Non hai noite tan longa
Non hai noite tan longa | |
---|---|
Autor/a | Agustín Fernández Paz |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galego |
Colección | Literaria |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Edicións Xerais de Galicia |
Data de pub. | 2011 |
Páxinas | 272 |
ISBN | 978-84-9914-252-4 |
Premios | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Non hai noite tan longa é unha novela de Agustín Fernández Paz publicada en 2011 por Edicións Xerais de Galicia que recibiu os seguintes galardóns: Premio Redelibros ao mellor libro de ficción do 2011; Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de narrativa para adultos de 2011; Premio Irmandade do Libro ao mellor libro galego do ano 2011; Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción do ano 2011 e Premio Losada Diéguez (creación Literaria) do ano 2012.
Foi traducida ao catalán por Josep Franco Martínez en 2013 co título de No hi ha nit tan llarga e publicada por Ed. Bromera.[1]
Trama
[editar | editar a fonte]Gabriel Lamas, o Mourelo, entra na casa familiar logo de 32 anos de ausencia, cheo de dúbidas e preguntas. Alí atopa a ánima de seu pai, coa mesma roupa que a última vez que o viu, que lle di: Moito tardaches! Levo máis de trinta anos agardándote.
A acción volve uns días atrás cando, en París, recibe a chamada da súa irmá Elsa que lle comunica a morte da nai e decide ir ao enterro. Ao día seguinte, pola vila coa irmá falan dos avós, avogado e mestra represaliados da Guerra, ela sempre rodeada de libros… Na súa última noite en Monteverde, pídelle a Elsa que lle conte como fora o do pai: no outono do 69 a Garda Civil veu detelo unha noite, acusándoo de intento de violación dunha rapaza de 16 anos, Natalia, filla dun dos prebostes da vila. Gabriel lembra o odio contra todo que sentiu naqueles días e o seu desexo de fuxir. Volve a París mais toma a decisión de volver a Monteverde para que descanse o espírito do pai.
De novo en Monteverde comeza a súa investigación chamando o avogado que defendera o pai, Félix Barral. E vai estreitando a relación con Milena, a sobriña. Coas informacións do avogado, de Milucha, de Natalia e outras testemuñas consegue descubrir o que pasou en realidade e como culparon a seu pai do crime doutro.
Valéndose dun engano consegue entrevistarse co culpábel e vaille expondo o que pasou naqueles días de 1969; cando este recoñece o Moureliño quere compralo. Todo queda gravado e manda esa gravación á prensa.
Narración
[editar | editar a fonte]A novela está estruturada en cinco partes: un breve Inicio (a entrada na casa familiar, o día do enterro da nai, 32 anos despois de marchar), tres partes precedidas de cadansúa cita e un máis breve aínda Final (no que volve á casa, mes e pouco despois co corazón liberado despois de limpar a honra do pai).
O narrador é o propio protagonista que, en primeira persoa, relata as súas pescudas.
O tempo da novela é lineal (agás o Inicio, que cronoloxicamente se corresponde co final do capítulo II) e abrangue desde o 24 de abril de 2002 que chega a Monteverde ata un mes despois, cando se dispón a marchar definitivamente.
Personaxes
[editar | editar a fonte]Gabriel Lamas, o Mourelo, cheo de remorsos pola súa fuxida a París en 1970 e os 32 anos de ausencia, séntese obrigado a pescudar a realidade da violación da que fora acusado seu pai, porque llo debe e para descansar el.
Elsa, a irmá. Depositaria da memoria familiar, viviu o baleiro social cando seu pai foi condenado e a súa situación non cambiou ata que casou con Rosendo, de Vigo e de familia rica, que máis tarde a abandonará por outra máis nova.
Milena, a sobriña. Adolescente madura e reflexiva, grande lectora, sente a ausencia do pai e vaise achegando cada vez máis a Gabriel, quen lle ofrece ir estudar a París.
Natalia Valcárcel e Berta Vilela. As dúas foron violadas no espazo de poucos días en 1969.
Christine, Claire e Pauline. A muller e as dúas fillas xemelgas que conforman a súa vida actual en París.
Espazo
[editar | editar a fonte]O espazo principal é Monteverde, a súa vila natal, pero tamén aparece París (onde vive coa súa muller francesa e as súas fillas), o Hotel Balneario de Guitiriz, onde se ve con Natalia, A Coruña…
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "No hi ha nit tan llarga". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o 2019-07-18.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Agrelo Costas, Paz Eulalia: A recuperación da memoria persoal e dun tempo: Non hai noite tan longa e A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández, BOLETÍN GALEGO DE LITERATURA, nº 48 / 1º SEMESTRE (2016): pp. 15–28 / ISSN 0214-9117
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha da editorial
- PDF do inicio do libro
- Entrevista de Montse Dopico Arquivado 27 de abril de 2017 en Wayback Machine. (consultada o 24/04/2017)
- Outra entrevista de Montse Dopico (consultada o 24/04/2017)