Saltar ao contido

Hokkaido Nippon-Ham Fighters

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Nippon-Ham Fighters»)
Hokkaido Nippon-Ham Fighters
Fundado en 1946
En Sapporo desde 2004
Insignia
Liga
Liga Nippon Professional Baseball
DivisiónPacific League (1950–presente)
Liga anteriorJapan Baseball League (1946–1949)
Imaxe do equipo
Retirados100
Cores               Azul, ouro, negro
Datos do equipo
AnteriorSenators (1946)
Tokyu Flyers (1947)
Kyuei Flyers (1948)
Tokyu Flyers (1949–1953)
Toei Flyers (1954–1972)
Nittaku Home Flyers (1973)
Nippon-Ham Fighters (1974–2003)
AlcumesNichiham (日ハム, Nippon-ham)
EstadioSapporo Dome
Estadios antigosKorakuen Stadium (1948–1953)
Komazawa Stadium (1953–1961)
Estadio Meiji Jingu (1962–1963)
Korakuen Stadium (1964–1987)
Tokyo Dome (1988–2003)
MascotaBB, Polly Polaris e Frep the Fox
DonoNippon Ham
Director xeralHiroshi Yoshimura
AdestradorHideki Kuriyama
Títulos
Nippon S. (3)1962, 2006, 2016
Pacific L. (7)1962, 1981, 2006, 2007, 2009, 2012, 2016

Os Hokkaido Nippon-Ham Fighters (北海道日本ハムファイターズ Hokkaidō Nippon-Hamu Faitāzu?) son un equipo profesional xaponés de béisbol con sede en Sapporo, Hokkaido. O club compite na Nippon Professional Baseball (NPB) como membro da Liga do Pacífico. O campo onde xogan os seus partidos como local desde 2004 é o Sapporo Dome, recinto con capacidade para 40.476 espectadores. Alén de Sapporo, os Fighters tamén xogan esporádicamente noutras cidades de Hokkaido como Hakodate, Asahikawa, Kushiro e Obihiro. O nome do equipo procede da súa propietaria, Nippon Ham, unha empresa xaponesa de procesado. Fundados en 1946, antes de xogar en Sapporo estiveron en Toquio durante 58 anos, compartindo uso do Tokyo Dome cos Yomiuri Giants da Central League.[1] A franquía posúe tres títulos das Series do Xapón: 1962, 2006 e 2016.

Os Flyers

[editar | editar a fonte]
Ikuo Fukushima (1956).

En 1946, Saburo Yokozawa, director técnico dos Tokyo Senators entre 1936 e 1937, creou un novo equipo coa idea de revivir a desaparecida franquía. Ao equipo uníronse xogadores como Hiroshi Oshita, Shigeya Iijima e Giichiro Shiraki, máis o carencia de medios e problemas económicos levaron a que incluso os uniformes utilizados foran os do antigos Hankyu, equipo desaparecido antes da segunda guerra mundial (cuxo equipo sucesor son os actuais Orix Buffaloes). Os problemas económicos finalizaron cando se fan coas rendas do equipo o empresario Kinkazu Saionji, bisnieto do ex-Primeiro Ministro nipón Saionji Kinmochi, e Noboru Oride. Yokozawa, por outra parte, debido á súa falta de fondos, foi obrigado a dimitir como xerente do equipo. Durante un tempo o equipo foi coñecido a modo de burla como "Seito" (medias azuis), o nome dunha revista de corte feminista.

En xaneiro de 1947 o equipo vendeuse á Corporación Tokyu, unha empresa de ferrocarrís da cidade. O nome do equipo mudou e pasou a chamarse Tokyu Flyers baixo o control de Hiroshi Okawa. A franquía comezou a atraer seguidores e xa contaba con xogadores destacados como Hiroshi Oshita. Porén, a pesar de que Tokyu contaba cunha boa posición de mercado, os seus problemas económicos afectaron á administración do club. En 1948 o equipo de béisbol da empresa Daiei uniuse a Tokyu para crear os Kyuei Flyers. Con todo, un ano despois volveu ao seu anterior nome tras a marcha de Daiei para comprar un equipo por separado. En 1949 o equipo ingresa na recentemente creada Liga do Pacífico da Nippon Professional Baseball (NPB). A seguinte gran mudanza chega en setembro de 1953, cando os Flyers se trasladan aos Estadio Korakuen.

