendo manualmente a folla. Nalgunhas a folla dispón dun saínte ou dun burato que permite a apertura cunha soa man mediante un movemento do polgar.
- Navalla automática: navalla que se abre mediante a acción dun resorte que se activa mediante un mando (pulsador, panca etc.) situado no mango.
- Navalla de apertura asistida ou semiautomática: navalla en que a apertura se inicia manualmente (normalmente mediante unha soa man), pero un resorte a termina de abrir cando a folla xa xirou un certo ángulo (usualmente entre 20 e 45º).
- Navalla de gravidade: navalla cuxa folla se desliza lonxitudinalmente ao longo do mango con moi pouco rozamento. Un sistema de bloqueo inmobiliza a folla tanto na posición aberta como na pechada. A apertura desta navalla realízase movendo a mesma para que a folla (que está na posición pechada) quede cara a abaixo, soltando o bloqueo da folla para que esta esvare polo mango debido á acción do seu peso e bloqueando a folla de novo, agora na posición aberta.
- Navalla de bolboreta ou de abano: navalla na que o mango está dividido en dúas partes que poden pivotar a ambos os lados da base da folla. A súa apertura pódese realizar por inercia mediante un movemento circular e rápido da man que terma a navalla.
- Navalla de carraca: navalla na que a parte da folla que conecta co mango leva unhas mmarcas que, ao abrila, faina soar como unha carraca, vulgarmente coñecida como navalla de sete estalos.
A navalla na cultura popular
[editar | editar a fonte]- Entre as cancións hai unha, "Die Moritat von Mackie Messer" ("A balada de Mackie o Navalla") da obra Die Dreigroschenoper (A ópera dos tres reás), con libreto de Bertolt Brecht e música de Kurt Weill, que se fixo moi popular co título inglés de Mackie the Knife, que foi interpretada, entre outros, polo polifacético Luís Tosar.
- Unha navalla de barbear aparece na portada de British Steel, gravación de Judas Priest.
- No excursionismo, escultismo e, en xeral, en campamentos, unha navalla é considerada como unha ferramenta case imprescindíbel.
- Da unión entre a coitelaría e o acervo cultural da cidade española de Albacete vén o dito de que "la navaja de Albacete no se regala, se vende al amigo a un precio simbólico, para que no se corte la amistad".[2]
- Nas películas da serie de televisión Curro Jiménez o protagonista, interpretado por Sancho Gracia, exibe en ocasións unha navalla tipo carraca de tamaño considerábel.
- Nos videoxogos Team Fortress Classic e Team Fortress 2 hai unha clase chamada espía que posúe unha navalla coa que unha puñalada polas costas é mortal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, voz canivete
- ↑ Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería y Turismo de Albacete. "Artesanía de Albacete" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2013. Consultado o 01 de novembro de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Navallas |