O Couto, Ourense
As referencias deste artigo non teñen un formato correcto. Podes colaborar editándoas como se indica nesta páxina. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
O Couto é un barrio da cidade de Ourense. Dende o 2014, o Couto pertence a dous dos nove distritos [1] nos que se estableceu que queda distribuída Ourense: o Centro histórico, o Centro, San Francisco-Barrocás-Santa Mariña, San Francisco-A Rabaza-Ceboliño, O Couto-Centro, O Couto-Rural, Mariñamansa, A Ponte-Centro e A Ponte-Rural. En canto a súa localización, o Couto sitúase preto doutras áreas como A Carballeira, A Valenzá, o Centro e Vista Fermosa.
Toponimia
[editar | editar a fonte]A orixe do topónimo é o latín cautum, que é un "(lugar) cercado", para poder defendelo mellor.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]O barrio do Couto no ano 1991 contaba con 7 374 habitantes, converténdose así nun dos barrios máis poboados de Ourense, e onde o 34% do total da poboación atopábase activa no ámbito laboral. Segundo os datos de 1996, os habitantes de maior idade (+60 anos) configuraban case o 22% da poboación, mentres que os menores de 20 anos atopábanse arredor do 25% [3]. No ano 2014, caracterizouse por ser unha das zonas ourensás que máis inmigrantes acolleu, procedentes de América do Sur, Europa, África e Asia [4]. No ano 2015, destacou por contar coa idade media máis baixa de Ourense, 45,2 anos; mentres que no centro a cifra ascendía aos 47,6 anos [5].
Patrimonio histórico
[editar | editar a fonte]No Couto sitúase a coñecida Igrexa de Fátima, en honor á Virxe de Fátima e venerada tamén en Portugal. A igrexa comezouse a construír no 1948, con achegas materiais e económicas por parte dos veciños [6], mais as obras non concluíron ata 1962. Aínda así, antes da finalización das mesmas xa se levaban a cabo actos relixiosos. As vidreiras foron deseñadas por Jesús Soria e a virxe por Ferreira Thein [6]. A consagración do templo data do 29 de abril de 1962, pero foi o 13 de maio cando se deu por inaugurado na súa totalidade [6]. Na actualidade, o 13 de maio a virxe da igrexa recorre nunha importante procesión gran parte da cidade de Ourense ata chegar á catedral da cidade, situada no corazón da zona antiga.
Asemade, o Estadio do Couto é outra das construcións máis importantes do barrio. Foi inaugurado o 6 de novembro de 1949, data na que se disputou o partido Unión Deportiva Ourense e o Racing de Ferrol [7]. Dito estadio conta cunha capacidade de 5 659 espectadores, cun campo de herba natural e cunha dimensión de 105x68m. Nun primeiro momento, este era o estadio do equipo ourensán coñecido como Club Deportivo Ourense; no entanto, quedou afundido nun mar de débedas que provocou a liquidación do equipo. Finalmente, membros da Plataforma e os seareiros tomaron a decisión de fundar un novo equipo de fútbol no 2014, a actual Unión Deportiva Ourense e popularmente coñecida como UDO [8]. Neste momento, o estadio é empregado por este último equipo xunto co Ourense Club de Fútbol (o novo nome que adquiriu o equipo Ponte Ourense Club de Fútbol no 2014).
Actualmente, o barrio do Couto conta con dous centros educativos: a escola concertada Colexio Plurilingüe Santo Ángel, e o CEIP-IES O Couto.
Fundición Malingre
[editar | editar a fonte]Manuel Malingre Parmantier foi un belga creador da empresa Fundición Malingre, unha das máis sobresaíntes no século XIX e XX no barrio do Couto, así como na cidade de Ourense en xeral. A fundición tivo a súa primeira localización en Reza, e en 1866 trasladase á rúa Santo Domingo (no centro da cidade). Trinta anos despois, a empresa foi cedida aos seus fillos, os que decidiron trasladala ao Couto [9]. Dita empresa proporcionou moitos postos de traballo e, ao mesmo tempo, propiciou a chegada dunha gran cantidade de persoas procedentes doutras aldeas da provincia. Isto ocasionou que o Couto cobrara moita vida, de tal xeito que a Fundición Malingre era a fonte de ingresos de moitas familias do barrio. En 1979 as instalacións derrubáronse e, actualmente, no seu lugar atópase un parque ao que a fundición deu nome.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Faro de Vigo 2014
- ↑ Moralejo Laso, A. (1977): Toponimia gallega y leonesa. Santiago de Compostela: Editorial Pico Sacro, páx. 41 ISBN 84-85170-20-2
- ↑ Somoza 1997, p. 126
- ↑ La Región 2014
- ↑ La Región 2015
- ↑ 6,0 6,1 6,2 La Región 2012
- ↑ La Voz de Galicia 2018
- ↑ Páxina Web Unión Deportiva Ourense
- ↑ Fundiciones Malingre 2013
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez González, Xosé (1993). Historia de O Couto. Deputación de Ourense. ISBN 84-87575-12-9.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Somoza, José (1997). "Población y estructura urbana en la ciudad de Ourense" (PDF). Minius VI (08): 119–139. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13-09-2019. Consultado o 13-04-2019.
- "El PP divide la ciudad de Ourense en nueve distritos". Faro de Vigo. 2014, 29 de setembro. Consultado o 13-04-2019.
- "El estadio de O Couto cumplió setenta años". La Voz de Galicia. 2018, 30 de agosto. Consultado o 13-04-2019.
- "El templo construido entre todos". La Región. 2012, 12 de abril. Consultado o 13-04-2019.
- Vázquez, Marta (2016, 1 de marzo). "<<Mi tatarabuelo fue un innovador>>". La Voz de Galicia. Consultado o 13-04-2019.
- "Fundiciones Mlingre". Buxa, Asociación Galega do patrimonio industrial. 2013. Consultado o 13-04-2019.[Ligazón morta]
- "Vistahermosa y O Couto son los barrios jóvenes en la ciudad". La Región. 2015, 30 de marzo. Consultado o 13-04-2019.
- "HISTORIA, Como nace a Unión Deportiva Ourense". Unión Deportiva Ourense. Consultado o 13-04-2019.
- "Historia". Club Deportivo Ourense Web no oficial. Consultado o 13-04-2019.
- "Mariñamansa y O Couto, los barrios que concentran mayor inmigración". La Región. 2014, 23 de febreiro. Consultado o 13-04-2019.