En febreiro de 1954 Tokyu confiou a administración dos Flyers á Compañía Toei, da que Okawa fora elixido presidente. Toei transferiu, á súa vez, o control a unha compañía subsidiaria, a Toei Kogyo, mudando o do equipo a Toei Flyers. En 1961 a franquía conseguiu contratar ao anterior técnico de Yomiuri Giants, Shigeru Mizuhara, como o seu novo adestrador. Baixo a súa dirección, o equipo conseguiu gañar as Series do Xapón de 1962 liderados por Masayuki Dobashi e Yukio Ozaki. O equipo mantivo unha boa situación deportiva até a década de 1970, na que se destapou unha trama de amaño de partidos que afectou a todos os equipos do campionato e que chegou nunha mala situación empresarial de Toei. Coa morte de Okawa en 1971, os membros de Toei decidiron vender a franquía a outras empresas interesadas. Akitaka Nishimura, da Compañía Nittaku Home, adquiriu a franquía en febreiro de 1973 e esta pasou a chamarse Nittaku Home Flyers. Con todo, a crise da Liga do Pacífico e diversas operacións infrutuosas para sacar adiante aos Flyers propiciaron o abandono de Nishimura.

Os Fighters

[editar | editar a fonte]

O 19 de novembro de 1973 a empresa alimenticia Nippon Ham comprou o equipo e realizou múltiples mudanzas. O nome do equipo pasou a ser Nippon-Ham Fighters, con Osamu Mihara como presidente e Futoshi Nakanishi como técnico. Así, o equipo abandonaba tras vinte e sete anos no nome de "Flyers". O alcume de "Fighters" (do inglés: Loitadores) foi adoptado após un concurso público organizado polo club. O nome gañador foi enviado por unha estudante de instituto da Prefectura de Okayama. O seu razoamento para o nome era que "(o xogador dos Fighters) Katsuo Osugi ten coraxe, así que é un loitador". Curiosamente, OSugi foi traspasado aos Yakult Swallows pouco despois de adoptar o novo nome.

Durante o catro primeiras tempadas baixo a administración de Nippon Ham, entre 1974 e 1977, o equipo quedou último da súa Liga. Con todo, tras varias melloras e a contratación de futuras promesas, o club conseguiu acabar en terceiro lugar tres temporadas consecutivas. Finalmente, o adestrador Keiji Osawa liderou ao equipo para conseguir o segundo título da Liga do Pacífico en 1981. Con todo, o equipo non foi quen de vencer aos Yomiuri Giants nas Series do Xapón. Algúns xogadores destacados destes anos foron os pitchers Yutaka Enatsu e Shigekuni Mashiba (que conseguiu un rexitro de vitorias e derrotas de 15−0 ese ano) e os bateadores Tony Solaita, Junichi Kashiwabara e Tommy Cruz. Tamén destacaron dous xogadores de baixa estatura como Makoto Shimada e Nobuhiro Takashiro.

Debido a que os Giants e os Fighters compartían estadio, a comisión do campionato estableceu que os Giants debían xogar de día mentres e os Fighters de noite. Os Fighters foron o primeiro equipo cun grupo de afeccionados organizado no béisbol xaponés, formado na súa maioría por estudantes que acudían ao estadio nas fins de semana. En 1988 o equipo trasladouse desde o Estadio Korakuen ao Tokyo Dome. Durante esta década de 1980 destacaron xogadores como os pitchers Isamu Kida, Mikio Kudō, Hiroshi Tsuno e Yasumitsu Shibata (este último conseguiu un no-hitter en 1990). Con todo, o máis destacado foi Yukihiro Nishizaki, quen conseguiu 15 vitorias e un ERA por debaixo de tres nas súas dúas primeiras temporadas. Outro xogador destacado, aínda que este bateador, foi Yukio Tanaka, o cal permaneceu desde 1986 durante 22 temporadas, gañandose o alcume de "Mr. Fighters".[2] A partir de 1990 a franquía comezou a arrastrar problemas, con varios últimos postos consecutivos. En 1998 recuperou a confianza con bateadores como Nigel Wilson, Jerome Brooks ou Michihiro Ogasawara entre outros. Coñecidos como "Big Band", estabeleceron varios récords de bateo. A pesar de terminar segundos e non poder clasificarse para as Series, os Fighters volveron á senda dos resultados positivos.

Traslado a Hokkaido

[editar | editar a fonte]
Sho Nakata.

A partir da tempada 2002 os propietarios da franquía manifestaron a súa idea de trasladarse a Sapporo, quinta cidade máis poboada do Xapón e capital da Prefectura de Hokkaido. A pesar de que nun principio o equipo que pensou en trasladarse foi Seibu Lions e de que os afeccionados de Tokio, cunha base bastante sólida, mostraron a súa frontal oposición, a NPB apoiou o traslado dos Fighters debido a que isto suporía unha descentralización do béisbol no Xapón e deixaría o Tokyo Dome totalmente libre para os Giants. O equipo completou o seu traslado para xogar no Sapporo Dome en 2004. Para o novo destino o equipo fichou estrelas como Tsuyoshi Shinjo e Fernando Seguignol. Ademais contratouse un novo adestrador, Trey Hillman. Os Fighters conseguiron o campionato de Liga máis a Serie do Xapón no ano 2006 (gañando na final aos Chunichi Dragons), así como as Ligas de 2007 e 2009. Isto, sumado á aparición de novas estrelas como o pitchers Yu Darvish e Shohei Ohtani ou o bateador Sho Nakata, atraeu aos habitantes de Hokkaido que comezaron a xerar unha importante base de afeccionados do club. Na década de 2010 o equipo conseguiu gañar outras dúas liga máis, 2012 e 2016, gañando ese último ano as súas terceiras Series do Xapón tras vencer aos Hiroshima Toyo Carp.

Ao longo dos anos o equipo tivo diferentes nomes:[3]

  • Senetars (1946)
  • Tokyu Flyers (1947)
  • Kyuei Flyers (1948)
  • Tokyu Flyers (1949−1953)
  • Toei Flyers (1954−1972)
  • Nittaku Home Flyers (1973)
  • Nippon-Ham Fighters (1974−2003)
  • Hokkaido Nippon-Ham Fighters (2004−presente)
Artigo principal: Sapporo Dome.
O Sapporo Dome.

Actualmente, os Hokkaido Nippon-Ham Fighters xogan os seus encontros como local no Sapporo Dome. O estadio, utilizado en eventos como o Mundial de Fútbol de 2002, a Copa do Mundo de Rugby 2019 ou os Xogos Olímpicos de 2020, ten capacidade para 40.476 espectadores. O recinto é compartido cos Hokkaido Consadole Sapporo da J1 League de fútbol. Ao longo dos anos os Nippon-Ham Fighters teñen utilizado os seguintes estadios:

Estadio Localización Prefectura Capacidade Período
Kōrakuen Kyūjō Bunkyō Toquio Toquio 42.337 1948 1953
Komazawa Yakyūjō Setagaya Toquio Toquio 20.000 1953 1961
Estadio Meiji Jingu Shinjuku Toquio Toquio 37.933 1962 1963
Kōrakuen Kyūjō Bunkyō Toquio Toquio 42.337 1964 1987
Tokyo Dome Bunkyō Toquio Toquio 46.000 1988 2003
Sapporo Dome Sapporo Hokkaido Hokkaido 40.476 2004

Xogadores

[editar | editar a fonte]

Dorsais retirados

[editar | editar a fonte]
Dorsais retirados polos Hokkaido Nippon-Ham Fighters
Nome Posición Período
100 Yoshinori Ohkoso Presidente 1973–1985

Dorsais honrados

[editar | editar a fonte]
Shohei Ohtani.

Alén do dorsal 100 retirado, o club honra en maior ou menor medida os seguintes dorsais. O número 11 de Darvish e Ohtani, ambos pitchers que chegaron desde o club á Major League Baseball, está reservado para que o herde unha futura estrela que siga o seu legado.[4] O número 41 de Atsunori Inaba foi honrado no período 2015-2017, até que na temporada 2018 foi utilizado de novo por Bryan Rodriguez. O número 79 de Shigeru Kobayashi foi honrado entre 2010 e 2011, sendo desde aquela utilizado de forma intermitente. Por outra banda, o 86 de Keiji Osawa non volveu ser utilizado.

Xogador Posición Período
11 Yu Darvish Pitcher 2005–2011
Shohei Ohtani Pitcher / OF 2013–2017
41 Atsunori Inaba Primeira base 2005–2014
79 Shigeru Kobayashi Adestrador 2009
86 Keiji Osawa Adestrador 1976−1984, 1993−1994

Xogadores MLB

[editar | editar a fonte]
País Xogador Posición Temporadas no equipo
Xapón Yu Darvish Pitcher 2005–2011
Estados Unidos Tim McIntosh Catcher 1995
Xapón Shohei Ohtani Pitcher / OF 2013–2017
Xapón Hideki Okajima Pitcher 2006
Xapón Tsuyoshi Shinjo Outfielder 2004–2006
Xapón Kensuke Tanaka Segunda base 2000–2012, 2015−presente

Ao longo da historia os Nippon-Ham Fighters tiveron moitas mascotas. Algún das máis destacadas dos últimos tempos son:

  • Fighty (retirado): un pterodáctilo rosa cuxa cabeza semellaba un xamón xigante. Ás veces conducía unha bicicleta ao redor do campo. Fighty foi retirado debido a pesar da campaña "Salvar a Fighty" cando os Fighters se trasladaron a Hokkaido.
  • Brisky the Bear (O oso Brisky): un oso branco con cabelo laranxa. Apareceu por vez primeira en 2004 como o sucesor de Fighty. Ás veces abreviado como B·B, a súa aparencia foi criticada por algúns seareiros por ser demasiado "americanizada".[5] Na páxina web oficial dos Fighters, B·B ten a súa propia columna e galería de fotos.
  • Cubby the Bear (O oso Cubby): un oso marrón e irmán máis novo de B·B. Apareceu no ano 2006 como mascota do equipo de ligas menores dos Fighters, en Kamagaya, Chiba. Cubby e B·B aninman cada un ao seu equipo, mais cando o equipo xoga en Toquio ás veces animan xuntos aos Fighters.
  • Polly Polaris: un esquío marrón que apareceu por primeira vez a finais de 2012 co décimo do equipo en Hokkaido. É a primeira mascota feminina do equipo.
  • Frep the Fox: un raposo vermello de Sakhalin que debutou en marzo de 2012. Está considerado un "aprendiz".
  1. "Nippon Ham Fighters". Japan Ball (en inglés). 
  2. Jason Coskrey (21 de febreiro de 2008). "Power-hitting phenom Nakata thrust into spotlight". The Japan Times. 
  3. "Hokkaido Nippon-Ham Fighters". NPB.jp. 
  4. "ハム、大谷「11」は“半永久欠番” 次のスター登場まで空き番号". Sponichi. 17 de xaneiro de 2018. 
  5. "sawadaspecial.com: 北海道日本ハムファイターズの新マスコット". sawadaspecial.com. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 12 January 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]